Ángeles Alvariño González

----

Ángeles Alvariño González

1916 Ferrol | 2005 San Diego
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Ángeles Alvariño González

1916- Ferrol | 2005 San Diego
Experta internacional no estudo do zooplancto mariño Ángeles Alvariño describiu vinte dúas novas especies de zooplancto mariño e foi considerada unha autoridade mundial en tres grupos de organismos do mar, os quetognatos (Filum Chaetognatha), os sifónoforos (Orde Siphonophora) e as hidromedusas (da Clase Hydrozoa). Como muller formou parte do grupo de científicas pioneiras en Galicia e en España na Oceanografía biolóxica. A súa carreira científica acadou a excelencia polo acceso a centros de investigación estranxeiros de vangarda.

Formación e percorrido profesional

Cando naceu en Serantes esta localidade era un concello con entidade propia, que en 1940 pasaría a integrarse no de Ferrol. En 1927 creouse o Instituto Concepción Arenal na cidade departamental e Alvariño ingresou nel en xuño de 1928 para realizar os estudos secundarios. Acadou o título de Bacharelato en 1933, na Universidade de Santiago de Compostela.

En 1934 comezou os seus estudos na Universidade de Madrid. Pretendía cursar Medicina pero o seu pai, médico, opúxose e estudou Ciencias Naturais. Viviu na Residencia de Estudiantes e aproveitouse do seu estimulante ambiente cultural. Esa situación viuse interrompida polo peche das aulas a causa da sublevación militar contra a República e a conseguinte Guerra Civil (1936-1939). Volveu para Ferrol e dedicou o tempo de parálise académica a aprender idiomas estranxeiros. Casou en 1940 con Eugenio Leira Manso, capitán da Mariña de Guerra que se sumara ao bando fascista na contenda, na que sufrira un grave suceso, pois formaba parte da tripulación do cruceiro Baleares, fundido por destrutores republicanos en 1938. Unha vez que volveu a actividade á Universidade de Madrid, Alvariño continuou cos seus estudos, licenciándose en 1941. Retornou a Ferrol e ata 1948 impartiu docencia de Ciencias Naturais en centros de educación secundaria da cidade. Ese ano trasladouse coa familia a Madrid e iniciou a súa carreira investigadora como bolseira no Instituto Español de Oceanografía (IEO), formando parte da segunda xeración de oceanógrafas españolas (Pérez-Rubín & Wulff, 2006).

En 1952 foi nomeada axudante de laboratorio con destino no Laboratorio do IEO en Vigo (González-Garcés Santiso; Lens Lourido & Tenreiro López, 2011). A carreira profesional de Alvariño deu un paso decisivo cando en 1953 recibiu una bolsa do British Council para realizar investigacións sobre zooplancto no Laboratorio de Bioloxía Mariña de Plymouth, Inglaterra. Alí durante dous anos traballou co salientable biólogo mariño Frederick Stratten Russell no estudo de diferentes grupos do zooplancto (quetognatos, medusas, sifonóforos e ctenóforos). Dese xeito iniciou o camiño que a levaría a converterse nunha experta mundial neses grupos do zooplancto e no do ictioplancton (ovos de larvas de peixes). Como resultado dese labor publicaría en 1955 “Zooplankton investigations”, no Report of the Council. Journal Mar. Biol. Assoc. U. K.. Atribúeselle o feito de ser a primeira científica que traballou a bordo de buques de exploración británicos.

En 1955, ao remate da bolsa en Plymouth, volveu ao Laboratorio de Vigo. Continuou co estudo do plancto e comezou a deseñar e fabricar redes de plancto, que pasaba aos barcos pesqueiros e aos buques de investigación para a recollida de mostras. Iso permitiulle estudar o zooplancto do Atlántico ibérico, do Mar Mediterráneo e de Terranova. Asemade, realizou estudos sobre o contido estomacal do bacallau e outras especies. Os seus primeiros traballos de investigación apareceran no Boletín do IEO entre 1951-1957. Os dous primeiros, de 1951, tratan sobre “Incrustaciones marinas” e “Angulas y anguilas”. Coa excepción do asinado en 1956 sobre “La merluza, el bacalao y especies afines”, o resto da súa produción xa estaría centrada no estudo do zooplancto. A última publicación co IEO, en Trabajos del Instituto Español de Oceanografía, cando xa traballaba en EEUU, sería a excelente monografía “Los quetognatos del Atlántico, distribución y notas esenciales de sistemática” (1969).

O principal grupo biolóxico no que focalizaba as súas pescudas, os quetognatos, son seres que posúen un interese especial debido á súa utilización como indicadores de determinadas condicións ambientais e pesqueiras e en EEUU se atopaban os principais expertos na materia. Por iso alí marcharía Alvariño para completar a súa formación. Obtivo unha bolsa da Fundación Fulbright para ir traballar ao Woods Hole Oceanographic Institute (Massachusetts), onde colaborou durante os anos 1956 e 1957 con Mary Sears, zooplanctóloga experta en sifonóforos e presidenta do Primeiro Congreso Internacional de Oceanografía. Posteriormente Sears recomendaríaa a Roger Revelle, director da Scripps Institution of Oceanography (Universidade de California, La Jolla). Nesa institución traballou desde 1958 ata finais de 1969, período no que obtivo bolsas de estudo da U.S. Office of the Navy, da California Cooperative Oceanic Fisheries Investigations e da U.S. National Science Foundation. Estableceuse en La Jolla (barrio acomodado de San Diego), uníndose o seu marido en 1967 ao retirarse da Mariña. En 1966 obtivo a cidadanía norteamericana.

Na Scripps estudou miles de mostras planctónicas obtidas nos océanos Atlántico, Pacífico e Índico. Abundaban as procedentes da área de California, pois desde 1950 naquelas augas realizábanse mostraxes mensuais de plancto, motivados pola desaparición dous anos antes da sardiña de California e da industria conserveira rexional. A esa institución dedicou unha nova especie (Sagitta scrippsae), útil indicadora das augas frías procedentes do Norte (Corrente de California). Asemade, foi unha das primeiras mulleres en publicar un artigo no acreditado Bulletin da Scripps: “Two new Pacific Chaetognaths: their distribution and relationship to allied species” (1962). O material de estudo recollido entre 1952-1965 daría lugar a un singular traballo, o xa sinalado “Los quetognatos del Atlántico, distribución y notas esenciales de sistemática” (1969), polo que obtivo o doutorado en Ciencias (sección Biolóxicas) pola Universidade de Madrid en 1967. Nel estudou material recollido entre 1952-1965, describiu unha trintena de especies, incluíndo a revisión dos caracteres morfolóxicos esenciais das mesmas, ilustracións e notas complementarias sobre os diferentes estados de madurez sexual.

En 1970 ingresou noutro prestixioso instituto de investigación de California: o Southwest Fisheries Center (SWFSC), que forma parte do National Marine Fisheries Service, ponla da National Oceanic and Atmospheric Agency (NOAA). Alí xubilouse en 1987, se ben pasou á categoría de científico emérito e puido continuar coas súas pescudas. Nese período realizou diversas estadías como profesora asociada ou visitante nas universidades Autónoma de México, Federal de Paraná (Brasil), San Diego e no Instituto Politécnico mexicano. A investigación de Alvariño centrouse na distribución xeográfica e na ecoloxía do zooplancto, especialmente a distribución de quetognatos e sifonóforos nos océanos Pacífico e Antártico, e nas relacións entre o zooplancto e o medio ambiente mariño. Examinou os efectos da depredación do zooplancto sobre a supervivencia de larvas de peixes e o impacto da pesca. Identificou especies que teñen un valor como indicadoras de correntes oceánicas e doutros elementos da dinámica oceánica. Tamén estudou o transporte artificial do plancto en novas áreas do océano. Entre 1977 y 1979 coordinou a investigación oceánica dos países hispanoamericanos. En diferentes momentos da súa actividade profesional sentiuse discriminada laboralmente por razóns de xénero (Fraga Vázquez, 2018).

Ángeles Alvariño foi distinguida coa Medalla de prata de Galicia no ano 1993. A Universidade de A Coruña dedicoulle a Semana das Ciencias en 2005 e o Concello de Ferrol rendeulle unha homenaxe póstuma no Campus de Esteiro, onde se descubriu unha placa conmemorativa na súa honra. No ano 2012 o Instituto Español de Oceanografía (IEO), construíu un novo buque oceanográfico ao que lle puxo como nome “Ángeles Alvariño”.

Síntese do seu labor científico

Publicou uns cen traballos científicos orixinais en revistas como Pacific Science, Bulletin Scripps Institution, Calcofi Atlas e o Boletín do Instituto Español de Oceanografía.

Das vinte dúas especies novas que describiu, doce corresponden aos quetognatos, nove aos sifonóforos e unha a unha nova medusa. Asemade, estableceu a distribución tridimensional de varias especies de quetognatos e sifonóforos no ámbito mundial. Os seus colegas puxeron o seu nome a dous novos exemplares planctónicos, o quetognato Aidanosagitta alvarinoae (Pathansali, 1974) e a hidromedusa Lizzia alvarinoae (Segura, 1980).

Nos seus últimos anos de vida realizou un esforzo especial para reivindicar o pasado científico de España publicando España y la primera expedición científica oceánica (1789-94). Unha obra patrocinada pola Xunta de Galicia na que estudaba a expedición Malespina, sinalando a súa prioridade histórica, fronte á de James Cook, no terreo das expedicións científicas mariñas.

Juan Pérez de Rubín e Enrique Wulff ofrecen un balance das actividades científicas de Alvariño (Pérez-Rubín & Wulff Barreiro, 2011). Nas conclusións dese estudo subliñan, segundo a análise realizada sobre a plataforma Thomson-Wok, o seu grande impacto na bibliografía internacional, manifestado nunha media de 8,8 citas anuais, repartidas en diferentes aspectos relacionados coas especies predadoras do plancto e a súa incidencia sobre os ovos e larvas dos peixes.



Bibliografía:




Fontes impresas:

A produción científica de Alvariño pode consultarse en:
PÉREZ-RUBÍN, J. & WULFF BARREIRO, E. (2011): Ángeles Alvariño (1916-2005): la pionera de la oceanografía española de mayor proyección internacional, Cobos Bueno, J.M.; Pulgarín Guerrero, A. & Ausejo, E. (Eds.), X Congreso de la Sociedad Española de Historia de las Ciencias y de las Técnicas. Encuentro Internacional europeo-americano 2008, Badajoz: Sociedad Española de Historia de las Ciencias y de las Técnicas; p. 255-268.


Bibliografía secundaria:

FRAGA VÁZQUEZ, X. A. (2018): A denuncia da salientable científica Ángeles Alvariño (1916-2005) sobre discriminación profesional por razóns de xénero nos anos setenta do século XX en Estados Unidos de América, Cornide. Revista do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, n.1: 245-269.

GONZÁLEZ-GARCÉS SANTISO, A.; LENS LOURIDO, S. & TENREIRO LÓPEZ, U. (2011): Historia del Centro Oceanográfico de Vigo. Los primeros años: 1917-1974, Glaucopis. Instituto de Estudios Vigueses, 16: 143-206.

PÉREZ-RUBÍN, J. & WULFF, E. (2006): The pioneering women in the spanish marine and freshwater scientific research effort (1923-1969), Actas del IX Congreso de la SEHCYT (Cádiz, 27- 30/9/2005),, II: 1097-1107.

PÉREZ-RUBÍN, J. & WULFF BARREIRO, E. (2011): Ángeles Alvariño (1916-2005): la pionera de la oceanografía española de mayor proyección internacional, Cobos Bueno, J.M.; Pulgarín Guerrero, A. & Ausejo, E. (Eds.), X Congreso de la Sociedad Española de Historia de las Ciencias y de las Técnicas. Encuentro Internacional europeo-americano 2008, Badajoz: Sociedad Española de Historia de las Ciencias y de las Técnicas; p. 255-268.

PÉREZ-RUBÍN FEIGL, J. (2015): La oceanógrafa Ángeles Alvariño (1916-2005): Desde Galicia para el mundo, Revista da Real Academia Galega das Ciencias, XXXIV: 5-60. Santiago de Compostela.

SMITH, P. E. & BRINTON, Ed. (2005): In Memoriam. Ángeles Alvariño (1916–2005). CalCOFI Systematist and Biological Oceanographer Dies, CalCOFI Rep., 46: 4.

Publicacións nas que participou Ángeles Alvariño González

Portada de  Álbum da ciencia
LIBRO

Álbum da ciencia

: 30 nomes e as súas achegas

Materiais de Ángeles Alvariño González

Documento. Artigo

GUITAR NOVO, Susana: «O arquivo persoal de Ángeles Alvariño: un océano para explorar» (2022).

Artigo publicado en Memoria documental en Galicia: As mulleres, a información e os centros da memoria. Actas das xornadas organizadas pola Fundación Olga Gallego e por BAMAD-Galicia, Santiago de Compostela, os días 1 e 2 de abril de 2022
Documento

Produción científica de Ánxeles Alvariño

Produción científica de Ánxeles Alvariño