O Consello da Cultura Galega e a Real Filharmonía de Galicia presentan un disco con obras inéditas do compositor José Arriola

O Consello da Cultura Galega e a Real Filharmonía de Galicia presentaron esta mañá o disco: José Arriola. Orchestral Music, con obras inéditas do compositor galego. É o resultado dun proxecto de colaboración entre o Consorcio de Santiago e o CCG que arrincou en 2010 coa edición das obras completas e gravación no Auditorio de Galicia dun dobre CD, que sae agora á luz da man do selo discográfico Brilliant Classics. No acto de presentación estiveron a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; e o director asociado da orquestra, o mestre compostelán Maximino Zumalave.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

“Foi un traballo a moitas mans no que se traballou bastante desde dúas institucións como o Consello da Cultura Glaega e o Consorcio de Santiago e que deu tras de si un volume e un dobre CD” explicou a presidenta Rosario Álvarez, no marco da presentación. Este dobre CD é unha homenaxe ao betanceiro José Arriola (1895-1954), o compositor galego máis universal do seu tempo e un dos máis relevantes dentro do panorama nacional. É coñecido como o “Mozart galego” debido ás súas precoces composicións (con 3 anos xa compoñía) e ás súas cualidades pianísticas, que o levarían a tocar nos escenarios internacionais máis prestixiosos como a Ópera de Berlín ou o Carnegie Hall de Nova York, xerando unha enorme expectación. Foi discípulo de Richard Strauss, profesor seu de Composición en Leipzig.

“Sabíamos que era un gran pianista pero non que era un mangífico compositor e descubrímolo grazas a este material” explicou Maximino Zumalave na rolda e que se pode apreciar no traballo discográfico. O primeiro CD inclúe as obras Concertino para piano e orquestra e Divertimento concertante para dous pianos e orquestra. E o segundo recolle tres das Seis poesías de Antonio Machado: La aurora asomaba (El cadalso), La primavera besaba e Epílogo (Antonio Machado. Su destino); ademais de Tres textos cervantinos e Concerto para trompa e orquestra.
A Real Filharmonía de Galicia comezou a gravar este disco en 2010, baixo a batuta do mestre Maximino Zumalave, director asociado da RFG. Contouse ademais coa colaboración do pianista leonés Joaquín Soriano, o dúo de pianistas malagueños Víctor & Luis del Valle, a soprano viguesa Carmen Durán, a mezzosoprano guipuscoana Ainhoa Zubillaga, o barítono coruñés Javier Franco, o tenor madrileño Francisco Santiago e o trompista vigués David Fernández.

Partituras inéditas e reaparecidas
“Este traballo discográfico representa un importante labor de recuperación do patrimonio musical galego” explicou Belén Hernández no marco da rolda. Ademais, vén a completar un traballo iniciado en 2010 cando o Consello da Cultura Galega e o Consocio de Santiago asinaron un convenio de colaboración para recuperar o material atopado sobre Arriola. Daquela, o CCG editou o libro Sobre Arriola, na que se recollen aspectos biográficos, documentais e de difusión dun material inédito que apareceu por casualidade na residencia de anciáns Mi casa de Ferrol. Foi nese espazo onde pasou os seus derradeiros días a herdeira do compositor, a súa irmá Carmen Osorio. Toda esa documentación, que inclúe manuscritos e obras inéditas, chegou a mans de Luis Mera quen advertiu do material sobre o que despois traballou Joam Trillo. Todos estes orixinais estiveron desaparecidos despois da súa dixitalización e hoxe na rolda, a presidenta do CCG, indicou que volven estar localizados.

Aquela publicación compleméntase con este dobre CD, que recolle unha selección das partituras orquestrais rescatadas, e permiten dar a coñecer unha obra de gran transcendencia histórica e con plena vixencia artística.
Estamos ante a música dun pródigo autor do que, desafortunadamente, se perdeu a meirande parte da súa obra, xunto á súa biblioteca e discografía, cando a súa casa de Berlín foi bombardeada durante a II Guerra Mundial.
A obra gravada neste traballo discográfico sitúanos nunha etapa creativa e vital do compositor, con obras escritas a partir de 1946, cando establece o seu domicilio en Barcelona. Cronoloxicamente, a súa obra correspóndese ao segundo momento máis luminoso da creación musical de España, cunha música cargada de significado e melancólico lirismo.

Xira de concertos
O pasado mes de outubro a Real Filharmonía de Galicia realizou unha xira de concertos polas cidades de Ferrol, Lugo, Santiago e Vigo, coa colaboración da Consellería de Cultura. Nesta xira, homenaxe ao compositor José Arriola, a orquestra interpretou varias das obras recollidas neste dobre CD.

Outras noticias que te poden interesar: