María Reguera
Santiago de Compostela, 7/ 7/1756 - Madrid, 1824Autoría: Pilar Rodríguez Suárez
Autoría: Mercedes Vázquez Bertomeu
Literatura
Mulleres
Educación
Empresas
Movementos sociais
Investigación
Corenta mulleres tecendo xuntas
Activista a prol da universalidade da educación
María naceu en Santiago de Compostela en xullo de 1756. Os seus pais, Antonio Reguera y Mondragón –médico do cabido– e Tomasa Leal, pertencían á pequena fidalguía establecida nas vilas e que exercía profesións liberais. Tiveron outros dous fillos: José Ramón –falecido nas Indias– e Tomás –que seguiu a carreira do pai.
A traxectoria vital de María deixa ver que recibiu unha educación esmerada. Era, sen dúbida, unha muller de ideas claras e forte personalidade. Casou tarde para a época (1788) e cun home recoñecido polas súas conviccións ilustradas, Manuel Freire Castrillón. Os dous compartían o credo liberal baseado en educación, felicidade e progreso.
Nos anos anteriores ao seu matrimonio, María vivía en Lugo, onde participaba activamente no debate social sobre a necesidade de mellorar a educación. Alí implicouse no traballo que desenvolvían o bispo Juan de Armanyá e o seu provisor, o doutor Juan Antonio de Castro, na promoción de tres novas escolas (dúas de nenos e outra de nenas) para a cidade.
Este pulo á educación tiña na agrupación local da Real Sociedad Económica de Amigos del País o seu principal puntal como pioneira na posta en marcha de escolas e métodos educativos. Nestas entidades asociativas era onde se debatían as iniciativas que buscaban a renovación intelectual, económica e mesmo política do reino, pero nelas as mulleres non eran aceptadas de bo grao. As bachilleras, como eran denominadas despectivamente as implicadas na Ilustración española, tiveron que loitar por lograr un espazo e non o conseguiron ata 1787, cando se autoriza a afiliación de mulleres ás Reais Sociedades Económicas. María Reguera non foi admitida na Real Sociedade de Lugo, pero permitíuselle a lectura dun discurso en 1788; nel facía unha acendida defensa da educación (de nenos e nenas) como instrumento único capaz de xerar «ciudadanos útiles y aplicados».
Casou en Santiago por esas mesmas datas, o que leva a pensar que había unha afinidade ideolóxica co seu marido, Manuel Freire, membro da burguesía urbana. A parella asentouse en Santiago, onde tiveron os seus fillos: Antonio, José, Joaquín, Fernando e Jacobo.
Nada máis sabemos da súa vida ata os seus últimos anos, pero coñecemos a traxectoria do seu home, un dos primeiros xornalistas galegos. El experimentou unha conversión ideolóxica singular: deputado nas Cortes de Cádiz polo distrito de Lugo, abandonou o credo liberal para abrazar o ideario conservador. Deixou as Cortes e volveu a Galicia para converterse no máis relevante e incendiario defensor das ideas ultramontanas, e chegou incluso a delatar a ilustrados e afrancesados; e mesmo estivo preso polos franceses no Castelo de Santo Antón.
Non sabemos como viviu María este cambio ideolóxico e esta vida azarosa, pero os datos dispoñibles dan a entender que, en certa medida, ela compartiu os posicionamentos de Manuel.
Ela e os seus fillos fixéronse cargo en Santiago dos negocios familiares a partir de 1820 –cando o goberno liberal levou a Manuel ao exilio, onde faleceu–; sufriron as represalias do novo goberno, cuxos partidarios causaron importantes danos no seu curtidoiro de Vidán e confiscaron os seus bens. Malia que á volta do réxime conservador reclamaron indemnizacións e propiedades, parece que a familia nunca se recuperou do golpe. Todo induce a pensar que a familia marchou a Madrid, onde un dos seus fillos se establecera como funcionario do Ministerio de Facenda.
A lectura da súa obra deixa clara a súa afección á paleografía –consonte as novas tendencias historiográficas– e o seu sentir sobre a educación. Xustifica a intervención do Estado como garante da súa calidade e da súa utilidade para a formación da cidadanía; resalta o seu valor para xerar o progreso e a felicidade das xentes; e defende o coñecemento das escrituras antigas e a necesidade de mudar as vellas letras –caóticas e difíciles de ler– para mellorar o ensino e a administración dos negocios e do Estado. Nas súas propias palabras: «Con la educación lograréis todo; sin la educación que conseguiréis? Nada».
dehistoria. Cultura. Historia. Patrimonio

Como citar: Rodríguez Suárez, Pilar : Vázquez Bertomeu, Mercedes : María Reguera. Publicado o 1/1/2012 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=3297. Recuperado o 01/05/2025
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Mónica Bolufer Peruga en «Transformaciones culturales: luces y sombras» ofrece unha interesante exposición sobre as iniciativas de mulleres dentro da Ilustración hispánica. Ver Documento
Fonte: http://www.uv.es/iued/somos/publi/catedradef.htm
Referencias bibliográficas
- FERNÁNDEZ-QUINTANILLA, P.: La mujer ilustrada en la España del siglo XVIII, Madrid, Subdirección General de la Mujer, 1981.
- MORANT, I. (dir.): Historia de las mujeres en España y América Latina. V. 2: El mundo moderno. España y América colonial, Madrid, Cátedra, 2005.
- REY CASTELAO, O. e RIAL GARCÍA, S.: Historia das mulleres en Galicia. Idade Moderna, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, Secretaría Xeral de Igualdade ; Pontevedra, Nigratrea, 2010.
- SMITH, T.A.: The emerging female citizen: gender and enlightenment in Spain, Berkeley, University of California Press, 2006.