O Consello da Cultura Galega recupera e contextualiza a figura do compositor Luis Brage

Non hai unha banda en Galicia que non tivese no seu repertorio “Follas novas”, a rapsodia galega por excelencia. O seu autor, Luis Brage, foi un prolífico compositor e unha persoa polifacética cuxa figura quedou esluída pola figura de seu irmán, o coñecido pianista Ángel, e polo seu pensamento político, que o levou á cadea durante o franquismo. O Consello da Cultura Galega recupera agora a súa figura na publicación “Luis R. Brage Villar. Obra e memoria” de David Ferreiro. Nela pódese descubrir como funcionaba a Galicia musical de principios do século XX, das orquestras, das bandas, dos orfeóns e dos coros a través da figura deste músico de oficio que soubo adaptar e difundir a identidade musical galega. Esta publicación contén tamén tres das partituras que repousaban nun baúl da casa que Brage abandonou en Ribadavia en 1936 e que Ferreiro conseguiu localizar case oitenta anos despois.
O Consello da Cultura Galega recupera e contextualiza a figura do compositor Luis Brage

Orfeóns, orquestras, bandas de música, coros…, Luis Brage estivo presente, con maior ou menor énfase, en todos estes ámbitos. O relato da súa vida e da súa obra é tamén o da súa época. No limiar, Luís Costa di que “a través da exhaustiva biografía que aquí́ se presenta, o lector ou lectora pode percorrer o salón, o palco da música, as sociedades culturais e educativas, e ata o foso da orquestra do teatro ou do cine”. Precisamente este é un dos puntos fortes desta publicación elaborada por David Ferreiro, quen destaca que “este tipo de estudos non só permiten aprender do personaxe en si senón que tamén permite entender como funcionaba a Galicia musical de principios do século XX”.



A publicación: vida e obra
Luis Brage foi moito máis que un músico, foi tamén un activista cultural e un intelectual honesto comprometido coa realidade da súa época desde as ideas progresistas. Para o autor desta publicación “foi ese compromiso o que lle custou primeiro unha condena a morte, logo o cárcere e, finalmente, o ostracismo oficial e, na práctica, o remate da súa carreira musical”.

En 2015 o Consello da Cultura Galega recuperou a súa rapsodia “Follas novas” e nesta ocasión ofrecemos a súa biografía xunto con tres obras do repertorio bandístico: “O botafumeiro”, “O gaiteiriño” e “Boris”.

“O botafumeiro é un pasodobre bastante coñecido do que non existía unha partitura fixada, nin tan sequera un manuscrito orixinal, que agora poñemos a disposición do público” asegura Ferreiro. Desta peza, o propio Brage dixo que era a primeira obra que temática galega que el compuxo. “O gaiteiriño” é unha especie de subxénero dentro da rapsodia galega á que o propio autor chamaba “cousa galega”. Por último está “Boris”, que é unha “rareza” dentro do repertorio deste compositor. “Musicalmente a obra non ten moita orixinalidade, xa que nela Brage colle os temas da coñecida ópera ‘Boris Godunov’ e vainos enlazando e harmonizando como unha marcha de procesión que funciona moi ben”. A peza foi estreada o venres santo de 1931, tal e como figuraba nos manuscritos atopados no baúl.

O material que inclúe esta publicación repousaba no interior da casa de Ribadavia que Luis Brage abandonou ás présas en 1936, ante as posibles represalias. En Ribadavia quedou a lenda de que existía un baúl con material do compositor. Foi David Ferreiro quen localizou ao actual propietario da vivenda e descubriu que o sentir popular era verdade e que existía tal baúl e estaba cheo de partituras e composicións. “Había cuadernillos de traballo, partituras…, era a súa música de oficio, e entre eles, o libreto da zarzuela ‘A fonte do lago’ preparado para que compuxera esa zarzuela pero da que non teño máis noticias” explica David Ferreiro.

Ademais dos avatares da súa vida, moi vencellada ao estilo de vida da época e da propia composición do autor, nesta publicación tamén se pode apreciar que, desde o punto de vista estilístico, Luis Brage se encadra dentro do conservadorismo estético que, por outra parte, era maiormente dominante na primeira metade do século XX entre os compositores galegos. Un conservadorismo que bebía no formal do romanticismo europeo, e no poético, do folclorismo; e que respondía, por outra parte, á lóxica da relación co público ao que se dirixía.