NOTICIA

----

Unha publicación do Consello da Cultura Galega urxe tomar medidas para atallar a nova xeración de lumes

“Os incendios ademais de ocasionar unha perda económica e patrimonial tamén repercuten no noso lecer, nas nosas tradicións e na nosa contorna” asegurou Rosario Álvarez na presentación de “Unha nova xeración de lumes? Actas do Coloquio Galaico- Portugués sobre Incendios Forestais” a última publicación do Consello da Cultura Galega (CCG). O coordinador do libro, Francisco Díaz-Fierros apuntou que estes novos lumes se caracterizan “tanto pola súa extensión como pola súa magnitude” agravados, entre outras causas, polo cambio climático e o amoreamento de combustible. Ademais, o investigador portugués Luciano Lourenço, que participou cunha intervención gravada, asegurou que “os incendios do 2017 foron un aviso e cómpre actuar con firmeza”. A publicación xa se pode descargar de balde desde o web do CCG.

A presidenta do CCG lembrou que esa semana se cumpren catro anos do inicio dun dos devastadores de incendios de Portugal. Nese ano, o Instituto de Conservação da Natureza e das Florestas (ICNF) contabilizou unhas 418.000 hectáreas queimadas. Nese período en Galicia houbo unha vaga de vaga de incendios que arrasou en dous días unhas 50.000 hectáreas no noso país e que chegaron a afectar a cidades como Vigo. Foi nese momento cando se convocou o “Coloquio: Unha nova xeración de lumes?” para analizar a situación, determinar as causas e, tratar de atallar as consecuencias. Daquela xuntanza sae esta publicación que xunta unha decena de especialistas para analizar o fenómeno e que advirten que os grandes lumes foron só un aviso e a tendencia pode ser máis grave se non se toman as medidas oportunas. O coordinador da publicación que hoxe se presentou, o edafólogo Francisco Díaz-Fierros, explicou que se caracterizan “por unha extensión e intensidade que en numerosas ocasións sobardan amplamente as posibilidades dos medios de extinción”. Ademais, desta grande extensión e intensidade, hai outras características como a ampliación do período de risco e cunha especial afección á interface urbano-forestal. Na presentación ofreceu un mapa que correlaciona o tipo de parroquias cos lumes. Os graves incendios de 2017 concentráronse nas áreas costeiras e periurbanizadas e no rural abandonado, mentres que as principais áreas gandeiras do centro e norte de Galicia, onde hai un maior uso agrario do territorio, foron as menos afectadas.
As causas
Os especialistas apuntan ao cambio climático e ao amoreamento excesivo de combustibles como principais causas. “A influencia do cambio climático estase a demostrar cada vez con máis claridade no incremento da temperatura e a maior frecuencia dos fenómenos extremos que determinaría condicións de ignición e propagación do lume máis adversas”, explicou Díaz-Fierros. Ademais, advertiu que ese cambio do clima marca o que deu chama “cinto do lume” que nace nos Ancares e se estende ata costa.

Ademais, Díaz Fierros destacou a xestión forestal como un factor decisivo. Prodúcese un amoreamento importante do combustible como consecuencia sobre todo do abandono da xestión forestal que se está a sufrir nos últimos tempos nos dous territorios, e isto está a contribuír igualmente a acentuar o risco de aparición de lumes intensos e incontrolables. E deu cifras: “do millón catrocentas mil hectáreas de superficie arborada que se contabilizan, só 300.000 están moderadamente xestionadas”. O resto non ten xestión forestal e, polo tanto, as posibilidades de controlalo son mínimas. Na súa opinión, “Galicia deixou de ser agrícola porque a actividade agraria, que foi tan tradicional é menos do 5% da poboación. Pero si podemos dicir que é un país rural porque o 82% da superficie é rural e hai que conseguir outro tipo de actividade que poida incidir no control do mato e do combustible”.

As solucións
Na publicación tamén se apuntan medidas. “Son medidas con certa modestia porque non se pode pontificar”, apuntou Díaz Fierros. “Cómpre fundamentalmente incentivar unha mellor xestión das explotacións privadas, que en Galicia son o 98 % do total” engadiu. Para facelo propoñen compensacións económicas, ben polo mercado ben pola administración pública, segundo sexan os servizos prestados. “Todo o que se produce no monte cara á comunidade debe ser pagado axeitadamente”, asegurou Díaz Fierros.

Outra das medidas proposta pasa por coñecer o uso real do territorio para poder pór en práctica unha ordenación de usos do territorio realista que, a escala de paisaxe, cree discontinuidades e variedade nas masas forestais que freen a propagación do lume e que por outra parte delimiten e separen con máis claridade os espazos de uso urbano e forestal.

Na súa análise, o ordenamento xurídico nesta materia é suficiente tanto en Galicia como en Portugal pero, na opinión de Díaz Fierros “ o problema é que non se aplica”. Con todo deixa claro que “seguiremos convivindo cos incendios”.