As Xornadas terán lugar en VILALBA, na Casa da Cultura (Praza de Suso Gaioso, nº 1).
A aparición dun movemento cultural e político de carácter galeguista é unha das grandes novidades da Galicia do primeiro terzo do século XX e un sinal evidente da súa modernización económica e social. Non foi un movemento de masas, como o agrarismo, pero tivo a capacidade de elaborar un novo paradigma cultural, baseado na “regaleguización” de Galicia, en especial da súa lingua e cultura. A construción deste galeguismo realizouse sobre os sólidos piares do rexionalismo de figuras como Murguía e Brañas, e a reactivación da cultura rexional que poetas como Pondal ou Curros e músicos como Pascual Veiga ou Castro “Chané” lograran desde fins do século XIX.
O movemento das Irmandades da Fala nacido en 1916 ten un dos seus fitos fundacionais na Asemblea Nacionalista celebrada na cidade de Lugo os días 17 e 18 de novembro de 1918, hai agora un século. Foi alí onde os asistentes acordaron que “nós nomeamos, dende oxe e para sempre, nazonalistas galegos”. Na xuntanza lucense aprobouse o Manifesto ao Pobo Galego, polo que se estabeleceron os principios básicos do nacionalismo galego ata a Guerra Civil, como era a reivindicación da Autonomía integral para Galicia, reformas legais económicas e administrativas e unha posición favorable á federación das nacións ibéricas, nas que Portugal desenvolvía un papel esencial. O entusiasmo da asemblea luguesa hai que situalo, ademais, no preciso contexto histórico de grandes mudanzas da Europa contemporánea: loita irlandesa contra o Reino Unido, revolución soviética e fin da I Guerra Mundial, coa difusión dos 14 principios de W. Wilson, entre os que destacaba o referente á autodeterminación dos pobos. O camiño para o desenvolvemento de movementos nacionalistas de pobos sen Estado parecía preparado, moito máis nunha España que se atopaba entón en profunda crise política cunha monarquía que, en acertada metáfora de Ortega, non era más que un “arco en ruina”.
Neste contexto, Lois Peña Novo foi un dos principais impulsores das Irmandades da Fala e, desde logo, o máximo estudoso da realidade socioeconómica galega da época. Nado en Vilalba, estudou no Seminario de Mondoñedo e cursou despois Dereito na universidade compostelá, onde coñeceu a Lois Porteiro Garea. As súas primeiras actividades públicas están ligadas ó xornal vilalbés El Ratón. A incorporación plena ao galeguismo de Lois Peña Novo produciuse en 1917, nas campañas rexionalistas inspiradas por Francesc Cambó. Así mesmo, participa na campaña electoral de 1918, na redacción do programa nacionalista que foi aprobado na asemblea de Lugo e publica o proxecto da Mancomunidade Galega que se vería interrompido pola chegada da ditadura de Primo de Rivera (1923).
A conmemoración do I Centenario da Asemblea Nacionalista de Lugo achéganos a Vilalba, a vila natal de Lois Peña Novo, un dos seus principais artífices, para coñecermos da man de especialistas a importancia desa asemblea na traxectoria social e política das Irmandades da Fala e tamén para analizarmos o papel desempeñado nela por Lois Peña Novo.