NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega ofrece o primeiro estudo sobre o portugués en Galicia no día mundial desta lingua

A UNESCO declarou en 2019 o 5 de maio como o Día Mundial da Lingua Portuguesa. Co gallo desta efeméride o Consello da Cultura Galega (CCG) fai público “O valor do Portugués en Galicia”, o primeiro grande estudo que analiza o uso, actitudes e ensino desta lingua no noso país. O informe, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega (OCG), conclúe que o 60% da cidadanía galega posúe competencias en portugués pero só o 18% ten un dominio elevado desta lingua. O 73,2% considera que en Galicia se debería estudar pero só o 17% sabe que xa existe esa posibilidade no Ensino Secundario grazas á Lei Paz Andrade. Ademais, o CCG elaborou un especial que concentra diferentes documentos que amosan a conexión da cultura galega coa lingua portuguesa a partir da figura dun dos seus grandes valedores: Valentín Paz Andrade.

O Observatorio da Cultura Galega realizou entre xullo e agosto de 2019 a primeira grande enquisa que permitía coñecer a competencia en portugués e outras linguas estranxeiras; a actitude da cidadanía galega cara a esta lingua e o grao de coñecemento da chamada Lei Paz Andrade, que facilitou, entre outras medidas, que o portugués sexa unha materia que xa se pode estudar no ensino secundario en Galicia.
O estudo ratifica que o portugués é a lingua estranxeira que conta con maior porcentaxe de persoas con algún nivel de competencia, aínda que en maior medida son básicas. Isto é así, en parte, porque a aprendizaxe da lingua portuguesa é informal e espontánea, facilitada pola proximidade xeográfica e a similitude co galego. De feito, para o 82% dos galegos e galegas é a lingua estranxeira máis doada de aprender. Ademais, o 73,2% da poboación considera que en Galicia se debería estudar portugués porque “permite coñecer xente e facer negocios cos países de fala portuguesa”. O 62% considera que a Xunta de Galicia debería fomentar a aprendizaxe do portugués, o 66% dos entrevistados verían ben ou moi ben que houbese unha materia de portugués nas escolas pero só o 17% sabe que xa é posible estudar esta lingua no ensino secundario. Só o fai de forma regrada unha pequena minoría da poboación, que ademais son os máis novos: eles si acadan un dominio elevado desta lingua. O estudo tamén considera que “se coa situación actual existe un nivel de competencia estimable, todo fai prever que cun incremento do ensino formal a competencia melloraría sensiblemente”.
O informe revela que “canto máis alta é esta competencia máis altos son os ingresos das persoas e que este nivel é máis frecuente na parte alta da escala de ocupacións laborais, o que parece apuntar a que saber portugués ten rendibilidade no mercado de traballo, igual que sucede con outras linguas estranxeiras”.
Agora ben, tamén conclúe que a cidadanía galega non percibe a mesma utilidade en todas as linguas estranxeiras. Así, mentres case a totalidade da poboación considera o inglés moi ou bastante útil, tal porcentaxe cae ao 54% no caso do portugués. Para un terzo da poboación galega o portugués non axuda a prosperar na vida, non é útil que na infancia se aprenda nin fai falta estudalo. Mesmo un 16% é contrario a que se imparta portugués nas escolas.

Resultados sobre pluringüismo
Outra das principais novidades que achega este estudo é que se ofrecen datos da percepción da cidadanía galega sobre o plurilingüismo. Máis da metade da poboación galega non domina ningunha lingua estranxeira e un 15,8% afirma dominar cando menos dúas. Neste marco xeral, o estudo considera que o portugués está presente entre as capacidades do 73% das persoas plurilingües galegas. Canto máis urbano é o contorno e menor é a idade, mellor é a competencia en linguas estranxeiras. O nivel de estudos, a ocupación e o salario son outras variables relacionadas positivamente co plurilingüismo.

O estudo detecta que “as persoas con competencias altas en galego semellan ter máis facilidade para os idiomas” e tamén que “os suxeitos con mellor competencia lingüística en galego teñen mellor competencia en portugués e tamén favorece a competencia en inglés, francés e incluso alemán”. Polo tanto, segundo este estudo, para quen sabe galego resulta máis fácil aprender idiomas e ser plurilingüe. Ademais, os datos sinalan que as persoas que aprenderon a falar en galego e castelán na infancia teñen maior probabilidade de ser plurilingües de adultos.

Por último, respecto da chamada Lei Paz Andrade (aprobada en 2014 e resultado dunha Iniciativa Lexislativa Popular) o estudo conclúe que as persoas máis novas, os habitantes dos municipios próximos a Portugal e os que amosan unha prevalencia de Galicia no seu sentimento nacional son os que mellor a coñecen.

O especial web
Alén dos resultados deste estudo, o Consello da Cultura Galega publica un especial que concentra outros materiais que dan conta do noso vínculo cos países de lingua portuguesa. Faino a través dunha das figuras que mellor condensa esa relación: Valentín Paz Andrade. Este xurista, especialista en economía pesqueira, político e intelectual, foi tamén un mediador social e empresarial que, por razóns de traballo, comezou a estar presente en ámbitos económicos corporativos nos que tivo que se confrontar con lobbies e grupos de intereses. Tivo unha acusada querenza por todo o mundo de lingua portuguesa, nomeadamente con Brasil e con Mozambique, na altura colonia de Portugal. Un dos seus contactos máis frecuentes foi o poeta brasileiro Guilherme de Almeida, a quen coñeceu no Vigo dos anos trinta e co que mantivo unha fonda amizade. A fecunda relación entre os dous intelectuais pode verse neste especial a través do poemario de Paz Andrade “Pranto matricial”. Este texto, que o autor concibe en homenaxe a Castelao, foi traducido ao portugués por Almeida. O especial ofrece o orixinal mecanografado desa tradución así como as cartas entre ambos os dous intelectuais. Incorpora ademais un recitado do “Pranto Matricial” feito polo propio Paz Andrade en Bos Aires en 1957.

Esta conexión cos países de lingua portuguesa complétase coa mostra “Paz Andrade: uma antena galega no Brasil” que o Consello da Cultura Galega inaugurou na Casa Guilherme de Almeida en São Paulo 2012 e na que se dá conta das conexións coa lusofonía desta figura.