José Gil Gil
Barxa (As Neves, Pontevedra), 3/ 4/1870 - Vigo (Pontevedra), 1/1/1937Autoría: Vítor Vaqueiro
Fotógrafo e pioneiro do cinema galego
Sería probabelmente o desexo de prosperar fotograficamente o que conduciría ao fotógrafo a se instalar en Ourense en 1899, un ano despois de casar con Trinidad Sarabia, a quen coñecera nas terras de Caldelas. Trinidad era irmá de José, Constantino e Enrique Sarabia que, coa pasaxe do tempo, constituirían unha importante liñaxe de fotógrafos cuxas orixes, por liña paterna, se situaban, xustamente, no concello d’As Neves e que chegarían a traballar co propio José Gil. A cidade das Burgas afirmábase na altura como un importante centro fotográfico no que operaban profesionais de prestixio como Francisco Prieto, Pablo e Hermógenes Garitaonaindía, que rexían a Fotografía Vascongada, ou José Pacheco, mentres Ksado estaría a dar os seus primeiros pasos como aprendiz no gabinete deste último. En canto o portugués José Pacheco mantiña un reputado estudio nomeado Fotografía Artística, na rúa de Alba número 9, o seu irmán Jaime —na altura, vinte anos— constituía unha sociedade con José Gil no número 18 da mesma rúa. Esta asociación duraría só uns poucos meses, quer por desavinzas entre ambos os fotógrafos, quer porque Ourense afogaba existencialmente a Jaime, que estaría a preparar a súa marcha ao seu país de orixe, onde viaxaría e completaría a súa formación fotográfica e cultural, nunha xira que demoraría até 1905. A partir da marcha de Jaime Pacheco, Gil traballaría no seu estudio da rúa Alba 18, até a súa mudanza para a rúa do Progreso, troco que tería lugar en 1901, momento no que xa tiña consolidado o seu prestixio profisional, como proban imaxes de personaxes de renome, como a escritora Emilia Pardo Bazán.
Precisamente a comezos do século XX, o fotógrafo nevense iniciará labores fóra do estudio. Estes centraranse na colaboración con xornais e revistas, galegas ou do resto do Estado español, que acolleren información gráfica. Desta maneira publicaba unha reportaxe da infanta Isabel na súa visita ao país en 1906, percorrendo as rúas de Vigo ou o castelo de Monterreal en Baiona, reportaxe aparecido igualmente en ABC, en canto en Nuevo Mundo publicaba unha fotografía do magnífico grupo de gaiteiros “Os Trinta”, de Trives. Esta actividade non lle impediu seguir a exercitar o retrato de estudio co que obterá notábel suceso, tanto no que atinxe á fotografía de adultos, como á infantil. Así será como como obtivo, no certame de Reus, unha medalla de bronce pola colección que chamou Orensanas. Como contrapunto deste feito feliz, a morte —apregoando porvires funestos— mostra a súa presenza na proximidade de Gil: o aprendiz de dezanove anos Julián Garita, que moraba no fogar de José e Trinidad, suicídase dun tiro de revólver, probabelmente por sufrir desarranxos mentais e sendo este intento o segundo de se privar da vida. Neste momento, Gil, xunto con José Pacheco, é o gran protagonista da fotografía en Ourense. Se callar, unha mistura do desexo de esquecer o horror causado pola morte do auxiliar e a necesidade de expansión da empresa, foi o que empurrou o fotógrafo a expandir a súa área de acción a Vigo, unha cidade que xa estaba a mostrar un notábel dinamismo social e económico. Contaba nesta altura coa incorporación á empresa de José Sarabia, retornado de Cuba, para cumprir as funcións de técnico de laboratorio e retocador.
Na galería de Vigo, na rúa de Carral, cuxo nome lembra o levantamento de 1846 contra o réxime reaccionario de Narváez, Gil decidiu, en 1904, instalar un gabinete que abrirá definitivamente as súas portas na primavera de 1905. Para alén dunha factura técnica impecábel, prestou atención, como moitos dos seus contemporáneos, á mellora da técnica e á diversificación dos métodos e soportes de impresión. Desta maneira inseriría as súas imaxes nos variados formatos existentes sobre papel ou cartóns, nas modalidades de visita ou postal. Mais tamén sobre metal ou materiais cerámicos, veludo ou vidro, obtendo así pezas fotográficas que se presentan baixo a forma de fotocerámicas, ambrotipos e ferrotipos, imaxes, todas elas, a posuíren a perspectiva común de se achegaren ao gusto pictorialista, en gran medida norteado pola influencia de Antonio Cánovas del Castillo, “Kaulak”, daquela unha peza chave desta tendencia fotográfica cun recoñecemento amplísimo a comezos do século XX. Neste mesmo ano, marcharía a fotografar a Lugo, onde obtivo unha magnífica acollida e numerosas loanzas polo seu traballo. Coincidirá a súa volta a Ourense co nacemento do seu fillo José que ha falecer con apenas dúas semanas de vida. Baseándose nunha clientela na que se encontran representantes femininos das clases dirixentes, Gil produce retratos cos que compite con suceso en certames estatais —Bilbao, Donostia, Madrid ou Zaragoza— ou europeos —Oslo, Bruxelas— chegando a atinxir unha medalla de ouro en París.
O ano 1909 será, por moitos motivos, importante para José Gil, despois de ter superado a notábel perda que supuña o falecemento do técnico José Sarabia, acontecido dous anos antes e que moi pronto fora substituído polo seu irmán Constantino. Este ano, 1909, o terceiro dos irmáns Sarabia, Enrique, entraría igualmente a formar parte da empresa, que na altura empregaba un amplo conxunto de expertos como laboratoristas, retocadores, auxiliares e oficiais de galería e mesmo unha peiteadora a tempo enteiro. O esforzo comercial para Gil e a súa equipa habería de se ver multiplicado pola aparición, en xaneiro deste mesmo ano, da revista Vida Gallega, dirixida por Jaime Solá, que se constituíu desde o primeiro número nun verdadeiro fito gráfico no panorama dos medios de comunicación, cunha utilización da fotografía descoñecida até aquel instante. Posibelmente o amplo horizonte que se mostraba perante José Gil foi o que o levou a mudar o seu estudio á rúa do Príncipe, converténdoo nun lugar de referencia no que atinxe, quer aos medios técnicos de produción de fotografías, quer á comodidade e luxo dos seus salóns. Será tamén este ano cando o fotógrafo de Rubiós participe na Exposición Rexional Galega de Santiago de Compostela, onde obtén unha medalla de ouro.
Xa na páxina dúas do número inicial, Vida Gallega salientaba a gratitude que debe a varios fotógrafos galegos, destacando entre eles a Avrillón (A Coruña), Pintos (Pontevedra), Guerra (Santiago), Álvarez (Celanova), Reguera (Vilagarcía), Pascual Rey (Ferrol) e José Pacheco (Ourense) como creadores de imaxes notábeis. De forma significativa a mesma nota engade que, en diante, a revista ha publicar os nomes dos fotógrafos ao carón dos seus traballos. Subliñando o seu carácter gráfico e mostrando a súa intención de presentar
en formas plásticasa vida de Galicia, Vida Gallega realiza un convite a fotógrafos profesionais ou afeccionados a achegaren imaxes que contribuísen aos fins informativos da publicación. Ao propio tempo, o editorial da revista dedicaba unha loanza especial a José Gil, cualifícao de redactor e responsábel da dirección artística e ser a
providenciado medio impreso. O traballo de Gil nese número asentou sobre reportaxes gráficas protagonizadas por xornalistas vigueses que observan as primeiras probas fotográficas para Vida Gallega, o enterro do oficial ruso Zapolenko ou o mitin que formacións de esquerda deran no teatro Rosalía de Castro. O número da revista serve tamén como fonte de información para coñecer interiormente o luxoso toucador do gabinete fotográfico de Gil.
A exploración de Vida Gallega permite imaxinar a versatilidade do traballo do fotógrafo d’As Neves. Unha pequena mostra, cinxida só a algúns exemplares do ano 1909, permite coñecer, entre outras, as imaxes correspondentes ás dificuldades económicas padecidas pola familia de Curros Enríquez, o banquete de confraternización galego-portugués, a biblioteca viguesa García Barbón e a documentación do enterro deste magnate, o pintor Serafín Avendaño, os actos conmemorativos do centenario do combate contra o invasor francés, a visión das Escolas Pro Val Miñor, a reportaxe de nove fotografías sobre as mortes de veciños de Oseira perpetradas pola Gurda Civil que, seguindo ordes do tenente Salinas, asasinara dúas mulleres de catorce e vinte cinco anos e cinco homes, algúns de setenta anos de idade, cuxos crimes foran manifestar a súa desconformidade co traslado dun baldaquino a Ourense e a ocupación da igrexa do mosteiro para impedir o que consideraban un atropelo.
Entre os traballos que se acaban de sinalar, áchase un, minudencioso e con fotografías de interese, sobre a Exposición compostelá de 1909. Xustamente á exposición concorrerá Gil con outros dous fotógrafos ben coñecidos como Manuel Chicharro e Pascual Rey, os tres con cadansúa instalación, como daquela se chamaba o conxunto de fotografías que se expuñan situadas nun marco común. Na mostra Gil obtería unha medalla de ouro con fotografías de estudio. A súa actividade fotográfica medra sen cesar e o ano seguinte, con Chicharro, Rey, Franco, Fotografía Madrileña e o afeccionado Cuenca publica unha ampla reportaxe en Vida Gallega, titulada «Galicia ante el turismo», que acolle un total de doce páxinas de texto e trinta e seis fotografías de Santiago de Compostela, A Toxa, ría de Arousa, A Coruña, Vigo, Pontevedra e Ferrol. No semanario Actualidades, figuran dúas fotografías do incendio do Rosalía de Castro: a primeira, das lapas a lamberen o teatro e outra das autoridades locais contemplando a desfeita. En 1911, xunto con Oviedo Arce, Cabeza de León, Casto Sampedro, ou Andrés Martínez Salazar, foi unha das persoas que coñeceran, informaran ou acompañaran a xornalista e escritora inglesa Catherine Gasquoine na súa visita na procura de materiais para o libro Spain revisited: A Summer Holiday in Galicia, onde a autora facía constar que
moitas das fotografías deste libro foron tiradas polo Sr. Gill (sic) de Vigo. Deste tempo son as fotografías de Gil do Grande Hotel da Toxa, das regatas de traíñas na ría de Arousa ou a casa de baños, posibelmente a situada na praia viguesa de San Francisco, derrubada na totalidade.
A partir da segunda década do século XX, José Gil dedicarase con intensidade á produción cinematográfica, volvendo ocasionalmente á fotografía, pesquisando na oleografía e o bromuro, traballando xunto a Cándida Otero e Jaime Pacheco para a Xunta da Asociación de Turismo, nun proxecto de fotografado de Vigo e a súa contorna que, exposto en estabelecementos vigueses, acabará por viaxar á oficina administrativa de turismo de Bruxelas, expondo no Círculo das Artes de Lugo, e, se callar, facéndolle as beiras a ideas galeguistas, engolfado por veces en dificultades económicas —por mor dun exceso de produción fílmica— e sempre coa adversidade —as mortes sucesivas, causadas pola tuberculose, das súas tres fillas— como compañeira que o había de levar definitivamente o día que o ano 1937 comezaba.
Bibliografía e fontes documentais
Diversos números de: Actualidades (1910), Blanco y Negro (1906), Diario de Pontevedra (1903), El Diario de Pontevedra (1903), El Eco de Orense (1899), El Pueblo Gallego (1937), Faro de Vigo (1903, 1905, 1908, 1910, 1913), La Correspondencia Gallega (1903), Noticiero de Vigo (1913), Vida Gallega (1909, 1914 e número extraordinario, 1909).
Monografías e artigos
González, Manuel (2023): Nos días encantados de agosto. Unha biografía de José Gil. Vigo, Galaxia.
Hartley, Catherine Gasquoine (1911): Spain revisited: A Summer Holiday in Galicia. London: Stanley Paul & Co.; 16.
Salgado, R. (2018): «Los fotógrafos y su crónica negra», La Región, (27 de maio de 2018)
Sánchez Vigil, Juan Miguel (2016): Kâulak. Vida y obra del fotógrafo artista Antonio Cánovas del Castillo Vallejo (1862-1933). Tese de Doutoramento, Madrid. Universidad de Castilla-La Mancha, Facultade de Letras; 175 e seguintes.
Recursos de internet
https://www.laregion.es/articulo/ourense/fotografos-cronica-negra/20180527204842796329.html
https://josegilcinema.gal
Como citar: Vaqueiro, Vítor : José Gil Gil. Publicado o 7/2/2024 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=34945. Recuperado o 21/03/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Reportaxe «Galicia ante el turismo» que José Gil publica cos fotógrafos Chicharro, Rey, Franco, Fotografía Madrileña e Cuenca en Vida Gallega, . Ver Documento. Artigo
Gil, José et al.: «Galicia ante el turismo», Vida Gallega: ilustración regional, 25 (31 de agosto de 1910), 5-20.
Fonte: Biblioteca Dixital de Galicia / Galiciana
Vida gallega publica un especial sobre a Exposición Rexional Galega de Santiago de Compostela de 1909. Jaime Solá encárgase do texto e José Gil da fotografía. Ver Documento. Artigo
Solá, Jaime; Gil, José: «Crónicas de la exposición», Vida gallega: ilustración regional, 5 (maio de 1909), 16-20.
Fonte: Biblioteca Dixital de Galicia / Galiciana
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Estudo de Gerardo González Martín sobre os primeiros anos da fotografía en Vigo. Ver Documento. Artigo
González Martín, Gerardo: «Más de medio siglo de fotografía en Vigo (1882-1936)», Glaucopis: Boletín del Insituto de Estudios Vigueses, 17 (2012), 107-182.
Fonte: Instituto de Estudios Viguesas / Dialnet
Biobibliografía de José Gil na Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. Ver Documento. Artigo
«Gil Gil, José». En Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. 21: garc-gonz. Lugo: El Progreso, D.L. 2003; 113-115.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega.
«José Gil, pionero da cinematografía galega, en Lugo», artigo de Fernando Arribas Arias. 1992. Ver Documento. Artigo
Arribas Arias, Fernando: «José Gil, pionero da cinematografía galega, en Lugo», Boletín do Museo Provincial de Lugo, 5 (1992), 135-144.
Fonte: Museo de Lugo / Dialnet
https://dialnet.unirioja.es/
Noticia da morte do fotógrafo José Gil en Vida gallega. Ver Documento. Artigo
«Los que mueren: el fotógrafo Gil», Vida gallega: ilustración regional, 683 (30 de xaneiro de 1937), 18.
Fonte: Biblioteca Dixital de Galicia / Galiciana
Información sobre o concurso promovido por Fotografía Gil para a impresión dunha película cómica de temática galega. Ver Documento. Artigo
«Concurso interesante: película de asunto regional», El Correo gallego: diario político de la mañana, 12227 (13 de xaneiro de 1915), 1.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
O periódico el El Miño recolle a estrea da película de José Gil sobre a chegada da frota inglesa ao porto de Vigo. 1911. Ver Documento. Artigo
Fonte: El Miño: diario liberal, 3610 (11 de febreiro de 1911), 2.
Biblioteca Dixital de Galicia / Galiciana.
Páxina do primeiro número da revista Vida gallega dedicada a José Gil. Ver Documento. Artigo
«Nuestros redactores fotógrafos: D. José Gil», Vida gallega: ilustración regional, 1 (xaneiro de 1909), 14.
Fonte: Biblioteca Dixital de Galicia / Galiciana
Kâulak. Vida y obra del fotógrafo artista Antonio Cánovas del Castillo Vallejo, tese de doutoramento de J.M. Sánchez Vigil sobre o fotógrafo Kâulak, de influencia na obra fotográfica de José Gil. Ver Documento. Libro
Fonte: Repositorio RUIdeRa.
Universidad de Castilla-La Mancha. https://ruidera.uclm.es/
Ligazóns de interese
«Facedores de imaxes», artigo de Manuel Bragado publicado en Brétemas.gal. (24 de xaneiro de 2023)
Fonte: https://bretemas.gal/facedores-de-imaxes/
«José Gil, el drama de un visionario del cine en Vigo», artigo de Ana Baena na edición dixital de Atlántico. (21 de xaneiro de 2023)
Fonte: Atlántico, edición dixital.
https://www.atlantico.net/
«José Gil, pioneiro do cine», artigo de Manuel Bragado publicado no seu blog Brétemas.gal. (17 de xaneiro de 2023)
Fonte: https://bretemas.gal/jose-gil/
«A fotografía máis antiga de Cerdedo», artigo de Calros Solla no xornal dixital https://www.tabeirosmontes.com. (10 de xaneiro de 2021)
Fonte: Xornal de Tabeirós-Terra de Montes.
https://www.tabeirosmontes.com
«Los fotógrafos y su crónica negra», artigo de Rafael A. Salgado na edición dixital de La Región. (27 de maio de 2018)
Fonte: La Región
«Un pioneiro de película: Un documental recupera a figura e o traballo de José Gil no audiovisual a comezos do século XX», en Culturagalega.gal. (22 de abril de 2014)
Fonte: Consello da Cultura Galega / culturagalega.gal
«En Rubiós naceu Xosé Gil. 2ª parte», artigo de A.M. Míguez Álvarez no seu blog As pedras de Taboexa falan. (3 de septiembre de 2012)´
Fonte: As pedras de Taboexa falan
http://www.taboexa.es/
«En Rubiós naceu Xosé Gil», artigo de A.M. Míguez Álvarez no seu blog As pedras de Taboexa falan. (1 de agosto de 2012)
Fonte: As pedras de Taboexa falan
http://www.taboexa.es/
Acceso en liña a Vida gallega: ilustración regional, revista da que José Gil foi redactor fotógrafo
Fonte: Biblioteca Dixital de Galicia / Galiciana.
Biografía de José Gil, escrita por María Reyes Camiña Castro, no DB-e da Real Academia de la Historia
Fonte: Real Academia de la Historia
https://dbe.rah.es
Espazo web dedicado a José Gil
Fonte: https://josegilcinema.gal/
Biobibliografía de José Gil na Galipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org
Videos
Galicia y Buenos Aires, de José Gil. 1931
Fonte: Consello da Cultura Galega. Arquivo da Emigración Galega / YouTube.com
Miss Ledyia, película 1916 dirixido por José Gil
Fonte: Sigrid Guzmán Díaz / YouTube.es
Presentación de José Gil. Pontevedra Provincia de cine, na orixe do cinema
Fonte: Deputación de Pontevedra / YouTube.com
Nuestras fiestas de allá, documental realizado por José Gil no verán de 1928
Fonte: CGAI, CCG, FE / YouTube.com
Panorámica xeral da fotografía en Galiza, conferencia de Vítor Vaqueiro nas xornadas A fotografía nas coleccións locais. Auditorio A Fábrica (Concello de Oleiros), 11 e 12 de novembro de 2022
Fonte: XIV Xornadas A fotografía nas coleccións locais da Deputación da Coruña / YouTube.com