A actividade das empresas culturais galegas segue recuperando o camiño da normalidade tras o impacto da COVID-19. O 66% das empresas deste sector, un 12% máis que en xaneiro, ten xa unha actividade normal. Porén, o sector das artes escénicas segue a ser o máis afectado, cun 20% das súas empresas sen ningunha actividade. Ademais, o terceiro Barómetro da Cultura Galega constata que continúa a descender o número de empresas que adoptan medidas para afrontar as dificultades creadas pola pandemia. Se en xullo de 2020 só o 5% das empresas non adoptaba ningunha medida, seis meses máis tarde, en xaneiro de 2021, era o 34,9%, mentres que en xullo de 2021 son máis da metade, o 50,7%, as que non empregan ningunha medida. As cifras constatan unha redución no teletraballo, que, malia ter unha valoración moi positiva, só se aplica nas empresas que máis facturan e nas do ámbito audiovisual. Outras medidas son os ERTE, que pasan de aplicarse no 38,6% ao 12,7% das empresas, o establecemento de quendas ou modificación do horario laboral (do 27,4% ao 11,3%) ou a redución de actividade (do 36% ao 11%). Pero a medida que experimentou maior caída dende a primeira onda ata a terceira foi o cesamento de actividade da empresa (do 61,4% de xullo do pasado ano ao 4,3% do xullo do presente 2021).
Indicios de recuperación
O terceiro Barómetro da Cultura Galega albisca algún indicio de recuperación na porcentaxe de facturación. “Nos últimos 12 meses reduciuse do 37,6% ao 9% a porcentaxe de empresas que experimentaron caídas de máis do 75% respecto das cifras de 2019. Tamén baixou a porcentaxe das que reduciron a facturación entre o 51% e o 75% e, se na primeira onda só un 5,6% das empresas afirmaban que non viran afectada a súa facturación, esa porcentaxe é agora do 19%” asegura o informe. Con todo, a facturación das empresas nesta primeira metade de 2021 aínda se ve moi afectada pola pandemia. O 75,7% das empresas enquisadas segue a facturar menos que en 2019 e un terzo delas (o 27%) relata perdas de máis do 50% con respecto a aquel ano.
Neste aspecto tamén se aprecia a falta de homoxeneidade do sector. Máis da metade das empresas das artes escénicas rexistraron caídas na facturación superiores ao 50%, porcentaxe que non pasa do 15,9% no sector dos libros e a prensa ou do 22,2% no das artes visuais.
Os problemas máis frecuentes
Dous dos problemas máis citados seguen a ser o cesamento ou caída da actividade da clientela (74,7%) e as dificultades de tesouraría (38%), pero os dous afectan en menor medida neste período analizado, que vai de xaneiro a xullo de 2021. As dificultades para pagar impostos e seguros sociais, os problemas de distribución, a inseguridade xurídica e as dificultades de financiamento son outros problemas que tamén se mencionan pero con menos incidencia. Segundo o informe, só dous problemas están lixeiramente máis estendidos hoxe que en xaneiro: os relacionados cos provedores, como as carencias de subministracións ou os servizos externalizados, e os derivados dos requisitos das medidas de seguridade e hixiene. Dende xaneiro mantense inalterado, en cambio, o terceiro máis citado, as limitacións de capacidade dos locais (32,3%).
O emprego foi un dos indicadores que máis se resentiu desde o inicio da pandemia. Desde marzo de 2020 o 15,3% das empresas da cultura galega tivo que prescindir de traballadores nalgún momento. Os diferentes barómetros permitiron saber que a porcentaxe de empresas que teñen menos empregados que ao principio da pandemia é o 12%. Como era de esperar, a maior destrución de emprego segue a producirse nas empresas das artes escénicas. E aínda quedan empresas con dificultades que teñen que recorrer ao despedimento.
Valoración das medidas de apoio
Nesta terceira edición do barómetro tamén se analizaron as repercusións dos programas de apoio para as empresas da cultura. As máis demandadas son as axudas directas e subvencións a fondo perdido (50,3%), a supresión ou rebaixa de impostos e seguros sociais (44,7%), o incremento do gasto público en produtos e servizos culturais (37,7%) e as axudas fiscais (36%).
Con todo, a realidade deixa tamén outros números. O 64,4% das empresas enquisadas solicitou algunha das axudas públicas e chegou a percibilas máis da metade do total da mostra (53,7%). A un 8,7% fóronlle denegadas e un 2% segue á espera da resolución. Entre as empresas das artes escénicas esta porcentaxe acadou o 74%, mentres que fica en arredor do 51% entre as dos sectores dos libros e a prensa e do audiovisual e multimedia, e sitúase no 46,9% entre as das artes visuais.
Estas axudas son consideradas como moi ou bastante positivas polo 66,7% das empresas do sector, aínda que hai un 23,3% que as xulga como algo negativo. Entre as empresas que recibiron algunha das axudas, as valoracións positivas acadan o 82,6%. En contraste, só o 30% das empresas do sector cultural galego alberga expectativas optimistas con respecto ao posible proveito que poida tirar o sector cultural do futuro repartimento dos fondos europeos que se dedicarán á recuperación económica de España. Esta porcentaxe non pasa do 16% entre as empresas das artes escénicas.
O barómetro tamén recolle a puntuación que as empresas lle dan á acción da Administración. A autonómica é agora a mellor valorada, cun 4,19; seguida da estatal, que queda nun catro; a dúas décimas está a Administración local. Así e todo, ningunha chega ao aprobado.