Noticias

Proxecto Sarmiento. Rexistros1 a 3 de 3
08/03/2025

Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebra

Cóscara, abelleira, saltasebes, ourego bravo, balsamina, seixebra son moitas as denominación que Martín Sarmiento (1695-1772) documentou sobre este vexetal frecuente en Galicia e que ten virtudes para curar enfermidades do bazo e outras doenzas. Todas elas están recollidas en Martín Sarmiento: Discurso crítico-botánico sobre el vegetable gallego Seixebra publicación inédita do frade que ultima o Consello da Cultura Galega (CCG). Co gallo do terceiro Día do Naturalismo, que se celebra o 9 de marzo por coincidir no día do nacemento de Sarmiento, o CCG ofrece un avance deste texto xunto cunha reprodución da ilustración da planta.
07/03/2023

Completada a edición da obra cimeira de Martín Sarmiento

O Museo de Pontevedra acolleu este martes a presentación dun proxecto longamente acariñado polo Consello da Cultura Galega (CCG). Trátase da culminación da edición De historia natural y de todo género de erudición. Obra de 660 pliegos, obra cimeira que contén o pensamento de Martín Sarmiento que foi realizada en colaboración co Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC). A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey, presentaron os cinco volumes deste proxecto, que naceu en 2002 baixo a coordinación de Henrique Monteagudo. O investigador e María Álvarez Lires explicaron a relevancia desta edición, que permite poñer á disposición pública o pensamento dunha figura sobranceira do Século das Luces.
08/03/2022

O Consello da Cultura Galega completará a edición da Obra de 660 pregos de Martín Sarmiento no 250 aniversario da súa morte

O Consello da Cultura Galega (CCG) recuperará varios proxectos relacionados con Martín Sarmiento no ano en que se cumpre o 250 aniversario da súa morte. Neste 2022 sairán do prelo os dous volumes que faltan da Obra de 660 pregos. Complétanse así os cinco tomos da Colección Medina Sidonia, coeditados co Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), que constitúe a súa obra máis extensa e un dos seus traballos máis significativos. Ademais está en marcha un volume de estudos a cargo de destacados especialistas e un congreso sobre Martín Sarmiento. Toda a información sobre o proxecto e o autor estará a disposición da cidadanía nun espazo web que estará operativo desde outra data significativa, o 9 de marzo, día do nacemento do erudito.