Biografía de Daisy Alcalde Monteagudo
Axente de igualdade, mestra e activista. Na docencia é especialista en educación primaria e música aínda que a súa maior experiencia é con rapazada con TEA (Trastorno do Espectro Autista). A educación e a igualdade na diversidade son os piares dos seus traballos.
Ten formación en xénero e educación sexual así como experiencia traballando en distintos proxectos feministas (obradoiros, charlas, creación de materiais educativos, debates, ciclos de cine, puntos lila etc.). Colabora nun grupo de investigación da UVigo sobre menores e violencia de xénero dende o ano 2017.
Presidenta da asociación feminista O Soño de Lilith dende o 2012 e tamén participante noutras asociacións ou colectivos dende onde realiza ese activismo que tanto precisamos. Dende esta asociación, ademais de facer loita de rúa, tamén se realizan proxectos nos centros educativos, obradoiros e outras moitas actividades. Entre elas destaca “Festivala: mulleres creando”, un festival que intenta visibilizar o papel das mulleres en todos os eidos artísticos, en especial no musical, ademais de lanzar unha mensaxe feminista.