Sabela Labraña
Cedeira, 28/ 10/1952 - Barcelona, 26/12/2015Autoría: Eduard Velasco
Mestra, filóloga e embaixadora de Galicia en Cataluña
En Cedeira pasa a infancia dunha cativa dos anos cincuenta, xoga nas rúas e convive cos costumes e as dinámicas dunha vila mariñeira, da que tamén coñece o drama dos náufragos e dos mortos nos traballos do mar, que lembraba sempre con moita mágoa. Participa, coma calquera outra nena da época, das celebracións relixiosas que marcaban o ciclo do ano e dos eventos organizados pola Sección Femenina. A finais dos anos sesenta prepara o bacharelato na Academia da Silva, fundada por un mestre represaliado polo franquismo, e examínase por libre en Ferrol. Trasládase a Santiago de Compostela para iniciar os estudos de maxisterio e vive nunha pensión mentres segue os cursos coa consciencia de que a súa situación de filla de familia numerosa non lle permite perder o tempo –convicción que a acompañará toda a vida–. Acada a titulación de mestra de Ensino Primario en 1974.
O seu primeiro destino docente obteno en Madrid, cidade onde nace o seu fillo Roi en 1978 e na que permanecerá até 1980, cando solicita o traslado a Cataluña e se establece en Barcelona, con praza na localidade limítrofe de Santa Coloma de Gramenet. Será nesta nova escola, traballando ambos os dous como mestres de preescolar, onde coñecerá o que será o seu compañeiro, o pintor Alfredo Salom. Alén deste encontro, hai outro feito decisivo que marcará o carácter da súa práctica profesional: a principios desa década Santa Coloma acadou, coma outras poboacións da periferia barcelonesa, o seu pico demográfico, chegando a superar os 140 000 habitantes, un terzo dos cales se incorporou durante os dez anos anteriores. A necesidade de escolarizar todo ese novo alumnado, recentemente chegado doutras partes do Estado ou nacido como primeira xeración en Cataluña, supuxo un reto pedagóxico que Sabela asumiu coma un desafío persoal –como adoitaba facer na súa traxectoria docente–, o que a levou a participar nas reivindicacións das familias e a loitar activamente polos dereitos dos nenos e as nenas. Axiña se implicou, xa que logo, tanto nos movementos de innovación pedagóxica que buscaban fórmulas de convivencia e integración coma nas experiencias pioneiras de inmersión lingüística –reclamadas e impulsadas polas propias familias procedentes da inmigración–, para o que aprendeu catalán e o adoptou como lingua vehicular do ensino e de relación social.
Poucos anos máis tarde, exercendo xa na cidade de Barcelona, empeza a estudar Filoloxía Románica e licénciase, coa especialidade de galego-portugués, en 1988. Durante eses anos tamén se integra no potente movemento asociativo galego de Cataluña: o Centro Galego de Barcelona, o Grupo de Investigación Cultural “Á Espreita” –do que foi cofundadora– ou, tempo andado, o movemento Nunca Máis, Rede.cat e mais a Asemblea Cultural Galega de Barcelona contaron coa súa participación e apoio, aínda que non coa intensidade que a ela lle gustaría, algo que esperaba poder compensar durante a xubilación da que nunca chegou a gozar.
En 1994 a Consellería de Educación da Xunta de Galicia e mais o Reitorado da Universidade de Barcelona asinan un Convenio de apoio aos estudos de Filoloxía Galega, en virtude do cal se instaura a nova licenciatura e se comeza a ampliar, grazas aos recursos chegados de Galicia, o fondo galego da biblioteca universitaria. A conseguinte necesidade de persoal docente que leve adiante a nova titulación dálle a Sabela a oportunidade de se incorporar á Universidade como lectora. A posibilidade de mudar o rumbo profesional suponlle, porén, un período de profunda reflexión persoal e familiar para sopesar os pros e os contras, xa que naquel momento era directora da escola Bogatell, na Vila Olímpica, e sabía que tería que deixar a súa estabilidade laboral e económica a cambio de ver realizado o soño de traballar en galego e en favor da difusión da lingua e da cultura de Galicia. Finalmente decide concorrer á praza, renuncia ao cargo de directora e inicia a súa andaina universitaria no curso 1994-1995.
Incorporada á Universidade, primeiro como lectora e máis tarde xa contratada, imparte materias de lingua, fonética e sociolingüística do galego, e durante os primeiros anos dá clase tamén nos Cursos de Lingua e Cultura Galegas para persoas adultas que patrocinaba a Dirección Xeral de Política Lingüística. Revisando a súa traxectoria como investigadora universitaria vemos que combinou varios ámbitos da filoloxía dun xeito ecléctico: dedicouse á fonética, chegándose a doutorar en 2005 cun Estudio acústico das consoantes fricativas do galego, mais xa nas primeiras achegas deste campo introduce a compoñente social da lingua ao estudar os prexuízos lingüísticos cara á gheada; a partir de aí, fará contribucións destacadas e mesmo innovadoras á sociolingüística –foi membro do Centre de Recerca en Sociolingüística i Comunicació da UB– ao se interesar polo uso do galego nas segundas e terceiras xeracións de cataláns de orixe galega, pola convivencia das linguas e das identidades nunha sociedade multicultural coma a catalá e mais polo ensino do galego como segunda lingua. Como investigadora participará nos congresos da Asociación Internacional de Estudos Galegos de Tréveris (Alemaña, 1997), da Habana (Cuba, 2000), de Barcelona (2003) –do que foi parte do comité organizador– e mais de Santiago de Compostela (2009).
Cómpre salientar que, ademais dos campos de estudo estritamente filolóxicos, Sabela demostrou sempre unha grande apertura a calquera outra disciplina que lle puidese proporcionar ferramentas para comprender a realidade galega. Non só introduciu na súa obra conceptos e nocións procedentes da teoría de sistemas, da filosofía ou da psicanálise, senón que, a maiores, asinou colaboracións interdisciplinares con investigadores doutras especialidades, entre as que podemos destacar os traballos en conxunto co xeógrafo Valerià Paül Carril sobre a interpretación cultural das paisaxes mariñas de Galicia ou sobre os significados da raia galego-portuguesa, que Sabela abordou desde a perspectiva literaria. Tamén redactou e publicou artigos en colaboración con alumnos aos que incentivaba a se iniciar na investigación académica.
Se cadra a angueira educativa á que dedicou máis ilusión durante a súa etapa universitaria, que mesmo compaxinou coa escrita da tese de doutoramento, foi o Proxecto Galauda, impulsado baixo a súa dirección desde a Sección de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Barcelona no ano 1999 (logo de o Departament d’Educació da Generalitat de Catalunya e mais a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia asinaren un Protocolo de colaboración para a promoción lingüística das linguas galega e catalá na oferta educativa dos centros de ensino dependentes das dúas consellerías). Galauda foi, nas súas propias palabras,
un proxecto educativo interculturalque pretendía
provocar nos adolescentes unha percepción da diversidade lingüística e cultural como unha necesidade incuestionable para a sociedade, coa intención de
contribuír á construción dun marco xeral de convivencia que promova e facilite a cohesión sociale
as relacións de respecto e de igualdade, de aceptación entusiasta da diferenza.
Mediante ese proxecto innovador, e grazas á capacidade que tiña para aglutinar persoas arredor súa e para conciliar distintas sensibilidades, houbo durante case quince anos institutos de secundaria que ofreceron materias de lingua e cultura galegas nas aulas catalás. Contaban, ademais, cun libro de texto, Vencello –do que se fixeron dúas edicións, no 2001 e no 2007–, que foi o primeiro material édito para a aprendizaxe da lingua galega pensado para estudantes de fóra de Galicia e o único que recolle o catalán como lingua de comparación. Todos os anos, como parte do proxecto, facíase unha viaxe colectiva a Galicia para que o alumnado de galego tivese un achegamento real e emocional á cultura e á lingua que coñecía nas aulas, unha viaxe na que Sabela tamén participaba e que era moi importante para ela porque constataba a importancia vivencial que tiña para a rapazada esa experiencia educativa tan distinta das outras. Alén de conseguir que centos de estudantes entrasen en contacto co galego todos os cursos, co Proxecto Galauda Sabela ligaba, a través das metodoloxías da educación emocional e das aprendizaxes significativas, a vocación de mestra co activismo a prol da lingua.
Durante os últimos anos na Universidade de Barcelona, Sabela Labraña é vítima da progresiva precarización universitaria e da redución drástica da presenza dos estudos galegos na Facultade de Filoloxía, o que comportou prescindir dunha parte do persoal docente. Sabela traballou contra o reloxo para cumprir as esixencias curriculares e poder manter a praza como profesora, un esforzo que lle supuxo moitas renuncias na vida persoal e familiar e mesmo problemas de saúde. No entanto, e malia ter acreditada a súa solvencia profesional, a Universidade só lle ofreceu un contrato de profesora asociada que non lle permitía vivir dignamente e resolveu solicitar a reincorporación á súa praza do corpo de mestres da Generalitat de Catalunya, nun proceso que viviu como unha verdadeira expulsión.
O seu derradeiro destino, ao que se incorpora en setembro do ano 2012, foi o Centre de Formació de Persones Adultes Palau de Mar, en Barcelona. Aínda que, nun principio, Sabela entra nesta escola coa frustración derivada de ter que abandonar de maneira forzada o ensino universitario, sentirase valorada e moi ben acollida desde o comezo e axiña se implicará emocionalmente co centro e co seu novo alumnado. Aquí tivo que facer, tamén, un grande esforzo para se reciclar e poder impartir catalán e informática, as dúas materias das que se encargou. Esta última etapa é coherente coa súa carreira profesional, xa que puido combinar a experiencia didáctica do ensino a persoas adultas das dúas décadas anteriores coa vontade constante de transformación e de mellora da práctica pedagóxica, participando mesmo nun proxecto de innovación educativa xunto con outras escolas. Como homenaxe á pegada que deixou nos tres cursos e medio durante os que formou parte do seu claustro, o CFA Palau de Mar dedicoulle a aula de autoformación, que hoxe leva o seu nome –como o levan tamén a biblioteca da Asemblea Cultural Galega de Barcelona e mais o club de lectura mensual que esta entidade organiza.
Sabela Labraña morre o 26 de decembro do 2015 como consecuencia dun grave accidente doméstico sufrido o día de Nadal. A súa perda repentina causou unha fonda consternación entre a comunidade galegocatalá, na que Sabela era considerada un referente vital e intelectual que gozaba dunha gran popularidade. Co seu pasamento perdeuse unha mestra entusiasta que puña os alumnos no centro do seu traballo, e mesmo da súa vida, e unha cidadá que entendía que ensinando galego e dando a coñecer Galicia desde Cataluña estaba abrindo a porta a un xeito de comprender o mundo.
Agradecementos
O autor quere agradecer a axuda das persoas que lle achegaron información sobre a vida de Sabela Labraña: Xosé Luís Regueira, codirector da tese de doutoramento de Sabela; Anxo Baranga, membro da Asemblea Cultural Galega de Barcelona; Lito Caramés, membro do Proxecto Galauda; Valerià Paül Carril, coordinador do libro Vencello; Helena González, compañeira de Sabela na Secció de Filologies Gallega i Portuguesa da Universitat de Barcelona; Antón F. Escuredo, membro do Grupo de Investigación Cultural "Á Espreita"; Joan Padrós, director do CFA Palau de Mar; e, cun agarimo especial, a Antom e Carlos Labraña, irmáns, e mais a Roi e Alfredo Salom, fillo e compañeiro de Sabela.
Como citar: Velasco, Eduard : Sabela Labraña. Publicado o 23/11/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=29805. Recuperado o 12/05/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Entrevista a Sabela Labraña na revista A micro pechado. Ver Documento. Artigo
Fonte: Velasco, Eduard: «Sabela Labraña, profesora de galego en Barcelona», A micro pechado, 127 (2015), p. 4-5.
Interpretación crítica das paisaxes do mar galego. Ver Documento. Artigo
Fonte: Labraña, S. e V. Paül i Carril: «As paisaxes do mar galego. Unha liña interpretativa crítica”, Sémata. Ciencias Sociais e Humanidades, 25 (2013), p. 29-62. [Coautoría con ]
Accesible en: https://revistas.usc.gal/index.php/semata/article/view/1235 [Consulta: 2021-11-30]
Reflexións sobre a situación sociolingüística do galego. Ver Documento. Artigo
Fonte: Labraña, Sabela: «Reflexións sobre a situación sociolingüística galega dende o paradigma da complexidade», Estudos de lingüistica galega, 3 (2011), p. 65-82 Accesible en: https://revistas.usc.gal/index.php/elg/article/view/338 [Consulta: 2021-11-30]
Artigo sobre a actitude da poboación galega residente en Cataluña cara ao idioma da catalán. Ver Documento. Artigo
Fonte: Labraña, Sabela: «Els gallecs a Catalunya. Cap a una ciutadania plena», Revista d’Igualada, 25 (abril de 2007), p. 44
Artigo de Sabela Labraña e Eduard Velasco sobre coñecemento e convivencia do galego e o catalán. Ver Documento. Artigo
Fonte: Labraña, Sabela e Eduard del Castillo.: «Catalán e galego: Do coñecemento das linguas á convivencia das culturas». En H. González e M.ª J: Lama (eds) Actas do VII Congreso Internacional de Estudos Galegos. Mulleres en Galicia. Galicia e os outros pobos da Península. Sada: Ediciós do Castro, 2007; p. 817-830
https://www.academia.edu/1281585. [Consulta: 2021-11-329]
Entrevista de Pere Comelles e Sabela Labraña a Miquel Siguan. Ver Documento. Entrevista
Fonte: Labraña, Sabela e Pere Comellas: «Conversa con Miquel Siguan. Contacto de linguas: conflito ou convivencia?», Grial, 160 (2003), p. 60-69.
Biblioteca do Consello da Cultura Galega Accesible en: http://editorialgalaxia.gal/wp-content/uploads/2020/12/grial/Grial_160.pdf [Consulta: 2021-11-30]
Relatorio de Sabela Labraña na VIII Conferencia Internacional de Linguas Minoritarias. Ver Documento. Artigo
Fonte: «Intercambio educativo entre linguas minorizadas do Estado Español. Unha experiencia integradora». En M. X. Bugarín López et al. (eds.): Actas da VIII Conferencia Internacional de Linguas Minoritarias. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2002; p. 523-531.
Accesible en: http://www.academia.edu/1281583 [Consulta: 2021-11-29]
Artigo de Sabela Labraña e Ignacio Vázquez na revista Quimera. Ver Documento. Artigo
Fonte: Labraña, Sabela e Ignacio Vázquez Diéguez: «Escribir en una lengua que escuchamos robada», Quimera, 158-159 (maio-xuño de 1997), p. 91-94
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Bibliografía de Sabela Labraña. Ver Documento
Fonte: Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG)
Laudatio de Rosario Álvarez a Sabela Labraña, lida na homenaxe que lle dedicaron os compañeiros e compañeiras da Universidade de Barcelona. 9 de xuño de 2015 . Ver Documento
Fonte: Documento cedido por Rosario Álvarez
Ligazóns de interese
Sabela Labraña en youtube
Fonte:https://www.youtube.com/results?search_query=Sabela+Labra%C3%B1a [Consulta: 2021-12-01]
Entrada de Sabela Labraña na Galipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Sabela_Labra%C3%B1a
Sabela Labraña no Centro de Documentación da AELG
Fonte: Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega
https://www.aelg.gal/resources/centrodoc/members/paratexts/pdfs/autor510/PT_paratext8358.pdf
Información sobre o Proxecto Galauda, do que Sabela Labraña foi coordinadora
Fonte: Proxecto Galauda
https://blocs.xtec.cat/proxectogalauda/quen_somos/
Programa radiofónico en homenaxe a Sabela Labraña emitido no marco do Proxecto Neo o 13 de xaneiro de 2016
Fonte: http://proxectoneo.blogspot.com/2016/01/proxecto-neo-145-cultura-galega-en.html
«Aprender galego en Cataluña». Reportaxe de La Voz de Galicia sobre o Proxecto Galauda (2015)
Fonte: -Carreira, Sara: «Aprender galego en Cataluña», La Voz de Galicia sobre o Proxecto Galauda, (20 de maio de 2015)
Accesible en https://www.lavozdegalicia.es/noticia/sociedad/2015/05/20/aprender-galego-cataluna/0003_201505H20P52993.htm [Consulta: 2021-11-25]
Videos
Discurso de Sabela Labraña nun acto de reivindicación da lingua galega en Barcelona, celebrado o 17 de maio de 2009
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=rgG3AYflEy4
Lembrando a Sabela Labraña. Vídeo de homenaxe elaborado polo artista Anxo Baranga en 2016
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=5ulG8CCEO8c&t=4s
Vídeo de presentación do Proxecto Galauda, elaborado polo Departament d'Ensenyament da Generalitat de Catalunya
Fonte: https://vimeo.com/26860168 [Consulta: 2021-11-25]
Reportaxe sobre o Proxecto Galauda en Lingua Galega TV
Fonte: https://vimeo.com/109678959 [Consulta: 2021-11-25]