Víctor López Seoane

----

Víctor López Seoane

1832 Ferrol (A Coruña) | 1900 A Coruña
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Víctor López Seoane

1832- Ferrol (A Coruña) | 1900 A Coruña
O grande naturalista galego e a perversión da orixinalidade científica Seoane é o naturalista galego coa contribución científica máis valiosa, un taxónomo salientable na Zooloxía europea do século XIX. Exemplares de seres vivos recollidos por el figuran entre as coleccións dos principais museos de Historia Natural de Europa; formou parte de relevantes sociedades científicas europeas adicadas ao estudo da natureza e publicou en diversos idiomas en revistas especializadas prestixiosas. E nesa intensa actividade, tomou contacto con científicos do máximo nivel, como Raphael Blanchard, Ignacio Bolívar, George Boulenger, Odón de Buen, Lorenzo Camerano, Charles Darwin, Anton Dohrn, Mariano de la Paz Graells, Albert Günther, Ernst Haeckel, Fernand Lataste, Jacques de Bedriaga, Maurice Willkomm, Ragnar Hult, etc. O recoñecemento dese labor veuse plasmado, entre outras cousas, co nomeamento como un dos secretarios do primeiro Congreso internacional de Zooloxía (París, 1889).

Estudos

O pai era mariño e foi destinado á comandancia de Vigo, polo que Víctor Seoane estudou no Instituto de Tui en 1847, pasando logo ao de Santiago, onde obtivo o título de Bacharel en Filosofía en xullo de 1851 e mantivo contactos con José Planellas (1821-1888), catedrático de Historia Natural da Universidade compostelá. Iniciou os estudos de Medicina en Madrid, que continuou en Andalucia desde 1857, onde prestou especial atención ás aves da zona, desenvolvendo as primeiras investigacións orixinais; rematou a licenciatura en Santiago, en xuño de 1861.

Naturalista e coleccionista

Seoane foi un naturalista, estudou os seres vivos desde o punto de vista taxonómico, catalogando as variedades biolóxicas e buscando outras novas, non descritas pola ciencia. Ese labor plasmouse en numerosas publicacións e na descrición de varios taxons de animais (novas especies ou variedades).

Dun xeito parello, confeccionou importantes coleccións de seres naturais, que constituíron o museo particular máis importante de Galicia e un dos máis salientables de España. Ese museo permaneceu moitos anos na Casa Grande de Cabanas (A Coruña), formando unha unidade coa biblioteca científica de Seoane e as súas notas de traballo. No ano 1972 a familia decidiu depositar a case totalidade das coleccións zoolóxicas ao coidado do Concello da Coruña. Permaneceron expostas unha parte delas nos corredores do pazo municipal e outra gardada nos faiados; posteriormente, 1985, o material trasladouse á Casa de las Ciencias (A Coruña). A biblioteca científica e manuscritos foron despositados ese mesmo 1972 no Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses. Trátase de milleiros de valiosas cartas e documentos, que inclúen anotacións de traballo, debuxos, catálogos, etc.

Formación científica

O gosto pola natureza foi coallando nel desde que sendo neno, acompañado pola súa tía Cándida Seoane, percorría os campos ferroláns en busca de animais. Un coleccionista vocacional axudado por un ambiente favorable e receptivo. Por iso, chegado o momento, rexeitou seguir a tradición familar da carreira militar na Mariña e preferiu as aulas universitarias, sacando tempo dos estudos para adicalo ás observacións naturais.

Formouse cientificamente en Madrid, nos anos de estudante de Medicina. No outono de 1852 accedeu a unha capital inmersa na inestabilidade política da monarquía isabelina e viviu intensamente ese tempo. O mozo estudante entrou en contacto cunha sociedade filantrópica, Museo Popular, en 1853 encárgouse da cátedra de Botánica, lendo, o 14 de novembro, un Discurso de apertura do Curso 1853-54. Do ano seguinte, 1854, será a súa primeira publicación coñecida, sobre un grupo de plantas, en La Nueva Estrella (Seoane, 1854). Asemade, fíxose socio do Ateneo de Madrid, e acudiu ás actividades que esta institución desenvolvía sobre materias científicas.

Chegou a Madrid nun momento clave da Historia Natural española, cando se estaba a abordar en serio a fase de catalogación (Fraga, 2001). E aproveitou esa conxuntura favorable para a súa formación como naturalista. Polo ano 1854 xa se relacionaba con algúns dos profesores universitarios especializados nos estudos naturalistas. Contactou co catedrático Mariano de la Paz Graells, con quen mantería unha longa relación (Fraga, 1998), e co discípulo deste, o profesor de Zooloxía Laureano Pérez Arcas. E estableceu unha singular relación co naturalista Juan Mieg, antigo “Profesor y Director del Real Gabinete de Física de SSMM ”.

Nese contexto salientan as actividades de campo desenvoltas por Seoane en 1857, testemuño importante do rexurdir da actividade naturalista na metade do século (Fraga, 2001). Nos seus manuscritos están contabilizadas 26 excursións realizadas en catro meses por diversas paraxes de Madrid e arredores, cunha duración que oscilaba entre toda a xornada e medio día. Os acompañantes foron Alfredo Brehm, Reinaldo Brehm, Ricardo Gómez Cortina, Theodor Apetz e Juan Mieg.

As experiencias madrileñas permitiron a Seoane integrarse na nacente comunidade científica dos naturalistas. Decatouse de que facer ciencia pasaba por formar parte dun colectivo, manter contactos, recoñecer xerarquías, xeitos de relacionarse cos colegas, con profesores importantes e especialistas de prestixio. E esas relacións permitíronlle abrir o ámbito dos seus contactos, accedendo a especialistas internacionais nun momento no que a ciencia española estaba bastante lonxe da europea.

A volta a Galicia dun naturalista

Cando a primeiros dos anos sesenta Seoane retornou a Galicia era un naturalista coa vocación consolidada, que acadara o adestramento práctico e a preparación teórica precisa para abordar a catalogación da Flora e da Fauna do país, pero a ausencia de bibliografía especializada e de coleccións lévano a consultar con expertos de fóra.

O axeitado proceso formativo e o favorable panorama que se lle presentaba non estiveron exentos dun problema que con posterioridade acadaría unha ampla dimensión e trascendencia. Seoane arrastraba xa dos anos previos á volta Galicia unha forte incomodidade polo que consideraba escasa consideración dos seus contactos científicos. En 1860 pensou en deixar o seu labor. O enfrontamento coas primeiras dificultades preséntanos a un Seoane lonxe do científico novo e animado dos seus anos previos e amósanos un individuo a quen lle custa traballo aceptar os lóxicos contratempos. Comezou unha sucesión de queixas e enfrontamentos que o acompañarán no resto da súa actividade e que agudizarán o desánimo causado polas dificultades atopadas para desenvolver o seu labor en Galicia.

Profesor no Instituto coruñés

O momento crítico foi superado por unha afortunada circunstancia, a creación do Instituto da Coruña. Co gallo do establecemento do Instituto de ensinanza media en 1862 (Meijide, 1991) foi nomeado “sustituto de Elementos de física y química y Nociones de Historia Natural”. Exerceu o labor docente o curso 1863-64, atendendo ao ensino da Historia Natural e da Física e Química, ocupándose do Gabinete de Historia Natural e realizando observacións metereolóxicas, como axudante da estación ubicada no Instituto.

Ao remate do curso desexaba continuar impartindo docencia no Instituto; os seus amplos coñecementos en Historia Natural e a estupenda colección que confeccionara parecían avales dabondo. Pero as normas esixíanlle o grao de Bacharel en Ciencias, titulación da que o naturalista carecía e, molesto polas dificuldades, cesa o 10 de outubro de 1864, substituído por Ramón Mariñas Lafuente. O malestar de Seoane provocou que diversas coleccións que tiña previsto doar foran parar a outras institucións (Pulido, 1874).

Médico en Ferrol

A situación obrigouno a retornar á súa cidade natal, onde acadou o posto de médico interino no Hospital da Mariña. Outra vez volve a pensar en abandonar as investigacións e coleccións. Cuestiona un futuro no que, coma noutras ocasións, se sente “utilizado” polos seus mestres. O desencanto e os laios aséntanse na súa personalidade, dando paso a un home no que aparece un carácter difícil e un certo vitimismo, non exento de contradicións, pois gusta de exhibir contactos cos mesmos que critica, factor que vai sobresaíndo cada vez máis nas formas do naturalista.

Pero non permanece inactivo. Nese tempo fixo algún intento de acceso á docencia pública e continúa o labor, publicando a Reseña de Historia Natural de Galicia (Seoane, 1866) (Fraga, 1996), un traballo que xorde dunha invitación dun vello amigo, Manuel Murguía, para participar na redacción do libro deste adicado á Historia de Galicia. Tamén realiza observacións meteorolóxicas, asiste a Graells cando este realiza a exploración das costas cantábricas (1869) e mesmo presta atención ao polémico tema da rede de sumidoiros de Ferrol (Díaz-Fierros, 2001).

Cambio nas condicións de vida: traslado da residencia para A Coruña

Unha circunstancia veu cambiar a vida de Seoane. O 8 de outubro de 1869 casou con Francisca Riobóo Álvarez (1834-1919), de familia fidalga, que dispuña de importantes propiedades, como os pazos de Torres de Allo (Baio) e a Casa Grande de Cabanas, ademais doutros en Ordes, As Encrobas e numerosos casais e terreos (Martínez Barbeito, 1978).
A voda supuxo un cambio notable para a vida de Seoane e repercutiu no seu labor científico. Pasou de ser un médico interino con escasos recursos a converterse en rico propietario agrícola. Para poder atender mellor a administración das numerosas propiedades –ubicadas en “48 concellos de Galicia”– empezou en 1874, en Santiago, os estudos de Dereito, que rematou en Oviedo. E iniciou unha nova forma de vida, que inclúe o establecemento da familia na Coruña, na que residiría ata a súa morte, pasando o verán no pazo de Cabanas.

Liberal de inclinacións progresistas, próximo ás posicións políticas de Eugenio Montero Ríos, debeu atoparse cómodo no ambiente coruñés da Restauración. Na cidade participou da vida social, económica e cultural, figurando en múltiples iniciativas (como a creación da Sociedade Económica ou de Folklore galego). Entre as personalidades cidadás atopabanse vellos coñecidos, aos que agora sumou outros novos, de tal xeito que mantivo amizade con persoas como Andrés Martínez Salazar, Manuel Murguía, Eduardo Pondal, Vicente Abad, Ramón Pérez Costales, Emilia Pardo Bazán, o médico Rodríguez, etc. Tamén participou nas reunións da denominada "cova céltica", xuntas informais dos "rexionalistas" liberais.
Amosouse interesado pola vida científica coruñesa. Tomou parte activa nunha iniciativa inédita, levada a cabo en 1886, para tentar de establecer nestas costas a primeira Estación de Bioloxía Mariña de España (Fraga, 1992). Tamén participou na iniciativa cidadá para acadar a localización na Coruña da que sería a Granxa agrícola, que estivo instalada na zona de Monelos.

Unha nova oportunidade para facer ciencia nun contexto distinto

Pasado un tempo do casamento, Seoane volta ao seu labor naturalista con novos folgos e medios. Continou coleccionando e doando obxectos naturais e retomou as súas investigacións aplicando os coñecementos adquiridos no seu período de formación. Pero o panorama social e científico mudaran. Os cambios políticos do sexenio (1868-1875) trouxeron unha certa libertade que permitiu o espallamento de novidades científicas. Asemade, entre os naturalistas óllase unha crecente especialización e institucionalización, coa creación, en 1872, da importante Sociedad Española de Historia Natural, unha entidade promovida por especialistas novos, con salientable peso dos krausistas. Seoane observa o proceso, únese á Sociedad, pero mantén as principais relacións de traballo coa xente da súa xeración.

Eses cambios na comunidade científica acontecen dun xeito parello a notables modificacións na forma de facer ciencia entre os estudosos da natureza. Seoane formárase como naturalista seguindo un modelo científico, o cuvierismo, a proposta de Georges Cuvier (1769-1832). Desde esa perspectiva, o taxónomo sería un catalogador que tentaba ubicar cada taxon no seu “sitio” natural, no que o Creador o colocara, dentro dos tres “Reinos da Natureza”. Sin embargo, esa tradicional Historia Natural foi mudando e compartindo protagonismo cunha nova ciencia que estudaba o conxunto dos fenómenos vitais, a Bioloxía. E o darwinismo foi básico nos cambios acontecidos.

Polo tanto, cando Seoane retomou o labor naturalista o contexto variara substancialmente. E comprobouno de xeito claro e contundente cando aplicou as vellas concepcións e metodoloxías. Un dos grupos zoolóxicos nos que centrou as pescudas foi o dos anfíbios e réptiles, os herpetos, publicando o primeiro catálogo deses animais en Galicia (Seoane, 1877). Fernand Lataste (1847-1934), o grande herpetólogo francés, daría á luz un severo comentario, “Les reptiles de la Galice-M. Sevano (sic)” (Lataste, 1878). Valioso documento, no que Lataste utiliza o catálogo de Seoane como exemplo de traballo científico obsoleto e incorrecto.

O malestar causado en Seoane foi moi grande. Este episodio vai ter unha notable influencia na súa futura actividade científica. Dun xeito directo, por mor da crítica e da relación que establecerá con Lataste e con outros importantes especialistas, e de forma indirecta, polo estímulo que supuxo no seu labor.

Estratexia científica desde a periferia

Nos anos oitenta, os da súa madurez, deseñou e aplicou unha hábil e complexa estratexía creativa para –desde as súas particulares circunstancias– acadar éxitos científicos. Utilizou os seus medios económicos para viaxar e coñecer museos, fornecerse de abondosa bibliografía especializada, materiais e obxectos naturais e editar el mesmo algunhas das súas publicacións. Por outra banda, abordou unha colosal obra de recollida e estudo de seres naturais. Para dispoñer de exemplares realizou numerosas saídas ao campo, recurriu a recolectores e adquiriu exemplares. Incrementou de xeito notable os contactos con especialistas, accedendo a algúns dos maís salientables das Ciencias Naturais europeas. Con estes colegas estableceu comunicacións sucesivas e cruzadas, nas que adoitaba remesar e intercambiar numerosos exemplares e información, realizando consultas de xeito múltiple.

Asemade, se ben mantivo unha atención constante a todos os seres vivos, de cara á elaboración dunha Historia Natural de Galicia, concentrou o seu principal labor nos vertebrados, nun lóxico proceso de especialización que a época demandaba. E ademáis, cómpre subliñalo, modificou o enfoque de traballo, aprendeu a seleccionar taxons nos que era máis factible obter novidades, na busca do éxito e recoñecemento científico. Asemade, aproveitou as “Exposicións” como un foro idóneo para desenvolver o seu gusto polo coleccionismo natural e a actividade como propietario agrícola, acadando ao mesmo tempo un notable protagonismo.

No plano teórico e metodolóxico, Seoane amosou unha importante capacidade para percíbir os cambios que incidiron na ciencia do seu tempo e asumilos parcialmente. Houbo un proceso de “adaptación”, de asimilación parcial das novidades, por exemplo o darwinismo, do que buscou o que lle podía aportar no seu traballo de discriminar seres (Fraga, 1989b, 2002).

A perversión da orixinalidade científica

Se atendemos aos resultados convencionais obtidos, a estratexía científica de Seoane, o seu labor creativo, acadou un éxito xeral. Pero, como imos ver, unha parte notable deses brillantes resultados están contaminados polos espurios métodos que utilizou na súa consecución (Fraga, 2007).

No estudo da biografía científica de Seoane apreciaramos erros ou elementos confusos de diferente importancia (Fraga, 1992). Entre eles, chamounos especialmente a atención algúns dos contidos da publicación de 1870 denominada “Aves nuevas de Galicia” (Fraga, 2007). Outro tema que tamén nos parecía sorprendente foi o da descrición por Seoane de dous herpetos en base aos exemplares supostamente recollidos polo seu irmán José Domingo nas illas Filipinas (Fraga, 1992). Grazas ao estudo da correspondencia de Seoane puidemos concluír que o autor intelectual e material do traballo foi Oskar Boëttger (1844-1910), quen, en base aos debuxos e datos remesados por Seoane, elaborou a descrición do novo xénero de herpeto.

Abilio Reig comprobou que Seoane levara a cabo unha clara fraude científica no ámbito ornitolóxico (Reig, 2001). Demostrou que se atribuíu falsamente o descubrimento de dúas especies, Gecinus Sharpei e Perdix hispaniensis, ás que denominaría Gecinus viridis galliciensis e Perdix cinerea charrela. Reig coida que publicou con data fraudulenta tres folletos: Revisión del Catálogo de las Aves de Andalucía, Aves nuevas de Galicia e Examen crítico de las perdices de Europa, supostamente editados en 1870, os dous primeiros, e en 1891 o terceiro, cando as tres publicacións son do ano 1894. Puidemos profundizar nesa tese ao estudar a relación con Anton Reichenow (1847-1941), responsable de Ornitoloxía do Museo de Ciencias Naturais de Berlín. A localización de dúas cartas de Reichenow permitiunos confirmar a fraude (Fraga, 2007).

Esta perversión da orixinalidade científica provoca efectos desvastadores na credibilidade persoal de Seoane e na valoración da súa obra. E lévanos a dubidar das datas reais de publicación do resto das edicións propias, básicamente do folleto Identidad de Lacerta schreiberi (Bedriaga) y Lacerta viridis var. gadovi (Boulenger) e investigaciones herpetológicas de Galicia (Seoane, ¿1884?: 1885). A súa revisión confirmounos que a data de edición de 1884 non se debe corresponder co momento real da publicación, que puido ser 1885.

Entre as tres variantes habituais da fraude: invención, falsificación e plaxio (Judson, 2006), atopámonos con falsificacións que afectan ás datas de publicacións e inciden no dereito á prioridade; tamén poderiamos incluír un certo plaxio polo uso de informacións publicadas con anterioridade. A iso debemos sumar o que denominaríamos “erro cabal”, referido ao caso “filipino”, en canto que parece que non houbo intención de fraude, pero si uso dun negro científico. As trampas nos traballos ornitolóxicos e herpetóloxicos debuxan un panorama fraudulento que afecta e cuestiona o conxunto do labor científico. Da desfeita sálvanse as outras publicacións, o labor práctico recollido en manuscritos, as importantes coleccións e o valioso patromonio documental (incluíndo a correspondencia) e bibliográfico.

¿Como explicar a fraude?

Atendendo a diversas testemuñas de Seoane entendemos que a fraude xurdiu como reacción á suposta desatención dos grandes especialistas (Fraga, 2007). Probablemente tiña razón cando se queixaba do trato recibido nalgúns casos, pero nada especial nas relacións habituais entre as figuras académicas e o resto dos investigadores; un trato paternalista e condescendente que puido resultarlle especialmente irritante a Seoane.

A fraude xérase no proceso seguido pola actividade científica na súa segunda etapa. En Herpetoloxía atopouse con boas expectativas de éxito, de atopar novidades. Pero, fronte a esas excelentes perspectivas, viu, con dor, como outros científicos se lle foron adiantando na descrición de novos taxons de animais de aquí e ben coñecidos por el. Coa modificación de data no folleto Identidad, cambio posible ao ser el quen se fai cargo da súa propia edición (coa axuda do impresor Vicente Abad), decidiu incorporar a descrición completa de Lacerta schreiberi e facer unha certa crítica a Lataste, Boulenger e Bedriaga. Realizou unha primeira fraude, máis limitada que as posteriores, por datas e contidos. Partiu dunha certa confusión no tema, recolleu as opinións dos expertos e modificou a data de publicación, ensaiando un sistema que utilizaría posteriormente. No caso das Aves, Seoane deixara o labor ornitolóxico nos anos 60 e retómao nos oitenta (Fraga, 1992). Esa volta tivo moito que ver coa aparición por eses anos de diversos traballos críticos coas súas publicacións. Seoane, coa publicación da “Revisión” (Seoane, ¿1870 a?: 1894), pretendería desculpar os seus erros. E con “Aves nuevas” (Seoane, ¿1870b?: 1894) desexaría gañar a prioridade sobre a descrición do Gecinus Sharpei de Saunders (1872). E, por último, cando Reichenow publica en 1892 sobre perdices desencadea unha febril actividade de Seoane e “obrígao” a publicar un artigo, “Sur deux nouvelles formes de Perdrix d’Espagne” (Seoane, 1894), e remitir a unha publicación fraudulenta de 1891 (Seoane, ¿1891?: 1894) para gozar da prioridade.

Seoane non foi quen de soportar a tensión xerada polas dificultades que atopou para acadar éxito na descrición de novos taxons e traspasou a fronteira que existe entre a excelencia e o delito. A mortificación de verse adiantado por outros colegas debeu ser unha carga excesiva para a súa persoalidade narcisista. E transferiu un carácter doloso ás fantasías coas que sempre adornara o seu currículo.

Cometeu a fraude como unha elección persoal máis no seu comportamento incidiron determinadas circunstancias e un contexto institucional. En primeiro lugar, debemos reparar en que a relación entre investigadores e grandes expertos adoita moverse nun ambigüo terreo entre a cooperación e a competencia (Grafton, 2001). As tarefas emprendidas eran complexas e requirían un asesoramento continuo e moi cualificado que só os expertos de vangarda podían fornecerlle. De feito, as súas contribucións científicas xenuínas son debedoras, en bastante medida, das axudas destes persoeiros, algo que, por outra parte, acontecíalle a numerosos científicos. Iso permite entender mellor a ambivalencia e duplicidade no seu trato, suxeito a unha dependencia que por momentos o amolaba ou, simplemente, fería a súa vaidade e provocaba un resentimento, favorecido por un carácter susceptible, pouco dado a encaixar as críticas. Pero, en segundo lugar, a relación dependente nacía dunha obxectiva inferioridade de medios para o labor científico fronte aos especialistas europeos.

Relación con Antonio Casares Rodríguez

No instituto José Cornide de Estudios Coruñeses (IJCEC) consérvase a correspondencia remitida por Antonio Casares Rodríguez (1812-1888) a Seoane entre 1855 e 1876. Vinte anos separan a data de nacemento de Casares e Seoane, dabondo para que coincidisen como profesor e alumno na universidade, respectivamente, como socios na Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago, e como colegas no ámbito científico das ciencias naturais. A relación de Seoane con Casares foi máis aló do profesional, como mostran os consellos e consultas que reclama de Casares, e as confidencias que este lle fai, compartindo os dous o seu sentimento de traballar «aislados en un extremo de la península, entregados por tanto a nuestras débiles fuerzas», en palabras de Seoane, quen recoñece que se se animou a poñer por escrito a súa Fauna foi precisamente grazas ao estímulo de amigos como Casares, quen ademais se encargou da edición da obra, presionando a Seoane constantemente para a entrega dos capítulos a tempo de cumprir co compromiso cos subscritores.

No caso de Casares, esta correspondencia é especialmente valiosa por canto é a única que se lle coñece deste xénero. A máis numerosa refírese á época de publicación da Fauna, á de profesor de Seoane no Instituto da Coruña (1862-64) e á de consecución do seu bacharel en Ciencias (xuño de 1866). Casares era profesor na Universidade de Santiago de Compostela (Historia Natural, Química, Física) e ostentou ademais diferentes cargos académicos. De feito, foi o encargado de agradecer en varias ocasións as doazóns feitas á Universidade por parte de Seoane, doazóns de minerais e fauna (insectos, peces, aves e mamíferos) da súa colección particular, ou exemplares das súas publicacións; o propio Casares foi quen tivo a idea de solicitar ao Goberno unha condecoración como recoñecemento; mesmo cando Seoane tratou de vender a súa colección á Universidade, foi Casares o intermediario.

Cando Seoane se incorporou como profesor substituto de Elementos de física y química y Nociones de Historia Natural ao Instituto de segunda ensinanza da Coruña necesitaba apoio para as súas clases prácticas: «puesto que no se dan más que nociones de Historia Natural, mejor será encargar y cargar la mano en Física, y dejar para más adelante la adquisición de piezas caras, contentándose por ahora con algún mamífero del país, y con las láminas de Aquiles Comte, recomendadas por el Gobierno»; recomendacións de catálogos para a compra de instrumental, libros de texto, a mellor disposición dos exemplares para a docencia, consellos sobre procedementos básicos en laboratorio... a todo isto respondeu Casares, remitindo a Seoane mesmo táboas-resumen (corpos simples, dos gases, as disolucións salinas) elaboradas polo propio Casares para as súas clases prácticas.

Seoane era afeccionado a ir no verán ao balneario de Carballo; quizais por iso fixo unha consulta a Casares acerca das augas que este analizara nos balnearios de Cuntis e de Carballo. Tamén buscou consello de Casares sobre como solucionar o mal cheiro reinante na zona baixa de Ferrol, proveniente da rede de sumidoiros. En 1865, persuadido Seoane de que por moitas coleccións e coñecementos que tivese, se non tiña unha titulación adecuada non podería conseguir unha praza docente en propiedade, decidiu tratar de conseguir o bacharelato en Ciencias, para o que debía matricularse e examinarse na Universidade de Santiago. Tamén agora reclamou a axuda de Casares para que lle facilite o proceso, e intercedese ante algúns profesores que lle poñían dificultades. Outra faceta da relación entre Seoane e Casares é aquela en a que o primeiro se mostra como coleccionista e o segundo como químico analista. Xa Casares pedira a Seoane que se interesase en Madrid polo espectrógrafo ao pouco de velo anunciado na prensa, e cando chegou a Santiago, este instrumento converteuse na estrela do seu laboratorio. Aproveitando a nova infraestrutura, Seoane remitiu ao laboratorio de Casares mostras da súa colección para que este as analízase e identificase. Quizais foi Seoane quen facilitou a Casares os minerais da zona de Ortegal que este analizou en 1851 e que logo se denominarían morenosita e zaratita.

Seoane non dubidou en mostrar o seu agradecemento a Casares, como cando lle obsequiou cun aparello electromagnético de Gaiffe e a obra de Duchenne L´ electrisation localisée: «Mucho aprecio amigo mío este regalo que U. me hace, no sólo por lo que vale, sino principalmente porque me prueba la buena amistad de U. y el concepto que de mí tiene formado. No necesitaba ciertamente esta demostración para saber que U. me apreciaba en mucho más de lo que valgo; pero la conservaré como un testimonio del cariño del amigo y de la atención del discípulo». Ao falecer Casares en abril de 1888, Seoane, por entón Comisario Rexio de Agricultura, Industria e Comercio, solicitou da Real Sociedad de Amigos del País de Santiago que esta celebrase unha sesión pública de duelo en honra de Casares, «a imitación del Instituto de Francia», así como a realización dun retrato ao óleo, para o que el estaba disposto a poñer 125 pesetas. Foi a primeira persoa que saibamos propuxo unha manifestación pública de recoñecemento á figura de Casares.



Bibliografía:




Fontes documentais:

Expediente Persoal de Víctor López Seoane, Arquivo Histórico Universidade (Santiago de Compostela), cartafol 739, nº 20.

Biblioteca científica López Seoane, manuscritos, Instituto “José Cornide” de Estudios Coruñeses(A Coruña).


Fontes impresas:

Nalgunha aparece a data indicada polo autor entre interrogantes e, a carón, a data que se lle atribúe agora.

LÓPEZ SEOANE, V. (1854): Botánica. Familia de las Cruciferas, La Nueva Estrella. Semanario Enciclopédico de Ciencias, Literatura y Artes, Madrid, 1-II-1854.

LÓPEZ SEOANE, V. (1861): Catálogo de las Aves observadas en Andalucia, Rev. Progr. Ciencias, 11: 326-384.

LÓPEZ SEOANE, V. (1861-63): Fauna Mastológica de Galicia, Santiago: M. Mirás.

LÓPEZ SEOANE, V. (1862): Réplica a las observaciones hechas por D. Pedro Saínz Manteca, al Catálogo de las Aves de AndaluciaRevista Ibérica, 4: 462-467.

LÓPEZ SEOANE, V. (1866a): Reseña de la Historia Natural de Galicia, Lugo: Impr. Soto Freire.

LÓPEZ SEOANE, V. (1866b): Catálogo de las colecciones ornitológicas regaladas por D. Victor López Seoane, Memoria Instituto de Pontevedra, 33-43.

LÓPEZ SEOANE, V. (¿1870 a?: 1894): Revisión del Catálogo de Aves de Andalucia, A Coruña: Impr. V. Abad.

LÓPEZ SEOANE, V. (¿1870 b?: 1894): Aves nuevas de Galicia, A Coruña: Impr. V. Abad.

LÓPEZ SEOANE, V. (1877): Catálogo de Anfibios y reptiles de Galicia, Anales Soc. Esp. Hist. Nat., VI: 349-358.

LÓPEZ SEOANE, V. (1878a): Die Orthopteren der Spanisch-Portugiesischen Halbinsel, Stettiner Entomologische Zeitung, 7-9: 365-376.

LÓPEZ SEOANE, V. (1878b): Ephippiger du Nord de l'Espagne, Ann. Soc. Entom. Belg., XXI: LXX-LXXIV.

LÓPEZ SEOANE, V. (1878c): Sur la destruction par les Termites d'un navire de guerre spagnole au Ferrol, Ann. Soc. Entom. Belg., XXI: CCXXV-CCXXVII.

LÓPEZ SEOANE, V. (1878d): Notas para la fauna gallega, Ferrol: Impr. de "El Eco Ferrolano".

LÓPEZ SEOANE, V. (1879): Description de deux orthoptéres nouveaux d'Espagne, Bulletín Soc. Entom.Suisse, V: 485-487.

LÓPEZ SEOANE, V. (1880): Neue Boidengattung und Art von den Philippinen, Senckenb. Naturf. Gesellsch. , XII: 217-223.

LÓPEZ SEOANE, V. (¿1884?: 1885): , Identidad de Lacerta schreiberi (Bedriaga) y Lacerta viridis var. gadovi (Boulenger) e investigaciones herpetológicas de Galicia. , A Coruña: Impr. V. Abad.

LÓPEZ SEOANE, V. (1885): On two forms of Rana from N.W. Spain, The Zoologist, 9: 169-172.

LÓPEZ SEOANE, V. (1890): Nouvelle espece de Batracien Anoure des Iles Philippines, Mémoires de la Société Zoologique de France, III: 206-210.

LÓPEZ SEOANE, V. (¿1891?: 1894): Examen crítico de las Perdices de Europa, particularmente de las de España y descripción de dos nuevas formas de Galicia, A Coruña: Impr. Vicente Abad.

LÓPEZ SEOANE, V. (1894): Sur deux nouvelles formes de Perdrix d'Espagne, Mémoires Société Zoologique France, VII: 92-97.

LÓPEZ SEOANE, V. (1897): Bosquejo histórico de la Botánica española, B. Merino, Contribución a la Flora de Galicia. La vegetación espontánea y la temperatura en la cuenca del Miño, Tui: Tip. Regional; VII-XVII.


Bibliografía secundaria:

BUGALLO RODRÍGUEZ, A. (2001): O ensino das Ciencias e as coleccións de Víctor López Seoane, Ingenium, 7: 71-89.

BUGALLO RODRÍGUEZ, A. (2003): O Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela, Santiago: Universidade, Parlamento de Galicia.

CARBALLAL, R.; FRAGA, X.A.; GARCÍA, A. E REINOSO, J. (1992): A Colección de Musgos, Hepáticas e Liques de López Seoane e Hult, O Castro-Sada (A Coruña): Ediciós do Castro.

DEVESA ALCARAZ, J.A.& VIERA BENÍTEZ, MA C. (2001): Viajes de un botánico sajón por la Península Ibérica: Heinrich Moritz Willkomm (1821-1895), Cáceres: Universidad de Extremadura.

DÍAZ-FIERROS, F. (2001): Hipótesis miasmáticas y alcantarillado. El gran hedor de El Ferrol en el siglo XIX, Ingenium, 7: 143-150.

DOSIL MANCILLA, F. J. (1997): El herbario de algas de Víctor López Seoane (1832-1900). Aportación a la flora marina gallega, Tese de licenciatura inédita. Universidade da Coruña.

DOSIL MANCILLA, F. J. (2007): Los albores de la botánica española, Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Cientificas.

FERNÁNDEZ VIDAL, E. (2001): El naturalista gallego Víctor López Seoane (1832-1900) y la Lepidopterología, Ingenium, 7: 195-221.

FRAGA VÁZQUEZ, X. A. (1988): Embrioloxia e taxonomia a fins do século XIX. As notas embriolóxicas de López Seoane (1881) no contexto da Herpetoloxia europea, Ingenium, 1: 27-58.

FRAGA VÁZQUEZ, X. A. (1989a): A polémica sobre Triturus boscai Lataste 1879 na Herpetoloxia europea de fins do XIX. A discusión entre dous Paradigmas científicos, Asclepio, XLI: 281-304.

FRAGA VÁZQUEZ, X. A. (1989b): Novos dados sobre os contactos entre Darwin e López Seoane (1881) e unha valoración global da influéncia darwinista no labor científico do naturalista galego, Revista Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, 22 (1987): 5-26.

FRAGA VÁZQUEZ, X. A. (1990): Dados históricos sobre a identidade de Triturus helveticus alonsoi (Seoane, 1884). Dúvidas e contradiccións en Taxonomia no momento de cámbio de paradigma científico, Llull, 13: 403-426.

FRAGA VÁZQUEZ, X. A. (1992): Bioloxia na Galiza na segunda metade do século XIX (1868-1903): ensino, divulgación, debates, produción, institucionalización e recepción de novidades, Santiago de Compostela: Universidade.

FRAGA VÁZQUEZ, X. A. (1994): O Instituto de 2a. ensinanza de A Coruña no século XIX. O ensino das Ciencias Naturais, Revista Instituto "José Cornide" de Estudios Coruñeses, 27-28 (1992-93): 53-94.

FRAGA VÁZQUEZ, X. A. (1996): A "Reseña de la Historia Natural de Galicia" na obra do naturalista Seoane. Estudio previo á edición facsimilar de V. López Seoane, Reseña de la Historia Natural de Galicia, O Castro-Sada (A Coruña): Ediciós do Castro; p. 9-28.

FRAGA VÁZQUEZ, X. A. (1998): Aportación al estudio de la obra del naturalista Graells, García Hourcade, J. L.; Moreno Yuste, J. M. & Ruíz Hernández, G., Estudios de Historia de las Técnicas, la Arqueología industrial y las Ciencias, Salamanca: Junta de Castilla y León; II: 839-848.

FRAGA VÁZQUEZ, X. A. (2001): La constitución de la Historia natural en España. La actividad de los naturalistas a mediados del siglo XIX y el proyecto de catalogación de Graells, Ingenium, 7: 225-242.

FRAGA VÁZQUEZ, X. A. (2002): La recepción del darwinismo en la práctica científica de los naturalistas españoles del siglo XIX, Puig-Samper, M.A.; Ruíz, R. & Galera, A. (ed.), Evolucionismo y Cultura. Darwinismo en Europa e Iberoamérica, Madrid: Doce Calles; p. 249-265.

FRAGA VÁZQUEZ, X. A. (2007): Creación e orixinalidade na obra do naturalista Seoane, A Coruña: Offset Valladares s.l., Instituto “José Cornide” de Estudios Coruñeses.

FRAGA, X.A.; RIKKINEN, K. & VIDAL ROMANÍ, X.R. (1995): The visit of the geographer and botanist Ragnar Hult to Galiza in 1899, Ingenium, 4: 7-67.

GALÁN, P. (2001): Las investigaciones herpetológicas de Seoane, Ingenium, 7: 255-268.

GRAFTON, A. (2001): Falsarios y críticos. Creatividad e impostura en la tradición occidental, Barcelona: Editorial Crítica.

JUDSON, H. F. (2006): Anatomía del fraude científico, Barcelona: Crítica.

LATASTE, F. (1878): Les Reptiles de la Galicie, Revue internationale des Sciences, 22: 693-697.

LOSADA SANMARTÍN, Ma. L. (2016): Antonio Casares. Ciencia, ideología y sociedad en la universidad de Santiago en el siglo XIX. Santiago de Compostela, tese de doutoramento.

MARTÍNEZ BARBEITO, C. (1978): Torres, pazos y linajes de la provincia de La Coruña, A Coruña: Deputación provincial.

MEIJIDE PARDO, A. (1991): Eusebio da Guarda y el Instituto de 2a. enseñanza de La Coruña, A Coruña: Impr. "La Voz de Galicia".

MERINO, B. (1907): Don Víctor López Seoane como naturalista, Varios, Linneo en España, Zaragoza: M.Escar; 327-340.

OVILIO Y OTERO, M. (1883): Biografía del naturalista español Don Victor López Seoane, Escenas Contempóraneas , I (8): 351-361.

PINO PÉREZ, R.; FRAGA, X.A.; SILVA-PANDO, F.J.; PINO PÉREZ, J.J.; GARCÍA MARTÍNEZ, X.R. & GÓMEZ VIGIDE, F., 2007): El manuscrito Plantae per Galleciam observatae de J.M.C. Lange, Nova Acta Científica Compostelana (Bioloxía) , 16: 19-85.

PULIDO, A. (1874): El Dr. D. Victor López Seoane, Anfiteatro Anatómico Español, año 2: 244-245.

REIG, A. (2001): Victor López Seoane (1832-1900) como ornitólogo europeo en el centenario de su fallecimiento: la relación de Victor López Seoane con Alfredo y Reinaldo Brehm y su importancia para la Ornitología Ibérica, Ingenium, 7: 345-377.

REIG, A. & FRAGA, X.A. (2000): La contribución de Alfredo y Reinaldo Brehm a la Ornitología ibérica en su viaje científico a España de 1856 a 1857, Ausejo, E. & Beltrán, Ma. C. (Eds.): La enseñanza de las Ciencias: una perspectiva histórica, Zaragoza: Universidad; p. 823-848.

RON PEDREIRA, A. (1983): Víctor López Seoane, naturalista gallego. Notas para una biografía, Concepción Arenal. Ciencias y Humanidades , 4: 45-50.

RON PEDREIRA, A. & LÓPEZ-PEREA, F.J. (1974): López Seoane y Pardo-Montenegro, Víctor, Gran Enciclopedia Gallega, Santiago-Gijón: Editorial Silverio Cañada.

SAINZ, P. (1862): Observaciones al Catálogo de Aves de Andalucia publicado por D. Víctor López Seoane en 1861, Revista Ibérica, II: 110-122.

Publicacións nas que participou Víctor López Seoane

Portada de  Álbum da ciencia
LIBRO

Álbum da ciencia

: 30 nomes e as súas achegas