O Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral de Emigración abren unha colección que edita clásicos da emigración

“La emigración en Galicia” publicada por Ramón Castro López en 1923 é un texto atípico no conxunto da emigración galega por ofrecer unha imaxe positiva. É tamén o primeiro título dunha colección “Clásicos da Emigración” coa que o Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral da Emigración pretenden ofrecer un reflexo fiel do que supuxo este fenómeno. Tanto a colección como o primeiro número foron presentados esta mañá pola presidenta da institución Rosario Álvarez, quen destacou que se trata “dun proxecto longamente acariñado e que permite o acceso libre a obras de referencia e de difícil acceso”. Canda ela estaba o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, que puxo o acento no valor da colección como “homenaxe aos centos de milleiros de galegos que estenderon Galicia polos cinco continentes”. Participaron tamén Xosé Manoel Núñez Seixas, director do Arquivo da Emigración Galega e Ramón Villares, autor do prólogo deste primeiro número.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:
O Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral de Emigración abren unha colección que edita clásicos da emigración

Desde os versos de Rosalía, os escritos de Risco ou as caricaturas de Castelao ata as interpretacións económicas de Xosé Manuel Beiras a imaxe construída da emigración galega está trenzada dun enfoque pesimista. Pero no marco desta visión crítica hai algúns exemplos dunha visión menos negativa como “La emigración en Galicia” publicada por Ramón Castro López en 1923. Un texto atípico que serve tamén de punto de apertura dunha colección de libros que baixo o título “Clásicos da Emigración” pretende ofrecer un reflexo fiel do que supuxo a emigración galega tanto para aqueles que a viviron desde os seus países de destino como para os que tiveron a perspectiva dos que viron marchar os seus seres queridos.
A compilación, integrada por unha ducia de títulos de diferentes xéneros, recadan e divulgan obras que hoxe en día son difíciles de atopar en bibliotecas ou librarías, e que así poden ser máis accesibles para o público investigador, mais tamén para calquera persoa interesada no tema. Reúnen así as distintas perspectivas que marcaron un dos fenómenos demográficos máis importantes dos últimos séculos en Galicia a través de obras que abranguen tanto ensaios como literatura de ficción ou biografías, entre outros xéneros, escritos entre principios do século XX e os anos 60, aproximadamente. Cada un dos volumes, que se irá publicando ao longo dos vindeiros meses, está prologado por un especialista contemporáneo na materia, como Ramón Villares, Pilar Cagiao ou Raúl Soutelo, entre outros grandes coñecedores desta realidade, que desfrutan da consideración de ser obras clásicas para o coñecemento e análise da emigración galega nas súas diversas épocas, destinos e facetas.

O primeiro número
O historiador, e expresidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares é o autor do prólogo do primeiro número desta colección. “Celebro que empece con este libro porque é un texto que vai contracorrente, que di cousas diferentes e foi orixinal e rompedor visto con ollos de hoxe, cen anos despois” indicou Villares na presentación. No seu texto destaca o valor contracorrente do texto de Ramón Castro. Un sacerdote lucense de orixe campesiño que foi destinado á parroquia de Vilar de Ortelle, no municipio de Ferreira de Pantón, onde botou media vida, desde 1895 ata 1928. O lugar que el mesmo cualificou como unha «remota aldea» pero moi adecuada para «observar muy de cerca todo lo relacionado con la emigración». O perfil cultural de Castro López sobrepasa claramente a formación esclesiástica propia dun cura de aldea. El mantiña relacións con algúns dos eruditos máis coñecidos da comarca monfortina, como J. Sanjurjo ou P. Boo Pita, e incluso chegou a ingresar, canda eles dous e no mesmo día (25 de abril de 1927) no Seminario de Estudos Galegos, como socio activo da institución.

Arquivo da Emigración Galega
O Arquivo da Emigración Galega é un centro que desenvolve proxectos de investigación que intentan aproximarse ao fenómeno migratorio desde os máis diversos enfoques, cun carácter netamente interdisciplinar. Entre as súas áreas de traballo está a difusión de estudos sobre o fenómeno migratorio, a través de publicacións de obras de interese cultural e científico. Está dirixido por Xosé Manoel Núñez Seixas e conta entre os seus membros con Pilar Cagiao, Anxo Lugilde, Antía Perez ou Luís Domínguez. O seu director lembrou na presentación que esta colección se insire nun acordo marco coa Secretaría Xeral de Emigración que contribúe a un mellor e maior coñecemento da emigración galega.