"A aventura americana". Francisco Díaz-Fierros
Ramón Fernández Higueras (1907, Rosario-Argentina – Ribadeo, 1990) definíase como “hijo de la emigración. Soy mitad sudamericano y mitad europeo, más español que europeo, mucho más gallego… y un enamorado de Ribadeo”. Estudou Enxeñaría Química en Liexa (Bélxica) e Electromecánica en Grenoble (Francia). Cando volveu a España estivo moi relacionado con La Barraca, mesmo substituíu a García Lorca na dirección do grupo de teatro cando actuou en Barcelona en abril de 1936. Pasou a Guerra Civil en Ribadeo e volveu a Arxentina en 1949, onde residiu e traballou ata a súa xubilación, despois da cal pasou a vivir o resto dos seus días en Ribadeo.
Con grandes habilidades para a pintura e a cerámica, así como cunha gran cultura froito das súas numerosas viaxes e lecturas, en 1946 realizou un amplo mural dedicado a “la aventura americana de mis padres Antonio y Alejandra” na casa que construíran en Ribadeo, na rúa de San Roque, e que hoxe constitúe un dos exemplos máis notables da arquitectura indiana desta vila.
Este mural é un dos escasísimos exemplos que existen en Galicia dunha evocación plástica dedicada á memoria da emigración. Cobre as paredes dun amplo comedor e en cada un dos paneis recréanse diferentes aspectos da vida de D. Antonio Fernández, co tempo, recoñecido empresario téxtil en Rosario. É unha pintura formalmente realista pero cunha composición libre e, sobre todo, moi impregnada dun forte simbolismo.
O primeiro panel fala da prematura saída de Antonio Fernández do seminario de Mondoñedo, onde querían seus pais que se formase. A catedral, unha carrilana en marcha e as paisaxes da mariña luguesa constitúen as referencias plásticas fundamentais, nun diálogo estético que rememora os tempos mozos do futuro emigrante.
O segundo, xa en tons máis cálidos que o anterior, recolle xa a chegada do barco ao peirao do Río da Prata, con gaivotas polo aire e os emigrantes embarcando nas pequenas lanchas que os levarían á terra. Este panel xunto co anterior son os que teñen máis calidade estética de todo o conxunto.
Os outros dous paneis están xa referidos en clave idealista aos países americanos. Nun deles, a vexetación luxuriante, aves fantásticas e un indiano co seu traxe branco, sombreiro de ala ancha e habano na boca son os elementos típicos que definen o exotismo e carácter destas terras. O último dos paneis é puro simbolismo do continente austral, no que as poboacións indíxenas, as paisaxes dun ambiente quente e as construcións tradicionais da contorna teñen, ao lonxe, o contrapunto dunha próspera cidade de grandes edificios construídos na beira dun mar de intensos azuis.
Podes atopar máis información sobre a campaña de recollida das coleccións particulares dos nosos emigrantes. PROXECTO DE RECUPERACIÓN DOCUMENTAL E FOTOGRÁFICA DA EMIGRACIÓN GALEGA do Consello da Cultura Galega. Arquivo da Emigración Galega