Manuel Antonio
Rianxo, A Coruña, Galicia, 12/ 7/1900 - Rianxo, A Coruña, Galicia, 28/1/1930Autoría: Xosé Ramón Pena
Manuel Antonio Pérez Sánchez veu ao mundo na vila de Rianxo o 12 de xullo de 1900
Orfo de pai cando tan só contaba catro anos de idade, en 1913 aparece matriculado no instituto de Santiago de Compostela para cursar os estudos de bacharelato.
Será durante os anos composteláns, daquela, cando se inicie na aprendizaxe de cuestións literarias e políticas: un roteiro vital que o leva a intentar alistarse en 1918 como voluntario na Lexión Estranxeira do Exército francés, coa intención de loitar durante a Primeira Guerra Mundial. Aínda en Compostela, toma partido pola causa galeguista, opción que o leva a dar a coñecer as súas primeiras composicións: os sonetos titulados «O sol da liberdade» e «Soio» (1919). Alén diso, asiste á Segunda Asemblea Nacionalista, onde ten ocasión de escoitar, entre outros, a Vicente Risco, Castelao, Losada Diéguez...
Concluído o bacharelato e por consello do seu curmán Roxelio Pérez González, Roxerius, toma a decisión de iniciarse nos estudos de Náutica (1920). Así mesmo, publica diferentes composicións nas páxinas d´A Nosa Terra, ao tempo que lle escribe a Vicente Risco para pedirlle información respecto dos diferentes movementos da vangarda internacional.
Identificado plenamente cos ideais das Irmandades da Fala, acode á Cuarta Asemblea Nacionalista, realizada en Monforte de Lemos do 18 ao 20 de febreiro de 1922: as desavinzas que naquela xuntanza se puxeron de manifesto acabarían por causar a ruptura do movemento irmandiño. Manuel Antonio participa decididamente dos posicionamentos risquianos e, xa que logo, apoia a nacente Irmandade Nazonalista Galega. Polo demais, cómpre lembrar que durante os primeiros meses dese mesmo ano ten lugar a xestación do célebre manifesto Máis alá!, que acabaría vendo a luz pública no mes de xuño.
Xa en 1923, o poeta trasládase de novo a Santiago para examinarse de dúas materias na Facultade de Filosofía e Letras. Nas páxinas de El Compostelano (abril de 1923) publica «Un poeta da nosa terra», artigo no cal, comentando a exposición do pintor Imeldo Corral, vén a expoñer un dos aspectos que mellor definen a súa poética: a necesidade de (re)interpretar a paisaxe. Tamén nesa altura cronolóxica, dá conclusión aos estudos de Náutica (Vigo), por máis que decida non levar a cabo as prácticas pertinentes até acadar a exención do servizo militar, algo que acontece en decembro de 1924.
En novembro e decembro de 1922, o rianxeiro pedira a unha libraría de Madrid a obra de Jean Epstein La poésie d´aujourd´hui. Un nouvel état d´intelligence (1921). Nos primeiros meses de 1923 verte o dito texto ao galego, labor que acabará por devir transcendental na súa conformación como poeta.
Polo demais, escribe poesía durante esta xeira. O seu primeiro volume, Con anacos do meu interior, consta de textos datados entre 1920-1922, e Manuel Antonio tentouno publicar en Céltiga. A esta inicial contribución séguelle Foulas, que agrupa poemas que van de 1922 a 1925; da súa parte, Sempre e mais Dispois aparece redactado en 1923. Asemade, outras diversas entregas aparecen publicadas en diferentes medios: no xornal Galicia ¾onde dá a coñecer (xullo de 1924) un novo texto programático: «Prólogo para un libro de poemas que ninguén escrebeu»¾, no boletín Rexurdimento ou narevista Ronsel.
No mes de setembro de 1925 o poeta resulta ferido de gravidade, logo de ser acoitelado no remate dunha romaría. Mais reposto daquel contratempo, en xaneiro de 1926, e outra vez en Galicia, dá a luz un novo texto-manifesto en que volve definir as súas opcións estéticas (e mesmo políticas): «Fatiguémonos».
Vén a ser o 27 de febreiro de 1926 a data en que o de Rianxo inicie a súa andaina de navegante. Parte como agregado a bordo do pailebote Constantino Candeira, a cuxo capitán, Augusto Lastres, dedicará De catro a catro. O navío percorre a costa atlántica portuguesa e española e intérnase no Mediterráneo, travesía que remata o 18 de outubro de 1926.
O 26 de abril de 1927 e desde Bilbao, o noso poeta dá principio ao segundo traxecto a bordo do Constantino Candeira: esta vez polas costas cantábrica, atlántica e mediterránea, percorrido que finaliza o 28 de setembro en Camposancos (A Guarda).
Xa en xaneiro de 1928, Manuel Antonio comeza os tratos coa editorial Nós para a publicación de De catro a catro que, finalmente e como reza o colofón, se rematou de imprentar a fins do mes de marzo. O 17 de novembro embarca no buque neerlandés Gelria, co que chega a Bos Aires a primeiros de decembro, logo dun periplo polo Atlántico. A bordo dese mesmo navío, o rianxeiro levará a termo aínda outras dúas viaxes a terras arxentinas ao longo dos primeiros meses de 1929. Nese mesmo ano e segundo a indicación que figura na primeira folla do caderno que o contén, confecciona o seu derradeiro poemario: Viladomar.
De volta en Rianxo, na primavera volve embarcar: desta vez, en Cádiz, o 3 de xuño, e a bordo do pesqueiro vigués Arosa, para unha travesía que o leva polo norte da costa africana atlántica. O roteiro remata de volta ao porto gaditano no mes de outubro. Enfermo de gravidade desde tempo atrás, o noso protagonista volve á terra natal en decembro de 1929. Finalmente, o 28 de xaneiro de 1930 Manuel Antonio falece na súa casa de Asados (Rianxo).
Como citar: Pena, Xosé Ramón : Manuel Antonio. Publicado o 18/1/2017 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=3048. Recuperado o 21/03/2025
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Artigo «Algo se lee. Libros de Galicia en 1955». Ver Documento. Artigo
Artigo escrito por Aquilino Iglesia Alvariño, apareceu a páxina completa o 6 de xaneiro de 1956 en La Noche. Vai ilustrado con oito retratos de autores galegos, a maioría fotografías, outros debuxados ou pintados.
Fonte: La Noche vía Galiciana
Ligazóns de interese
51 páxinas das nosas Letras
Catálogo da exposición organizada polo Parlamento de Galicia en 2013 para conmemorar o 50 aniversario do Día das Letras Galegas
Fonte: Parlamento de Galicia
https://www.parlamentodegalicia.es/sitios/web/Publicacions/51%20paxinas%20das%20nosas%20letras.pdf [consulta: 2022-12-30]
Publicacións periódicas
Aviso Listado automático de documentación relacionada con Manuel Antonio nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
Revista Neboeira (-) .
Publicación de Cultura galega
Alma Gallega (1919-1927) .
Revista Mensual: Órgano Oficial de la Sociedad Casa de Galicia
Posteriormente varía a denominación aparecendo como Órgano Oficial de Casa de Galicia, Boletín de Casa de Galicia, Boletín Oficial de Casa de Galicia, Revista de Casa de Galicia etc.
Alma Gallega (1935-1967) .
1935: Revista de «Casa de Galicia»
1936-1940, e a partir de 1944: Órgano Oficial de Casa de Galicia de Montevideo
Xullo 1941: Revista de Casa de Galicia
Artigos Manuel Antonio
Aviso Listado automático de documentación relacionada con Manuel Antonio nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
MANUEL ANTONIO. (11/1927) A estrela desconecida | Alma Gallega. 1ª, 25.
MANUEL ANTONIO. (6/1944) E noivo e mail-a noiva | Acción Gallega. 2ª (10), 8.
MANUEL ANTONIO. (6/1944) Balada d'o Pailebote Branco | Acción Gallega. 2ª (13), 8.
MANUEL ANTONIO. GARCíA RODRíGUEZ, M. (5/1979) Libros: Periplo de Manuel Antonio | Nosa Terra, A. (61), 22.
MANUEL ANTONIO. (2/1980) Andando a terra: Lembranza do «Guedelliñas» | Nosa Terra, A. (92), 17.