Antonio Casares

----

Antonio Casares

1871 Santiago de Compostela | 1929 A Coruña
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Antonio Casares

1871- Santiago de Compostela | 1929 A Coruña
O botánico galego máis relevante Era familiar de sobranceiros científicos. O seu pai, o químico Antonio Casares Rodríguez (1812-1888), foi figura central da Universidade de Santiago, e o seu irmán, José Casares Gil (1866-1961), químico salientable e catedrático das universidades de Barcelona e Madrid. Antonio Casares Gil estudou Medicina en Santiago e logo de licenciarse ingresou en Sanidade Militar (1894) e ocupou praza en Barcelona, onde visitou os laboratorios universitarios e realizou numerosas excursións botánicas e zoolóxicas. Destinado a Cuba, volveu a España cando a colonia acadou a independencia. Inmediatamente (1899) acode a Múnic, cos seus propios recursos, para formarse en Botánica co profesor Karl Ritter von Goebel (1855-1932). No seu prestixioso laboratorio estudou organografía vexetal, sobre todo dos briófitos e pteridófitos, e iniciou o estudo sistemático dos primeiros. Antes de regresar, Casares visitou varios laboratorios en París, Berlín, Frankfurt, Nürnberg e Würzburg. Na Universidade de Würzburg tivo o privilexio de “contemplar la cátedra y laboratorio del famoso profesor Sachs, de quien había sido uno de sus discípulos su maestro Goebel” (García Varela, 1935: 112). Efectivamente, Julius von Sachs (1832-1897), quen morrera había pouco, desenvolvera importantes investigacións no eido da Fisioloxía Vexetal.

Casares residiu uns anos en Madrid, onde atopou o apoio de Ignacio Bolívar e Antonio García Varela para proseguir as pescudas e publicar os resultados. O instrumento utilizado sería a Junta para Ampliación de Estudios (JAE), unha institución coa que a familia Casares mantería unha fonda relación. O irmán de Antonio, José Casares Gil, foi vogal da xunta executiva e realizou, co apoio da JAE, varias viaxes institucionais a diversos países. Outros Casares tamén gozarían de bolsas no estranxeiro, como Fermín Casares Bescansa, especialista en algas, quen en 1909 repetiría estancia formativa co profesor Goebel, e Miguel Gil Casares, catedrático de Patoloxía en Santiago. Antonio foi profesor colaborador da rede da JAE. Impartiu cursos para bolseiros sobre as muscíneas españolas nos locais do Museo Nacional de Ciencias Naturales e, despois, no Jardín Botánico. Grazas ás xestións de Bolívar, dispuxo dun pequeno espazo de traballo, o Laboratorio de Criptogamia y Briología da JAE, establecido primeiro no Museo e despois na Estación de Guadarrama, do que foi director. Esa situación permitiulle continuar as súas pescudas e publicar a primeira parte da Flora ibérica, dedicada ás hepáticas (Casares Gil, 1919).

Ocupou a presidencia da Sociedad Española de Historia Natural en 1924, ano en que ascende a coronel (médico), con destino na Coruña, e “[…] en 1928 es nombrado General-Inspector del servicio de Sanidad militar” (Caballero, 1932: VII). Tamén pertenceu ao Instituto de Higiene Militar. Nese centro ideou un método de tinguidura, moi estimado, dos cilios das bacterias. Ademais, estudou, por encargo do Goberno, a vacina antitífica en París, Berlín e Londres (Anónimo, 1929), que aplicou nas campañas coloniais en Marrocos.

Briólogo excepcional

No eido da Botánica, Antonio Casares Gil traballou sobre os denominados “vexetais inferiores”, seres que ata ese momento espertaran moi pouca atención entre os botánicos peninsulares, e está recoñecido como o primeiro briólogo peninsular, o creador da moderna brioloxía ibérica. De feito, os seus traballos deben representar o punto de partida de calquera estudo formal de brioloxía hispánica (Casas de Puig, 1977). Para Francisco Bellot, trátase do botánico máis insigne de Galicia (Bellot, 1956). Un botánico sobranceiro en quen salientaba o seu amplo coñecemento e a moderna metodoloxía empregada.

Desde a volta de Alemaña abordou o estudo sistemático dos briófitos peninsulares. O primeiro resultado relevante foi a monografía dedicada ás Hepáticas (Casares Gil, 1919), considerada “obra perfecta […] en su género; de tan elevado valor científico, que será imprescindible su consulta a todo el que estudie las Hepáticas mediterráneas y atlánticas” (Caballero, 1932: VII), comentario coincidente co dos máis importantes especialistas da época. O profesor Xan Reinoso (USC) considera que segue a ser a mellor obra de que se dispón na actualidade para o recoñecemento de hepáticas ibéricas (Reinoso, 1985).

A continuación, Casares centrouse no segundo tomo dos briófitos, o dedicado aos musgos. Os últimos anos da súa vida, na Coruña, transcorren nunha loita entre a enfermidade e o esforzo do botánico por rematar ou deixar moi avanzado ese labor. Cando morre, a obra fica inconclusa. Desaparece nun momento de plena madurez e con importantes proxectos en marcha. Así, Arturo Caballero (xefe da sección de herbarios do Jardín Botánico e catedrático de Fitografía da Universidade de Madrid), afirmaba que “[…] todos los que nos honrábamos con su valiosa amistad sabíamos que el proyecto total de D. Antonio Casares Gil abarcaba todas las Arquegoniadas ibéricas” (Caballero, 1932: VIII). Dous especialistas de gran prestixio no estudo das criptógamas, Valentine e Pierre Allorgue, trasladarían o seu testemuño da dramática situación na nota biográfica que publicaron co gallo da súa morte (Allorge, 1930). Constatan que a publicación que Casares preparaba sería perfectamente comparable coas dos mellores especialistas internacionais, citando a Limpricht, Husnot, Dixon, Mac-Vicar e C. Jensen. Os Allorgue coñeceran o botánico galego en 1925, na Coruña, e estableceron unha relación profesional e de amizade. Casares acompañounos para mostrarlles as localidades galegas onde descubrira a presenza de especies interesantes. Segundo C. Casas, “Después del fallecimiento de Casares en 1929, la mayor parte de los estudios briológicos realizados con rigor científico los debemos a los esposos Allorge” (Casas de Puig, 1982: 40).

Ignacio Bolívar decidiu, considerando a súa importancia, concluír a monografía de Antonio Casares. Contaba con máis de “dos mil cuartillas y numerosas figuras con la parte descriptiva referente a los musgos peninsulares” (Caballero, 1932: VIII) e encargoulle a Arturo Caballero que completase o labor. A obra póstuma aparecerá publicada (Casares Gil, 1932) cunha “Advertencia preliminar” de Bolívar explicando o proceso e unha nota biográfica e bibliográfica do propio Caballero.

Contribución á flora galega

No século XIX, en Galicia, os estudos dos briófitos eran escasos, limitándose ás compilacións de Miguel Colmeiro (Colmeiro, 1889), obras de escaso rigor científico. O profesor finlandés Ragnar Hult realizou algunhas recoleccións e determinacións en 1899, pero a súa imprevista morte impediu a publicación dos resultados. Deste xeito, os traballos de Antonio Casares serán, practicamente, os primeiros que signifiquen algunha contribución orixinal. Nas súas publicacións inclúense gran número de especies recolectadas en Galicia. Para coñecer detalles desa achega pódese consultar Reinoso, 1985. Como traballo específico, relacionado coa flora galega, Casares presentou en 1912 unha breve comunicación á Sociedad Española de Historia Natural, “Hallazgo del ‘Fontinalis Lachenaudi’ en los alrededores de Santiago de Galicia” (Casares Gil, 1912). Trátase dun exemplar recollido nos arredores de Santiago, no río Sarela (lugar de Vidán). Comenta que “en el número correspondiente á Noviembre último de la Revue bryologique vio la descripción que da el sabio briólogo M. Cardot de esta especie, y por la sola enumeración de los caracteres macroscópicos sospechó que era la misma que él había encontrado en Galicia. Estudiada después con más detenimiento, comprobó que se trataba, en efecto, de la Fontinalis Lachenaudi, y para mayor seguridad envió un ejemplar al propio M. Cardot, que confirmó la determinación” (Casares Gil, 1912: 99).

A colección de briófitos de Antonio Casares Gil, que pasou ao herbario do Jardín Botánico de Madrid, constitúe a colección histórica briolóxica máis relevante desa institución.

Bibliografía:



Fontes impresas:

Unha relación das publicacións de Antonio Casares pode consultarse en CASARES GIL, 1932. Delas salientamos:

CASARES GIL, A. (1912): Hallazgo del «Fontinalis Lachenaudi» en los alrededores de Santiago de Galicia, Bol. de la R. Soc. Esp. de Hist. Nat., 12, 99-100.

CASARES GIL, A. (1915): Enumeración y distribución geográfica de las muscíneas de la Península Ibérica, Madrid: Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, Instituto Nacional de Ciencias Físico-Naturales. Trabajos del Museo Nacional de Ciencias Naturales, Serie Botánica, nº 8.

CASARES GIL, A. (1919): Flora ibérica. Briófitas (1a. parte). Hepáticas, Madrid: Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, Instituto Nacional de Ciencias, Museo Nacional de Ciencias Naturales.

CASARES GIL, A. (1932): Flora ibérica. Briófitas (segunda parte). Musgos, parte primera por A. Casares-Gil, con una nota biográfica y un capítulo de generalidades por A. Caballero Segares, Madrid: Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, Instituto Nacional de Ciencias, Museo Nacional de Ciencias Naturales.


Bibliografía secundaria:

ALLORGE, V.& ALLORGUE, P. (1930): D. Antonio Casares Gil (1872-1929), Rev. Bryol. Lichénol, nouv. sér., 3: 1-4.

ANÓNIMO (1929): Antonio Casares Gil, Boletín Oficial del Colegio de Practicantes de Santiago, 9 (maio): s.n.

BELLOT, F. (1956): Pourret, Colmeiro, Planellas y Antonio Casares Gil (la escuela botánica compostelana), Discurso inaugural leído en la solemne apertura del curso académico 1956-57, Santiago: Universidad.

CABALLERO, A. (1932): Don Antonio Casares-Gil, Flora ibérica. Briófitas (seguunda parte). Musgos, parte primera por A. Casares-Gil, con una nota biográfica y un capítulo de generalidades por A. Caballero Segares, Madrid: Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, Instituto Nacional de Ciencias, Museo Nacional de Ciencias Naturales.

CASAS DE PUIG, C. (1977): Estado actual de las investigaciones sobre Briología en España, Acta Phytotax Barc., 21: 5-13.

(1982): Valentine Allorgue (1888-1977). Su contribución a la brioflora española, Acta Botánica Malacitana, 7: 39-44

GARCIA VARELA, A. (1935): I. Julius Sachs: su significado en la Fisiología vegetal II. Antonio Gil Casares, ilustre botánico compostelano, Asociación Esp. Progreso Ciencias, XIV Congreso, Santiago 1934. Madrid: Impr. C. Bermejo.

PONTE HERNANDO, F., REGO LIJÓ, I., ÁLVAREZ FERNÁNDEZ DE ARROYABE, N., MENDES FRANCO, R. L., GONZÁLEZ CASTROAGUDÍN, S. (2016): Discurso de las Armas y las Ciencias: El Coronel Médico D. Antonio Casares Gil (1871-1929), Sanidad Militar, 72 (2): 131-143.

REINOSO, J. (1985): Bibliografía briológica gallega, Trabajos Compostelanos de Biología, 11: 119-130.

Publicacións nas que participou Antonio Casares

Portada de  Álbum da ciencia
LIBRO

Álbum da ciencia

: 30 nomes e as súas achegas

Artigos

(7/1944) Lembranzas d'un vello. Revista Compostela. 1ª (6-9), 30-31.
Ver artigo Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
Mencións: Antonio Casares ; Alejandro Pérez Lugín ; Alejandro Rodríguez Cadarso ; Francisco Romero Blanco ; Gumersindo Sánchez Guisande ; Maximino Teijeiro ; Miguel Payá y Rico ; Aureliano Linares Rivas ;