Pilar Pereira
Santiago de Compostela (A Coruña), 4/ 7/1937 - Santiago de Compostela (A Coruña), 7/2/2020Autoría: Ana Abad de Larriva
Actriz, recitadora e locutora de radio galega pioneira cunha dilatada carreira
Dende meniña destacou polos seus dotes declamatorios, recitando poemas que lle escribía o seu pai, o pedagogo Jesús Pereira, e tamén poemas de Rosalía de Castro. A súa nai, María Carballo, era mestra nacional e Pilar pasou os primeiros nove anos da súa vida en Ponte Ulla, onde estaba destinada a nai. Despois, trasladáronse a Santiago de Compostela. Pilar foi unha estudante avantaxada e, ao tempo, inconformista. Esa aura de rebeldía seguiría manténdoa ao longo da súa vida. Nese senso, Roberto Vidal Bolaño, no prólogo da autobiografía de Pilar, Un anaco de memoria, destacábaa especialmente como muller pioneira, que escandalizaba e, ao tempo, xeraba admiración pola súa vontade de ser libre, así como polo seu talento.
En marzo de 1949, con once anos participou na montaxe do grupo de Teatro Español Universitario, TEU, de Santiago de Compostela de El Anticuario, unha comedia de Suárez de Deza a partir da obra de Charles Dickens, no Teatro Principal de Santiago de Compostela, e nos seguintes anos seguiu cultivando o seu amor e habelencia polo teatro e a poesía, compaxinando a interpretación en diferentes montaxes escénicas coa recitación de poesía e cos estudos.
No ano 1953 entrou a traballar de locutora en EAJ4-Radio Galicia Cadena Ser de Santiago, da que xa fora colaboradora, mentres se seguía a desenvolver como actriz en diferentes montaxes, vinculada ao TEU e á agrupación cultural Cantigas e Agarimos. Foi unha locutora pioneira que axiña gañou sona e agarimo por parte das persoas ouvintes, mentres seguía desenvolvendo a súa gran paixón: o teatro. Dese xeito, participou en lecturas dramatizadas, como as que fixeron no TEU en 1954 de Cuando el fuego se apaga, de Jean-Jacques Bernard, baixo a dirección de Rodolfo López Veiga, e tamén en numerosas montaxes escénicas. En 1959 participou na escenificación en galego de Antígona, do dramaturgo francés Jean Anouilh, na tradución de Xosé Manuel Beiras, Xosé Luís Franco Grande e Ramón Silva, e dirixida por López Veiga, na que Pilar interpretou o papel de Antígona. Foi a primeira montaxe que fixo o TEU en galego e tivo unha grande acollida. Outras das numerosas pezas nas que participou neses anos foron O zoo de cristal, de Tennessee Williams, no ano 1959, na versión española de León Mirlas, tamén baixo a dirección de Rodolfo López Veiga; a da peza unipersoal Antes do almorzo, de Eugene O’Neill, baixo a dirección de Juan Miguel Daporta, en 1961; A las seis, en la esquina del bulevar, de Enrique Jardiel Poncela, baixo a dirección de Maximino F. Queizán, tamén en 1961; ou, en 1962, Os homes poden ser deuses, de Juan María Gallego Tato, no papel de Penélope, posta en escena por Cantigas e Agarimos. Esta última peza escribírase orixinalmente en galego, pero a censura obrigou a representala en castelán.
Pilar expresaba neses anos a súa vontade de profesionalizarse como actriz. O seu traballo como locutora, como recitadora de poemas (especialmente de Rosalía de Castro, mais tamén doutros autores galegos, como Curros Enríquez, Ramón Cabanillas ou mesmo Valle Inclán, non só en Santiago, senón en diferentes lugares de Galicia) e como actriz foron amplamente destacados na prensa galega dos anos cincuenta e comezos dos sesenta, sendo entón máis coñecida como Pili Pereira. Ademais, a gran popularidade que tiña neses tempos facía que fose convidada tamén a presentar e facer recitais en festivais, certames e outros eventos culturais e benéficos.
A súa paixón pola poesía, e, en concreto, pola obra poética de Rosalía de Castro, así como a súa habelencia recitativa, fixeron que rexistrase poemas de Rosalía, tanto en Santiago, para a asociación cultural Cantigas e Agarimos, como en Barcelona, para o estudio Odeón/La Voz de su Amo, onde gravou doce poemas no ano 1960.
A comezos dos anos sesenta, a actriz separouse do locutor e actor Ángel de la Peña, con quen casara e tivera unha filla, Marta, e trasladouse a Madrid. Alí seguiu traballando como presentadora e como actriz, entrando a formar parte do elenco da montaxe de Los salvajes en el Puente San Gil, de José Martín Recuerda, dirixida polo director Luis Escobar e estreada no Teatro Eslava en 1963, na que interpretou o papel de La Divina; e na montaxe de Saúl, de Felipe Mellizo, levada á escena pola Aula de Cultura del Ministerio de Educación Nacional de Madrid baixo a dirección de Modesto Higueras. Pilar tamén recordaba na súa autobiografía que nesa época colaborara coa compañía de María Fernanda D’Ocón, na xira de Las entretenidas, de Miguel Mihura, e de Los derechos de la mujer, de Alfonso Paso, que foran estreadas en 1962 e estaban dirixidas por Mario Antolín. En 1964 participou tamén en La gobernadora, de Jacinto Benavente, na posta en escena da compañía María Arias, baixo a dirección de Víctor Andrés Catena; en Las ratas suben a la ciudad, de Emilio Romero, e dirixida por Fernando Fernán-Gómez, para o Teatro María Victoria; e nun espectáculo que condensaba as pezas Retablo de la avaricia, la lujuria y la muerte; La rosa de papel e Sacrilegio, de Ramón María del Valle Inclán, baixo a dirección de Vicente Amadeo Ruiz, co Teatro Nacional Universitario.
Na súa autobiografía, Pilar contaba ademais que, durante a súa estadía en Madrid, participou na montaxe que fixo o director Eduardo Fuller de Sonata de espectros, de August Strindberg, con adaptación de Trino M. Trives, producida polo Club Foro Teatral e estreada en marzo de 1964; e explicaba que a súa primeira etapa na capital española se pechou ao decidir unirse ao grupo Los Goliardos, cos que en 1966 colaborou na escenificación de Ceremonia por un negro asesinado, de Fernando Arrabal. Ese ano o grupo foi convidado a presentar a montaxe en Francia, no Festival Internacional de Nancy. Pilar foi con eles e decidiu quedar en París.
Na capital francesa entrou a formar parte do proxecto cultural La Carraca, cuxo obxectivo principal era contribuír a achegar a cultura aos emigrantes españois traballadores, e co que participou en diferentes montaxes. Nesa agrupación coincidiu con artistas como Paco Ibáñez ou Joan Manuel Serrat. En París tamén volveu coincidir con Fuller, quen contou con ela para unha adaptación contemporánea de La vida es sueño, de Calderón de la Barca, xunto a actores como Paco Rabal, aínda que o proxecto non tivo percorrido. Posteriormente, despois do Maio do 68, Pilar trasladouse a Lovaina, en Bélxica, onde vivía a súa irmá pequena. Alí fixo estudos de Psicoloxía e coñeceu a Jorge Bossa, que sería o pai das súas fillas Alexandra e Camila (a tamén actriz Camila Bossa). Mudáronse a Colombia, onde Pilar abriu unha gardería e traballou como directora e actriz de teatro, ademais de participar en proxectos audiovisuais. Na década dos oitenta regresou a Madrid, onde intercalou diversos traballos coa participación en proxectos de dobraxe e de interpretación audiovisual, así como escénicos, como a montaxe de Rinoceronte, de Eugène Ionesco, coa compañía de Gonzalo Cañas, no ano 1988. Nesa época promoveu, ademais, a posta en escena de El placer que nos destierra, de César Vallejo, un proxecto da compañía Noctámbulos, do ano 1989, no que traballou con actores como Juan Diego e co músico Paco Ibáñez.
A comezos dos anos noventa recibiu a chamada dende Galicia de Maximino Fernández Queizán, quen estaba a preparar a montaxe de Así é, se vos parece, de Luigi Pirandello, para o Centro Dramático Galego, e quería contar con ela para formar parte do elenco. Pilar, que xa traballara baixo a dirección de Queizán no TEU na década de 1960, aceptou o convite e volveu a Galicia, de xeito definitivo. A peza estreouse en 1991 e Pilar interpretou o papel da Señora Flora. Ese mesmo ano volveu actuar noutra produción do CDG, O incerto señor don Hamlet, de Álvaro Cunqueiro, baixo a dirección de Ricard Salvat, facendo de Corifea. Traballaría novamente no CDG anos despois baixo a dirección de Cristina Domínguez, na súa montaxe d’O regreso ao deserto, de Bernard-Marie Koltès, no ano 2006. En 1993 traballou con Teatro do Aquí baixo a dirección de Roberto Vidal Bolaño en Saxo Tenor e baixo a de Quico Cadaval en Días sen gloria, compañía para a que volvería actuar en 1998 en Doentes. En 1994 formara parte tamén do elenco de Electra, de Eurípides, na montaxe da Escola Dramática Galega e Uvegá Teatro, baixo a dirección de Manuel Lourenzo, quen tamén se encargara da tradución e dramaturxia.
Pilar Pereira creou nos anos noventa a súa propia compañía, que levaba o seu nome. Nela, desenvolveu diferentes espectáculos de autoría propia. En 1995, escribiu e interpretou un monólogo titulado Ofelia, sen a virtude do pudor, dirixido na montaxe por Fernando Dacosta, e, logo, nos ensaios, por Quico Cadaval, que tivo unha grande acollida e co que xirou por toda Galicia durante nove anos. En 1999 escribiu e dirixiu Contrátenos, por favor!, interpretado pola súa filla Camila e por Marta Pazos. No ano 2000 estreou a peza Un lunar vermello (con pinguiñas azuis), tamén escrita por Pilar e dirixida por Quico Cadaval.
Nos anos noventa tamén traballara con outras compañías como Sarabela Teatro, na montaxe que dirixiu Ánxeles Cunha Bóveda d’A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, no ano 1996; Compañía de Marías, tamén en 1995, n’A voda dos moinantes, de John Millington Synge, na montaxe dirixida por Quico Cadaval; Factoría Teatro, na montaxe de Tío Vania, de Anton Chéjov, dirixida por Cristina Domínguez no ano 2005; Teatro do Atlántico, en Unha primavera para Aldara, en 2008, de Teresa Moure, baixo a dirección de Xúlio Lago; ou Teatro do Morcego, en Kvecht, de Steven Berkoff, de 2011, baixo a dirección de Álvaro Lavín.
Pilar foi tamén un rostro moi coñecido no audiovisual. Participou como actriz en series galegas como Rías Baixas, Mareas vivas, A familia Pita, 4º sen ascensor, Escoba! ou Lobos e cordeiros; ou na miniserie Códice, así como en episodios de series estatais, como Ramón y Cajal, Manos a la obra, ou Hospital Central.
Actuou tamén en longametraxes baixo a dirección de Chano Piñeiro, en Eu, o tolo, rodada entre 1978 e 1979 e estreada no ano 1982; ou a de Xavier Bermúdez, quen contou con ela para os seus filmes Nena, do ano 1997; Olvido e León, do 2004, Rafael, do ano 2008, ou O ouro do tempo, do ano 2014. Outras películas nas que tamén participou foron Un conto para Olivia, de Manane Rodríguez, en 2007; Não Pare na Pista - A Melhor História de Paulo Coelho, dirixida por Daniel Augusto, no ano 2012, ou o filme televisivo A Atlántida, do ano 2005.
No formato audiovisual tamén traballou en moitas curtametraxes, destacando sempre a súa ilusión e compromiso, que a levou non só a poñerse baixo a dirección de profesionais consolidados, senón tamén a apoiar proxectos de estudantes e creadores e creadoras emerxentes, actuando en filmes como Unha luz acendida, dirixida por Alber Ponte, no ano 1999; en Tanto ten, de Pedro C. Solla, no ano 2000, un traballo realizado por alumnado do segundo curso da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela contando con actrices e actores profesionais; n’A subela, de Luís Avilés Vaquero, no ano 2002; en Madres, de Mario Iglesias, no ano 2006; Néboa, de Claudia Costafreda, en 2007; A porta, dirixida por Andrés Goteira, en 2010; ou As vacas de Wisconsin, de Sara Traba, protagonizada por Pilar no ano 2016.
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia, AAAG, concedeulle o Premio de Honra Marisa Soto en 2013, en recoñecemento da súa dilatada e imprescindible traxectoria. O Concello de Santiago tamén aprobou recentemente o nomeamento dunha rúa en Santiago de Compostela co nome de Pilar Pereira, que aínda está pendente de levarse a cabo.
Agradecementos
Á Fundación Aisge por achegarme Un anaco de memoria, a autobiografía de Pilar Pereira; a Camila Bossa pola súa xenerosidade e agarimo para falarme de Pilar, e a Quico Cadaval, pola súa sempre prezada axuda.
Páxinas web de referencia
Páxina web do CDG.
Páxina web do Centro de Documentación de las artes escénicas y de la música.
Bibliografía
«A AAAG lamenta o falecemento de Pilar Pereira, gran referente do noso oficio da interpretación», na páxina web da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, o 7 de febreiro de 2020.
Dacosta Pérez, Fernando: 25 años de teatro universitario gallego. Las aulas de teatro universitarias de Galicia (1990-2015). Tomo I. Tese de doutoramento. Universidade de Extremadura, 2011.
«Entrevista con el grupo teatral La Carraca», no ano 1966. Entrevistas a José Luis González, Pilar Pereira, Paco Ibáñez, Joan Manuel Serrat, Armonía, Tachia Quintanar, Fraternal, Manuel López, miembros del grupo La Carraca. Fontes: Fondos sonoros de Radio París/ e Ramírez/del Campo, a través do proxecto Devuélveme la Voz da Universidade de Alacant.
«Falece Pilar Pereira, actriz fundamental do teatro galego moderno», na edición dixital da Erregueté, Revista Galega de Teatro, o 7 de febreiro de 2020.
«Las primeras voces de Radio Galicia hablaron con Carmela Pardal en el 75 aniversario», na Cadena Ser, publicado de novo o 21 de marzo de 2023 na páxina web da Cadena Ser.
«Lembramos a figura de Pilar Pereira e falamos de ‘Arima’, a película de Jaione Camoborda que hoxe chega aos cines», no Diario Cultural da Radio Galega o 7 de febreiro de 2020.
Pereira, Pilar: Un anaco de memoria, na colección Memoria de la escena española. Madrid: Fundación Aisge e T&B Editores, 2011.
«Pilar Pereira / Faust box / Eurozone / Música ligera». Entrevista de María Solar a Pilar Pereira no ZigZag Diario da CRTVG do 22 de marzo de 2013, con motivo do Premio de Honra Marisa Soto a Pilar Pereira.
Vieites, Manuel F. (coord.): Cento vinte e cinco anos de teatro en galego. Vigo: Xunta de Galicia e Editorial Galaxia, 2007.
Vilariño, E: «Diálogo a simple vista. Actrices de Teatro Nuevo
: Pili Pereira», El Correo Gallego, (4 de febreiro de 1962). Fonte: Hemeroteca Galiciana.
Como citar: Abad de Larriva, Ana : Pilar Pereira. Publicado o 27/9/2023 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=29961. Recuperado o 13/05/2025
DOCUMENTACIÓN DE
«Diálogo a simple vista. Actrices de Teatro Nuevo: Pili Pereira.
El papel de Penélope, de Los hombres pueden ser dioses, me encanta por su dificultad para representarlo». Entrevista de E. Vilariño a Pilar Pereira no xornal El Correo Gallego, o 4 de febreiro de 1962.. Ver Documento. ArtigoVilariño, E.: «Diálogo a simple vista. Actrices de Teatro Nuevo: Pili Pereira.
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.El papel de Penélope, de Los hombres pueden ser dioses, me encanta por su dificultad para representarlo», El Correo Gallego, 27497 (4 de febreiro de 1962), 9.
https://biblioteca.galiciana.gal/
«Diálogo a simple vista: Pili Pereira grabó 12 poesías de Rosalía en Discos Odeón». Entrevista de Couselo a Pilar Pareira arredor desas gravacións. Publicada no xornal La Noche o 18 de outubro de 1960.. Ver Documento. Entrevista
Couselo: «Diálogo a simple vista: Pili Pereira grabó 12 poesías de Rosalía en Discos Odeón», La Noche, 12197 (18 de outubro de 1960), 8.
Fonte: Galiciana. Biblitoeca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Dossier con material arredor da montaxe d’O regreso ao deserto, de Bernard-Marie Koltès, dirixida por Cristina Domínguez, no ano 2006 para o CDG.. Ver Documento
Documentación ampliada sobre a montaxe d’A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, por Sarabela Teatro, no ano 1996, na que participou como actriz Pilar Pereira.. Ver Documento
Fonte: Sarabela Teatro.
«Recital de poesía valleinclanesca, por Pili Pereira». Artigo publicado no xornal El Correo Gallego, o 8 de abril de 1962, sobre o recital de poesía de Valle Inclán que deu Pilar Pereira na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, no que se destaca especialmente o seu traballo.. Ver Documento. Artigo
«Recital de poesía valleinclanesca, por Pili Pereira», El Correo Gallego, 27551 (8 de abril de 1962), 7.
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/
«Recital de Pilar Pereira». Artigo publicado no xornal El Correo Gallego, o 7 de abril de 1962, sobre o recital de poesía de Valle Inclán que deu Pilar Pereira na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela.. Ver Documento. Artigo
«Recital de Pilar Pereira», El Correo Gallego, 27550 (7 de abril de 1962), 4.
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/
«Actuación del Orfeón y del grupo de danzas, en Betanzos». Artigo publicado no xornal El Correo Gallego, o 27 de marzo de 1962, en que se destacan as dotes vocais e escénicas da
recitadoraPilar Pereira, ao recitar o poema «O moucho», de Rosalía de Castro.. Ver Documento. Artigo«Actuación del Orfeón y del grupo de danzas, en Betanzos», El Correo Gallego, 27540 (27 de marzo de 1962), 8.
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/
«Pili Pereira, con su esposo Ángel de la Peña, aspira a formar compañía teatral», no xornal El Correo Gallego, o 20 de xaneiro de 1962.. Ver Documento. Artigo
Rey Alvite, Jesús: «Notas de un repórter: Pili Pereira, con su esposo Ángel de la Peña, aspira a formar compañía teatral», El Correo Gallego, 27484 (20 de xaneiro de 1962), 4.
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/
«Resultado del concurso de Teatro Leído». Artigo publicado no xornal El Correo Gallego, o 25 de marzo de 1961, en que se destaca especialmente a participación de Pilar Pereira no evento, fóra de concurso. . Ver Documento. Artigo
«Resultado del concurso de Teatro Leído», El Correo Gallego, 27223 (25 de marzo de 1961), 5.
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/
«Triunfo de Pili Pereira en Antes del desayuno». Artigo publicado no xornal El Correo Gallego, o 1 de decembro de 1960, en que se destaca as dotes actorais e a interpretación de Pilar Pereira no monólogo Antes del desayuno, de Eugene O’Neill.. Ver Documento. Artigo
«Triunfo de Pili Pereira en Antes del desayuno», El Correo Gallego, 27137 (1 de decembro de 1960), 9.
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal
Artigo de Máximo Bretal publicado no xornal El Correo Gallego o 11 de outubro de 1959, sobre a representación da peza O zoo de cristal, de Tennessee Williams, posta en escena polo TEU, e na que participou como actriz Pilar Pereira, da que se destaca a calidade seu traballo.. Ver Documento. Artigo
Bretal, Máximo: «Representación de Zoo de cristal en el salón de Fonseca», El Correo Gallego, 26782 ( 11 de outubro de 1959), 9.
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal
Nova informando da representación da peza El zoo de cristal, de Tennessee Williams por parte do TEU, na que participa Pilar Pereira; publicado no xornal El Correo Gallego o 9 de outubro de 1959.. Ver Documento. Noticia
«Gacetillas locales: El zoo de cristal», El Correo Gallego, 26780 (9 de outubro de 1959), 5.
Fonte: Galiciana. BIblioteca Dixital de Galicia-
https://biblioteca.galiciana.gal/
«Lectura de Cuando el fuego se apaga». Artigo publicado no xornal El Correo Gallego o 28 de marzo de 1954 arredor da lectura dramatizada de Cuando el fuego se apaga, de Jean Jacques Bernard, feita polo TEU e na que participou Pilar Pereira.. Ver Documento. Noticia
«Lectura de Cuando el fuego se apaga», El Correo Gallego, 25575 (28 de marzo de 1954), 2.
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal
Información publicada no xornal El Compostelano, o 6 de xullo de 1937, na que se informa da inscrición no rexistro civil da meniña María del Pilar Pereira Carballo.. Ver Documento
«Noticias», El Compostelano, 5072 (6 de xullo de 1937), 2.
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Ligazóns de interese
Lembranza de Pilar Pereira por Comba Campoi, en Nós>.
Campoi, Comba: «Actriz e titiriteira», Nós, (11 de febreiro de 2020). Accesible en: https://www.nosdiario.gal/opinion/comba-campoi/pilar-pereira-actriz-titiriteira/20200210131831091089.html
Fonte: Nós
«Falece Pilar Pereira, actriz fundamental do teatro galego moderno», artigo publicado na edición dixital da revista Erreguete o 7 de febreiro de 2020
Fonte: erreguete.gal
Pilar Pereira na páxina web dos Premios María Casares, da AAAG, en 2013
Fonte: https://aaag.gal/
Curtametraxe A subela, dirixida por Luís Avilés Vaquero, do 2002, na web Cortos de metraje
Fonte: Web Cortos de metraje
https://cortosdemetraje.com/a-subela/
«Entrevista con el grupo teatral La Carraca», no ano 1966. Entrevistas a José Luis González, Pilar Pereira, Paco Ibáñez, Joan Manuel Serrat, Armonía, Tachia Quintanar, Fraternal, Manuel López, membros do grupo La Carraca.
Fontes: Fondos sonoros de Radio París / e Ramírez/ del Campo, a través do proxecto Devuélveme la Voz da Universidade de Alacant.
Páxina web do Centro Dramático Galego
Fonte: http://centrodramatico.xunta.gal/cdg/
Episodios da serie Rías Baixas
Fonte: http://www.crtvg.es/en-serie/as-nosas-series/rias-baixas [Consulta: ]2023-04-24
Páxina web da AAAG (Asociación de Actores e Actrices de Galicia)
Fonte: https://www.aaag.gal/
Curtametraxe Madres, de Mario Iglesias, na que participa como actriz Pilar Pereira, na web Cortos de metraje
Fonte: Wev Cortos de metrajehttps://cortosdemetraje.com/madres/
Videos
Videobook de la actriz Pilar Pereira. 2014
Fonte: Canle Mr. Cool en youtube.es
https://youtu.be/xLent-3XvPw?si=byrEbtg-NmB7jH0A
Curtametraxe Conciencias tranquilas, de Gael Herrera, na que participa como actriz Pilar Pereira, na canle de YouTube de Steadycanman
Fonte: Canle de Steadycanman / youtube.es
https://youtu.be/m0sTtAyZj_Y?si=5b89KN-ao4NDB9NG
Tráiler da curtametraxe As vacas de Wisconsin, de Sara Traba, protagonizada por Pilar Pereira, na canle de YouTube da escola de cinema Bande à part
Fonte: Escola de Cinema Bande à part / youtube.es
https://www.youtube.com/watch?v=_DCFVi-2jfo&ab_channel=Bande%C3%A0PartEscueladeCine
Longametraxe Eu, o tolo, de Chano Piñeiro, na que participou como actriz Pilar Pereira, na canle de YouTube de Francisco Rozados Rivas
Fonte: Canle de Francisco Rozados Rivas / youtube.com https://youtu.be/9lGzliCKGPg?si=gUN0Q2TrSiyPi9U0
Curtametraxe Unha luz acendida, dirixida por Alber Ponte, na que participa como actriz Pilar Pereira, na canle de YouTube de Alber Ponte
Fonte: Canle de Alber Ponte / youtube.com
https://www.youtube.com/watch?v=VbPCtvJ1Spk&ab_channel=AlberPonte