Antonio Casares Rodríguez

----

Antonio Casares Rodríguez

1812 Monforte de Lemos (Lugo) | 1888 Santiago de Compostela
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Antonio Casares Rodríguez

1812- Monforte de Lemos (Lugo) | 1888 Santiago de Compostela
O nome da moderna Química en Galicia O seu pai, José, boticario, era un coñecido progresista en Monforte. As posibilidades económicas da súa familia e o espírito traballador e curioso de Antonio, posibilitaron que tralos estudos elementais en Monforte, puidera desprazarse en 1826 a estudar a Valladolid, onde se matriculou en Física experimental e Química e recibiu o título de Bacharel en Filosofía no ano 1827.

Formación e primeiros pasos profesionais

Marchou a Madrid a cursar Farmacia. Durante o curso 1829-30 estudou en Madrid Historia Natural, e no 1831-1832 Mineraloxía no Real Museo de Ciencias Naturais de Madrid. Nese mesmo ano de 1832, logrou o título de Bacharel en Farmacia no Colexio de San Fernando, no que acadou o grao de Licenciado no 1836. Desta época son as súas primeiras publicacións: sobre a utilidade das fumigacións cloruradas para evitar a propagación do cólera (1834; en colaboración co médico de Monforte José Fariña), e as Observaciones sobre la naturaleza y propiedades del supuesto doble tartrato de mercurio y potasa, que asina como pasante no Laboratorio de Farmacia Experimental do Real Colexio de San Fernando, no 1835.

O seu primeiro traballo, catedrático de Química aplicada ás Artes, conseguiuno no 1836, logo dunhas oposicións en Madrid. Veu da man da Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago (RSEAPS) e supuxo o seu primeiro contacto coa docencia da Química, unha docencia aplicada, útil á sociedade, pois ese era un dos fins da Sociedade Económica.

Do 1837 data unha certificación como alumno de medicina que non figura no seu expediente oficial, así que non puidemos confirmala. O que si é seguro é que deste ano é o primeiro traballo que presenta á RSEAPS sobre análise de augas, en concreto, sobre as augas de Caldas de Cuntis e Caldas de Reis. Este traballo o fai merecente de ser mencionado na Historia de Galicia de Verea y Aguiar. A este seguirían outros, sobre as de Lugo, A Toxa, Sousas e Caldeliñas, Carballo, Incio..., e incluso de fora de Galicia.

A filosofía que lle guiaba na súa actividade na RSEAPS era moi clara, a propia da RSEAPS: fomentar e perfeccionar as artes e industrias da provincia, establecer se é posible outras novas, e favorecer por cantos medios estean ao seu alcance, a felicidade e benestar dos seus habitantes.

En 1838 recibe o nomeamento como Visitador General de Boticas da Coruña e Santiago. Pero non esquece a súa vila natal, e na medida do posible, acode en auxilio dos progresistas de Monforte, sempre en minoría, pero que en 1839 acceden por fin á alcaldía. Malia todos os seus compromisos, Antonio non deixa de estudar. No curso de 1839-40 vémoslle asistir á cátedra de Mecánica aplicada ás Artes na RSEAPS, de Luis Pose.

Profesor universitario

1840 será un ano decisivo na súa vida, pois accede ao mundo universitario ao ser nomeado catedrático de Historia Natural. Un dos seus primeiros propósitos será a organización do Gabinete de Historia Natural. Asemade, continúa acumulando títulos: en 1841 se licenza e doutora en Filosofía.

Malia acceder á docencia na USC, Antonio Casares non abandonou a docencia na RSEAPS ata 1846, data na que desaparece a súa cátedra, e nunca deixou de colaborar coa Sociedade, da que era socio dende que chegou, e da que chegará a ser presidente.

Xa vimos o seu interese pola análise das augas. Non vai ser menor o que ten sobre o viño. A súa primeira publicación sobre o tema foi no 1843: Observacións sobre o cultivo da vide en Galicia; e a derradeira da súa vida, do 1886, tamén sobre o viño: Importancia real de la riqueza vinícola de Galicia, discurso pronunciado no Congreso Agrícola e de Pesca do 1886.

O ano 1845 representa un punto de inflexión na súa carreira, pois foi entón cando gañou a cátedra de Química Xeral da Facultade de Ciencias, recentemente creada, fito de gran transcendencia na historia da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, nomeárono secretario da Facultade de Filosofía.

Como imos vendo, a súa carreira docente corre a par da de xestión dos órganos universitarios, sen por iso descoidar as súas investigacións e publicacións. De feito, no 1846 incorporou un novo cargo, o de decano da Facultade de Filosofía. Foi no 1847 cando asumiu por vez primeira funcións de Reitor interino, e non será a última.

Precisamente no 1847 decídese a publicar, en setembro, as Observaciones Analíticas sobre as augas das fontes de Santiago. Recordemos aquí a preocupación de entón acerca da hixiene e a auga na prevención das epidemias, e os seus efectos na saúde en xeral. Algunhas das súas conclusións foron recollidas por Pascual Madoz no seu famoso dicionario de 1850.

Pero o ano de 1847 resultou ser significativo por outro feito: o 19 de decembro, Antonio Casares reuniu no seu laboratorio da Universidade compostelá aos profesores González Olivares, Guarnerio, Laorden e Fontán, para unha primeira experiencia co cloroformo como anestésico, cloroformo sintetizado e experimentado por Casares previamente, nun can dogo e en si mesmo. Ao día seguinte, terán lugar os primeiros ensaios clínicos do que hoxe sabemos foron, grazas a que foron publicados, os primeiros realizados en España. Con semellante currículo, non resulta estraño que Casares fose requirido en 1848 para formar parte como vogal da Xunta de Sanidade do Concello de Santiago.

Autor de libros de texto e tradutor

A súa actividade frenética non cesa. En 1847 publicou o seu Tratado de Química General. En 1857 publicou unha nova versión, o Manual de Química General con aplicaciones a la industria y en especial a la agricultura, reeditado en 1867, 1873 e 1880. Este texto funcionou como texto recomendado para o ensino superior durante vinte anos. O obxectivo de Casares era que as sucesivas edicións incluísen “todos los adelantos y descubrimientos importantes hechos en el tiempo transcurrido desde la anterior”. A filosofía deste libro era clara: “Empleo en él un lenguaje claro, sencillo y conciso cuanto puedo, sin faltar a la exactitud, ilustrando con ejemplos las doctrinas cuya exposición parece algo confusa a los que por primera vez la leen u oyen. Como los hechos aislados no constituyen la ciencia, sino que es preciso enlazarlos entre sí y agruparlos, procurando averiguar sus causas para deducir leyes generales que faciliten la explicación de los ya observados y el descubrimiento de otros nuevos, se establecen teorías más ó menos satisfactoriamente interpretan los fenómenos, y en ellas no están de acuerdo todos los químicos”.

Tamén traduciu libros, porque ve que os seus alumnos carecen de manuais axeitados. A Soubeiran (1847), texto tamén recomendado polo Ministerio; e a Gautier de Claubry (1852). Tamén o seu Tratado de Análisis Química de las aguas minerales de 1866 vai ser texto recomendado polo Goberno.

Múltiples actividades

En 1850 realizou a súa primeira (cremos que única) viaxe a París, onde asiste ás cátedras na universidade, observa todo o que lle rodea e programa compras de material científico para a Universidade. A viaxe cámbialle, ábrelle os ollos a unha realidade que non coñecía. Á volta, le o seu famoso discurso inauguración de curso, no que fai un repaso dos adiantos en ciencias físicas e naturais do século, para terminar dedicando unhas palabras á mocidade que lle está escoitando: “Os he hablado de las ciencias físicas y naturales [...] para demostraros las relaciones que las unen con todas las enseñanzas; para demostraros que el hombre de gobierno no debe ignorar sus principios, porque le facilitan los medios de fomentar la riqueza de los pueblos, de aumentar su bien estar físico, y mejorar su condición moral”.

En 1849 publicáronse na prensa especializada os datos das súas primeiras observacións meteorolóxicas, que continuou durante varios anos. En realidade, as primeiras medidas do observatorio da USC foron publicadas o venres 2 de decembro do 1848, no Diario de Santiago, pero sen citar a fonte. Despois abandonou a meteoroloxía, para retomala en 1869, xa como Director do Observatorio Meteorolóxico da Universidade compostelá.

O seu interese polos minerais levoulle ao descubrimento de dous: a morenosita e a zaratita, dous compostos de níquel que atopou na zona de Ortegal, aínda que actualmente a zaratita é unha especie non admitida. Ademais, algunha vez realizou análises concretos de algún mineral que alguén lle remitía, co ánimo de descifrar a súa composición.

Polos seus méritos como científico e xestor, en 1857 recibiu un encargo moi especial: a organización dos estudos da recentemente creada Facultade de Farmacia de Santiago, da que vai ser decano, ata 1861, e na que se encargará da Cátedra de Química Inorgánica ata 1863.

No 1857 encabezou dende a RSEAPS, como seu director, e co apoio económico do Concello, un ambicioso proxecto non realizado antes: a organización dunha Exposición pública, agrícola industrial e artística en Santiago. A gran novidade da Exposición foi o seu éxito, malia a pouca experiencia que se tiña en organizar eventos deste tipo. O esforzo e empeño persoal de Antonio Casares como director da RSEAPS en que fose adiante o proxecto, víronse recompensados cun diploma e medallas da Sociedade Universal de Fomento das Artes e Industrias de Londres.

No 1860 a Antonio Casares noméano Inspector de xéneros medicinais na Aduana de Camariñas (paradoxos do destino, anos máis tarde o seu fillo José chegará a ser Director do Laboratorio central de Aduanas do Ministerio de Facenda). Ademais, fíxose cargo do decanato da Facultade de Ciencias. Este tamén foi un ano importante na súa vida: o 3 de decembro casa seu fillo Fermín, xa profesor na facultade de Farmacia, con Juana Bescansa, da Coruña. Con este enlace, e o de dous das súas fillas con senllos Bescansa, irmáns de Juana, Antonio Casares vai frecuentar a contorna coruñesa de Juana de Vega, Emilia Pardo Bazán ou Concepción Arenal, con quen compartirá tardes de verán na casa da primeira en Santa Cruz, próxima a Coruña.

No 1861 produciuse o seu cese como decano da Facultade de Farmacia, o cal libéralle dunha actividade para poder abordar outra, que deseguido atopa. No 1862, sabedor das actividades que dende 1859 realizan Bunsen e Kirchoff, quere mercar o espectrógrafo “para ver as raias do espectro luminoso”, aproveitando que un coñecido áchase circunstancialmente en Madrid. Mentres non chegaba, “me entretengo con las retortas y los hornillos...”.

Dos traballos co espectroscopio naceu no 1866 seu Tratado práctico de análisis químico de las aguas minerales y potables, que incorpora xa os novos datos do descubrimento feito por Casares dos metais rubidio e cesio en varias augas minerais de Galicia. Seus traballos neste campo fan de Casares un pioneiro na difusión en España destas técnicas espectroscópicas.

1868 foi o ano da Revolución de Setembro e Casares tomará parte activa e visible no movemento xunto co seu cuñado Maximino Teijeiro, aínda que cando lle piden que sexa vogal da Xunta, escúdase na súa mala saúde para non selo. Con todo, acepta gustoso o seu nomeamento para a Xunta de Instrución Pública, así como pon a súa firma ao pé do manifesto Viva la Soberanía Nacional! Abajo los Borbones! .

A política sen embargo, non lle aparta dos seus quefaceres. Así, en 1869, recibe o encargo do claustro da Facultade de Medicina de que se ocupe da materia de doutoramento Lecciones de análisis químico aplicado a las ciencias médicas, cousa que fará ata 1872.

Entre 1869 e 1872, realizou os seus estudos de médico e cirurxián. Pero nunca descoidou o seu labor de divulgación na RSEAPS, escribindo na súa Revista ou pronunciando conferencias sobre temas diversos, por exemplo, sobre abonos artificiais, tratando de convencer aos agricultores da importancia dos fosfatos, nitratos, sales potásicas, etc., ou desmitificando a influencia da lúa sobre as colleitas. En 1871 pronunciou a conferencia inaugural do Ateneo Popular, creación da RSEAPS, para fomentar a instrución entre os traballadores; e comprometeuse, ademais, a dar charlas formativas con certa frecuencia. Esta primeira conferencia versou Sobre los fenómenos físicos.

Mentres, os recoñecementos sucedíanse. Xa en 1849 fora nomeado académico correspondente da Real Academia de Ciencias. En 1856, socio de Mérito do Instituto Farmacéutico Aragonés; e máis tarde, Caballero de la Orden de Isabel la Católica, Caballero de la Orden de Carlos III. Tamén pertenceu ás Academias de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales, Ciencias Médicas de Lisboa, Academia de Farmacia de París, etc.

Contribucións científicas

1º. Introdutor da "I+D+i" na Universidade. A formación de Casares levouno a comprender que a química é a ciencia do porque e do para que: o porque da química obrígate a afondar na razón última dos postulados científicos e a formarte mellor; o para que fórzate a buscar a finalidade do saber, a transcendencia social dos resultados, a utilidade de cada novo achado. Como educador preocupouse e cultivou o porque, máis como científico ocupouse sempre do para que.

Poderiamos dicir que introduciu o "I+D+i" na universidade.
-Os seus traballos sobre agricultura –mellora de sementes e dos cultivos para acadar mellores e máis cumpridas colleitas; resolver e controlar as enfermidades das plantas; o uso axeitado dos adubos; etc.- son mostras do que hoxe chamamos unha boa praxe agrícola.
-O estudo dos modelos cristalográficos e a busca e descubrimento de novos minerais, como a morenosita e a zaratita, van na dirección de atopar novos elementos e compostos químicos de interese industrial ou tecnolóxico.
-Os estudos sobre as augas mineiro-medicinais tentan acadar un valor engadido, no tradicional uso das mesmas e sentar as bases da hidroloxía.
-Os traballos sobre análise dos viños, buscando o índice alcohólico e a cantidade de tartratos, tentan realizar estudos comparativos das calidades dos nosos viños cos mellores viños europeos.
-Os coñecementos de electroquímica, máis especificamente dos métodos de electrodeposición, levárono a realizar e publicar traballos sobre cromado, prateado e dourado doutros metais e aliaxes de menor valor; para que os reputados ourives de Galicia introduciran un maior valor engadido nas súas pezas de xoiería e ourivaría.

2º. Estudos sobre Toxicoloxía. Casares ensinou aos seus alumnos principios de toxicoloxía, aprendidos do libro de Orfila, e traduciu o moderno libro de Claubry introducindo os estudios desta materia na Universidade española. Esta nova disciplina, que practicará ao longo da súa vida de modo esporádico pero con moito interese, iniciará, en España, unha nova rama científica.

3º. A introdución da Meteoroloxía no estudo e no coñecemento do medio. No ano 1849 montou a primeira estación meteorolóxica de Galicia, iniciando estes estudos. Dende esa época temos datos meteorolóxicos e, os seus alumnos, recolleron datos por outras partes de Galicia na idea de elaborar un mapa meteorolóxico.

4º. As investigacións en Anestesioloxía. O papel xogado por Casares na historia da utilización do cloroformo como anestésico é moi relevante, xa que non só foi quen de sintetizalo no laboratorio antes que ninguén en España, senón que, ademais, probouno nel mesmo. Foi o pioneiro da utilización de produtos químicos como o éter e o cloroformo, como anestésicos xerais, e o primeiro en sintetizar e utilizar o cloroformo en intervencións cirúrxicas en España.

5º. Produción da primeira luz eléctrica en España. Foi o primeiro en España en producir luz eléctrica, utilizando un arco voltaico con regulador. Pretendía divulgar os coñecementos da nova ciencia.

6º. As análises de augas e os estudos sobre os viños e as vides. As investigacións de Casares sobre as augas son moi importantes na España da época: tanto pola extensión de lugares a que chegou co seu traballo, como polas novas calidades detectadas nelas. Estas investigacións axudarían ao desenvolvemento da Balneoterapia e á creación de postos de traballo nos balnearios. As súas publicacións neste campo son moi abondosas e importantes. Casares preocupase pola mellora dos agricultores estudando a calidade dos viños de Galicia, para conseguir unha mellor venda dos mesmos e conseguir un maior valor engadido. e divulgando cantos coñecementos se teñen sobre o coidado e o cultivo das vides e das terras.

7º. A introdución da Espectroscopia en España. Casares foi o introdutor da Espectroscopia en Galicia e en España, utilizando o espectroscopio como axuda para unha máis completa análise das augas e unha mellor comprensión da valía das mesmas. Antonio Casares é hoxe recoñecido como o pai da espectroscopia en España e as súas publicacións son de relevancia a nivel europeo.

Sinalemos que esta amplo labor de investigación levouno a ser o máis prolífico científico español da súa época: publicou máis de 115 traballos de moi variada natureza, e, ademais, en campos punteiros da nova ciencia. Os seus traballos foron do máis relevante do momento, pola súa calidade, en España e, aínda que non chegou a publicar nada no estranxeiro, poderíase considerar a súa valía dun nivel medio europeo, o que debe ser resaltado no conxunto da España do momento.

A súa faceta como educador

Casares foi un espléndido mestre no máis amplo sentido do termo. Moi brevemente amosaremos algúns apuntamentos da súa faceta como educador.

Os seus libros de química, tanto o “Tratado elemental de Química General” do ano 1848 coma o máis moderno “Manual de Química General”, reúnen os requisitos de ser libros onde se recolle gran parte do coñecemento químico da época e serven para aprender a aprender. O libro Tratado Práctico de Análisis química de las aguas minerales y potables, publicado no ano 1866, foi libro de referencia por moitos anos e aínda se sigue citando hoxe en traballos especializados. Ámbolos dous libros foron best-sellers da época sendo utilizados como libros de texto por máis de cincuenta anos.

A súa tarefa como divulgador social do coñecemento científico foi moi ampla. Casares era consciente de que o saber científico debe ser levado á sociedade para que esta se sinta beneficiada do esforzo dos que acadaron ese coñecemento; por elo cultivou moito a súa preocupación por divulgar os seus moitos saberes. A modo de exemplo, seleccionamos algúns dos moitos temas estudados e divulgados por Antonio Casares nas súas múltiples publicacións: sobre a utilización de produtos minerais; a importancia da análise dos cálculos urinarios; sobre as alteracións da atmosfera, sobre a composición e a utilidade dos abonos e moitos máis produtos químicos de interese na agricultura.

Rematemos sinalando que foi, no século XIX, o creador do museo da Universidade de Santiago, encargándose da súa catalogación, ordenación e posta en valor didáctico. O seu esforzo deu como resultado o que hoxe coñecemos como Museo Luis Iglesias.

Reitor da Universidade

1872 marcou outro punto de inflexión na súa carreira académica (conseguiu ao fin ser médico) e como xestor: Antonio Casares recibiu en maio o nomeamento de Reitor da Universidade compostelá, aínda que cesou en xullo. Un ano máis tarde, a República o ratifica no cargo, que exerceu ata o seu pasamento en 1888. A súa nova posición obrígalle a deixar o seu posto como vogal da Xunta local de Instrución Primaria, da que era membro dende a súa fundación en febreiro do 1869, e presidente interino ás veces.

En xuño do 1873 Casares incorporouse ao Centro de Iniciativa para la nueva organización de Galicia como vicepresidente. Este Centro, de vida breve, días máis tarde publicou o manifesto A Galicia, no que defendía que Galicia debía aspirar a ser un estado dentro da federación que ten que ser España.

O seu labor como Reitor non foi doada: a situación política, social e económica non o era. Mesmo a interpretación dos seus posicionamentos ao longo de tan dilatado período, resulta difícil de enxuiciar. O feito de que gobernara quen gobernase, Casares se mantivese como Reitor, fálanos dun “posibilismo” que aínda temos que estudar.

A súa actividade á fronte da Universidade de Santiago vai máis aló do episodio de 1875, cando os profesores González Linares e Calderón Arana son expulsados da Universidade compostelá por non acatar un decreto do Goberno que ía claramente contra o que entendemos como liberdade de cátedra: o voto de Casares desfixo o desempate na votación do órgano colexiado que decidiu sobre o tema. De certo, durante o seu mandato, leváronse adiante importantes iniciativas, como a ampliación do edificio da universidade, ou a creación da Escola de Veterinaria.

No 1879, un suceso conmocionou a sociedade galega: os ósos do Apóstolo, tantos séculos ocultos, foran descubertos. Antonio Casares foi un dos tres expertos seleccionados, xunto a dous catedráticos de Medicina, para ditaminar sobre os ósos descubertos no subsolo da catedral, restos escondido desde o s. XVI para evitar o risco da súa substracción (naquela época en que eran frecuentes os ataques ingleses). Realmente as conclusións son vagas: os ósos corresponden a tres individuos de idades diferentes, que contan séculos de existencia, e “no parece temeraria la creencia de que dichos huesos hayan pertenecido a los cuerpos del Santo Apóstol y de sus dos discípulos”. A vida da cidade de Santiago necesitaba un revulsivo, e atopouno... baixo o chan!.

Os anos oitenta foron anos de tranquilidade para Casares. Retarda o ritmo dos seus traballos, quizais xa afectado da enfermidade hepática que provocou o seu pasamento, e practicamente non ten actividade pública. O seu último discurso foi en febreiro de 1888, na inauguración da Escola de Artes e Oficios, en presenza de Montero Ríos.

Foi o primeiro Reitor que morreu desempeñando o seu cargo. Foron numerosas as necrolóxicas de institucións e asociacións e publicacións, tanto españolas como estranxeiras. Unha vez sabido o seu falecemento, parece que a Academia de Ciencias de París celebrou unha sesión na súa honra. Pero seguramente a homenaxe que máis lle emocionaría a Antonio Casares, de tela recibido en vida, tería sido que lle tributou a RSEAPS. Xa inmediatamente tralo seu falecemento, a Sociedade tivo a intención de erixir un monumento permanente na súa honra. Tras barallar diferentes posibilidades, optou pola fundición dun busto de Antonio Casares, para colocalo sobre un pedestal en calquera das prazas públicas de Santiago, para o que abriu unha subscripción pública en Galicia e máis en América. A pesares do diñeiro que acadou, aportado por particulares e institucións, o monumento nunca viu a luz. O que si se fixo realidade foi un retrato que a RSEAP lle encargou en 1895 a Fenollera, seguramente o máis coñecido. O recoñecemento público por parte da Universidade veu en forma de vítor que aínda hoxe pode verse no claustro do edificio da Facultade de Xeografía e Historia, e no relevo co nome de Antonio Casares na sala máis representativa da Universidade, o Paraninfo.



Honores e nomeamentos:

Socio de número da Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago (1836).
Socio correspondente da Sociedad Económica de Amigos del País de Lugo (1841).
Secretario da Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago (1842).
Socio de número da Sociedad Económica de Amigos del País de Lugo (1842).
Individuo de Mérito da Academia Literaria y Científica de Profesores de Instrución Primaria (1843).
Socio correspondente da Academia de Ciencias Naturales de Barcelona. (1844).
Socio de Mérito e correspondente da Sociedad Artística y Literaria da Coruña (1847).
Socio correspondente da Sociedade de Ciencias Médicas de Lisboa (1848).
Socio correspondente da Real Academia de Ciencias de Madrid (1849).
Socio correspondente da Sociedad de Farmacia de París (1849).
Socio de Mérito da Academia Quirúrgica Mallorquina (1849).
Director da Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago (1850-58).
Socio correspondente da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales de Madrid (1850).
Socio de Honra e Mérito da Academia de Esculapio de Madrid (1850).
Boticario Honorario da Real Botica (1850).
Socio de Mérito do Instituto Universitario de Zaragoza (1854).
Socio de Mérito del Instituto Farmacéutico de Aragón (1856).
Socio correspondente do Colexio de Farmacéuticos de Madrid (1856).
Socio correspondente do Colexio de Farmacéuticos de Barcelona (1858).
Caballero Real Orden de Carlos III (1858).
Socio de Mérito da Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago (1859).
Colexial Honorario do Colexio de Farmacéuticos de Castilla la Vieja en Valladolid (1865).
Gran Cruz de la Orden de Isabel La Católica (1877).
Membro correspondente de la Associazione dei Benemeriti Italiani en Palermo (1879).



Bibliografía


Fontes documentais:

Casares Rodríguez, Antonio, Arquivo Histórico da Universidade de Santiago, Serie Expedientes Personais, cart. 219.


Fontes impresas:

CASARES RODRÍGUEZ , A. (1847): Tratado de Farmacia Teórico y Práctico por M. Soubeiran, traducido de la tercera y última edición y adicionado por A. Casares, Madrid: Imprenta de H. Martínez; 3v.

CASARES RODRÍGUEZ , A. (1848): Tratado Elemental de Química General, Madrid: Librería de D. Angel Calleja; 2v.

CASARES RODRÍGUEZ , A. (1852): Tratado de Química Legal escrito en francés por Mr. Gantier de Claubry, traducido por A. Casares, Santiago: Imprenta y Litografía de D. Juan Rey Romero.

CASARES RODRÍGUEZ, A. (1857): Manual de química general con aplicaciones a la industria y con especialidad a la agricultura, Madrid: Ed. Librerías de D. Ángel Calleja; 2v.

CASARES RODRÍGUEZ, A. (1866): Tratado práctico de Análisis Química de las aguas minerales y potables, Madrid: Ed. Librería de D. Angel Calleja.

CASARES RODRÍGUEZ, A. (1867): Manual de química general con aplicación a la industria y con especialidad a la agricultura, 2ª ed., Madrid: Imprenta y librería de Don Pablo Calleja; 2 v.

CASARES RODRÍGUEZ, A. (1875): Manual de química general con aplicación a la industria y con especialidad a la agricultura, 3ª ed., Madrid: Imprenta y librería de Pablo Calleja; 2 v.

CASARES RODRÍGUEZ, A. (1880): Manual de química general con aplicación a la industria y con especialidad a la agricultura, 4ª ed., Madrid: Imprenta y librería de Pablo Calleja; 2 v.

Para coñecer a ampla produción bibliográfica de Antonio Casares poden consultarse:
VV.AA. (2011): Boletín das Ciencias, ENCIGA, XXV, 75; e CID MANZANO, R. (2012): Antonio Casares Rodríguez e a súa contribución á Química e ao seu ensino na Universidade de Santiago, Santiago de Compostela: Universidade.


Bibliografía secundaria:

BARREIRO FERNÁNDEZ, X. R. (2003): Historia da Universidade de Santiago de Compostela. Santiago de Compostela.

CID MANZANO, R. (2012): Antonio Casares Rodríguez e a súa contribución á Química e ao seu ensino na Universidade de Santiago. Santiago de Compostela: Universidade.

FERNÁNDEZ CASANOVA, C. (1981): A sociedade Económica de Amigos do País de Santiago no século XIX. O Castro-Sada: Ediciós do Castro.

LOSADA SANMARTÍN, Mª L. (2011): Antonio Casares Rodríguez: Unha vida dedicada a ensinar, aprender, divulgar e aplicar, na orde que se queira, Boletín das Ciencias, ENCIGA, XXV, 75: 55-66.

LOSADA SANMARTÍN, Mª L. (2013): Antonio Casares Rodríguez. Sarria (Lugo): Ouvirmos Eds.

LOSADA SANMARTÍN, Ma. L. (2016): Antonio Casares. Ciencia, ideología y sociedad en la universidad de Santiago en el siglo XIX. Santiago de Compostela, tese de doutoramento.

MÁIZ ELEICEGUI, L. (1952): “Estudio biobibliográfico del Doctor D. Antonio Casares Rodríguez”, Anales de la Real Academia de Farmacia, 1.

VV.AA. (1995: Cinco séculos de historia universitaria, Catálogo da Exposición, Santiago de Compostela.

VV.AA. (2011): Boletín das Ciencias, ENCIGA, XXV, 75.

Publicacións nas que participou Antonio Casares Rodríguez

Portada de  Álbum da ciencia
LIBRO

Álbum da ciencia

: 30 nomes e as súas achegas