Xénero e documentación III: Hemeroteca feminista galega A Saia

Martes, 2 de decembro de 2014
Xénero e documentación III: Hemeroteca feminista galega A Saia

Desde o ano 2007, coa realización das primeiras xornadas Xénero e Documentación, o Consello da Cultura Galega, a través da súa Comisión de Igualdade, promove a creación de espazos e tempos de achega ao tratamento da documentación desde perspectivas de xénero e feministas. Contribúe, dese xeito, a fomentar lecturas máis completas da realidade sociocultural galega.

Facer memoria e coñecer a historia recente de Galicia pasa por coñecer tamén as traxectorias dos feminismos e das feministas en Galicia e, para isto, a nivel documental é imprescindible ter en conta as publicacións periódicas xeradas por organizacións feministas desde a década de 1980. Trátase de revistas en que se recollen accións, ideas e propostas teóricas que guían as distintas posicións feministas e que, alén diso, permiten coñecer debates arredor das mulleres, os sexos, os xéneros, as sexualidades e a etnicidade no mundo do traballo, no pensamento crítico, na creación, na historia e na sociedade en xeral. Nestas publicacións pódense documentar con moito detalle os debates sobre o suxeito político do feminismo en Galicia, e as accións reivindicativas, as ferramentas e estratexias que mulleres feministas, organizadas ou non, empregaron para transformar, entre outros, o discurso da nación e o do patriarcado.

Conscientes disto a Comisión de Igualdade do CCG e o Centre Dona i Literatura da Universitat de Barcelona, a partir de 2012 poñen en marcha a Hemeroteca Feminista Galega A Saia. Un proxecto conxunto que ten como obxectivo facer pública unha documentación básica de grande utilidade para a investigación e para as persoas interesadas nos feminismos e/ou na historia recente de Galicia. Trátase de pór en acceso aberto, de xeito progresivo, as publicacións feministas galegas, coa reprodución de todos os números, e cunha indexación completa e moi detallada dos seus contidos e persoas que interviñeron nelas. Nesta xornada Xénero e Documentación III preséntase unha primeira entrega da citada hemeroteca poñendo a disposición do público a colección completa de A Saia (1982-1983) e unha parte das revistas Andaina e Festa da Palabra Silenciada (1983-1991). Cóntase para iso coa participación de mulleres directamente implicadas en facer destas revistas unha realidade.

Conectate o Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova: