Entre papeis, pensamentos e morriña, Suíza, ca. 1973
José Ledo é natural da parroquia de Santiago de Arnego, concello de Rodeiro. Decidiu emigrar a Suíza coa súa dona, Eugenia Expósito. Ambos eran moi novos, colleron as maletas cando apenas tiñan 20 e 16 anos respectivamente; iniciaron así a súa aventura migratoria, chea de ires e vires. Como era habitual no caso da emigración galega a países europeos, moitas parellas estaban períodos relativamente curtos no país de destino, suxeitas sobre todo ás súas condicións de contratación. A proximidade xeográfica de Galicia a Suíza facía que se fixesen plans case instantáneos, aproveitando os ofertas do mercado laboral.
A primeira viaxe foi en 1969. No seu primeiro traballo realizaron labores agrícolas durante nove meses. Regresaron a Galicia e volveron emigrar en 1973, cunha estancia dun ano, e a partir de 1987 cunha duración máis longa, pois permaneceron en Suíza ata o ano 2007. O seu periplo foi intermitente e ás veces reemigraba José en solitario e quedaba Eugenia cos fillos en Galicia. A súa filla Ana Isabel incorporouse á experiencia migratoria da familia con tan só 17 anos. En 1993 emprendeu a viaxe soa en autobús rumbo a Suíza, onde a esperaba seu pai. En principio só ía pasar un verán pero ao final quedou a traballar nunha fábrica de tubos de cosméticos durante varios anos.
A imaxe que aquí aparece representa ese momento íntimo que escolle José para sentarse a escribir unhas letras aos seres queridos, contarlles como van as cousas e en que medida se van realizando os plans familiares.