Miguel Gil Casares

----

Miguel Gil Casares

1871 Santiago de Compostela | 1931 Santiago de Compostela
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Miguel Gil Casares

1871- Santiago de Compostela | 1931 Santiago de Compostela
Mestre universitario e recoñecido clínico, especializado en cardioloxía e tisioloxía Fillo do catedrático de física Ramón Gil Villanueva e neto do químico Antonio Casares, estudou o bacharelato no Instituto de Santiago entre os anos 1881 e 1886, graduándose con sobresaínte, e seguiu os estudos de Medicina na súa cidade natal. Obtivo o premio extraordinario da licenciatura en 1893 e nese mesmo ano outorgóuselle o premio Urquijo. En 1894 doutórase na Universidade Central diante dun tribunal presidido por Julíán Calleja, que cualificou a súa tese con sobresaínte. Ampliou estudos en Alemaña cos mellores mestres da súa especialidade, e fixo frecuentes viaxes de actualización por Francia, Suíza, Alemaña, Inglaterra e os Estados Unidos.

Por Real Orde de 12 de Marzo de 1894 foi nomeado, por méritos, profesor clínico da Facultade de Medicina de Santiago e, ao ano seguinte, auxiliar gratuíto da mesma facultade como axudante de Técnica anatómica, cargos nos que é confirmado en propiedade por oposicións en 1895 e 1897. Tamén por oposición consegue en 1897 a cátedra de Enfermidades da infancia que rexenta durante catro anos, xa que por concurso pasou á de Patoloxía e Clínica médica que atendeu durante 30 anos, ademais de actuar durante un bienio como encargado da de Otorrinolaringoloxía.

Alternaba a súa cátedra co exercicio da medicina no Hospital Real e no seu consultorio particular, sendo médico da Beneficencia Provincial dende o 31 de maio de 1900. Foi o impulsor do Congreso Antituberculoso de A Toxa no ano 1925, do que se derivaría a construción do Sanatorio da Lanzada (Pontevedra), rexido por un padroado que Gil presidiu. Foi senador do Reino pola Universidade de Santiago en dúas ocasións, 1921 e 1923. O Instituto Rubio concedeulle o título de profesor honorario en 1918, e o Concello de Santiago no ano 1923 nomeouno fillo predilecto. Cando no ano 1919 se forma na Coruña o Comité Organizador en Galicia do I Congreso Galaico-Americano, Gil Casares intégrase na comisión santiaguesa con Cabeza de León e Barcia Caballero. No ano 1928 representou a España no Congreso Internacional de La Habana sobre a emigración.

Rexionalista de ideas conservadoras, cando en 1916 se constituíron en Compostela as Irmandades da Fala, foi elixido Conselleiro 3°. Politicamente maurista, lideraba na sombra, segundo Gurriarán (2006), o grupo conservador ligado ao galeguismo rexionalista da universidade compostelá.

A súa primeira publicación é a tese Del hematocele yusta-uterino (Gil Casares, 1894), na que se fai unha análise das causas que provocan a afección, un estudo do mecanismo de desenvolvemento, froito das súas experiencias con cadáveres, e unha valoración dos tratamentos posibles, analizando especialmente as distintas posibilidades cirúrxicas.

Foi un dos primeiros clínicos que en España sostivo o concepto de non contaxio da tise e a lepra en Galicia, publicando a obra La herencia y el contagio de la tuberculosis pulmonar y de la lepra en Galicia (Gil Casares, 1912a), que pode consultarse na Biblioteca da Real Academia Galega. Segundo Cerdeira (1895), tamén foi pioneiro en Galicia no emprego do soro antidiftérico que trouxera de Alemaña. Centrándose no tema da tuberculose fixo varios traballos, destacando El neumotorax artificial en la tuberculosis pulmonar(Gil Casares, 1929), técnica que introduciu en Galicia segundo González (1985), e no que describe o instrumental e a sinxela técnica por el empregada, dunha forma moi gráfica e detallada. Tamén destacan: Resultado del tratamiento con las inyecciones intravenosas de NaF en la tuberculosis pulmonar, publicado en 1910, e Las oscilaciones espontáneas y provocadas de la temperatura en los tuberculosos (Gil Casares, 1912b), libro que pode localizarse na Biblioteca Penzol de Vigo, no que especifica a técnica termométrica, a importancia da febre como síntoma de diagnose e o interese da físico-química do sangue ao recomendar un réxime hixiénico-dietético e prescribir a medicación.

Tamén publica El clima de las costas gallegas como recurso terapéutico, y especialmente el de La Toja (Gil Casares, 1913a), comunicación presentada no IX Congreso Internacional de Hidrología, Climatología y Geología, en Madrid, na que defende a eficacia do clima marítimo de Galicia, especialmente para os casos de escrófulo-tuberculose infantil, aínda que sinala que está contraindicado para a tuberculose pulmonar. Publicou así mesmo toda unha serie de importantes traballos sobre o tema da tuberculose presentados no congreso nacional da tuberculose en Zaragoza (1908) e nos internacionais de Barcelona (1910) e San Sebastián (1912). Realizou importantes contribucións sobre o tema nas sesións científicas da Liga Popular contra la Tuberculosis, en Madrid no ano 1912, e no I Congreso de la lucha antituberculosa en Galicia, celebrado en Mondariz en 1925.

Realizou notables experimentos sobre cardioloxía, ideando e construíndo en 1919 o palógrafo, aparato polígrafo de uso sinxelo que Gil Casares patentou e que chegou a venderse en serie. Baseado nun sistema mecánico-fotográfico, rexistraba os impulsos do ápex cardíaco e as pulsacións das arterias e da vea xugular. Colocaba unha campá sobre a parte pulsátil e os impulsos transmitíanse a unha columna de éter ou acetona que por efecto dos mesmos oscilaba, sendo rexistrada sobre un papel fotográfico que xiraba nun tambor a sombra producida por un raio de luz que cruzaba tanxencialmente o mecanismo oscilante. Obtíñase deste modo unha gráfica útil no estudo da actividade mecánica do corazón, arterias e veas. Esta idea ten precedentes nos esfinguinógrafos de Marcy e de Dudgeon e no polígrafo de Mackenzie, 1853-1925, residindo o seu mérito nas modificacións e adaptacións do sistema, pero cómpre salientar criticamente que mentres en Galicia se comezaba a traballar co palógrafo en 1918, dende 1915 xa existían electrocardiógrafos Cambridge repartidos por todo o mundo.

O primeiro traballo no que Gil Casares daba conta deste invento foi o enviado ao Instituto Médico Valenciano, concorrendo ao Premio Röel de 1918: Un nuevo método registrador del pulso(Gil Casares, 1918a). Este texto foi a base da conferencia impartida diante da Academia Nacional de Medicina, no Instituto Rubio de Madrid o 1º de marzo de 1918, titulada Método palográfico para el examen de los fenómenos pulsátiles de la circulación, e publicada baixo o título Sobre un nuevo método fotográfico para el examen del pulso (Gil Casares, 1918b). Da práctica e experiencia deste método fixo múltiples publicacións, destacando Manual de palografía fisiológica y clínica (Gil Casares, 1924), ao que a crítica alemá lle tributou unha homenaxe por medio do eminente profesor Krehl, de Heidelberg, e que foi recollido no Boletín de la Asociación de Cooperación Intelectual de la Sociedad de Naciones como unha das obras máis notables publicadas no mundo en 1924. Outro interesante traballo é Sobre la génesis del ruído del galope (Gil Casares, 1925), no que defende a existencia dun palograma específico do ruído de galope do corazón e dá as súas características. Ao remate deste libro pode consultarse unha ampla bibliografía sobre o método palográfico.

Gil Casares é autor doutras moitas monografías e do capítulo “Enfermedades de los bronquios, de los pulmones y de la pleura” no Manual de Medicina Interna de Teófilo Hernando e Gregorio Marañón (Madrid, 1913 e 1925). No ano 1928 estaba traballando nun libro titulado Manual de las enfermedades del corazón y de los vasos, que todo indica que ficou inédito. Unha relación case completa das súas obras e artigos pode atoparse en Couceiro Freijomil (1951-54).

Traduciu do alemán ao español tres obras moi consultadas: Manual de medicina interna, de Von Mering e Krehl, publicada en Santiago en 1903 e que alcanzou máis de once edicións; Diagnóstico y tratamiento de las enfermedades del estómago, de Boas; e Diagnóstico médico, de Vierordt. Colaborou en moitas e diferentes revistas científicas: Archives de medicine des Enfants, Fortschritte auf dem Gebiete der Rontgenstrablen, Deutsch mod. Vochenschriet, Archives de Maladies du Coeur, Rev. Médica de Hamburgo, La terapéutica del clínico, La Medicina Social Española, El Siglo Médico, Rev. Española de Medicina y Cirugía, Unión Médica, Arch. de Hematología y Cardiología, La Medicina Germano-Hispano-Americana, Rev. Ibero-Americana de Ciencias médicas, e Medicina Ibera. Tamén deixou artigos e traducións do alemán na Revista de la Academia Medico-Quirúrgica Compostelana durante 1895-96 e no Boletín de Medicina y Cirugía, 1899-90.

Pertenceu á dirección científica da Revista Médica Gallega alá polo ano 1925, e foi un ameno divulgador de temas profesionais, ben na sección de Novedades médicas dalgunha das revistas citadas, ou ben ao través de numerosas conferencias, algunha das cales foron publicadas, como Historia clínica de la Dama de las Camelias, editada en Santiago no 1908. Entre os seus artigos quizais cómpre salientar pola súa orixinalidade El tratamiento por la luz. (Fototerapia), (Gil Casares, 1901) que escribiu sendo director do gabinete de electroterapia e raios Röentgen, acadando ademais un importante protagonismo nos inicios da radioloxía en Compostela e na instalación dos raios X no hospital clínico da cidade.

Gil Casares dominou os coñecementos máis modernos de cardioloxía e tuberculose, temas preferentes sobre os que ditou conferencias nas universidades de Lyon, Burdeos, e La Habana, na Unión Médica de Berlín, no Hospital Universitario de Londres e en varias clínicas e sociedades médicas parisinas e de New York.



Bibliografía:




Fontes impresas:

GIL CASARES, M. (1894): Del hematocele yusta-uterino, Madrid: Tip. Ricardo Fé.

GIL CASARES, M. (1895): Novedades Médicas, Revista de la Academia Médico-Quirúrgica Compostelana, 9: 131-132.

GIL CASARES, M. (1901): El tratamiento por la luz (Fototetapia), Revista Médica Gallega, 9: 418-428.

GIL CASARES, M. (1902): Las Nociones zoológicas y patogenésicas que hoy tenemos de los hemosporidios maláricos concuerdan con cuantos Sydenham y Bretonneau formularon acerca de las oportunidades de tiempo, dosis e insistencia respecto de la administración de la quina y sus derivados?, Zaragoza: Real Academia de Medicina. [Memoria laureada co primeiro premio do Dr. Gari, 1901].

GIL CASARES, M. (1908): Tratamiento de la tuberculosis pulmonar con inyecciones intravenosas de disolución de fluoruro sódico, Santiago: Tip. El Eco de Santiago. [Primer Congreso Nacional de Tuberculosis. Zaragoza].

GIL CASARES, M. (1910): La percusión de los vértices pulmonares según Krönig en el diagnóstico de la tuberculosis, Santiago: Tip. El Eco de Santiago. [Primer Congreso Español Internacional de la Tuberculosis en Barcelona].

GIL CASARES, M. (1912a): La herencia y el contagio de la tuberculosis pulmonar y de la lepra en Galicia, Santiago: Tip. El Eco de Santiago.

GIL CASARES, M. (1912b): Las oscilaciones espontáneas y provocadas de la temperatura en los tuberculosos, Santiago: El Eco de Santiago.

GIL CASARES, M. (1913a): El clima de las Costas Gallegas como recurso terapéutico, y especialmente el de La Toja, Bilbao: Imp. Eléxpuru Hnos.

GIL CASARES, M. (1913b): La tuberculosis en Galicia : ¿por qué aumenta?, Suevia. Revista Gallega Regionalista, 9: 13.

GIL CASARES, M. (1918a): Un nuevo método registrador del pulso, Valencia: E.M.V. [Separata de Policlínica : Revista de Medicina, Cirugía y Especialidades, 65].

GIL CASARES, M. (1918b): Sobre un nuevo método fotográfico para el examen del pulso : Conferencia de extensión cultural médica dada el 1º de marzo de 1918 en la Real Academia Nacional de Medicina, Madrid: Imp. Suc. de E. Teodoro.

GIL CASARES, M. (1918c): Historia clínica de la dama de las camelias, Santiago: El Eco de Santiago.

GIL CASARES, M. (1919a): Estudio palográfico del esfuerzo ventricular y del pulso arterial. Conferencia, Santiago: El Eco Franciscano. [I Congreso Nacional de Medicina].

GIL CASARES, M. (1919b): Sobre algunas particularidades interesantes de los cardiogramas y arteriogramas palagráficos, Santiago: El Eco Franciscano.

GIL CASARES, M. (1924): Manual de palografía fisiológica y clínica, Madrid: Ruíz Hnos.

GIL CASARES, M. (1925a): Sobre la génesis del ruído del galope, Madrid: Artes Graf. Plus Ultra S.A. [Sep. da Rev. Ibero-Americana de Ciencias Médicas].

GIL CASARES, M. (1925b): La Profilaxis de la tuberculosis desde los puntos de vista del contagio y de la herencia, [Primer Congreso de la Lucha Antituberculosa en Galicia], Santiago: Tip. El Eco Franciscano,.

GIL CASARES, M. (1927): El galope del corazón, Barcelona [Sep. da Revista Española de Medicina y Cirugía].

GIL CASARES, M. (1928a): Síncope, shock y colapso, Barcelona [Separata de Revista Española de Medicina y Cirugía].

GIL CASARES, M. (1928b): Crónicas de un viaje a La Habana, Santiago: Tip. El Eco Franciscano.

GIL CASARES, M. (1929): El neumotórax artificial en la tuberculosis pulmonar, Barcelona: Manuel Marín.

GIL CASARES, M. (1929-30): Sobre la pluralidad de los tonos del corazón, Gaceta Médica Española [Separata do libro homenaxe ao Dr. Goyanes].

GIL CASARES, M. et al. (1923): “O problema do galego”, Rexurdimento, 2ª época, febreiro 1923, pp.: 72.


Bibliografía secundaria:

ANONIMO (1928): Gil Casares, Boletín oficial del Colegio de Practicantes de Santiago, 4.

CERDEIRA, A. (1895): Revista de la Academia Médico-Quirúrgica Compostelana, 8: 115-118.

COUCEIRO FRElJOMIL, A. (1951-55): Diccionario bio-bibliográfico de escritores, II: 161-163, Santiago: Imp. Paredes.

GONZÁLEZ GARCÍA, C (1985): “Don Miguel Gil Casares: señor de la Medicina”, El Correo Gallego, 28-04-1985.

GURRIARÁN, Ricardo (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940). Santiago: Universidade.

PONTE, F. e POSSE, L. (2010): Miguel Gil Casares: Señor de la Medicina, Cuadernos de Atención Primaria, 17: 81-83.

PONTE, F., REGO, I. e GONZÁLEZ, S. (2011): Alfonso XIII y Miguel Gil Casares: En los inicios de la Radiología en Compostela, Cuadernos de Atención Primaria, 18: 259-262.

Publicacións nas que participou Miguel Gil Casares

Portada de  Álbum da ciencia
LIBRO

Álbum da ciencia

: 30 nomes e as súas achegas