Lola Arribe Dopico
Ferrol (A Coruña), 16/ 2/1938 - Ferrol (A Coruña), 23/10/2016Autoría: Manuel Rivero Pérez
Íntegra e valente, destacou na política, na lingüística e na galeguización da liturxia
Arribe, sobre o que lle gustaba investigas e explicar o seu significado:
lugar que estaba debaixo da montaña de pedra, do pedregal ou da canteira na chaira ou no valou
como espazo entre dúas pedras, marcos ou símbolos de separación pétreos. En Ferrol e nas comarcas do seu entorno, principalmente en Ortigueira e Cedeira, encontramos con frecuencia o apelido Arribe e as variantes Arribi; Arrivi e Arriví.
Para resumir a personalidade de María das Dores Arribe Dopico, precisamos numerosos cualificativos, entre os que destacamos: intelixente, traballadora, culta, íntegra, sobria, independente e valente. Miúda, de mirada limpa, beleza serena, acolledora e cálida. Excelente comunicadora, tanto a través da linguaxe verbal e corporal, como dos silencios que con tanta mestría interrelacionaba cos seus tempos, formas e modos, sen solaparse nin interromperse.
Destacou principalmente en catro ámbitos significativos que marcaron a súa historia de vida: o político, o lingüístico, o académico e o social, nos que deixou unha fonda pegada.
Actividade política
A experiencia vital de Lola no escenario político e sindical galego, nos primeiros anos da democracia, defínense polo seu compromiso, militancia, entrega, constancia e motivación, chegando a presentarse ás eleccións ao Congreso do 15 de xullo de 1977 nas lista do Partido Socialista Galego (PSG) pola provincia da Coruña; e ás eleccións, tamén ao Congreso, do 28 de outubro de 1982 pola coalición Bloque-PSG. A súa presenza axudou a quebrar tanto o soporte, como o teito de cristal, que a modo de filtros impedían a entrada da muller nas esferas do poder e nas decisións políticas.
Unha análise das listas electorais dos diferentes partidos, móstranos de forma evidente a realidade da fenda de xénero. Nas dezaseis candidaturas ao Congreso, das eleccións do 15 de xuño de 1977, concorreron cento trinta e seis homes e catorce mulleres. Traducido a porcentaxes: 90,7% homes e 9,3% mulleres.
Se analizamos as do Senado, a sensación que se percibe, é máis desalentadora, non figura ningunha muller nas listas das oito candidaturas que se presentaron pola provincia da Coruña, tendencia que se pode extrapolar ao resto das provincias galegas.
O PSG, obtivo o 3,72% dos votos válidos emitidos, Lola ía no número catro da candidatura. Ao analizar os resultados polo miúdo, descubrimos a influencia positiva da candidata na cidade na que moraba, en Ferrol o PSG, obtivo 2700 votos, coa proporción do 6,26%, que duplicou a da media provincial.
Neses comicios a candidatura do PSG conseguiu 16 660 votos, fronte aos 8027 do Bloque Nacional Popular Galego, fago esta comparación, dado que nas eleccións do ano 1982, presentaríanse na coalición B-PSG, acadando no conxunto 38.437 votos, co 3,02%, Lola ocuparía o número sete da lista electoral, que non acadaría representación parlamentaria.
A incorporación da muller, de forma tímida e o uso da nosa lingua, de forma expresa, foron dous dos fitos determinantes nos escenarios políticos dos anos 1977-1982.
Lingua e liturxia
A presenza de Lola en numerosos congresos da lingua galego-portuguesa foi habitual. A súa forma de dicir, de ser e de estar fluía con intensidade, criando unha atmosfera na que se respiraba liberdade. Transmitía con tanta forza un entusiasmo desbordante, que contaxiaba a un público que se quedaba con ganas de saber máis.
Era habitual nos congresos da Associaçom Galega da Língua (AGAL) e nas homenaxes a Ricardo Carballo Calero. Foi invitada aos I Encontros Labaca celebrados os días 3,4 e 5 de xuño de 1983. Temos a certeza de que participou en numerosos foros, dos que non se conserva a documentación, debido a que Lola, a finais do ano 2009, por motivos de idade e de saúde, tivo que abandonar o seu fogar e pasar a residir na residencia da terceira idade de Caranza, nese traslado viuse obrigada a desfacerse da maior parte da súa biblioteca e do seu arquivo persoal.
Lola tivo, tamén, unha participación activa no Concilio Pastoral de Galicia (1968-1974). O seu intenso traballo, oportuno e necesario, marcou un antes e un despois na utilización da lingua galega nos diferentes escenarios eclesiásticos. Así o lembra José Martinho Montero Santalha:
No Concilio Galego Lola fez parte da comissão de liturgia (eu também), que presidia D. Amando Araújo (irmão do nosso bispo) e foi uma eficaz defensora do uso do galego na Liturgia, que foi aprobado com uma grande maioria de votos.
A galeguización da liturgia foi un referente para a concienciación de amplos sectores, que modelaron ese proceso, e serviu de guía para a edición e tradución de libros, na radio e na prensa, revistas, eventos e conferencias.
Da fala e da escrita
Estudosa da nosa fala e comprometida coa súa escrita, con criterios científicos, gran defensora da corrente reintegracionista, tivo como referentes aos profesores Ricardo Carballo Calero, Martinho Montero Santalha e Lois Barros Diaz, cos que conservou un vínculo de amizade durante toda a súa vida.
Na biblioteca do Parlamento da Galiza, consérvanse nove das numerosas cartas que Lola lle enviou a don Ricardo. Están datadas nos anos 1981, 1983, 1984 e 1989. Son documentos cheos de sabedoría, cariño, admiración, respeito e confianza. Cando faleceu Carballo Calero (30-04-1990), Lola seguiu intercambiando correspondencia coa súa viúva, María Ignacia Ramos Díez.
Para Lola, Carballo Calero tiña o perfil da persoa que, ao seu ver, reunía os talentos máis prezados e viña ser a fonte de sabedoría e a referencia a seguir, polo que se converteu no seu mestre, mentor e amigo.
A experiencia de Lola, como autora de libros de texto do ciclo infantil, foi breve, creativa e innovadora pero non puido continuar con ese labor por mor da modificación das normas ortográficas. Lola era partidaria da normativa reintegracionista e consideraba que a nova normativa oficial prexudicaba o galego, empobrecéndoo e desviándoo do itinerario que estaba chamada a seguir. Publicou varios libros de texto:
-Lingua Galega. E.X.B. Ciclo inicial. Na primeira e na segunda edición deste libro figuran como autoras María do Sol Veiga Aneiros (tamén ilustradora da publicación) e María Dores Arribe Dopico. As dúas edicións foron publicadas pola editorial Everest nos anos 1981 e 1983.
-Lingua galega. 3º E.X.B. Ciclo Medio. Este segundo libro conta con Lola Arribe Dopico como autora única. As ilustracións son de Catarina Lanza López, e foi publicado pola editorial Everest en outubro de 1982.
-Lingua Galega. 4º E.X.B, Ciclo Medio, escrito por Lola Arribe e ilustrado por Rosa María Galdo Aguirre. Foi publicado en outubro de 1983 pola editorial Everest.
Pero Lola Arribe, ademais, era poeta. A súa poesía inédita é marabillosa. Se grande era a súa creación literaria coñecida a través dos libros de texto e das conferencias, cando temos a oportunidade de acceder á parte que nos queda do seu arquivo persoal, descubrimos textos sublimes, dunha harmonía perfecta, de tristeza profunda, espida, dor, morte, loito, desencanto, memoria dos tempos idos, firmeza, coherencia e loita. Son berros secos, que braman contra das inxustizas e dos silencios, que levan ao anonimato e á indiferenza.
Deuse coa obra de Lola un proceso semellante ao acontecido con Guerra da Cal, a quen coñeciamos ben como escritor e, porén, a descuberta da súa poesía foi algo máxico e sorprendente.
As máis de duascentas de poesías
In memoriamdedicadas ao seu irmán Jorge, son para ler e reler, e así, entender unha pequena parte da súa dor e do seu sufrimento por perder a quen sempre coidou, quixo e admirou con tanta intensidade,
o seu meniño. Unha parte importante deses poemas están escritos na cara branca dos sobres de té que tomaba a diario na cafetería Avenida de Ferrol.
Lola choraba a perda dos seus referentes e perpetuaba a súa memoria: Carballo Calero, Rafael Dieste, Juan Malde, Benjamin Moloise, foron algúns dos elixidos.
Bibliografía
https://www.juntaelectoralcentral.es/cs/jec/documentos/GENERALES_1977_Candidaturas.pdf
https://www.juntaelectoralcentral.es/cs/jec/documentos/GENERALES_1982_Candidaturas.pdf
https://pgl.gal/lola-arribe-uma-vida-de-afouteza-coerencia-e-dignidade/
https://aunamendi.eusko-ikaskuntza.eus/es/arri/ar-20661/#:~:text=Etimolog%C3%ADa.,con%20el%20significado%20de%20piedra.
https://www.euskaltzaindia.eus/index.php?option=com_ecoeoda&Itemid=793&task=bilaketa&view=bilaketa&lang=es&query=arrivi&mota=deiturak&ordena=score&arautzea_facet[]=7
https://asime.es/estudio-ubica-inicio-la-revolucion-industrial-los-astilleros-navales/
https://es.wikipedia.org/wiki/Arraibi
https://www.sociedadecolumba.com/articulo/breogan-ii-1864-1919-jose-fontenla-leal
https://www.galiciadigital.com/opinion/opinion.35900.php
https://www.galiciadigital.com/opinion/opinion.36008.php
https://www.galiciadigital.com/opinion/opinion.35911.php
Como citar: Rivero Pérez, Manuel : Lola Arribe Dopico. Publicado o 5/3/2025 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=28403. Recuperado o 24/05/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Comunicación de Lola Arribe no II Congresso Internacional da Língua Galega-Portuguesa na Galiza, organizado por AGAL e realizado do 23 a 27 de setembro de 1987 en Santiago de Compostela e Ourense. Ver Documento. Artigo
Arribe, María das Dores: «Presença galega na VIII Conferencia da "Asociación Americana de Juristas"», Agália: revista da Assoçiaçom Galela da Língua, 13 (primavera 1988), 86-89.
Fonte: Agália: revista da Assoçiaçom Galela da Língua.
https://agalia.net
Cinco poemas manuscritos de Lola Arribe Dopico, escritos entre maio e xullo de 1987. Ver Documento. Poema
Fonte: Arquivo familiar.
Relatorio «Que galego na escola? Tese reintegracionista» presentado aos I Encontros Labaca por Dores Arribe, António Gil e Juan Carlos Rábade.
Fonte: António Gil Hernández / Academia.edu https://www.academia.edu/
Ponencias: I Encontros Labaca. Sada (A Coruña): Ediciós do Castro, 1984. Ver Documento
Língua Galega E. X. B. (ciclo inicial), publicación de María do Sol Veiga e María Dores Arribe. Ver Documento. Libro
Veiga Aneiros, Maria do Sol e Arribe Dopico, Maria Dores: Língua Galega E. X. B. (ciclo inicial). León: Everest, 1982.
Fonte: https://www.academia.edu
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Información sobre o II Congresso Internacional da Língua Galega-Portuguesa na Galiza,no que participou Lola Arribe. Ver Documento. Artigo
«II Congresso Internacional da Língua Galega-Portuguesa na Galiza», Agália: revista da Assoçiaçom Galela da Língua, 13 (primavera 1988), 106-113.
Fonte: Agália: revista da Assoçiaçom Galela da Língua.
https://agalia.net
Lola Arribe formou parte do consello asesor de Agália: Publicaçom internacional da Associaçom Galega da Lingua desde a súa creación den 1985. Ver Documento
Agália: Publicaçom internacional da Associaçom Galega da Lingua, Extra 1 (1985) (Exemplar dedicado a: Problemática do sector lácteo)
Fonte: Agália / Dialnet.
Candidatura do Partido Socialista Galego (PSG) ás eleccións xerais de 1977, na que figura Lola Arribe. Ver Documento
Fonte: Mundiario.
https://www.mundiario.com/
Ligazóns de interese
Acceso en liña a Poemas a Jorge, de Lola Arribe.
Fonte: Biblioteca Virtual Egeria.
Edición de Manuel Rivero
https://bibliotecavirtual.egeria.gal
«Correspondencia entre María das Dores Arribe Dopico e Ricardo Carvalho Calero (1)», artigo de Manuel Rivero.
Fonte: Galicia Digital
Galicia Digital, (10 de febrero de 2025)
https://www.galiciadigital.com
«Correspondencia entre María das Dores Arribe Dopico e Ricardo Carvalho Calero (2)», artigo de Manuel Rivero.
Fonte: Galicia Digital
Galicia Digital, (17 de febrero de 2025)
https://www.galiciadigital.com
«Correspondencia entre María das Dores Arribe Dopico e Ricardo Carvalho Calero (3)», artigo de Manuel Rivero.
Fonte: Galicia Digital
Galicia Digital, (24 de febrero de 2025)
https://www.galiciadigital.com
«Actividade política de María das Dores Arribe Dopico», artigo de Manuel Rivero.
Fonte: Galicia Digital
Galicia Dixital, (20 de enero de 2025)
https://www.galiciadigital.com
«Lola Arribe: uma vida de afouteza, coerência e dignidade», artigo de Loreto de Castro publicado en pgl.gal.
Fonte: PGL.
pgl.gal, (23 de outubro de 2021)
https://pgl.gal/
«Buenos días, Lola Arribe: paz eterna», artigo necrolóxico de Rosa Cal dedicado a Lola Arribe.
Fonte: Diario de Ferrol.
Diario de Ferrol, (6 de diciembre de 2016)
https://www.diariodeferrol.com/
Espazo web de «María das Dores Arribe Dopico» na Biblioteca Virtual Egeria
Fonte: Biblitoeca Virtual Egeria.
https://bibliotecavirtual.egeria.gal