NOTICIA

----

Un especial difunde a última carta descuberta de Rosalía de Castro

Rosalía de Castro é a gran figura fundacional da cultura galega. Neste especial ofrecemos unha escolma de contidos e recursos elaborados polo Consello da Cultura Galega (CCG) ao redor da escritora e o seu longo ronsel tanto no ámbito da investigación como no da creación. Entre os contidos ofrecidos destaca unha carta inédita a Rosalía descuberta neste 2020. Foi escrita en 1886 e dirixida a José Villaamil. Podes consultala dentro do noso Epistolario Rosalía de Castro, no que recollemos toda a correspondencia mantida pola escritora.

Este especial inclúe os vídeos do ciclo “Rosalía de Castro: Tradición e Modernidade” organizado polo Instituto Cervantes, o Consello da Cultura Galega e a Xunta de Galicia en outubro de 2013. Foi coordinado polo crítico Anxo Basanta, e nel interviron os poetas Luis García Montero, Luis Alberto de Cuenca e Arcadio López Casanova, e os escritores Carlos Reigosa e Mariña Maioral. Ao ciclo sumouselle un concerto do compositor e cantante Amancio Prada sobre a obra de Rosalía de Castro.

No apartado de publicacións destaca o libro CD en que nove poetas dialogan cos versos de Rosalía de Castro. É o testemuño dun recital celebrado en marzo de 2013 no que participaron Lupe Gómez Arto, Luz Pozo Garza, María Xosé Queizán, Olalla Cociña, Xiana Arias Rego, Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Lorensa Souto e Ana Romaní.

O especial complétase co epistolario da escritora, máis un roteiro que percorre a súa biografía en diferentes espazos das Terras de Compostela e Iria.