O Consello da Cultura Galega analiza mañá cun parladoiro o papel dos coros na divulgación dos símbolos de Galicia

Ferrol acolle estes días a exposición do Consello da Cultura Galega (CCG) Son de Galicia, na que se recolle o espírito dunha época que sentou a través da música e do baile a nosa identidade. Como complemento do discurso expositivo, mañá terá lugar un parladoiro no que se afondará no labor que xogaron os coros na divulgación dos símbolos de Galicia. Esta cita contará coa presenza da presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e nela participarán Javier Jurado, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, Belén Sáenz-Chas Díaz e o comisario da mostra, Miguel Anxo Seixas. A sesión comeza ás 19:30 horas na sede de Toxos e Froles.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

“Os coros tiveron unha importancia decisiva na divulgación dos símbolos de Galicia” explica Miguel Anxo Seixas. “A primeira foi visual, pola propia recuperación da vestimenta tradicional; pero non só aí xa porque foron creando un modelo que fixou o grupo de Perfecto Feixoo, e que logo imitaron os demais grupos” puntualizou Seixas. Hai moitas máis: a difusión do Himno Galego; as declamacións; a difusión a cargo do teatro. Para Miguel Anxo Seixas “fixéronno dun modo “dixerible”, moi exportable e contribuíron a fixar os símbolos de Galicia”. Canda el, estarán Javier Jurado, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, Belén Sáenz-Chas Díaz que ofrecerán visións documentadas deste papel histórico dos coros.

Complemento da exposición Son de Galicia
Este parladoiro é unha actividade complementaria da exposición “Son de Galicia” que reconstrúe a historia do país a través de trinta paneis que prestan atención á música, ao teatro e á organización social dun tempo.
A mostra permite reconstruír a historia destas catro formacións de xeito individualizado, ao tempo que se pode facer unha lectura moito máis ampla que permita recoñecer o traballo común destas formacións: nomeadamente no labor etnográfico de recuperación de músicas e cantigas populares, a súa preocupación por conservar a lingua, así como os traballos de recuperación dunha vestimenta típica de Galicia para as súas actuacións. Ademais dos paneis, en colaboración co Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), haberá espazo para material audiovisual que permite ver imaxes históricas deste tipo de sociedades. Por outra parte, os coros tamén participaron activamente na escolla de pezas sonoras representativas do que foi a historia de cada unha que o público poderá escoitar na mostra. Complétase o discurso expositivo con instrumentos, documentos escritos, discos e mostras da vestimenta e decorados.

Os coros galegos
A orixe dos coros galegos nace con perfecto Feijoo, que creou en Pontevedra en 1883 o grupo pioneiro “Aires da Terra” cun gaiteiro, un tamborileiro, un bombo, un grupo de oito cantantes e con varias parellas de baile. Empregou decorados e elementos da dramaturxia e a da vestimenta máis popular galega. A música e as súas letras permitiron a divulgación da literatura oral en galego, a lingua natural e maioritaria do pobo que nesa época non era igualmente apreciada como lingua culta. En resumidas contas foi a orixe e o modelo no que se espellaron todos os coros que chegaron despois e nos que constaba unha intención explícita de contar dunha identidade galega nun contexto de activación do nacionalismo galego acubillado polas irmandades da Fala. Por iso é dos primeiros paneis dunha exposición que percorre as semellanzas destas entidades e a súa propia especificidade.

Todas as sociedades corais creadas neste período do romanticismo comparten varios denominadores comúns: unha subsistencia precaria condicionada polo españolismo político; un gusto especial polo teatro, a participación activa das mulleres nunha época impensable para a igualdade pero, sobre todo, que tomaron conciencia dun fondo musical e da necesidade de reelaborar as vellas tradicións formulándoas en clave folclorista e espectacular para un público masivo e urbano, no caso de que se poida dicir así dunha Galicia ruralizada. Ademais, tamén exhibiron o intento de crear un modelo de tipismo de indumentaria galega, un compromiso marcado pola lingua omnipresente desde a forma ata o fondo; un carácter amador non exento de tenzóns e retesías internas.

A exposición permite ver tamén outras facetas destacadas deste tipo de sociedades: o seu carácter amador, onde os seus integrantes ensaiaban despois da súa xornada laboral e nos ocos libres que as súas vidas lles permitían; a súa solidariedade xa que os coros se sumaron sempre a case todas as campañas solidarias de Galicia e de fóra: recadacións en favor dos nenos pobres, campaña a prol da bandeira de Galicia, a prol da construción dalgún monumento a unha figura representativa da cultura galega, donativos para as familias dos soldados mortos na guerra, festas patrióticas.... e tamén se dá conta dunha faceta de embaixadores da cultura galega con mais de setenta viaxes a lugares de todo o mundo como Lorient, Brest, Madrid, Avilés, Suíza, Venezuela ou Londres.

Outras noticias que te poden interesar: