Mercedes Vieito Bouza
Cuba, 11/ 2/1887 - Cuba, 3/1/1960Autoría: Sonia Enjamio
Mestra, xornalista e amante da xustiza social
A cubano-galega Mercedes Vieito Bouza é paradigma destes sentimentos. Filla de José Vieito Freire e Rosa Bouza Maseda, inmigrantes das Somozas (A Coruña). A identidade galega destes vai ser fonte de sólidos principios e do seu futuro quefacer literario. Nacida no populoso e modesto barrio Jesús María da capital, o 11 de febreiro de 1887, a preocupación dos seus pais foi a de abrirlle un horizonte cultural que lle posibilitase a inserción na sociedade cubana daquel entón e proporcionáronlle unha esmerada atención á súa preparación como mestra elemental, coa que anos despois puidese manter o sustento económico.
A súa inquietude vocacional levouna de moi nova a iniciar os seus primeiros pasos como periodista na revista Galicia, en 1903, nunha sección titulada "Rápidas", onde escribe baixo o pseudónimo de Zoraida, que manterá até 1905.
O ano 1905 marcou un momento significativo na súa tarefa periodística. Unha diáspora multifacética caracterizou os seus artigos na referida revista —o rexionalismo autonómico como necesidade crucial uniuse a preocupacións polos seus coterráneos—, en especial da galega inmigrante. Obtivo os seus maiores logros como periodista entre 1910 e 1930, nas revistas Galicia e Eco de Galicia; nesta última aparece como directora desde 1934 até o seu peche en 1936.
A defensa dos sectores máis humildes da rexión galaica foi expresada en diversos artigos. Impulsou a creación de escolas e bibliotecas nas aldeas natais polas sociedades comarcais existentes e impulsou, con gran combatividade, o movemento agrarista da década dos 10 do século XX, contra a oligarquía e o caciquismo.
Tivo unha participación activa na sociedade "La Aurora de Somozas" promovendo diversas actividades na defensa da identidade cultural galega. Nas Memorias desta sociedade publicadas en 1935 é a única muller recoñecida como "somozana ilustre", aparece no cadro directivo e de honra ao recibir os títulos de fundadora, secretaria e presidenta de honra. O seu amor cara á terra dos seus proxenitores levouna, xa en datas próximas ao seu falecemento, a querer que o seu corpo fose sepultado no panteón desta sociedade, feito acaecido o 3 de xaneiro de 1960 en Cuba, cando tiña 73 anos.
En 1918 casou co somozano José López y López, co que tivo 4 fillos. Reincorporouse á revista Eco de Galicia e ao mesmo tempo exerce de mestra. Creou a súa escuela "La Aurora" no barrio de Luyanó para o ensino primario de nenos de ambos os sexos. Nela impartía as súas leccións co recordo unhas veces da amada Galicia e outras co das loitas dos cubanos na súa historia. Foi unha fervente difusora do pensamento do apóstolo de Cuba, José Martí.
Tivo dous momentos de grande impacto e significación emocional na década dos 20. O primeiro, coñecer a amada terra galega cos seus tres fillos pequenos; o segundo, a homenaxe de recoñecemento á súa vida fecunda que diversas sociedades da colonia galega lle brindaron en 1923.
Mercedes Vieito Bouza deixou un universo literario amplo e pouco coñecido pero que transcendeu significativamente a decenas de miles de inmigrantes galegos e galegas residentes na illa caribeña.
Como citar: Enjamio, Sonia : Mercedes Vieito Bouza. Publicado o 1/1/2006 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=4137. Recuperado o 17/01/2026
DOCUMENTACIÓN DE
VIEITO BOUZA, Mercedes: «Del momento». Ver Documento. Artigo
As eleccións na sociedade Hijas de Galicia e a expulsión dos mouros de Al-Andalus, son os temas tratados pola directora do Eco de Galicia no editorial do número de 15 de febreiro de 1935.
Fonte: galiciana
Mercedes Vieito, xornalista pioneira na prensa da colectividade en Cuba, 1922. Ver Documento. Artigo
A cubano-galega Mercedes Vieito Bouza naceu na Habana, filla duns humildes emigrantes naturais das Somozas que lle fomentaron a identidade galega desde moi pequena. Estes sentimentos de pertenza e orgullo por unha cultura e un país, que non chegou a coñecer ata finais de 1920, aparecen en todos os seus escritos na prensa da colectividade. Mais tamén se consideraba cubana plenamente integrada no seu país de nacemento. Na Universidade da Habana estudou maxisterio, profesión que exerceu coa creación dunha academia chamada "La Aurora" –nome que nos retrotrae ao concello natal dos seus pais–, dedicada ao ensino primario para nenos e nenas.
Fondo: Consello da Cultura Galega. Arquivo da Emigración Galega. Artigo publicado en Eco de Galicia: 189 (3 de setembro de 1922)
Como xornalista comezou a traballar en 1903 na revista Galicia, onde asina co pseudónimo de “Zoraida”. En 1910 publicou tamén en Eco de Galicia artigos en que chegaba ao corazón das masas de emigrantes chegadas á illa. Na súa defensa dun rexionalismo patriótico, promoveu cos seus escritos o envío de remesas para a creación de escolas e bibliotecas en Galicia e impulsou o movemento agrarista deste período. De 1930 ata 1934 foi nomeada directora da revista, o que supuxo un fito na prensa da colectividade.
VIEITO BOUZA, Mercedes: «La mujer gallega». . Ver Documento
Mercedes Vieito, xornalista da comunidade galega de Cuba e académica correspondente da RAG desde 1906, defende a modernidade institución galega ao recoñecer diversas escritoras como académicas correspondentes.
Artigo publicado en Álbum literario 1907 da Asociación iniciadora e protectora da Real Academia Galega na Habana, Universidade da Coruña, 2001
DOCUMENTACIÓN SOBRE
«Un nome para rescatar do olvido: Mercedes Vieito Bouza». Ver Documento
Artigo de Puri Cabido Pérez sobre Mercedes Vieito Bouza.
Fonte: Andaina. Revista galega de pensamento feminista, nº 28 (primaveira 2001), p 53-56
Del homenaje a Mercedes Vieito. Ver Documento
No ano 1917 Eco de Galicia: Revista gráfica y de información de la colonia en Cuba, adica unhas páxinas á homenaxe que a colonia galega da Habana lle fixo a Mercedes Vieito. Descargaas aquí.
Ligazóns de interese
Hijas de Galicia no Álbum de Galicia
[data de edición 07-06-2023]
Galiciana. versión dixital do Eco de Galicia : revista ilustrada y de información de la colonia gallega en Cuba, da que Mercedes Vieito foi directora
[última consulta: 08-06-2023]
Referencias bibliográficas
- COSTA ALCADE, M.ª X., “Mulleres galegas na prensa galega de América (1873-1914): O caso de Mercedes Vieito Bouza”, Estudios Migratorios, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega, 3 (1997), p 257-284.
- VV.AA.: “Del homenaje a Mercedes Vieito de Bouza”, Eco de Galicia: Revista gráfica y de información de la colonia en Cuba, 196 (1917), p 7-11.
Publicacións periódicas
Galicia [A Habana] (1902-1930) .
1903-1904: Revista Semanal Ilustrada
Revista Semanal Ilustrada de mayor circulación en la República
1905, n.º 1: Sen subtítulo
1905, n.º 2-1906, n.º 33: Revista Regional de más circulación en la República de Cuba
1906, n.º 34-1907: Órgano de la Colonia Gallega y Sociedades Regionales de Cuba y Defensor de los intereses gallegos en América
1914: Revista Regional Ilustrada: Órgano de la Colonia Gallega y Sociedades Regionales de Cuba
16-08-1925: Revista Semanal Ilustrada: Órgano de la Colonia Gallega y Sociedades Regionales de Cuba
1926: Revista Gráfica Regional de La Habana. Publicación Semanal. Órgano de la Colonia Gallega y Sociedades Regionales de Cuba
Publicación Semanal. Órgano de la Colonia Gallega y Sociedades Regionales de Cuba
1930: Publicación Ilustrada: Órgano de la Colonia Gallega y Sociedades Regionales de Cuba
Galicia en América (1904-) .
Semanario de Ciencias, Artes, Literatura e Información: Defensor de los intereses de los gallegos en América
Boletín de Ferrol y su comarca (1911-1912) .
Sociedad de Instrucción y Fomento Agrícola e Industrial: Órgano oficial de la misma
Eco de Galicia (1917-1936) .
Revista ilustrada y de información de la colonia gallega en Cuba
A partir do n.º 23: Revista gráfica y de información de la colonia gallega en Cuba
A partir do n.º 111 (1920): Revista gráfica y de información regional
Heraldo de Galicia (1919-) .
Periódico consagrado a los intereses del pueblo galiciano y paladín de la colonia gallega en Cuba
Artigos Mercedes Vieito Bouza
VIEITO BOUZA, M. (6/1918) La Víspera de San Juan | Eco de Galicia. 1ª (50), 5.
VIEITO BOUZA, M. (6/1918) Mirando al porvenir | Eco de Galicia. 1ª (52), 5.
VIEITO BOUZA, M. (11/1918) El florecer de un arte | Eco de Galicia. 1ª (70), 7.
VIEITO BOUZA, M. (12/1918) Un año más | Eco de Galicia. 1ª (77), 7.
VIEITO BOUZA, M. (3/1920) Un artista gallego | Eco de Galicia. 1ª (115), 16.




