Manuela Cambronero
Lugo, 12/ 2/1821 - Santiago de Compostela (A Coruña), 26/12/1853Autoría: Iris Iglesias Segade
Entre nebulosas plumas: o trazado dunha romántica lucense
Manuela Cambronero apenas puido gozar de Galicia na súa nenez, xa que, poucos anos despois do seu nacemento, a súa familia mudou a súa residencia a Valladolid. En consecuencia, foi na localidade do Pisuerga onde espertou o seu interese pola pluma e onde lle concederon a oportunidade de escenificar a súa primeira composición, un drama orixinal en cinco actos e en prosa titulado Safira co que logrou os aplausos do público na estrea do 7 de xaneiro de 1842 no Liceo de Valladolid, como apunta a Revista de Teatros de Madrid.
Tamén nese ano, a imprenta de Julián Pastor inmortalizou o texto de Safira e Cambronero enviou ao Recreo Compostelano dous textos breves en prosa titulados «A mi amiga» e «Meditación». Ese mesmo medio anunciou en 1843 que Cambronero representaría pronto un drama, sen precisar o título desta nova peza. Non obstante, a través do xornal El Espectador, coñécese que o periódico galego facía referencia a un drama nun acto da autora que non se conserva, titulado Los rivales generosos e posto en escena o 5 de maio de 1843, novamente no Liceo de Valladolid.
No referente á súa prosa, Cambronero publicou, en 1844, «Las comedias caseras» en La Moda, e, en 1845, «Una aventura en el año 41» en El Meteoro, ambos os relatos dunha extensión similar aos textos xa mencionados.
Adicionalmente, sacou á luz varias novelas curtas desde o comezo ata o final da súa traxectoria literaria. Así, en 1845 incluíu no Pensil del bello sexo, unha antoloxía dirixida por Víctor Balaguer, varias poesías e a súa novela La Renegada, editada en México en 1852 e difundida un ano despois como folletín no Diario de avisos de Caracas.
En 1846, a Imprenta de la Sociedad de Recreos Literarios de Cádiz publicou a súa novela Inés na Colección de novelas El Ramillete. A autora sentía unha clara predilección por esta obra dedicada á escritora Amalia Fenollosa, polo que a recuperou para o seminario La Esmeralda en 1848, onde se distribuíu por entregas con inxentes cambios redaccionais. Ademais, volveu sobre ela en 1852 e recolleuna con novas modificacións en Días de convalecencia, unha colección de poesías e novelas orixinais editada na imprenta coruñesa de Domingo Puga.
Durante os meses de setembro e outubro de 1846, enviou entregas á revista El Espósito dunha novela orixinal moi breve titulada Amor y venganza, que xa publicara do mesmo xeito en 1844. Esta foi empregada por Gómez de Mier no seu Manual de la Literatura moderna española en prosa y verso para el estudio de la lengua castellana de 1851 e en sucesivas edicións en Hamburgo.
Por último, o citado volume, Días de convalecencia, de 1852, contén tamén a súa novela El Caballero negro, carente doutras publicacións, segundo os datos dispoñibles.
A pesar de que se enumeraron en primeiro lugar as súas obras dramáticas e prosísticas, o corpus recuperado de Manuela Cambronero destaca pola súa faceta poética, iniciada en 1843 coa lectura do poema «A una rosa marchita» no Liceo de Valladolid e coa súa difusión posterior na Iberia Musical. A partir deste intre, apareceron numerosas composicións líricas nos xornais literarios da década de 1840, varios romances extensos ou poesías dedicadas, sobre todo, á súa amiga Amalia Fenollosa, con quen se sinceraba a través dos seus versos. Deste xeito, Cambronero consagrou a Fenollosa «Bello es cruzar por la pradera hermosa», «Mi sueño en el bosque», «Ángel consolador, flor perfumada» e «Dolor», o seu poema máis reivindicativo, no que denuncia explicitamente que son os homes os culpables da situación de desigualdade da muller. Á súa vez, a castellonenca dedicoulle á galega «Esa flor que lozana y agraciada», «Penas del corazón» e «Decepciones». Algunhas destas composicións permaneceron esquecidas nos seus impresos orixinais, debido á fugacidade da prensa periódica, e mesmo, seguramente, moitas delas non se poderán recuperar porque as revistas do século XIX que as contiñan non se conservaron. Por conseguinte, a obra poética de Manuela Cambronero máis accesible é a comprendida no Pensil del bello sexo e en Días de convalecencia, pero convén deixar constancia de que a maior parte dos seus versos está dispersa en xornais e nin sequera se enumera nos catálogos biobibliográficos que inclúen a Cambronero, como ocorre co soneto «A una sombra», con outros poemas como «A mi sobrina Virginia», «A una dama en el paseo», «A la niña Elvira Muro Salgado», «A.D.V.M.C.», «Improvisación A.E.G.», «A don José Casanova», «A una clavellina silvestre», «A una flor seca», «Improvisación en las orillas del Esgueva», «La poetisa y la noche», «A mi amiga la señorita doña Luisa Valero» ou con «La monja».
Con todo, esta activa participación na prensa finalizou en 1849, xustamente no ano no que contraeu matrimonio co dentista Lorenzo Caballero Pasturot, un francés procedente de Marmande (no departamento de Lot e Garona). O enlace celebrouse o 30 de maio de 1849 na parroquia de San Martín y San Benito el Viejo de Valladolid e, case dous anos máis tarde, o 29 de xaneiro de 1851, naceu nesta localidade a súa primeira filla, a quen chamaron Acacia Martina Paula.
Tras varias desgrazas familiares, como a morte do pai de Cambronero, aproximadamente no verán dese mesmo ano, acaso motivada polo desexo de ofrecerlle á súa filla a infancia que ela non tivera en Galicia, trasladáronse os tres á Coruña. Esta morriña e o anhelo por regresar á súa terra aprécianse no poema «A La Coruña», recollido en 1861 en Galicia: Revista Universal de este Reino, polo cal quizais Murguía, Brañas e Amor Meilán a fixeron natural desta cidade, aínda que tamén poderían ser coñecedores da súa estadía na Coruña. Esta última hipótese non é improbable, porque o silencio de Manuela Cambronero cesou coa publicación de Días de convalecencia, un libro que preparou mentres estaba embarazada por segunda vez, da mesma maneira que retomou a súa actividade literaria ao colaborar eventualmente co Liceo da Coruña, motivos que explicarían a súa inclusión no Álbum de la Caridad de 1862 por parte de López Cortón.
O seu segundo fillo, Amable Pedro Caballero Cambronero, naceu na Coruña o 12 de outubro de 1852 e foi bautizado o día 19 na parroquia de San Nicolás, pois a familia vivía no número nove da rúa San Andrés, onde tiña o seu establecemento Lorenzo Caballero.
Finalmente, Manuela Cambronero deu a luz a súa terceira filla Rosa Blanca o 1 de decembro de 1853 en Santiago de Compostela, en concreto no número trece da rúa do Vilar, o mesmo lugar no que falecería Cambronero vinte e cinco días despois, tras contraer febre tifoidea ou puerperal. Tras a súa morte, o seu esposo regresou a Valladolid cos seus fillos. Porén, a máis pequena podería non ter sobrevivido sen a súa nai, xa que non consta no padrón da cidade, a diferenza dos seus irmáns.
Realizado este sucinto repaso da traxectoria vital e literaria de Manuela Cambronero, é posible concluír coa reafirmación da necesidade de revalorizar a obra desta autora, posto que manifesta características inherentes á corrente romántica como o abatemento do mal du siècle, a teima pola
mors immatura (que excedeu a ficción) ou a constante exaltación afectiva.
Por conseguinte, foron as súas destrezas literarias as que lle permitiron gozar de recoñecemento no seu tempo e sortear e denunciar coa pluma os numerosos obstáculos que se interpuxeron no seu camiño polo mero feito de ser muller. Deste xeito, os versos de «Dolor» ou «La cautiva» proban que foi unha das pioneiras na loita pola liberdade de expresión das mulleres, xunto a contemporáneas tan relevantes nos estudos de xénero como Carolina Coronado. Nesta mesma liña, quizais non voluntariamente, Rosalía de Castro escribiría textos como «Lieders», o prólogo de La hija del mar ou mesmo as «Dúas palabras da autora» dos Cantares Gallegos.
Fontes documentais
Archivo General Diocesano de Valladolid (1849): Libro de Matrimonios. Parroquia de San Martín y San Benito el Viejo.
Archivo General Diocesano de Valladolid (1851): Libro de bautismos. Parroquia de Santa María la Antigua.
Archivo Eclesiástico del Arzobispado Castrense de España(1821): Libro de bautismos.
Archivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela (1852): Libro de bautismos. San Nicolás
Archivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela (1853a): Libro de bautismos. Corticela.
Archivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela (1853b): Libro de defunciones. Corticela.
Archivo Municipal de Valladolid (1855): Padrón de habitantes.
Arquivo Histórico Municipal de A Coruña (1852): Libro de nacimientos.
Arquivo Histórico Municipal de A Coruña (1853): Padrón de habitantes.
Arquivo Histórico Universitario USC (1853a): Libro de nacimientos.
Arquivo Histórico Universitario USC (1853b): Libro de defunciones.
Bibliografía
Brañas, Alfredo (1889): El Regionalismo: estudio sociológico, histórico y literario. Barcelona: Jaime Molinas Editor.
Cambronero, Manuela (1842a): «A mi amiga», El Recreo Compostelano, Santiago de Compostela: Imprenta y Litografía de José Núñez Castaño, 17 (11 de setembro), 271-272.
Cambronero, Manuela (1842b): «Meditación», El Recreo Compostelano, Santiago de Compostela: Imprenta y Litografía de José Núñez Castaño, 14 (22 de xullo), 222-223.
Cambronero, Manuela (1842c): Safira. Drama en cinco actos y en prosa. Valladolid: Imprenta de Julián Pastor.
Cambronero, Manuela (1843): «A una rosa marchita», La Iberia Musical y Literaria, Madrid: Imprenta de La Iberia Musical, 21 (21 de maio), 165.
Cambronero, Manuela (1844): «Las comedias caseras», La Moda. Revista semanal de Literatura, teatro, costumbres y modas, Cádiz: Imprenta El Comercio, 91 (21 de xaneiro), 2.
Cambronero, Manuela (1845): «Una aventura en el año 41», El Meteoro: periódico semanal de literatura, artes, ciencias, modas y teatros, Cádiz: Imprenta de la Sociedad de Recreos Literarios, 7 (17 de agosto de 1845), 49-50; 8 (24 de agosto), 57-59.
Cambronero, Manuela (1846): El Ramillete. Colección de novelas. Inés. Cádiz: Imprenta de la Sociedad de Recreos Literarios.
Cambronero, Manuela (1848): «Inés. Novela original de la Sta. doña Manuela Cambronero», La Esmeralda. Seminario de Literatura. Valencia: Imprenta de José Mateu Garín, (23 de abril), 98-100; (30 de abril), 107-109; (7 de maio), 117-118; (14 de maio), 123-124.
Cambronero, Manuela (1852): La Renegada. Novela original. México: Impr. dirigida por F. Guerrero.
Cambronero, Manuela (1853): «La Renegada. Novela original de doña Manuela Cambronero», Diario de avisos y seminario de las provincias, Caracas: Imprenta de Mariano de Briceño, 46 (12 de marzo); 49 (16 de marzo); 52 (19 de marzo); 55 (23 de marzo); 59 (30 de marzo); 62 (2 de abril); 64 (6 de abril).
El Espectador (1843): «Noticias de España. Valladolid», El Espectador, Madrid: Imprenta de El Espectador, 644 (10 de maio), 1.
Gómez de Mier, José Eusebio (1851): Manual de la Literatura moderna española en prosa y verso para el estudio de la lengua castellana. Hamburgo: Imprenta de J. J. Nobiling; 135-140.
El Oriente (1854): «Gacetilla de provincias», El Oriente. Periódico liberal de la tarde, Madrid: Imprenta de El Oriente, 15 (18 xaneiro), 3.
López Cortón, José Pascual (1862): Álbum de la Caridad: Juegos Florales de La Coruña en 1861, seguido de un mosaico poético de nuestros vates gallegos contemporáneos. A Coruña: Imprenta del Hospicio Provincial a cargo de D. Mariano M. y Sancho.
Revista de Teatros (1841): «Noticias de las provincias. Valladolid», Revista de Teatros. Periódico semanal de Literatura, Sátira y Bellas Artes, Madrid: Imprenta de D. Ignacio Boix, tomo I, primeira serie, entrega 12 (1841), 191. [8-12/1841; n.º 12]
Como citar: Iglesias Segade, Iris : Manuela Cambronero. Publicado o 18/6/2025 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=35999. Recuperado o 21/01/2026
DOCUMENTACIÓN DE
Poema de Manuela Cambronero presentado aos Xogos Florais da Coruña en 1861 e incluído no Álbum de la Caridad. Ver Documento. Poema
Cambronero, Manuela: «Rojana y el ruiseñor», Album de la Caridad: Juegos Florales de La Coruña en 1861, seguido de un mosaico poético de nuestros vates gallegos contemporáneos. A Coruña: Coruña: [s.n.], 1862 (Imprenta del Hospicio Provincial à cargo de D. Mariano M. y Sancho); 170-171.
Fonte: Universidade de Santiago de Compostela / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.ga
Poema «A La Coruña». Ver Documento. Poema
Cambronero, Manuela: «A La Coruña», Galicia: Revista Universal de este Reino, A Coruña: Imprenta del Hospicio, 13 (1 de abril de 1861), 201-202.
Fonte: Biblioteca Dixital de Galicia / Galiciana.
http://biblioteca.galiciana.gal
Poema «Dolor», dedicado por Manuela Cambronero á poeta Amalia Fenollosa. Ver Documento. Poema
Cambronero, Manuela: «Dolor», El Meteoro: periódico semanal de literatura, artes, ciencias, modas y teatros, Cádiz: Imprenta de la Sociedad de Recreos Literarios, 7 (15 de febreiro de 1846), 50-52.
Fonte: Biblioteca Digital de Castilla y León (BDCYL)
https://bibliotecadigital.jcyl.es
«La cautiva», poema de Manuela Cambronero. Ver Documento. Poema
Cambronero, Manuela: «La cautiva», El Meteoro: periódico semanal de literatura, artes, ciencias, modas y teatros, Cádiz: Imprenta de la Sociedad de Recreos Literarios, 1 (6 de xullo de 1844), 5.
Fonte: Biblioteca Digital de Castilla y León (BDCYL) .
https://bibliotecadigital.jcyl.es
Poema «A una rosa marchita», de Manuela Cambronero. Ver Documento. Poema
Cambronero, Manuela (1843): «A una rosa marchita», La Iberia Musical y Literaria, Madrid: Imprenta de La Iberia Musical, 21 (21 de maio de 1843), 165.
Fonte: BNE. Hemeroteca Dixital.
https://hemerotecadigital.bne.es
«A mi amiga...», relato de Manuela Cambronero publicado en El recreo compostelano. Ver Documento. Relato
Cambronero, Manuela: «Meditación», El recreo compostelano, 17 (11 de setembro de 1842), 15-16.
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal
Relato de Manuela Cambronero publicado en El recreo compostelano. Ver Documento. Relato
Cambronero, Manuela: «Meditación», El recreo compostelano, 14 (26 de xullo de 1842), 14-15.
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal
Safira: drama en cinco actos y en prosa, de Manuela Cambronero. Ver Documento. Libro
Cambronero, Manuela: Safira. Drama en cinco actos y en prosa. Valladolid: Imprenta de Julián Pastor, 1842.
Fonte: Donostia Kultura.
https://www.donostia.eus/DonostiaKultura/donostiateka/handle/123456789/2313
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Biografía
sintéticade Manuela Cambronero en Correo de Galicia. Ver Documento. Artigo«Doña Manuela Cambronero», Correo de Galicia,1065 (29 de xuño de 1926), 6.
Fonte: Biblioteca Dixital de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal
«Hoja Literaria» dedicada a Manuela Cambronero. Ver Documento. Artigo
c.f.: «Hoja Literaria. La eminente poetisa gallega D.ª Manuela Cambronero», El Ideal gallego.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
Diario católico, regionalista e independiente, A Coruña: 2515 (30 de xaneiro de 1926), 5.
http://biblioteca.galiciana.gal
Manuela Cambronero nas «Biografías Gallegas» de Amor Meilán. Ver Documento. Artigo
Amor Meilán, Manuel: «Biografías Gallegas. CCCX. Manuela Cambronero de la Peña», La Voz de la Verdad, Lugo: Talleres de La Verdad, 4152 (10 de febreiro de 1923), 1.
Fonte: Biblioteca Pública de Lugo / Galiciana.
http://biblioteca.galiciana.gal
Entrada de Manuela Cambronero no Diccionario de escritores gallegos de Manuel Murguía. Ver Documento
Murguía, Manuel Diccionario de escritores gallegos. Vigo: J. Compañel, 1862; 135.
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana.
http://biblioteca.galiciana.gal
O periódico El Oriente recolle o pasamento da escritora Manuela Cambronero, na edición do 18 de xaneiro de 1854. Ver Documento. Artigo
El Oriente: «Gacetilla de provincias», El Oriente. Periódico liberal de la tarde, Madrid: Imprenta de El Oriente, 15 (18 de xaneiro de 1854), 3.
Fonte: BNE. Hemeroteca Dixital Hispánica.
https://hemerotecadigital.bne.es
Crítica dunha obra de Manuela Cambronero posta en escena no Liceo da cidade de Valladolid en maio de 1843. Ver Documento. Artigo
El Espectador: «Noticias de España. Valladolid», El Espectador, Madrid: Imprenta de El Espectador, 644 (10 de maio de 1843), 1.
Fonte: BNE. Hemeroteca Dixital Hispánica.
https://hemerotecadigital.bne.es
Información na Revista de Teatros sobre a estrea en Valladolid da obra Safira de Manuela Cambronero. Ver Documento. Artigo
Revista de Teatros: «Noticias de las provincias. Valladolid», Revista de Teatros. Periódico semanal de Literatura, Sátira y Bellas Artes, Madrid: Imprenta de D. Ignacio Boix, tomo I, primeira serie, entrega 12 (1841), 191. [8-12/1841; n.º 12]
Fonte: BNE. Hemeroteca Dixital Hispánica.
https://hemerotecadigital.bne.es
Ligazóns de interese
Acceso á dixitalización da obra Días de convalecencia: colección de poesías y novelas originales de Manuela Cambronero
Fonte: Minerva, Repositorio Institucional da Universidade de Santiago de Compostela.
A Coruña: Imprenta de Don Domingo Puga, 1852
http://hdl.handle.net/10347/28015
Acceso á dixitalización do Pensil del bello sexo: Colección de poesías, novelitas, biografías, artículos, etc, obra na que participa Manuela Cambronero.
Barcelona: Imprenta de D. M. de Grau, 1845. Edición de Víctor Balaguer
Fonte: Biblioteca Digital da Real Academia Española.
https://www.rae.es










