Begoña Muñoz Saa
Barakaldo (Biscaia), 4/ 10/1961 - Ourense, 17/4/2010Autoría: Ana Abad de Larriva
Profesora, tradutora, adaptadora e autora teatral galega, vinculada a Sarabela Teatro
A materia gozaba dunha grande acollida, xa que nela primeiro traballaban a cohesión grupal e a expresión vocal e corporal, e logo facían montaxes teatrais, performances e recitais para os diferentes actos conmemorativos do instituto. Begoña destacaba polo seu labor docente, que desempeñaba por vocación, e polo seu compromiso coa igualdade de xénero e coa defensa do galego, entre outras moitas causas.
Dentro da súa orientación pedagóxica, escribiu con María Xesús Sarmiento e Serafín Alonso o método docente Claro e seguido. Un enfoque comunicativo na didáctica da lingua, publicado por Edicións Xerais no ano 2004 en catro volumes, arredor da comprensión e a expresión oral e escrita, e tamén impartiu cursos nos Centros de Formación do Profesorado, o que a levou tamén a participar como relatora en diferentes encontros, xornadas e congresos.
Como profesora tamén detectaba as capacidades expresivas do alumnado e alentaba o seguimento da súa vocación escénica, como no caso de Miryam Gallego, que foi alumna súa e que ten recoñecido en diferentes entrevistas o papel decisivo de Begoña á hora de detectar e apoiar a súa vocación para a escena, axudándoa, en colaboración con Sarabela Teatro, a preparar o seu acceso á Real Escuela Superior de Arte Dramático, RESAD, de Madrid.
É que o propio amor de Begoña polo teatro atopara xa outro campo de acción a través da súa relación con Sarabela Teatro, coa que establecera contacto grazas a Fernando Dacosta, que era alumno seu; creando un vínculo creativo e profesional co grupo que axiña se reforzou. Para Sarabela fixo a tradución e adaptación de Madame de Sade, de Yukio Mishima, no ano 1990, que foi a primeira montaxe como compañía profesional do grupo, despois dunha década como Agrupación Teatral Xuvenil Independente; e d’As sillas, de Eugène Ionesco, no ano 1992; nas que tivo a colaboración de Belén Feliu; de Cama (2 por 2 para 2), de Sergi Belbel, en 1994, e d’A Esmorga, de Eduardo Blanco Amor, no ano 1996; as dúas con Carlos Couceiro. Tamén se encargou da dramaturxia de Romance de Micomicón e Adhelala, de Eduardo Blanco Amor, no ano 1999, que foi publicada, na súa versión en galego, por Galaxia, no ano 2000, e, na súa versión en castelán, dentro da colección de teatro da Asociación Española de Teatro para la Infancia y la Juventud, ASSITEJ, no ano 2002; e, con Fina Calleja e Ánxeles Cuña Bóveda, fixo a adaptación d’O lapis do carpinteiro, a partir da novela de Manuel Rivas, e a tradución e adaptación de La vida es sueño, de Calderón de la Barca, para a creación de Sexismunda; nos anos 2000 e 2001, respectivamente. No ano 2009, Sarabela volveu montar A esmorga; unha segunda versión que mantiña practicamente a adaptación feita por Begoña e por Carlos Couceiro para a primeira montaxe, do ano 1996.
No seu traballo eran moi importantes a abordaxe e adaptación das pezas e personaxes dende unha perspectiva de xénero. Un caso especialmente notable foi o de Sexismunda, na que o protagonista da obra de Calderón se converteu nunha protagonista. Para o Centro Dramático Galego traduciu e adaptou Leoncio e Helena de Georg Büchner, no ano 1992, e a montaxe foi dirixida ese ano por Ánxeles Cuña Bóveda e o texto foi publicado en 1993 polo INAEM na colección de libros do CDG.
Como autora teatral, Begoña escribiu para Sarabela Teatro, en colaboración con Ánxeles Cuña Bóveda, Carlos Couceiro e Fernando Dacosta, as obras Afección (en 1997), Tics (en 1998) e Os soños de Caín (en 1999). Delas, Tics foi publicada por Baía Edicións no ano 2000, e Os soños de Caín foi incluída dentro do volume Talía na crónica de nós. Dez anos de teatro galego (1990-1999), publicado por Abano Editores no ano 2000.
Fixo seminarios teatrais formativos con Zulema Moret, Coralina Colom, Víctor Fuenmayor, Gisèle Barret, Helena Pimenta, Fina Calleja, Julian Knab, Albert Boadella ou Arístides Vargas, e ela mesma formou parte do equipo docente da Aula de Teatro Universitario de Ourense. Para esta traduciu e adaptou, con Carlos Couceiro, Caleidoscopio e faros de hoxe, de Sergi Belbel, no curso 1993-1994.
Ademais de adaptar e escribir pezas teatrais, Begoña escribiu textos poéticos, tamén inspirados na escena, como o que fixo no ano 2003 para o catálogo Migración: furto do sentido, coordinado por Jesús Costa e editado polo Centro Cultural Marcos Valcárcel e a Deputación de Ourense no ano 2003, e letras para cancións, como Danza de Roseta, que foi musicada por Manolo de Dios.
Ademais, escribiu textos de corte máis ensaístico, como o estudo introdutorio do volume dedicado ao teatro da Obra completa do escritor ourensán Xabier Prado “Lameiro”
(o volume III), que foi editado polo Concello de Ourense no ano 1995; o artigo «Dramaturxia e compromiso», para o volume colectivo de conmemoración do 25º aniversario de Sarabela Teatro (25 anos. Sarabela Teatro: 1980-2005), editado pola editorial Difusora de Artes, Letras e Ideas no ano 2005; o artigo «A modo de fado», que publicou no número 20 da Revista Galega de Teatro, no ano 1999; ou o prólogo á edición do Romance de Micomicón e Adhelala, de Eduardo Blanco Amor, publicada por Galaxia no ano 2000.
O mito de Medea foi un tema de fondo e constante interese para ela dende moi nova, sobre o que reflexionou e traballou moito. Arredor desa inquedanza escribiu «Antes de Medea» e «Medeas», que publicou a revista Casahamlet nos seus números 9 e 12, dos anos 2007 e 2010, respectivamente. No ano 2000 participara tamén como relatora na xornada O teatro afeccionado. Situación e perspectivas, organizada polo Consello da Cultura Galega e celebrada en Santiago de Compostela o 15 de abril do ano 2000.
Begoña obtivo diferentes recoñecementos polo seu traballo no eido teatral, como o Premio Compostela de Teatro pola adaptación de Madame de Sade, no ano 1990; o Premio Compostela de Teatro pola adaptación d’As sillas, en 1992; o premio ao mellor texto por Tics (con Carlos Couceiro, Ánxeles Cuña Bóveda e Fernando Dacosta) no Festival Internacional de Teatro para la Infancia y la Juventud (FETEN) de Xixón, en 1998; o Premio María Casares á mellor adaptación por O lapis do carpinteiro (con Fina Calleja e Ánxeles Cuña Bóveda), no ano 2001; o Premio María Casares á mellor adaptación por Sexismunda (xunto con Fina Calleja e Ánxeles Cuña Bóveda), no ano 2002; e o Premio María Casares á mellor adaptación por A esmorga, con Carlos Couceiro, no ano 2010. No eido escolar obtivera tamén o recoñecemento á mellor dirección na Mostra de Teatro Escolar de Centros de Secundaria.
Begoña Muñoz Saa faleceu o 17 de abril de 2010, aos corenta e oito anos. O seu falecemento foi un acontecemento moi lutuoso para a súa familia, para o equipo de Sarabela Teatro e para toda a comunidade escolar do seu instituto, que celebrou un emotivo acto de homenaxe en honor e lembranza de Begoña o 2 de xuño dese ano. No ano 2018, dende o IES Otero Pedrayo fixeron unha proposta ao Concello de Ourense para que unha rúa da cidade levase o nome de Begoña, pero a proposta aínda non se materializou.
Ánxeles Cuña Bóveda, que traballou con ela en todos os proxectos de Sarabela nos que participou Begoña, lémbraa como
unha dramaturga marabillosa, unha investigadora fecunda e entregada, e unha loitadora comprometida activamente coa creación, coa educación, co país, coas mulleres e coa vida, que deixou a súa pegada persoal en todas as súas facetas creativas, formativas e reivindicativas. Parte da súa obra aínda permanece inédita.
Agradecementos
A Ánxeles Cuña Bóveda e a Jesús Costa pola súa prezada axuda para a elaboración da biografía e as súas achegas de material gráfico.
Principais fontes consultadas
Ánxeles Cuña Bóveda e Jesús Costa.
Páxinas web de referencia
Centro de Documentación de las Artes Escénicas y de la Música
Páxina web do Centro Dramático Galego
Páxina web de Sarabela Teatro
Bibliografía
Cid Galante, Rosa M.: «Begoña Muñoz», no blog Historia das nosas mulleres ourensás, (26 de abril de 2010)
Cuña, Ánxeles e Dacosta, Fernando: 25 anos de Sarabela Teatro. 1980-2005. Ourense: Difusora de Letras, Artes e Ideas, 2005.
Dacosta Pérez, Fernando: 25 años de teatro universitario gallego. Las aulas de teatro universitarias de Galicia (1990-2015) [Tese de doutoramento]. Badaxoz: Universidade de Estremadura, 2007.
Muñoz Saa, Begoña: «Medeas», Casahamlet: Revista de teatro, 12 (2010), 44-47.
Muñoz Saa, Begoña: «Antes de Medea», Casahamlet: Revista de teatro, 9 (2007), 60-63.
Ogando González, Iolanda e Serra Porteiro, Elisa: «As mulleres do/no teatro galego: vieiros da avangarda», Galicia 21: Journal of Contemporary Galician Studies, (2018), 107-120.
Como citar: Abad de Larriva, Ana : Begoña Muñoz Saa. Publicado o 13/11/2024 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=35725. Recuperado o 16/01/2026
DOCUMENTACIÓN DE
Versión en castelán da adaptación de Begoña Muñoz Saa do Romance de Micomicón e Adhelala, de Eduardo Blanco Amor, publicada pola Asociación Española de Teatro para la Infancia y la Juventud, ASSITEJ, no ano 2002 . Ver Documento. Libro
Fonte: Asociación Española de Teatro para la Infancia y la Juventud, ASSITEJ.
Entrevista feita a Begoña Muñoz Saa por parte de alumnado do IES Lagoa de Antela. Ver Documento. Entrevista
Fonte: IES Lagoa de Antela.
Texto poético de Begoña Muñoz Saa para o catálogo de Migración: furto do sentido. Ver Documento
Fonte: Jesús Costa.
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Dossier sobre Begoña Muñoz Saa elaborado polo IES Otero Pedrayo de Ourense no ano 2018, para a proposta ao Concello de Ourense de dedicar unha rúa á profesora e dramaturga. Ver Documento
Fonte: IES Otero Pedrayo.
«As mulleres do/no teatro galego: vieiros da avangarda». Artigo de Iolanda Ogando González e Elisa Serra Porteiro publicado en Galicia 21: Journal of Contemporary Galician Studies. (2018), 107-120. . Ver Documento. Artigo
Fonte: Galicia 21.
Dossier da montaxe do ano 2009 de Sarabela Teatro d’A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, na adaptación de Begoña Muñoz Saa e Carlos Couceiro. Ver Documento
Fonte: Sarabela Teatro.
Extracto do libro 25 anos de Sarabela Teatro. 1980-2005 con información e críticas arredor da montaxe d’A esmorga, de Eduardo Banco Amor, feita por Sarabela Teatro no ano 2009, na adaptación de Begoña Muñoz Saa e Carlos Couceiro. Ver Documento
Fonte: Sarabela Teatro.
25 años de teatro universitario gallego. Las aulas de teatro universitarias de Galicia (1990-2015). Tese doutoral de Fernando Dacosta Pérez feita na Universidad de Extremadura, e presentada no ano 2007, na que fai referencia ao traballo de Begoña Muñoz Saa. Ver Documento. Libro
Fonte: Universidad de Extremadura.
Programa da xornada O teatro afeccionado. Situación e perspectivas, organizado polo Consello da Cultura Galega e celebrado en Santiago de Compostela o 15 de abril do ano 2000, no que interveu Begoña. Ver Documento. Programación
Fonte: Consello da Cultura Galega.
Ligazóns de interese
«Begoña Muñoz». Biografía de Begoña Muñoz Saa elaborada por Rosa M. Cid Galante e publicada no seu blog Historia das nosas mulleres ourensás o 26 de abril de 2010
Fonte: Historia das nosas mulleres ourensás
https://mulleresourensas.blogspot.com
Videos
Vídeo dun momento da homenaxe celebrada no IES Otero Pedrayo a Begoña Muñoz Saa, o 2 de xuño de 2010, no que a Coral Vellos Amigos interpreta Danza de Roseta, con letra da propia Begoña Muñoz Saa e música de Manolo de Dios, e Ourense no solpor, con letra e música de Manolo de Dios
Fonte: IES Otero Pedrayo / YouTube.com



























