NOTICIA

----

Un informe do Consello da Cultura Galega prevé un futuro complicado para o sector do libro

A industria do libro vivía xa unha situación precaria antes da crise sanitaria provocada pola COVID-19 e a pandemia só veu a empeorala. Isto é o que se deduce do documento de traballo “O sector do libro galego perante a crise da COVID-19” elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). O documento, de carácter cualitativo, contén as preocupacións e sintetiza as demandas de todos os sectores que conforman a cadea do libro.

As feiras do libro, os premios editoriais, os libros de lectura dos circuítos escolares, a compra de libros a través de Internet..., son moitos os aspectos que están no aire por mor das medidas adoptadas para conter a pandemia da COVID-19, que paralizou case completamente este sector. De todos eles fala este documento, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, que prevé unha diminución da facturación das librarías, un descenso de ata o 70% nas impresións comerciais e unha crise sen parangón que afectará á creación literaria. O informe dálle voz a todos os elos que conforman a cadea do libro, desde a creación ata as librarías, e faino a través das entidades nas que se agrupa cada un deles.
Os indicadores positivos
Entre os indicadores do informe tamén se busca ofrecer algúns que sexan positivos. Entre eles está o incremento da lectura dixital, que instala definitivamente este hábito na sociedade. O documento tamén apunta que “non se deixará de escribir en galego nin desaparecerá a demanda de libro en galego”; pero sinala que esta crise obrigará ao sector a reinventarse coa consolidación de novas formas de negocio ou un cambio dos hábitos de lectura, cun incremento da lectura dixital, que tende a instalarse definitivamente na sociedade. Tamén incide en que imos cara a “un escenario de concentracións empresariais, igual que noutros sectores produtivos”.
As diferentes asociacións profesionais que agrupan a todos os estamentos do sector do libro toman como referencia as medidas adoptadas coa crise iniciada en 2008. E nesta comparación pensan que as administracións publicas están reaccionando con maior rapidez na toma de decisións e impulsando medidas para garantir o futuro do sector. A facilidade coa que se permitiu facer os ERTE ou o acceso ao crédito son dúas medidas moi acertadas pero consideran que só é un inicio e que hai moito camiño por facer.
As situación por sectores
O sector, reunido na Asociación Galega de Editores (AGE), na Federación de Librarías de Galicia (FLG) e na Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), considera que se debe poñer enriba da mesa o risco que corren moitas das empresas que conforman o tecido do libro galego e a falta de recursos para superar as futuras ameazas económicas. Ademais, nunha serie de demandas que lle trasladaron ao Goberno galego, cuantificaron unha diminución da facturación para este ano 2020 de máis dun 30%. Nese sentido, tamén fixeron referencia aos datos ofrecidos polas Cámaras del Libro de España, que cifran esa redución no ámbito estatal en mil millóns de euros, 800 procedentes do mercado interior e 200 millóns do mercado exterior do libro, e indican que a prolongación do impacto e a lentitude da recuperación debuxan un escenario máis alarmante, que podería significar unhas perdas dun 50%. Segundo o manifesto asinado polas presidencias destas tres entidades, a inquietude polo actual escenario repercute na totalidade do colectivo: dende as empresas editoras e librarías ata as autoras e autores. Ademais, lembraron a necesidade de tomar medidas concretas como a creación do “bono libro”, do “cheque-libro”, a tramitación de medidas para incentivar a compra de libros, un plan de adquisición de novos fondos para as bibliotecas, entre as máis urxentes.

A AELG cre que as condicións xa eran mellorables antes e que a crise sanitaria empeorou a situación. Defende cuestións máis amplas, como a protección do idioma galego como instrumento de creación. Na súa opinión, creadores e creadoras están a servir contidos de balde para apoiar a cidadanía neste confinamento pero non se debería entrar en dinámicas de gratuidade. Entre as medidas que piden hai plans estratéxicos, un plan de lectura, plans de bibliotecas, con apoio a obradoiros que tamén mobilizan escritores, e un apoio á prensa en galego. Unha medida positiva podería ser a de ofrecer créditos de xuro próximo a 0 para achegar liquidez aos creadores. Xosé Ballesteros, presidente da AGE, define a situación como “dramática” e entre as súas demandas están liñas de créditos a un xuro moi baixo de 1 ou 1,5% para ter capacidade de liquidez inmediata. Ademais de trasladar a dificultade dos autónomos, insiste na necesidade de que non se cancelen os premios literarios. Ballesteros confirma que a lectura en liña está a aumentar porque nestes momentos existe unha enorme oferta cultural en rede, que inclúe todos os ámbitos culturais, como a literatura, a música, o teatro etc., pero advirte dos efectos negativos dunha oferta desmesurada.

No ámbito das artes gráficas, a impresión comercial, é dicir, aquela que se ocupa da realización de revistas, catálogos ou libros, entre outras publicacións, é o eido máis afectado. A crise de 2008 supuxo un descenso dun 70% que se mantivo ata 2013 e do que aínda non se recuperaron. Esta baixada debeuse fundamentalmente a que toda a parte da actividade editorial que sostiñan as administracións públicas e tamén as propias empresas pararon totalmente, e incluso tamén se detiveron outro tipo de actividades comerciais como, por exemplo, a impresión de temarios de oposicións etc., o que comportou unha redución moi severa do sector, de arredor do 50%. Desde o Clúster da Comunicación, entidade que os agrupa, son bastante pesimistas con respecto ao futuro que nos agarda.

O sector da distribución e as librarías están a denunciar que, ademais do peche, existe unha competencia desleal por parte das grandes empresas de venda en liña. Precisamente, nos días previos á declaración do estado de alarma, nun congreso estatal de librarías presentouse unha plataforma de venda en liña que confían en que poida ser a solución. Estiman que o peche das librarías afectará, como mínimo, a un 10% destes establecementos e piden medidas especiais para as situadas no ámbito rural, supeditadas ás compras das bibliotecas, dos concellos e doutras entidades locais, que neste momento están paradas.