----

Situar a cultura galega no contexto europeo entre os obxectivos do Consello da Cultura Galega para 2015

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), compareceu esta mañá na Comisión 3ª, Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia no marco das sesións informativas en relación co Proxecto de Lei de orzamentos. Alí deu conta do executado en 2014 e fixo unha previsión de actividades para o vindeiro ano. Unha xornada sobre os desafíos do ecosistema cultural galego diante da Europa 2020, unha exposición que sintetiza a nosa cultura en cen obxectos e outra sobre a imaxe de Galicia a través das revistas da emigración son algunhas das actividades centrais para o 2015. A presenza na rede, edición dixital, a colaboración institucional e o labor asesor reforzan as liñas de traballo futuras.

O orzamento do Consello da Cultura Galega para o ano 2015 ascende a 2 374 447 euros, contía semellante á de 2014. Unha cifra continuísta que lle permitiu ao presidente falar de “xestión coherente cos nosos fondos que promova unha difusión de actividades propias e alleas, que busca a colaboración para incorporar novos parceiros ao noso traballo”. Con esa cifra, para 2015 está prevista a realización dunhas xornadas que afonden na idea dos desafíos do ecosistema cultural galego diante da estratexia “Europa 2020”, que permitirá abordar aspectos como as políticas culturais, Europa Creativa, os retos do mecenado ou a cultura e a comunicación na rede, entre outras propostas. Canda esta actividade, o Consello da Cultura Galega promoverá dúas grandes exposicións: unha que permitirá reflectir a cultura galega en cen obxectos. A outra, pretende documentar a imaxe de Galicia a través das revistas ilustradas da emigración. Unha nova edición dos concertos (tanto o das Letras Galegas, como a cita que xunta poesía e música titulada No bico un cantar), así como novos destinos para as exposicións producidas pola institución en anos anteriores conforman o plan de actividades para o vindeiro ano.

Por último, o presidente anunciou no Parlamento que o Consello da Cultura Galega acollerá en 2016 a xuntanza anual da Asociación Europea de Estudos Migratorios (AEMI). No marco da acción exterior, tamén avanzou a próxima publicación das entradas galegas (en inglés) da enciclopedia sobre o nacionalismo romántico que dirixe o profesor Joep Leerssen.

Xustificación dos gastos 2014
No ano en curso, o CCG acolleu, excluíndo presentacións e cesión de espazo para entidades alleas, trinta actividades. Entre elas, Ramón Villares desatacou dúas citas que serviron para evidenciar a vixencia do legado de dúas personalidades destacadas da cultura galega como foron Rosendo Salvado e Benito Jerónimo Feijoo, aos que lles dedicaron senllos congresos. Ademais, analizouse a situación da obra pública e patrimonio, no marco dunha liña de actuación que conta con actividades en todas as seccións que compoñen o Consello da Cultura Galega e que se caracteriza “polo equilibro, a actualidade e a congruencia coa liña de traballo”, explicou.
Ramón Villares destacou o traballo asesor como “un labor fundamental destinado tanto aos poderes públicos como ás asociacións e outras entidades”. Alén dos informes sobre as coleccións de arte das antigas caixas, os usos do Castelo de Monterrei e a canalización do río Sarria, o Observatorio da Cultura Galega elaborará, ao longo deste ano en curso, 14 documentos de traballo de carácter temático. “Son o barómetro cultural que se fai de modo periódico” explicou.

O presidente tamén fixo mención a tres actividades que fan parte do calendario deste 2014 e que terán lugar nas vindeiras semanas: un seminario internacional sobre Albert Camus; unha xornada sobre os exilios ibéricos enmarcada na homenaxe ao Consello de Galiza, cando se cumpren setenta anos da súa creación; e mais a cita “Novos paradigmas para os Estudos Galegos/Estudos Ibéricos”.

Decálogo de traballo
A liña de traballo de 2015 insírese no marco descrito polo decálogo presentado no Parlamento por Ramón Villares tras a súa reelección, o pasado mes de maio. O decálogo sintetiza as propostas estratéxicas que asumirá a institución entre 2014 e 2018, último mandato de Ramón Villares. A colaboración institucional, a busca de novos públicos para a cultura galega, unha maior diversificación das actividades, con novos formatos e unha maior descentralización para chegar a ámbitos locais. Canda eles destaca a acción exterior, que tamén se concreta en xerar produtos para a internacionalización de cultura galega.

A presenza da cultura galega na rede será outro dos grandes eixes de traballo, que se concreta en varias propostas do decálogo: na etiquetaxe dixital da cultura galega; a recuperación e dixitalización da documentación particular e a edición de obras de referencia na rede. A elaboración do Plan Director do Patrimonio Cultural no exterior e situar Galicia no contexto europeo, que será o eixe de traballo para 2015, completan as liñas dese decálogo.