----

Un disco do Consello da Cultura Galega presenta unha gravación histórica de Andrés Gaos como intérprete

Non é frecuente atopar composicións interpretadas polos seus propios autores. E iso é precisamente o que se pode escoitar no disco “Obras para violín e piano” editado polo Consello da Cultura Galega e o grupo de Investigación Organistrum da Universidade de Santiago de Compostela. Nel, o coñecido compositor Andrés Gaos (A Coruña, 1874-Mar del Plata, 1959) interpreta as súas pezas “Muiñeira” e “Alalá”. Esta gravación histórica ponse á disposición da cidadanía para amosar a un Andrés Gaos en estado puro, interpretándose a si mesmo.


“Obras para piano e violín” é o título dun disco que integra gravacións históricas do compositor, violinista e docente galego Andrés Gaos. Un traballo que repousaba en discos e bobinas que o seu fillo doou á Universidade de Santiago de Compostela. A interpretación ao piano foi unha constante na súa vida pero sobre todo unha ferramenta que lle axudaba nas súas composicións, nas clases ou para exercer de pianista ocasional como acompañantes. Con este traballo preténdese amosar esa faceta menos coñecida pero non por iso menos relevante dun dos músicos galegos máis recoñecidos. O disco estrutúrase en dúas partes: unha primeira que dá conta da faceta como pianista e unha segunda como compositor de obras para violín.

No libreto que acompaña o disco, a profesora da Universidade de Santiago e promotora desta iniciativa Montse Capelán explica que con este CD “podemos apreciar o gusto, a musicalidade e as grandes calidades interpretativas de Andrés Gaos, coas que logra non soamente sacarlle unha sonoridade moi particular ao instrumento, senón tamén ofrecernos unha proposta estética de como el consideraba que debía ser tocada a súa música”.

O disco comeza con Gaos interpretando a súa “Muiñeira” e o seu “Zortzico”, dous dos seis números que integran a súa suite “Hispánicas”, unha das súas principais obras para piano, composta arredor de 1938 e que permite ver a un compositor de gran madurez. A segunda parte do disco, que contén a sección de violín e piano, arrinca con unha “Muiñeira”, unha obra de xuventude, escrita cando o autor contaba apenas 18 anos.

Este traballo pon o ramo ás celebracións do ano Gaos que foron organizadas pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración co Consello da Cultura Galega e outras entidades que tiveron a forma de concertos, edicións, exposicións, charlas e un documental.

Andrés Gaos
Andres Gaos Berea (1874-1959) foi un importante compositor, intérprete, director de orquestra e docente galego. Naceu na Coruña no seo dunha importante familia de músicos, o seu tío era Canuto Berea Rodríguez, destacado editor e compositor galego. Foi un reputado violinista internacional que tocou en salas de case todo o mundo, nomeadamente España, Portugal, Francia, Bélxica, Alemaña, Italia, Holanda, Rusia, Estados Unidos, Cuba, México, Uruguai ou Arxentina. Tal e como se mostra neste traballo, tamén tivo unha destacada faceta como pianista, aínda que menos recoñecida.

Combinou a docencia coa composición. Conta con máis de 70 obras de diferentes xéneros: sinfónica, de cámara e escénica. Esteticamente pode situarse nun neorromanticismo de corte clasicista con obras inspiradas no folclore galego ou no arxentino.
Ademais, Andrés Gaos dirixirá varias orquestras ao longo da súa vida, desde a Sociedade de Concertos da cidade de Vigo, ata a orquestra da Asociación de Concertos de Lamoureux de París, entre moitas outras formacións arxentinas.



Especial Andrés Gaos