Francisco Lores

----

Francisco Lores


NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Francisco Lores


(O Grove, 1934-Bos Aires, 2017)

Natural do Grove, Francisco Lores Mascato, máis coñecido como Paco Lores, naceu o 5 de maio de 1934. Na súa mocidade decidiu buscar un futuro mellor en Bos Aires, a onde chegou a bordo do buque “Entre Ríos” o 1 de agosto de 1952, momento en que se efectuaba o multitudinario velorio de Evita.

Desde os seus primeiros días na capital arxentina, foi un asiduo concorrente á Federación de Sociedades Galegas, onde comezou a traballar na defensa dos dereitos dos emigrantes. Así, súmase á Sociedade O Grove, na que participa cunha intensa actividade integrando as distintas comisións directivas da entidade.
A relación con diferentes persoeiros da colectividade facilitou que o tempo fose testemuña da súa entrañable amizade con figuras como o poeta Arturo Cuadrado, o escritor Lorenzo Varela ou o artista plástico Luís Seoane, entre outros.
A súa figura será sempre lembrada por case toda a colectividade polo seu inmenso labor á fronte da Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina e por ser un dirixente na defensa dos dereitos da cidadanía galega no exterior. Nese sentido destaca a súa participación nas marchas organizadas polo Consejo de Residentes Españoles en Buenos Aires (CRE), entidade que presidiu nos anos 90, para pedir a eliminación do sistema de voto rogado e os seus constantes apoios á loita dos netos de emigrantes para que puidesen acceder á nacionalidade española.
Cómpre resaltar tamén que na súa xestión á fronte da Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina creou, en 2005, o Museo de la Emigración Gallega (MEGA) e máis adiante a Biblioteca Galega de Bos Aires Antonio Pérez-Prado, onde, grazas ao valioso fondo bibliográfico, moitos investigadores de ambas as beiras do Atlántico buscan información acerca da emigración, a causa republicana e a Guerra Civil española.
Na súa tarefa como directivo da colectividade tamén foi unha figura clave para a creación da Federación Unión de Asociaciones Gallegas de la República Argentina (FUAGRA) en 1992.
Sempre foi un dirixente consecuente na loita dos dereitos humanos, a liberdade, a democracia e o pluralismo de ideas, razón que o levou a impulsar desde a Federación dúas querelas contra o I Corpo do Exército Arxentino pola desaparición de numerosos cidadáns españois, moitos de orixe galega, durante a última ditadura arxentina (1976-1983).
Esta é unha pequena mostra do infatigable labor que desempeñou nos seus 83 anos un loitador, que continuou ata o último instante de vida pendente das necesidades que aparecen a diario na colectividade galega. Sempre fiel aos seus ideais, nunca deixou de pensar na súa terra, pero tamén logrou ter un compromiso político e social coa terra a onde emigrou e non ser indiferente ao que pasaba nela.

Francisco Lores nas actividades do CCG

Artigos

(4/1977) Os nacional - populares teñen candidatos. Teima. (19), 6.
Ver nota breve
Mencións: Manuel María ; Margarita Ledo ; Camilo Nogueira ; Prudencia, Pancha Santasmariñas ; Pilar Allegue ; Elvira Souto ; Xosé Fernández Barcia ; Javier Alonso ; Xose Casal ; Lois Diéguez ; Xose Antonio Iglesias Prieto ; Ramón López-Suevos ; Pedro Luaces ; Jose Luis Rios Paredes ; Francisco Rodríguez ; Antonio Sanchez ; Jose Vilas Nogueira ; Xaquín López Facal ; Xosé Agrelo Hermo ; Bautista Álvarez Domínguez ; Moncho Valcarce ; Marisa Vázquez Barquero ; Antón Fernández Sánchez ; Fernando Camarot Veira ; Hilario Leopoldo López Rego ; Xan Bouzas Lariño ; Jaime González Costoya ; Xosé Manuel Pavón ; Emilio, "Milucho" López Pérez ; Manuel, Canoura García Yáñez ; Xosé Manuel Rodríguez Martínez ; César Varela ; Francisco Carballo Carballo ; Antón Romasanta Vilarchao ; Manuel Méndez Fraguas ; Manuel Chao Terceiro ; Manuel Martínez Rodríguez ; Francisco Lores ;