O Consello da Cultura Galega presenta en podcast a tradución de Xela Arias dos Contos ao teléfono de Rodari

Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2003), a protagonista do Día das Letras Galegas 2021, ten unha conexión ineludible co recoñecido escritor Gianni Rodari. En 1986 colaboraba co seu pai, Valentín Arias, na tradución da popular obra do mestre da fantasía, Contos ao teléfono, para a editorial Juventud. Dese fío tira o Consello da Cultura Galega (CCG) no proxecto “Xela e Gianni”, unha serie de podcast elaborados por Charo Pita que adapta a formato sonoro os textos traducidos por Xela hai vinte e cinco anos. Ademais, este xoves 7 de outubro, o Consello da Cultura Galega e o concello de Sarria ofrecen un contacontos (en dous pases) desta obra para douscentos alumnos de primaria desta localidade.

O Consello da Cultura Galega continúa co ano dedicado a Xela Arias cun acto en Sarria, localidade de nacemento da autora. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, e a secretaria, Dolores Vilavedra, asistiron xunto coas concelleiras de Educación e Cultura, María Eugenia Valcárcel e Reyes Abella respectivamente, a unha actividade pensada para a xente nova. A cita consistiu nun contacontos que tivo lugar na Casa da Cultura para douscentos alumnos de primaria de catro centros desta localidade. Charo Pita foi a encargada de realizar dous pases dun contacontos que bebe do proxecto web “Xela e Gianni”, que pon na rede unha serie de podcast da publicación Contos ao teléfono. Estas dúas accións xuntan a preocupación de Xela polo público infantil e, sobre todo, pola tradución de obras ao galego, labor en que Xela foi unha pioneira. O proxecto, feito coa colaboración dos herdeiros de Gianni Rodari, estará aberto ao público durante un ano.

Especial web
Son doce contos que escolman os contos do libro Contos ao teléfono que o contable Bianchi de Varese inventaba cada noite para contarlle por teléfono á súa filla cando estaba fóra da casa por traballo. Historias curtas que foron traducidas por Xela Arias e o seu pai, Valentín Arias, a finais dos oitenta e que agora Charo Pita adaptou, por encarga do CCG, para formato sonoro.

O especial web conta cunha ilustración realizada por Bea Gregores (Vigo, 1995) e chega acompañado dun texto contextualizador a cargo da profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Montse Pena Presas (Sada, 1981). Nel afirma que “Rodari foi un autor capital para entender, dende outra perspectiva, como se podían traballar os contos na escola, pero tamén como se podía abordar a escrita creativa coa rapazada”. Rodari recibiu en 1970 o Premio Andersen, considerado o “Nobel” da literatura infantil, e foi o mestre da fantasía. Pena tamén destaca que Rodari reivindicou “o lugar fundamental que a imaxinación e a creatividade teñen que ocupar na escola. O estrañamento, o binomio fantástico, a construción de adiviñas, a mestura de historias viñeran por fin para ficar e influír a toda unha xeración de mestras e mestres comprometidos coa renovación pedagóxica”.

Sobre as autoras
Charo Pita (A Coruña, 1966) é unha escritora, narradora oral, actriz e cantante. Recibiu o Premio Espiral Maior de Poesía en 2000 por Desde Arcadia para Govinda; o certame Manuel Murguía de narracións breves no 2018, por Bochorno; e o certame de poesía erótica Illas Sisargas no 2020 por O cuarto de Jane. Como narradora aborda diversas áreas do fabuloso, desde o conto infantil ata o relato erótico ou de terror, e tamén ten feito incursións en montaxes musicais.

Xela Arias é a protagonista deste ano 2021. Tiña 41 anos cando un infarto acabou coa súa vida e truncou unha carreira intensa, complexa, que gravitaba entre a poesía e a tradución. Dicía Ana Romaní na entrada biográfica que se pode consultar no Álbum de Galicia que “o seu nome se pronuncia sen xeración, sen grupo, desas voces singulares, inclasificables, que se constrúen nas marxes dos manuais”.

Desta entrada recollemos unha parte da súa biografía. Nada en Lugo no ano 1962, a súa traxectoria está directamente implicada no devir cultural galego dos anos 80 e 90, como poeta, como tradutora, como activista, como profesional no ámbito da edición. É a maior de cinco irmáns. O seu pai, Valentín Arias, e a súa nai, Amparo Castaño, trasládanse cando Xela ten sete anos a Vigo, cidade onde transcorrerá o resto da súa vida. Realiza estudos de bacharelato, comeza a publicar en xornais e revistas ("Faro de Vigo”, “Jornal de Notícias” de Porto, “Dorna”, “Tintimán”, “Carel”...), participa en recitais poéticos e diversas iniciativas culturais. No ano 1980 comeza a traballar en Edicións Xerais de Galicia, entre os anos 1990 e 1996 é correctora de estilo e editora das coleccións Xerais Universitaria e Biblioteca de Autores Galegos. Despois de once anos de traballo editorial, retoma os estudos e en 1996 licénciase en Filoloxía Hispánica. Nos últimos anos da súa vida exerce a docencia en distintos institutos da comarca viguesa.