40 anos de políticas culturais, a debate

Xornada

40 anos de políticas culturais, a debate

Martes, 18 de xaneiro de 2022
Santiago de Compostela
Xornada

40 anos de políticas culturais, a debate

Martes, 18 de xaneiro de 2022 Santiago de Compostela
En 2021 cumpríronse 40 anos da recuperación da autonomía política para Galicia. O proceso de descentralización das competencias do Estado cara a comunidades autónomas e municipios foi acompañado por un incremento dos recursos dispoñibles nas mans das administracións públicas co obxecto de atender as novas necesidades e dereitos.

Nese contexto, as políticas culturais foron adquirindo un protagonismo até entón descoñecido. As primeiras corporacións municipais democráticas, nas que participaron activistas dun vizoso asociacionismo cultural, deron un impulso á cultura mediante a dotación de infraestruturas (bibliotecas, museos, teatros e auditorios, casas da cultura) e a contratación de persoal especializado nos concellos.

Pola súa parte, a nacente Xunta de Galicia asumiu o mandato derivado do novo marco legal e comezou a despregar unha serie de medidas encamiñadas á “defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego”, tal e como reza o Estatuto de autonomía. Ademais doutras, entre 1983 e 1985, aprobouse a Lei de normalización lingüística (1983), e constituíronse o Consello da Cultura Galega (1983), o Centro Dramático Galego (1984) e a CRTVG (1985).

Desde entón até hoxe, foron diversos os gobernos encargados de xestionar a cultura autonómica, acometendo políticas con diferente acento e enfoque, asignando recursos económicos dispares e creando novos organismos que foron configurando o actual mapa institucional da cultura galega.

Logo de catro décadas de políticas culturais propias, semella que temos perspectiva suficiente para poder facer un balance das luces e das sombras, dos acertos e dos erros, e avaliar até que punto se conseguiu a misión da “defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego” ou, mesmo, se ese obxectivo segue vixente ou se cumpriría que fose actualizado/enriquecido.

Coa organización destas xornadas, o Consello da Cultura Galega quere propiciar un diálogo aberto que nos permita identificar as temáticas históricas máis relevantes, as fases principais e os fitos máis significativos das políticas culturais autonómicas neste extenso (e intenso) período.
Ficha técnica
Xornada.
40 anos de políticas culturais, a debate
Data
Martes, 18 de xaneiro de 2022
Lugar

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205

Coordinación
Xavier Campos
Marcos Lorenzo
Dolores Vilavedra
Participante
Luís Álvarez Pousa
Xavier Campos
Xesús A. Lage
Marcos Lorenzo
María Xosé Porteiro García
Mercedes Rosón
Xavier Senín
Organiza
Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais (CCG)
Consello da Cultura Galega