Afonso o Sabio, X de Castela e IX de León-Galicia
Toledo, 23/ 11/1221 - Sevilla, 4/4/1284Autoría: Henrique Monteagudo
Monarca das Letras Galegas medievais. A arte de trobar milagres
Afonso asumiu o cetro de Castela e León-Galicia ao pouco de que o seu pai unificase os dous reinos (1232) e a seguir conquistase boa parte de Andalucía. Así, Afonso atopouse cuns dominios poboados por xentes de diferentes relixións e linguas, sendo os musulmáns maioritarios no sur. Neste contexto, concibiu un proxecto político innovador, baseado no reforzamento do poder da monarquía a custa da nobreza e da igrexa. En consonancia con ese proxecto, puxo en marcha un ambicioso programa cultural, que tiña como principal obxectivo o desenvolvemento dunha alta cultura laica, desafiando o tradicional monopolio eclesiástico. Un dos aspectos centrais dese proxecto foi a súa política lingüística de promoción do romance en detrimento do latín.
Afonso reinaba sobre unha poboación multilingüe e multicultural: nos seus dominios falábase castelán, astur-leonés, galego, éuscaro e árabe, e vigoraban tradicións culturais en latín, romance, árabe e hebreo. Nesas condicións, o latín, patrimonio da igrexa católica, xa non valía como idioma común. Afonso deulle un pulo decisivo ao castelán, que converteu en lingua oficial da monarquía, e que promoveu ademais como lingua da prosa histórica e científica. Con esta finalidade organizou grupos de traballo plurilingües e multiétnicos que prepararon traducións ao castelán de diversas textos e editaron un amplo abano de obras: tratados lúdicos, científicos ou para-científicos traducidos do árabe, códigos que recollían a lexislación básica para os seus reinos (Fuero Real, Siete Partidas) e magnas compilacións históricas (Estoria de España e General Estoria), ademais de diversos tratados recreativos ou polémicos con base árabe ou latina. Varias das súas compilacións deron lugar a fecundas tradicións textuais. Así, amplas seccións da Estoria de España e o primeiro libro da Gẽeral Estoria foron trasladados ao galego entre os finais do século XIII e os inicios do XV, mentres que as Partidas foron profusamente traducidas ao galego e a outros romances ata finais da Idade Media.
Por outra banda, acolleu na súa corte trobadores occitanos (como Guiraut Riquier), italianos (Bonifaz Calvo) e cataláns (Arnau Catalan ou Cerverí de Girona). Pero a súa afección pola lírica trobadoresca manifestouse sobre todo na súa vertente galego-portuguesa, de maneira que a súa corte literaria constituíu o centro de produción máis importante da mesma. Afonso congregou ao seu redor unha boa parte das xeracións intermedias de poetas galego-portugueses, propiciando a etapa de plenitude deste fenómeno literario (1250-80). El propio foi un espléndido poeta, activo durante toda a súa vida adulta, ben que, ao parecer, primeiro se centrou na produción profana (1245-66) e despois na relixiosa (1264-84). O seu corpus lírico profano foi transmitido polos Cancioneiros da Biblioteca Nacional e da Biblioteca Vaticana dun xeito irregular, desordenado e seriamente deturpado, o cal suxire unha compilación anómala, se cadra debido a que deu pouca importancia a esta faceta da súa obra. Ademais de dúas cantigas marianas, os cancioneiros transmiten arredor de corenta e catro textos seus, entre os cales tres cantigas de amor, unha breve cantiga de amigo, trinta e cinco textos satíricos e mais catro tenzóns. Sen desmerecer as súas calidades como poeta amoroso, a crítica móstrase unánime na estima do seu cancioneiro satírico, que abrangue cinco sátiras políticas, vinte e oito cantigas de escarnio e maldicir e unha inclasificable e orixinalísima cantiga de desacougo, xustamente célebre (“Non me posso pagar tanto”).
As campañas andaluzas déronlle ocasión para escarnecer os cabaleiros pusilánimes. Máis xocosas e menos tensas son as cantigas dirixidas aos cabaleiros coteifes. O estamento eclesiástico tamén está representado nas súas chacotas, desde o Papa ata o pornógrafo deán de Cádiz. De resto, Afonso toca cada un dos temas característicos do xénero burlesco: o sexo, coas inevitables soldadeiras (como Maria Balteira), os ricos-homes avaros, os xograres etc. Alén disto, mantivo un vivo diálogo cos poetas da súa corte: ademais das tenzóns, son dignas de nota as burlas aos composteláns Pero da Ponte, Bernal de Bonaval e Afonso Eanes do Coton. Canto ao plano formal, son salientables a variedade e a eficacia dos esquemas métricos empregados no seu cancioneiro, a súa habelencia artística posta a proba en varios rexistros, o dominio despregado na retórica do cómico, incluíndo o obsceno e o escatolóxico, e mais a riqueza e sofisticación do seu léxico, engalanado de occitanismos.
As Cantigas de Santa Maria merecen un tratamento específico. Denomínase así un conxunto de 420 composicións, a maioría das cales son narracións de milagres da Virxe relacionados con distintos santuarios europeos (sobre todo franceses, como Rocamador) e peninsulares (especialmente os de fundación do propio rei, como o de Puerto de Santa María en Cádiz). Mais tamén se contan corenta e tres cancións líricas de loor de María, doce conmemoracións de festas marianas e outras cinco de festas de Noso Señor. O cancioneiro vai precedido dunha presentación (intitulatio) e un prólogo e seguido dun epílogo (pitiçon). Catro códices contribúen á transmisión deste conxunto: o Códice de Toledo (To), que inicialmente debía conter 100 composicións, pero ao que se lle engadiu un apéndice coas dez cancións de festas e dezaseis milagres máis; o Códice rico do Escorial (T), hoxe incompleto, que debía conter 200 poemas pero de feito só presenta 195; o seu complemento de Florencia (F), actualmente con graves perdas, que debía conter 136 poemas pero de feito só presenta 104, todos novos respecto a T; e finalmente o Códice dos músicos do Escorial (E), con 417 textos, que inclúe todo To, case todo F e oitenta e nove textos novos. A distribución das composicións suxire que To representa a primeira edición da obra, T + F unha tentativa de segunda edición ampliada e ricamente ilustrada que non chegou a rematarse, e E o intento de edición definitiva. Polo seu valor literario e musical, o coidado da súa feitura e a esplendidez da súa ornamentación e miniaturas (especialmente do Códice Rico), as Cantigas de Santa Maria constitúen un dos testemuños máis representativos da cultura europea medieval. O uso do galego nesta magna obra explicarase polo grande desenvolvemento e o prestixio lírico que atinxira esta lingua, na que, ademais, existía un persoal experto na composición de poesía lírica, entre os cales deberon contarse varios trobadores, como Ayras Nunez.
Polo que atangue ao papel do rei na produción das Cantigas de Santa Maria, pode darse como segura a súa autoría nas composicións que serven de prólogo e epílogo á obra e nas autobiográficas ou referidas á súa familia (28 textos); nas demais, a súa participación efectiva consistiría na programación xeral do proxecto, a orientación no desenvolvemento e a revisión definitiva do traballo. En todo caso, nos textos é declarado o empeño de Afonso por aparecer persoalmente vencellado coa colectánea, que por outra banda se tingue en ocasións dun manifesto ton de auto-promoción del mesmo e a súa liñaxe, especialmente acaído nos difíciles momentos que atravesou contra na década final do seu reinado.
A política centralizadora de Afonso esixía limitar o poder do clero. Nese marco deben interpretarse as súas retesías coa catedral compostelá, igual que o escaso fervor santiaguista do monarca, demostrado tanto nas Cantigas de Santa Maria (CSM) coma na Estoria de España. As primeiras, ademais de faceren propaganda de santuarios marianos en competencia con Santiago, atribúenlle á Virxe milagres que no Libro de Santiago se lle atribuían ao apóstolo, e recollen argumentos contra a peregrinación xacobea. Na Estoria de España rexéitanse as tradicións que vencellaban a Carlos Magno con Compostela, recollidas no mesmo Libro de Santiago e espalladas por toda Europa. A política de Afonso apoiouse na ideoloxía neogótica defendida polos medios clericais toledanos. Isto non lle impediu promover con entusiasmo a lingua galega tanto na lírica profana coma na relixiosa, compoñer en galego cantigas excelsamente inspiradas, nin propiciar a súa emerxencia como lingua oficial en Galicia. Así mesmo, o seu empeño en concentrar a cultura arredor da súa corte puido propiciar o enfraquecemento dos centros de cultivo do trobadorismo na propia Galicia. Todo isto non embaza a extraordinaria significación das súas achegas senlleiras á cultura hispánica e á lingua galega. O seu brillante labor cultural valeulle a alcuña de “Sabio”, coa que pasou á posteridade e que ninguén lle pode, en xustiza, disputar.
Como citar: Monteagudo, Henrique : Afonso o Sabio, X de Castela e IX de León-Galicia. Publicado o 18/7/2023 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=5391. Recuperado o 15/06/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Cantiga 472 do manuscrito do Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa, posiblemente dedicada a Pedro o Galego. Ver Documento. Poema
Afonso X: «Pero que ei ora mengua de companha, nen Pero Garcia nen Pero d’Espanha nen Pero Galego non iran cômego». En Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa [Manuscrito]. [1525-1526]. Biblioteca Nacional de Lisboa, Manuscritos Reservados, COD. 10991.
Fonte: Biblioteca Nacional de Portugal. Biblioteca Dixital.
https://purl.pt
Cantigas de Santa María. Códice de Toledo (To). Transición: Martha E. Schaffer. Ver Documento
Monteagudo, Henrique (ed.) (2010): Afonso X o Sabio. Cantigas de Santa María. Códice de Toledo (To). Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega
Fonte: Consello da Cultura Galega
http://consellodacultura.gal/publicacion.php?id=3062 [2023-06-01]
O Códice de Florencia das Cantigas de Santa María. Transcrición paleográfica. Ver Documento
Fidalgo Francisco, Elvira e Fernández Guiadanes, Antonio (2019): O Códice de Florencia das Cantigas de Santa Maria (B.R. 20). Transcrición paleográfica. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.
Fonte: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
http://www.cirp.gal/publicacions/pub-0491.html [2023-06-02]
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Artigo de Henrique Monteagudo sobre o papel de Afonso o Sabio na lírica trobadoresca galego-portuguesa. Ver Documento
Monteagudo, Henrique (2021): «Afonso o Sabio na lírica trobadoresca galego-portuguesa: da historia literaria á política cultural». En Andrade Cernadas, José M. e Doubleday, Simón R. (eds.): Galicia no tempo de Afonso X. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega; 379-411.
Fonte: Consello da Cultura Galega
http://consellodacultura.gal/publicacion.php?id=4432 [2023-06-01]
Proposta didáctica para traballar o tema das Cantigas de Santa María no ensino secundario. Ver Documento
Fidalgo, Elvira e Muíña, Milagros (2005): Cantigas de Santa María: proposta de explotación didáctica. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.
Fonte: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
https://www.cirp.es/publicacions/pub-0196.html [2023-06-02]
Ligazóns de interese
BiRMED: Bibliografía de Referencia do Arquivo Galicia Medieval
Base de datos bibliográfica especializada na literatura medieval galego-portuguesa
Fonte: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
https://bernal.cirp.gal/ords/bib/r/birmed3/inicio [Consulta: 2024-02-07]
51 páxinas das nosas Letras
Catálogo da exposición organizada polo Parlamento de Galicia en 2013 para conmemorar o 50 aniversario do Día das Letras Galegas
Fonte: Parlamento de Galicia
https://www.parlamentodegalicia.es/sitios/web/Publicacions/51%20paxinas%20das%20nosas%20letras.pdf [consulta: 2022-12-30]
Cantigas de Santa María. Códice rico
Códice custodiado na Biblioteca de San Lorenzo de El Escorial.
Fonte: Biblioteca de San Lorenzo de El Escorial.
https://rbme.patrimonionacional.es/s/rbme/item/11337#?c=&m=&s=&cv=&xywh=-3673%2C-313%2C11089%2C6240 [consulta: 2023-05-16]
Cantigas de Santa María. Códice dos músicos
Códice custodiado na Biblioteca de San Lorenzo de El Escorial.
Fonte: Biblioteca de San Lorenzo de El Escorial
https://rbme.patrimonionacional.es/s/rbme/item/11338#?c=&m=&s=&cv=&xywh=-2781%2C-246%2C8739%2C4917 [consulta: 2023-05-16]
Cantigas de Santa María. Códice de Toledo
Códice custodiado na Biblioteca Nacional de España.
Fonte: Biblioteca Nacional de España
https://www.bne.es/es/colecciones/partituras/partituras-compilaciones/cantigas-santa-maria [consulta: 2023-05-16]
Cantigas de Santa María. Códice de Florencia
Códice custodiado na Biblioteca Nacional Central de Florencia.
Fonte: Biblioteca Nacional Central de Florencia.
https://archive.org/details/b.-r.-20/page/n179/mode/2up [consulta: 2023-05-16]
Afonso X e Galicia
Especial web elaborado polo Consello da Cultura Galega con motivo da conmemoración dos 800 anos do nacemento de Afonso o Sabio.
Fonte: Consello da Cultura Galega
http://consellodacultura.gal/especiais/afonso-x-e-galicia/ [consulta: 2023-05-16]
A música afonsina en Galicia
Intervencións nesta xornada organizada polo Consello da Cultura Galega, en outubro de 2021 na Illa de San Simón.
Fonte: Consello da Cultura Galega
http://consellodacultura.gal/evento.php?id=201190 [consulta: 2023-05-16]
Base de datos das Cantigas de Santa María - Universidade de Oxford
Base de datos que contén información interconectada sobre os textos, os manuscritos e as miniaturas das Cantigas de Santa María.
Fonte: Centro de Estudos das Cantigas de Santa María. Universidade de Oxford
https://csm.mml.ox.ac.uk [consulta: 2023-05-25]
Cantigas de Santa María para músicos
Sitio web coa edición completa da letra e a música das Cantigas de Santa María.
Fonte: Andrew Casson
http://www.cantigasdesantamaria.com/ [consulta: 2023-05-25]
Universo Cantigas
Proxecto que ten como obxectivo realizar a edición crítica dixital dos textos da lírica profana galego-portuguesa.
Fonte: Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega. Universidade da Coruña
https://www.universocantigas.gal/ [consulta: 2023-05-25]
Arquivo Galicia Medieval - ArGaMed
Serie de publicacións que conteñen estudos ou edicións (críticas ou paleográficas) da lírica profana galego-portuguesa, das Cantigas de Santa María ou da prosa literaria galega medieval.
Fonte: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
http://www.cirp.gal/ms/argamed/ [consulta: 2023-05-25]
Afonso X o Sabio
Portal con información e documentación sobre a figura histórica e a obra literaria de Afonso o Sabio.
Fonte: Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes
https://www.cervantesvirtual.com/portales/alfonso_x_el_sabio/ [consulta: 2023-05-25]
Projeto Littera. Cantigas Medievais Galego-Portuguesas
Fonte: Instituto de Estudos Medievais da Faculdade de Ciências Sociais e Humanas da Universidade Nova de Lisboa
https://cantigas.fcsh.unl.pt/apresentacao.asp [Consulta: 2024-02-07]
Videos
Cantigas de Santa María, por que en galego?
Documental (12´ 01´´), emitido en 2021 en Nós Televisión, que trata a importancia histórica que tiveron as Cantigas de Santa María (unha xoia literaria, musical e pictórica da cultura europea do século XIII), así como o papel que xogou o noso idioma nas estratexias políticas de Afonso o Sabio .
Fonte: Nós Televisión
https://youtu.be/W3EiuQi-7DQ [consulta: 2023-05-16]
O Códice rico e o Códice dos músicos na Biblioteca de San Lorenzo de El Escorial [2´ 40´´]
Presentación dos dous códices das Cantigas de Santa María que custodia a Biblioteca de San Lorenzo de El Escorial, que foron dixitalizados e postos ao dispor do público en Internet con motivo do VIII Centenario do nacemento de Afonso X.
Fonte: Patrimonio Nacional
https://youtu.be/UcwLhNQ1Zpc [consulta: 2023-05-16]
Henrique Monteagudo conversa sobre o proxecto político e cultural de Afonso o Sabio [7´ 18´´]
Entrevista realizada no marco da exposición “Afonso X e Galicia”, promovida polo Consello da Cultura Galega en 2021 para conmemorar os 800 anos do nacemento do monarca.
Fonte: Consello da Cultura Galega
https://youtu.be/S0CjImtt3LM [consulta: 2023-05-16]
Helena de Carlos conversa sobre o labor de Afonso o Sabio na historiografía peninsular [6´ 19´´]
Entrevista realizada no marco da exposición “Afonso X e Galicia”, promovida polo Consello da Cultura Galega en 2021 para conmemorar os 800 anos do nacemento do monarca.
Fonte: Consello da Cultura Galega
https://youtu.be/aIBDXOA7R1Y [consulta: 2023-05-16]
Eduardo Cebreiros conversa sobre a obra lexislativa de Afonso o Sabio [6´ 03´´]
Entrevista realizada no marco da exposición “Afonso X e Galicia”, promovida polo Consello da Cultura Galega en 2021 para conmemorar os 800 anos do nacemento do monarca.
Fonte: Consello da Cultura Galega
https://youtu.be/GKVDoWCYL5c [consulta: 2023-05-16]
Carlos Núñez conversa sobre a música das Cantigas de Santa María [1´ 36´´]
Entrevista realizada no marco da exposición “Afonso X e Galicia”, promovida polo Consello da Cultura Galega en 2021 para conmemorar os 800 anos do nacemento do monarca.
Fonte: Consello da Cultura Galega
https://youtu.be/wiLI5CUknO8 [consulta: 2023-25-16]
Elvira Fidalgo conversa sobre o valor literario das Cantigas de Santa María [3´ 44´´]
Entrevista realizada no marco da exposición “Afonso X e Galicia”, promovida polo Consello da Cultura Galega en 2021 para conmemorar os 800 anos do nacemento do monarca.
Fonte: Consello da Cultura Galega
https://youtu.be/Y83uHfC7nNg [consulta: 2023-05-16]
Francisco Prado-Vilar conversa sobre a relevancia das Cantigas de Santa María na arte medieval [5´ 12´´]
Entrevista realizada no marco da exposición “Afonso X e Galicia”, promovida polo Consello da Cultura Galega en 2021 para conmemorar os 800 anos do nacemento do monarca.
Fonte: Consello da Cultura Galega
https://youtu.be/591mE_sIr_I [consulta: 2023-05-16]
Galicia letra a letra. Afonso X. Letras Galegas 1980 [1´ 31´´]
David Mackenzie, académico correspondente da Real Academia Galega, fala sobre Afonso o Sabio.
Fonte: Real Academia Galega
https://youtu.be/UnPv6NCdcaA [consulta: 2023-05-16]
Audios
«Fuga Mundi» de Afonso X
«Cantiga de Santa María n.º 100» de Afonso X
«Cantiga de Santa María n.º 77» de Afonso X
Artigos Afonso o Sabio, X de Castela e IX de León-Galicia
AFONSO O SABIO, X DE CASTELA E IX DE LEóN-GALICIA. (11/1927) [sen título]. 1252-1254 | Alma Gallega. 1ª, 24.
Libros do ccg sobre Afonso o Sabio, X de Castela e IX de León-Galicia
AX-G. Afonso X e Galicia.
2021 | Antoni Rossell, Autoría.
Catálogo da exposición - Galego
Galicia e as Cantigas de Santa María de Afonso X.
2021 | Antoni Rossell, Autoría.
Galicia no tempo de Afonso X.
2021 | José Miguel Andrade Cernadas, Edición. Simon R. Doubleday, Edición.
Cantigas de Santa María: Códice de Toledo (To).
2010 | Henrique Monteagudo, Edición. Afonso o Sabio, X de Castela e IX de León-Galicia, Autoría. Martha E. Schaffer, Transcrición.
Transcrición
Galicia e as Cantigas de Santa María.
2006 | Antoni Rossell, Autoría.
Cantigas de Santa María.
2003 | Henrique Monteagudo, Edición. Afonso o Sabio, X de Castela e IX de León-Galicia, Autoría.
Cantigas de Santa María [Ed. en cartoné con estoxo].
2003 | Henrique Monteagudo, Edición. Afonso o Sabio, X de Castela e IX de León-Galicia, Autoría.