NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega completará a edición da Obra de 660 pregos de Martín Sarmiento no 250 aniversario da súa morte

O Consello da Cultura Galega (CCG) recuperará varios proxectos relacionados con Martín Sarmiento no ano en que se cumpre o 250 aniversario da súa morte. Neste 2022 sairán do prelo os dous volumes que faltan da Obra de 660 pregos. Complétanse así os cinco tomos da Colección Medina Sidonia, coeditados co Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), que constitúe a súa obra máis extensa e un dos seus traballos máis significativos. Ademais está en marcha un volume de estudos a cargo de destacados especialistas e un congreso sobre Martín Sarmiento. Toda a información sobre o proxecto e o autor estará a disposición da cidadanía nun espazo web que estará operativo desde outra data significativa, o 9 de marzo, día do nacemento do erudito.

O Consello da Cultura Galega retoma neste 2022 o seu Proxecto Sarmiento, unha iniciativa dirixida por Henrique Monteagudo e pensada para dar a coñecer un dos personaxes máis importantes da cultura española do século XVIII. Sarmiento forxou un dos máis importantes e orixinais legados intelectuais da Ilustración española, ao tempo que sentou os alicerces para o desenvolvemento do galeguismo contemporáneo. No espazo web que o CCG pon a disposición da cidadanía o 9 de marzo, a coincidir coa data do seu nacemento, xúntase información biográfica con publicacións e materiais escritos por el ou sobre el. O seu inxente legado aborda ámbitos que van desde a botánica á xeografía, filoloxía, historia, economía ou a antropoloxía.

Arredor da súa figura e o seu legado, o Consello da Cultura Galega está a preparar un congreso que se desenvolverá en Santiago no mes de novembro no que se presentarán os cinco volumes completos de Obra de 660 pliegos: De historia natural y de todo género de erudición. Dous dos volumes son os que se están a rematar neste 2022 mentres que os outros tres viron a luz en 2008. Tamén está en marcha un destacado volume de estudos que se editará en 2023 e que pretende ofrecer novas lecturas sobre o autor desde perspectivas multidisciplinares e a cargo de recoñecidas figuras.

A obra dos 660 pliegos
A Obra de 660 pliegos, subtitulada como De historia natural y de todo género de erudición é unha especie de compendio dos intereses temáticos do autor e un dos seus traballos máis significativos. Na obra abórdanse asuntos como a historia natural, a economía, a educación e tamén a agricultura ou as orixes da poesía. Sarmiento traballou nela durante case catro anos, e de aí a súa descomunal extensión na que toca practicamente todos os moitos asuntos de que se ocupou ao longo da súa vida. Nela amósase o seu característico estilo discursivo, co que vai abordando unha grande variedade de asuntos sen orde nin designio particular. De feito, ao final Sarmiento produciu unha especie de compendio no que volve sobre grande parte dos temas que tocara en escritos previos, repetindo, revisando e rectificando informacións e puntos de vista previamente expresados. O resultado é unha especie de enciclopedia sarmentina, unha suma oceánica de saberes.

Desta inxente obra extractáronse algunhas partes que circularon de forma independente e ás veces incluso chegaron aos prelos, ás veces con títulos propios, como Jardín medicinal de pobres ou La educación de los niños. Os estudosos de Sarmiento citan con frecuencia os 660 pregos, de onde obtiveron información precisa sobre a súa vida, obra e pensamento.

A copia da Obra de 660 pregos ocupa cinco grosos, numerados do XIII ao XVII, que forman parte da compilación máis amplia e de mellor calidade dos escritos de Martín Sarmiento, coñecida como Colección Medina Sidonia. Esta constaba inicialmente de 17 tomos, aos que postumamente se lle engadiron algúns materiais que conformaron un ou dous máis. Na actualidade os catro primeiros tomos dos 660 Pregos (XIII, XIV, XV y XVI) custódianse na súa ubicación orixinal, o Arquivo da Fundación Casa Medina Sidonia, situado en Sanlúcar de Barrameda (Cádiz), mentres que o último se garda no Museo de Pontevedra.