Voces centenarias

Voces centenarias

Álvaro Cunqueiro

Voces centenarias

O gran fabulador da literatura galega

Álvaro Cunqueiro no Álbum de GaliciaÁlvaro Cunqueiro acolle unha inusual actividade polifacética, vangardista e de significativa repercusión na cultura galega: novelista, poeta, xornalista, dramaturgo, gastrónomo... Todas estas aptitudes súas revístense dunha gran facilidade para fabular, para crear e entender o noso mundo máxico. Entrar no mundo cunqueiriano supón resignificar os mitos e reinterpretar as paisaxes, mentres nos fai partícipes dunha viaxe inaudita e chea de novos sentidos.






Las estructuras del mundo mágico gallego




“Las estructuras del mundo mágico gallego” é o título da conferencia pronunciada no Instituto Popular de Conferencias de la Prensa en Bos Aires o 21 de xullo de 1967. Álvaro Cunqueiro fala do pobo galego como pobo “credor”, como pobo que se rexe polas relacións secretas, polo trasmundo, no que a súa orde moral se fundamenta na maxia. Cun pensamento influenciado polo estruturalismo de Lévi-Strauss, o escritor mindoniense enumera distintos elementos máxicos de Galicia: cidades somerxidas, tesouros, a capacidade creadora dos soños..., para destacar a función da veracidade da palabra. Unha lección maxistral de antropoloxía.

Duración: 51:09 min.
Sinatura: COBA-CON/68
Fondo: Colección Segundo Pampillón. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG






Entrevista en "Poetas de Galicia"




Álvaro Cunqueiro participa, en 1968, no programa radiofónico de RNE-A Coruña Poetas de Galicia. Nel ofrécenos as claves do que entende por poesía: “a única posibilidade, radical, de expresar o misterio”. A gravación está trufada de recitados dos seus poemas e finaliza, na súa voz, con “No niño novo no vento”, publicado en Cantiga nova que se chama Riveira.

Duración: 26:21 min
Sinatura: ACRN00082_01
Fondo: Fondo RNE- Arquivo Sonoro de Galicia. CCG.






O Camiño de Santiago




Nesta conferencia, incompleta, Cunqueiro mostra a súa ampla bagaxe histórica sobre o Camiño de Santiago. Dende Mostar (antiga Iugoslavia) ata Vilar de Donas (Lugo), nesta ruta de peregrinación aparece un colorido mosaico de personaxes que abranguen un amplo período histórico. Unha lección para apaixonados deste itinerario cristián. A data desta disertación sitúase entre 1964-1970.

Duración: 26:21 min
Sinatura: ACRN00029_01
Fondo: Fondo RNE- Arquivo Sonoro de Galicia. CCG.