NOTICIA

----

Informes, exposicións e acción exterior marcan a actividade do Consello da Cultura para 2018

O presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, compareceu este serán na Comisión 3ª, Economía, Facenda e Orzamentos, do Parlamento de Galicia, no marco das sesións informativas en relación co Proxecto de lei de orzamentos. Alí deu conta do orzamento da institución que preside, que se incrementou un 2,9 % para 2018. En total, contará con 2 547 225 euros, cos que se realizarán, entre outras actividades, o peche dun ciclo sobre as Irmandades da Fala, a recuperación da figura de María Victoria Moreno e unha exposición que condensa o discurso “Alba de Gloria” que Castelao pronunciou en Bos Aires hai 70 anos.

O orzamento do Consello da Cultura Galega para o vindeiro ano ascende a 2 547 225 euros, 74 645 máis que en 2017. Con ese importe o CCG, no marco da súa función asesora que ten establecida por lei, realizará varios informes. Un deles, a petición da Consellería de Cultura, consiste na recollida de datos (cualitativos e cuantitativos) dos sectores culturais máis relevantes: edición, audiovisual, musical, artes escénicas, artes visuais, patrimonio cultural e institucións da cultura (bibliotecas, arquivos e museos). Nel tamén se recollerán liñas de actuación sobre diferentes temas transversais que inflúen na cultura galega, entre eles os seguintes: financiamento da cultura, gobernanza na cultura, ámbito dixital e tecnolóxico, internacionalización e proxección exterior, cultura e educación, inclusión cultural, turismo cultural e a muller na cultura, entre outros. O estudo servirá de base para a Estratexia da Cultura Galega 2021, que prepara o goberno galego. Outro está encamiñado a analizar a presenza da muller na cultura galega. O apartado de informes completarase cun sobre o ensino e a lingua galega entre os anos 2005 e 2017 e con outro sobre o monte e os bens patrimoniais.

Plan de actividades 2018
No Plan de Actividades para 2018 está prevista a celebración dunha xornada sobre un tema de actualidade como son os incendios forestais. Será un coloquio ao que asistirán especialistas de Galicia e de Portugal. Tamén terá lugar a vixésima edición dos Encontros de Normalización Lingüística e o congreso “Diáspora e nacionalismo galego”, co que se pecha o ciclo iniciado en 2016 sobre as Irmandades da fala. Neste 2018 tamén verán a luz novos proxectos dixitais e interactivos. Dunha banda, a máquina do tempo, que é unha app gratuíta, dispoñible para as principais plataformas móbiles que pon en valor o patrimonio moble de Galicia dun xeito innovador. Da outra, o Mapa Sonoro de Galicia, que supón unha ferramenta que xeolocaliza coleccións sonoras de carácter etnográfico, musical, antropolóxico e mesmo de son ambiental. O obxectivo é reflectir e explorar a diversidade cultural, lingüística e antropolóxica de Galicia a través do son. O Mapa Sonoro de Galicia parte de 1000 rexistros do Consello da Cultura Galega e coleccións privadas.

No calendario están programadas varias exposicións. Unha delas falará das sociedades corais nos tempos das Irmandades da Fala. Esta mostra pretende facer unha revisión do período das Irmandades a través das sociedades corais, que impulsaron e promoveron a normalización da lingua e a cultura de Galicia. A mostra céntrase principalmente nos catro coros históricos que manteñen a súa actividade artística: a Coral de Ruada (Ourense), Cántigas da Terra (A Coruña), Cantigas e Agarimos (Santiago) e o coro Toxos e Froles (Ferrol). A exposición achega documentación variada que abrangue partituras, vestiario, escenografía, libretos… que dan conta da súa faceta musical e teatral.

Ademais, o CCG prepara unha mostra que pretende amosar as sesenta e catro personalidades que Castelao citou no seu célebre discurso político coñecido como “Alba de Gloria” (que pronunciou o 25 de xullo de 1948 en Bos Aires). Outra delas recolle o legado do fotoxornalista Cancelo e permítenos recoñecer figuras populares da época que vai da segunda república ao franquismo como Santiago Casares Quiroga, Manuel Azaña, Serrano Suñer e o propio Francisco Franco, pero tamén a ollada de xentes anónimas que serven de radiografía fiel da sociedade coruñesa da época.
Por último, o presidente avanzou que en 2019 a exposición “Os adeuses”, que documenta os últimos momentos da emigración galega cara a América na ollada do fotógrafo recentemente finado Alberto Martí, se exhibirá en Ellis Island, o illote neoiorquino que ten un forte vínculo coa emigración.

Ademais, tamén se ocupará da figura de María Victoria Moreno, homenaxeada para o Día das Letras Galegas, da que reeditará a súa obra “Mar adiante”.

Actividade en 2017
Na súa comparecencia, o presidente fixo, a modo de “rendición de contas”, un repaso da actividade da institución ao longo deste ano 2017. No que vai de ano desenvolvéronse 71 actividades entre presentacións, conferencias e actos institucionais. O CCG acolleu a celebración de 14 actividades doutras entidades nese interese por ser un foro aberto para a cultura galega. O plan de actividades deste ano abrangueu tanto conferencias de temas de actualidade como as fronteiras, novos horizontes para a cultura galega ou a situación actual dos montes comunais ou o ciberacoso. Ademais, houbo actividades que permitiron achegar a cultura galega a outros territorios como Bretaña. Exhibiuse unha ollada inédita da transición en Galicia no obxectivo de Anna Turbau e contribuíuse á proxección exterior da cultura galega en Estados Unidos, Alemaña e Portugal.