Material
Historias de ida e volta
A literatura galega da posguerra en Ámerica
Celso Emilio Ferreiro, Celanova (1912) - Vigo (1979)
Detalle
Considerado unha das figuras máis representativas da poesía galega, Celso Emilio xa era un poeta social galeguista consagrado cando embarcou rumbo a Venezuela, no transatlántico Santa María, o 22 de maio de 1966 e con 54 anos cumpridos. Obras como O soño sulagado (1954), Voz y voto (1955) e a sobranceira Longa noite de pedra (1962) foron proba diso. El mesmo definía a súa poesía, máis que como poesía social, como “comprometida, de testemuño e de denuncia” e manifestaba unha enorme preocupación polo destino de súa “matria” Galicia.En terra caraqueña desenvolveu a súa propia literatura do exilio. Coma en tantos galegos, esta experiencia migratoria fixo fondo efecto nel. A través da súa faceta de escritor ofreceu unha visión profunda e íntima do transo que supón o desterro. A súa visión persoal foi cualificada por moitos como de “radical autenticidade”. Autodefiníase como “home de conviccións políticas simples”, a favor da “liberdade, a verdade, a xustiza e a unidade”. Sempre falaba desde o ”nós” e non desde “min”. A obra de Celso Emilio Ferreiro titulada Viaxe ao país dos ananos (1968) reflicte a confrontación do esperado versus o atopado na súa convivencia coa colectividade galega en Venezuela. Pensaba que a emigración galega era un “país en marcha”. A través desta obra manifestou a súa repulsa por un determinado sector da emigración, nada progresista, co que non foi posible alcanzar unha convivencia ideolóxica. Celso Emilio foi un axente activo dentro da Hermandad Gallega de Venezuela, a pesar das desavinzas e desenlace final pois foi expulsado desta sociedade o 24 de xuño de 1968.


