Inmaculada Paz Andrade
Pontevedra, 14/ 11/1928 - Pontevedra, 24/11/2022Autoría: Francisco Díaz-Fierros Viqueira
Introdutora da microcalorimetría en España
Realiza os estudos primarios e secundarios ata 3º no Colexio da Inmaculada da súa cidade natal, e dende 4º ata á Reválida na Academia Molins de Vigo, onde obtivo as mellores cualificacións. Os estudos universitarios en Santiago, segundo o seu desexo, deberían ir encamiñados cara á medicina, como era a súa vocación, pero as presións da súa nai en contra desa decisión (
non era unha ‘carreira axeitada’ para unha muller) obrigárona a escoller a única carreira da facultade de ciencias que daquela existía, a de
ciencias químicas. Pouco motivada para esta profesión, non tomou moi en serio os seus estudos, que comezou en Santiago de Compostela a finais dos anos corenta, ata que recibiu un ultimato da familia:
ou rematas ou deixas a universidade, polo que tivo que finalizala nun tempo récord, licenciándose no ano 1956.
A partir deste momento a súa vida universitaria toma outro rumbo e decide facer a tese de licenciatura co catedrático de Química Técnica Joaquín Ocón, que tres anos despois a nomearía profesora adxunta de Física Teórica e Experimental. Aquí comeza a súa vida de muller excepcional nos postos que ía desempeñar, pois foi a primeira en ser nomeada con tal cargo na facultade de ciencias. A finais de 1960 chega a Santiago un novo catedrático de Física, José Casanova Colás, que acepta a dirección da súa tese de doutoramento sobre microcalorimetría, especialidade na que a nova profesora levaba xa un certo tempo traballando e para a que tivo que construír coas súas propias mans un microcalorímetro de Lange, dada a penuria experimental coa que contaban os laboratorios da área de física. De todas maneiras, o profesor Casanova estimou que para que as súas investigacións tivesen o nivel axeitado debía ir traballar ao Institut de Microcalorimetrie et Thermogénese do CNRS, de Marsella, co profesor Eduard Calvet, daquela unha das referencias mundiais en microcalorimetría.
Esta foi outra das singularidades de Ada Paz Andrade, pois as saídas ao estranxeiro, e sobre todo ao ser muller, eran aínda algo insólito na USC da década de 1960. Toda a parte experimental da súa tese realizouna en Marsella e en 1964 presentábaa obtendo a cualificación de Sobresaínte Cum Laude. Ese mesmo ano Casanova trasládase á Universidade de Valladolid e Paz Andrade foi a encargada de Cátedra de Física I. Neste momento tamén construíu, de novo coas súas propias mans, un microcalorímetro perfeccionado (o de Calvet, para o que lle cedeu o autor os seus planos) e comeza a formarse ao seu abeiro un grupo importante de colaboradores cos que se inician os primeiros estudos de microcalorimetía de España.
En 1970 chega outro catedrático de Física (que deixaría Santiago un ano despois) e coa nova reorganización que intentou da Cátedra, inicia o proceso de descomposición e dispersión do acabado de crear equipo de microcalorimetría, que se consumaría coa chegada doutro novo catedrático a Santiago tres anos despois. Seguen as leas e desencontros, de tal xeito que Paz Andrade decide presentarse á cátedra de Granada, que inxustamente non puido conseguir. Mesmo chegou a matricularse na carreira de Farmacia para traballar na Seguridade Social e deixar a USC para sempre. Desta situación de fondo malestar profesional e persoal na que, segundo as súas propias manifestacións, o feito de ser muller tivo moito que ver (
Pensé en tirar la toalla. Ser mujer y competir en la Universidad es muy duro, El Progreso, 2011), viría aliviala Henry Skinner, Professor of Physical Chemistry da Universidade de Manchester, un vello coñecido dos tempos de Marsella, que a invitou a traballar nos seus laboratorios. Acepta o convite e alí pasou un ano sabático completo que solicitara oportunamente e que sería o comezo dunha moi frutífera colaboración con este centro de investigación inglés. De feito, ata 1995 non deixou nunca de pasar de catro a seis meses (e mesmo outro ano sabático) na Universidade de Manchester, que a chegou a nomear Visiting Research Professor, equivalente á categoría de catedrática, antes de que en España puidese acadar un posto equivalente.
Catedrática da Universidade de Santiago de Compostela
Cun currículo excelente, varias teses de doutoramento dirixidas e un equipo consolidado, a súa dimensión investigadora era xa recoñecida por toda España e cunha valoración crecente no estranxeiro. A finais dos anos setenta a Xunta de Goberno da USC solicita unha praza de agregado, que foi rexeitada inicialmente pola dirección de seu Departamento, ata que unha intervención persoal do reitor consegue que o Ministerio cree na USC unha praza de profesora agregada de Microcalorimetría, que gaña por unanimidade nas oposicións correspondentes en 1980. Tres anos máis tarde, sería nomeada catedrática de Física Aplicada da Facultade de Física da Universidade de Santiago. Sería a primeira catedrática das facultades científicas da USC. Despois da súa xubilación foi nomeada Profesora Emérita (1999) e Profesora Ad Honorem (2003) da Universidade de Santiago de Compostela. En 2018 foi distinguida como Doutora Honoris Causa pola Universidade de Vigo.
Labor investigador
O seu importante labor investigador desenvolveuse desde Santiago durante máis de 45 anos, onde consolidou un importante equipo de investigación, pero sobre todo a partir dunha moi fluída e intensa colaboración, primeiro cos laboratorios do profesor Calvet durante seis anos (ata o seu pasamento), e despois co profesor Skinner, durante case tres décadas. Publicou nas máis importantes revistas da súa especialidade e converteuse na referencia estatal e mesmo internacional en microcalorimetría, termoxénese e análise térmica diferencial. Contribuíu, mesmo persoalmente, á montaxe dos laboratorios de microcalorimetría de moitas universidades españolas e centros do CSIC (Valladolid, Madrid, As Palmas de Gran Canaria, etc.). Publicou varios capítulos de libros, así como máis de 300 traballos de investigación nas mellores revistas da especialidade, 250 comunicacións a congresos e simposios e dirixiu 39 teses de doutoramento e numerosas teses de licenciatura.
No ámbito internacional, os resultados das súas investigacións, considerados de gran fiabilidade, foron recollidos en seis libros de biofísica, termoquímica, termodinámica do estado líquido, microcalorimetría e termoxénese e son incluídos dun xeito continuo na International Data Series. Series A. Selected Data of Mixtures (USA). Aínda que os seus traballos teñen unha orientación fundamentalmente básica, foron tamén aproveitados pola industria en procesos e sectores como o dos combustibles alternativos para a automoción, mesturas para a extracción química do petróleo, hidrofluoéteres industriais, estruturas de complexos organometálicos, procesos térmicos industriais para a conservación de produtos pesqueiros, interacción proteínas-surfactantes de interese farmacéutico, liposomas para a liberación de fármacos, etc.
Nos últimos anos, como resultado do intercambio de información en Manchester con especialistas rusos e búlgaros na aplicación de algoritmos ao estudo do clima, creou un equipo internacional para deseñar un sistema experto específico para o estudo do comportamento e predición dos incendios forestais, denominado THOR. Participaron nel corenta especialistas españois e estranxeiros e, aínda que foi concibido inicialmente para a súa aplicación en Galicia, pode perfectamente ser adaptado a outros territorios.
Docencia, xestión universitaria e investigadora
A súa vocación docente, que se prolongou durante toda a vida académica, foi intensa e innovadora. Desde os grupos maioritarios dos primeiros cursos ata o selecto alumnado da especialidade, a súa atención e dedicación cara a eles foi sempre intensa e permanente. Fomentou o diálogo e tentou rachar coa barreira de distanciamento e pasividade que impoñían as clases maxistrais, formulando cuestións que en moitos casos ían máis aló do estritamente científico e afondaban en problemas sociais e políticos. A mellora dos coñecementos básicos do alumnado era a súa meta, pero tamén, tanto ou máis, que pudiesen razoar con criterios propios.
Foi directora do Departamento de Fïsica Fundamental (1964-1970 e 1972- 1974) e do Departamento de Física Aplicada (1986 – 1992) da Universidade de Santiago e organizou ou foi presidenta de diferentes eventos estatais e internacionais, entre os que destacarían a primeira e a cuarta edición da International Conference on Thermodynamics of Solutions of Non-Electrolites en Santiago en 1979 e 1989 respectivamente, así como a XXV reunión Bienal de la Sociedad Española de Física (Santiago, 1995) coa asistencia de tres premios Nobel e dous premios Príncipe de Asturias.
Premios e distincións
Medalla de ouro de física da Real Sociedad Española de Física y Química (1992).
Premio
Galiciade investigación científico-técnica
Antonio Casares y Rodrigoda Xunta de Galicia (1999).
Insignia de ouro da Universidade de Santiago de Compostela (2000).
Premio
María Wonenburguerda Xunta de Galicia (2007).
Medalla Castelao da Xunta de Galicia (2008).
Académica correspondente da Academia de Ciencias Matemáticas, Físico-Químicas y Naturales de Granada (1996).
Homenaxe da revista Journal of Chemical Thermodinamics, dedicándolle un número especial que incluía unha biografía (1994).
Valoración da súa traxectoria persoal, docente e investigadora.
Ada Paz Andrade foi un exemplo senlleiro dunha muller loitadora que tivo que sobrepoñerse nos primeiros tempos da súa carreira a numerosas dificultades, moitas delas derivadas da súa condición de muller, pero moitas outras relacionadas co seu carácter franco e destemido que non se atiña con facilidade ás componendas e miserias dunha universidade e sociedade en transo dunha difícil modernización. Foi pioneira en moitos dos postos docentes e investigadores que desempeñou, o que abriu novos horizontes ao mundo das mulleres, ao ser recoñecida a súa valía con premios e distincións outorgados por primeira vez a estas.
No eido científico, habería que comezar por lembrar que os intercambios de calor nos procesos químicos e físico-químicos foron sempre un ámbito de investigación esencial no desenvolvemento teórico e aplicado das interaccións entre a materia e a enerxía. Como bases da termodinámica e de moitas actividades industriais, púidose avanzar no seu estudo con seguridade a partir da segunda metade do século pasado, cando se conseguiu acadar a precisión e sensibilidade que achegaron as medidas
microcalorimétricas, sobre todo a partir dos primeiros microcalorímetros de Eduard Calvet que eran os mellores do momento. Alí foi aprender e traballar Ada Paz Andrade e nese campo especializaouse e converteuse na referencia española desta especialidade, sementando de microcalorímetros unha boa parte das universidades e institutos de investigación do país. No estranxeiro, sobre todo, as súas colaboracións con Skinner, un dos referentes da microcalorimetría internacional, tiveron tamén moito recoñecemento e repercusión. Na actualidade esta especialidade ten aplicacións en practicamente todos os campos do coñecemento científico e un dos máis salientables é o relacionados coas ciencias biomédicas e biomoleculares. Pois ben, en Galicia existen nas tres universidades recoñecidos especialistas na aplicación desta importante técnica, que na súa maioría son o froito dese labor docente e investigador que con afouteza e perseveranza desenvolveu durante máis de medio século María Inmaculada Paz Andrade.
Bibliografía
Paz Andrade, Inmaculada: La era del vapor y el nacimiento de una nueva ciencia. Santiago de Compostela: Universidade, 1990.
Paz Andrade, Inmaculada: Mujeres de ciencia en la diáspora. Carolina Herschel, Sofia Kowalevskaya, Emmy Noether, y Lise Meitner. Granada: Academia de Ciencias Matemáticas, Fisico-Químicas y Nayurales de Granada, 1997.
Paz Andrade, Inmaculada: Curriculum Vitae Abreviado. Puntos más relevantes. Santiago de Compostela: Universidade, 2010. [Inédito].
Paz Andrade, Inmaculada: Entrevista en El Progreso. Lugo, 2011.
Paz Andrade, Inmaculada: «La universidad en tiempos de Franco. Como alumna, como docente, como investigadora». Mesa Redonda. [Texto inédito]. Mesa Redonda. Campus de Pontevedra. Universidade de Vigo (22-XI-2011).
Carballas Fernández, Tarsy: Semblanza da profesora María Inmaculada Paz Andrade (inédito). Premio María Wonenburguer. Santiago de compostela: Museo Pedagóxico de Galicia PUPEGA, 15 de decembro de 2007.
Real Academia de la Historia: Biografías: María Inmaculada Paz Andrade. https://dbe.rah.es/biografias/maria-inmaculada-paz-andrade.
Calvet, E. e Prat H. (Skinner,H. Editor): Recent Progress in Microcalorimetry. Oxford (U.K.): Pergamon Press, 1963. ((Skinner,H. editor)
Como citar: Díaz-Fierros Viqueira, Francisco : Inmaculada Paz Andrade. Publicado o 10/7/2024 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=35513. Recuperado o 20/07/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Entrevista de María Varela a Ada Paz Andrade na edición dixital de Diario de Pontevedra. Ver Documento. Entrevista
Varela, María: «Inmaculada Paz Andrade:
Fonte: Diario de PontevedraCuando las mujeres pierdan el miedo llegarán a donde quieran llegar», Diario de Pontevedra, (25 de marzo de 2018).
https://www.diariodepontevedra.es/
Estudo do comportamiento temporal do número de incendios forestais en España Peninsular entre os anos 1998 e 2017. Ver Documento. Artigo
Mato, M.M; García-Garabal, S.; Legido, J.L.; Carballas, T.; Paz Andrade, M.ªI.: «Comportamiento temporal de los incendios forestales en España peninsular». En Segade, Luisa; Ausín, David; Cabeza, Óscar (ed.): La investigación del Grupo Especializado de Termodinámica de las Reales Sociedades Españolas de Física y Química. Volumen 9. Año 2018. A Coruña: Universidade, Servizo de Publicacións, 2019; 137-144.
Fonte: RUC. Repositorio da Universidade da Coruña.
http://hdl.handle.net/2183/23945
Estudo de Ada Paz Andrade sobre os calores de mestura de dous sistemas binarios de compoñentes non polares: o benceno-ciclohexano e o benceno-tetracloruro de carbono. Ver Documento. Artigo
Paz Andrade, María Inmaculada: «Calores de mezcla a la temperatura de ebullición. Sistemas: Benceno-Ciclohexano y Benceno-Tetracloruro de carbono», Boletín de la Universidad Compostelana, 71-72 (1963), 291-312.
Fonte: Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés / Galiciana. Hemeroteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Páxinas dedicadas a Ada Paz Andrade na publicación Mi científica favorita. 2, do ICMAT . Ver Documento. Artigo
«Inmaculada Paz Andrade». En Instituto de Ciencias Matemáticas (CSIC, UAM, UC3M, UCM): Mi científica favorita. 2. Madrid: Instituto de Ciencias Matemáticas, 2018; 58-59.
Fonte: Instituto de Ciencias Matemáticas ICMAT.
https://www.icmat.es/
Relatorio de Encina Calvo Iglesias no que se trata a relación entre as mulleres e a física e no que recolle a figura de Ada Paz Andrade. Ver Documento. Relatorio
Calvo Iglesias, Encina: «Mulleres e física: desmontando tópicos». En López Díaz, Ana Jesús; González Penín, Anabel; Aguayo Lorenzo, Eva (eds.): II Xornada Universitaria Galega en Xénero: Ferrol, 2014/cite>. A Coruña: Universidade, Servizo de Publicacións, 2014; 14-23.
Fonte: RUC. Repositoria da Universidade da Coruña.
https://ruc.udc.es/
Artigo dedicado a Ada Paz Andrade na publicación Galegas na ciencia. Ver Documento. Artigo
«María Inmaculada Paz Andrade: 1ª catedrática de Física na Universidade de Santiago de Compostela. Pontevedra, 1928». En Blanco, Isabel [ilustracións de María Lapido]: Galegas na ciencia. Vigo: Belagua, 2011; 34-35.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca.
A catedrática Ada Paz Andrade no libro Investigadoras galegas, de Iolanda Casal. Ver Documento. Artigo
«Inmaculada Paz Andrade». En Casal, Iolanda: Investigadoras Galegas. Santiago de Compostela: Grupo El Correo Gallego, 2007; 88-89.
Fonte: Grupo El Correo Gallego / Consello da Cultura Galega. Biblioteca
Designación de Inmaculada Paz Andrade como encargada de cátedra da Facultade de Ciencias, nota informativa publicada en La Noche. Ver Documento. Noticia
«Encargada de Cátedra», La Noche: único diario de la tarde en Galicia, 28013 (20 de octubre de 1964), 7.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Nota informativa en El Corrego gallego sobre a defensa da tese de Inmaculada Paz Andrade na Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela. Ver Documento. Noticia
«Defensa y mantenimiento de Tesis Doctoral», El Correo gallego: diario político de la mañana, 28013 (31 de octubre de 1963), 9.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Información en El pueblo gallego sobre a concesion dunha bolsa de estudos en París a Ada Paz Andrade. Ver Documento. Noticia
«Noticiario: Le fue concedida una beca de estudios en París...», El pueblo gallego: rotativo de la mañana, 13948 (12 de xuño de 1963), 17.
Fonte: Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Ligazóns de interese
Acceso en liña aos vídeos da investidura Honoris Causa da doctora María Inmaculada Paz Andrade pola pola Universidade de Vigo, (2 de maio de 2018)
Fonte: Universidade de Vigo. Televisión en internet.
https://tv.uvigo.e
Entrevista a Inmaculada Paz Andrade na Televisión de Galicia. 2014
Fonte: TVG.
https://agalega.gal/
Biobibliografía de Inmaculada Paz Andrade, escrita por José Martín Brocos Fernández, no Db-e da Real Academia de la historia
Fonte: Real Academia de la Historia.
https://dbe.rah.es/
«Inmaculada Paz Andrade: la científica incombustible que declaró la guerra a los incendios forestales», artigo de Noelia Freire na edición dixital de National Geographic, (6 de febreiro de 2024)
Fonte: National Geographic España.
https://www.nationalgeographic.com.es/
«Vinte mulleres de ciencia en Galicia que tes que coñecer», artigo de Victoria García publicado en GCiencia: Xornalismo + Divulgación, (08 de marzo de 2019)
Fonte: GCiencia: Xornalismo + Divulgación
https://www.gciencia.com
«Inmaculada Paz Andrade:
fonte: La Voz de Galicia.Sigo activa y estaré activa hasta la muerte», artigo de Cristina Barral na edición dixital de La Voz de Galicia, (3 me maio de 2018)
https://www.lavozdegalicia.es/
«Ada Paz Andrade, rebelde con ciencia», en Culturagalega.gal, (26 de xullo de 2015)
Fonte: Consello da Cultura Galega. Culturagalega.gal
https://culturagalega.gal/
«A profesora da USC Inmaculada Paz Andrade recibe a vindeira semana a Medalla Castelao»
Fonte: Universidade de Santiago de Compostela. Xornal.
https://www.usc.gal/gl/xornal/
Inmaculada Paz Andrade foi becada pola Fundación Juan March en 1962
Fonte: Fundación Juan March.
https://www.march.es/
«María Inmaculada Paz Andrade, física», no espazo web Mujeres con ciencia.
Fonte: Mujeres con ciencia.
https://mujeresconciencia.com/
Videos
«Inmaculada Paz Andrade. Unha investigadora en loita contra os incendios», conferencia de Xoana Pintos Barral. Deputación de Pontevedra, 21 de marzo de 2024
Fonte: Deputación de Pontevedra / YouTube.com
Audios
Mesa redonda «Retos para as novas tecedoras de coñecemento», na que participan Inmaculada Paz Andrade, Tarsy Carballas Fernández e Marilar Aleixandre
Xornada Pioneiras e Andainas: María Josefa Wonenburger Planells na creación de coñecemento. Consello da Cultura Galega, Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos, 28 de novembro de 2010