Gumersindo Busto
Santiago de Compostela, 11/ 7/1872 - Bos Aires, Arxentina, 21/7/1937Un bibliófilo hispanoamericanista, unha vida entregada á Biblioteca América
Con estas palabras describía Roberto Artl a grande obra de Gumersindo Busto Villanueva nunha das crónicas recollidas en Aguafuertes Gallegas, escritas durante unha viaxe a Galiza, na cal o escritor arxentino ten ocasión de comprobar o descoñecemento que existía na época en torno á súa figura. Sen dúbida, os esforzos invertidos polo galego en beneficio da cultura galega tardaron en ter o debido recoñecemento.
O creador da Biblioteca América compostelá nace en 1872 na parroquia de San Martín de Laraño, de Santiago de Compostela. Os primeiros anos da súa infancia transcorren na citada parroquia, onde vive coa súa nai, María Manuela Busto y Villanueva, e a súa tía Francisca. Posteriormente ingresa no Seminario de Santiago coa fin de iniciar estudos de latinidade, onde permanece tres anos.
Corre o ano 1887, con tan só quince anos o xove Gumersindo Busto emprende rumbo á emigración. Instálase temporalmente en Montevideo, onde se emprega como telegrafista no Ferrocarril Central do Uruguay e máis tarde noutra das empresas do sector. En 1890 trasládase ao departamento de Tacuarembó para traballar como mestre de escola rural. Pouco despois emprégase nunha notaria e en 1982 inicia formación académica matriculándose en Dereito na Universidade de Montevideo. É neste mesmo ano cando o compostelán se traslada a Bos Aires. A previa experiencia, adquirida en Montevideo, como telegrafista facilitoulle o acceso a un posto nas liñas ferroviarias de Bos Aires e Rosario. Na cidade porteña continúa os estudos de Dereito que conclúe en 1898 acadando o grao de escribán. Nestas mesmas datas comeza a exercer o notariado como rexente do Rexistro de Contratos nº 125 e anos despois imparte docencia no Instituto de Aspirantes ao Notariado.
O 11 de maio de 1896 Gumersindo Busto contrae matrimonio con Felisa Gallardeo, froito de dito enlace nacen oito fillos. A familia instálase nunca casa da rúa Cabildo no barrio de Belgrano. Impregnado do espírito hispanoamericanista da época e desexoso de establecer vínculos culturais entre ambas beiras do Atlántico, pon en marcha en 1904 o proxecto para a creación dunha Universidade Libre Hispanoamericana que se había de instalar na súa cidade natal. As xestións e esforzos do galego non encontraron os apoios necesarios e finalmente soamente se acadou un dos obxetivos incluídos no inicial proxecto: a creación dunha grande Biblioteca de temática americanista que había de nutrir de coñecementos sobre América aos estudantes deste lado do océano; así naceu a Biblioteca América, a súa “filla predilecta”, como él mesmo a denominou nalgunha ocasión, e que finalmente tras moitos avatares sería inaugurada en xullo de 1926.
Dende a súa chegada ao Río da Prata entra en contacto con diferentes personalidades e sociedades galegas ás que permanceu ligado de por vida. En 1908 forma parte da Comisión Curros Enríquez, organizada polos académicos correspondentes da Real Academia Galega en Bos Aires coa finalidade de render homenaxe ao literato galego. No Centro Gallego de Bos Aires desempeña o cargo de Vicepresidente e membro do Consello de Apelacións; representando á citada sociedade, participa, en decembro de 1910, na creación dunha primeira Federación de Sociedades Gallegas. Neste mesmo ano o Centro Gallego de La Habana noméao socio de honra. En 1911 Gumersindo Busto integra o núcleo fundador da Unión Redencionista Gallega. Como membro da Unión Hispano-Americana Pro Valle Miñor e da Sociedad Fomento de la Educación y Progreso de la Parroquia de las Heras, a cal chega a Presidir, desenvolve unha importante campaña en beneficio do ensino e instrución en Galiza.
En 1909 Busto viaxa a Galiza coa intención de asistir á Exposición Regional de Galicia que se celebraba en Santiago de Compostela no mes de xullo, esta será a súa última viaxe á terra natal. Durante os 30 días que permanece en Galiza asiste á Exposición en calidade de delegado e participa no Congreso de Emigración organizado pola Sociedad Económica de Amigos del País. Naqueles días visita diferentes escolas promovidas pola Unión Hispano-Americana Pro Valle Miñor. Observa a realidade cultural e educativa galega e as súas eivas, o que o leva a concienciarse, se cabe con maior énfase, da necesidade de recabar recursos a prol do sistema educativo e desenvolvemento pedagóxico galego. Con tal fin promove novas iniciativas, entre elas a creación do Patronato da Universidade de Santiago de Compostela, que finalmente verá a luz en 1922, así como a creación dunha escola en Laraño. Formula ademais unha serie de propostas e inicitivas que pretendían a promoción turística de Galiza na América para o que solicita fotografías aos alcaldes dos municipios galegos e promove a elaboración dun inventario de sociedades galegas fundadas en América.
No seu pensamento ideolóxico, o galego manifesta certa ambigüidade; namentres en 1931 a través de diferentes escritos expresa a súa plena convicción política coa autonomía de Galiza, por outra banda mantén contacto coa conservadora Liga Patriótica Arxentina. Nestas mesmas datas Busto xa é membro de diferentes institucións ubicadas ao longo do continente, entre elas: a Academia Americana da Historia de Bos Aires, o Instituto de Historia de Montevideo; o Ateneo de El Salvador; o Instituto Histórico e Geográfico de Sergipe (Brasil); a Biblioteca Pública de Aracaju (Brasil) e a Liga de Acción Social de Mérida (México). En 1933 nomeano delegado na Arxentina do Instituto das Españas da Universidade de Columbia (Nova York). O establecemento de redes de contacto, a través de amizades con diferentes personalidades galegas e americanas, en moitos casos próximas as institucións citadas, foron esenciais a hora de nutrir os fondos destinados á Biblioteca América.
A Universidade de Santiago recoñecería, o 31 de outubro de 1934, o seu grande labor filantópico e cultural coa concesión do título honoris causa, e a título póstumo honrou a súa memoria cun Víctor. No ano 1926 foille concedido o galardón de Caballero de la Orden de Isabel la Católica.
A noticia do seu falecemento, acaecido o 21 de xuño de 1937, tivo grande repercusión na prensa arxentina e galega pero tamén en diferentes xornais de Cuba, México e en especial na prensa étnica galega, que rende a súa última homenaxe ao filántropo compostelán. Os seus restos foron trasladados ao cementerio da Chacarita rodeado de familiares e amigos que lle renderon unha emotiva despedida.
Como citar: Gumersindo Busto. Publicado o no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=559. Recuperado o 21/04/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Carta manuscrita de Gumersindo Busto ao decano da Facultade de Filosofía e Letras da USC, José González Salgado, con data do 9 de agosto de 1925. Ver Documento. Epístola
Gumersindo Busto mantiña activa correspondencia con varios membros do profesorado da Universidade que apoiaban o seu proxecto e as súas ideas americanistas. Esta carta é a resposta a unha anterior na que fora convidado a organizar unha expedición de intelectuais afíns para asistir aos festexos do Ano Santo compostelán que se celebraría en 1926. Relata os trámites para organizar a viaxe a Galicia. Sería unha excursión turística máis que relixiosa (non hai que esquecer que a sociedade arxentina da época se caracterizaba polo seu laicismo). Tamén fala dos contactos para buscar financiamento con ese fin.
Fondo: Biblioteca América. Universidade de Santiago de Compostela
Finalmente Gumersindo Busto non puido realizar esta viaxe e aínda por riba tampouco chegou a asistir á inauguración da Biblioteca América. O claustro da USC non tivo o detalle de pagar a pasaxe e estancia do filántropo.
Defensa de Gumersindo Busto da doutrina do hispanoamericanismo. Ver Documento. Artigo
Baixo o título «¿Qué es el Hispanoamericanismo?» Gumersindo Busto avoga neste artigo pola cooperación entre os pobos hispanos, a nivel tanto cultural e educativo como económico.
Fondo: Galiciana: Eco de Galicia, A Habana: 219 (24 de agosto de 1924), 6.
Non se podería entender a creación da Biblioteca América sen coñecer as correntes ideolóxicas que dominaban a finais do século XIX e primeiras décadas do XX na vida cultural americana e española. O rexeneracionismo —doutrina protagonizada polas clases medias profesionais que loitaban pola modernización de España defendendo a acción privada fronte á pública— e o hispanoamericanismo —coa reafirmación do hispano fronte ao mundo anglosaxón e unha valorización da influencia española na cultura dos países americanos— estaban moi presentes nos escritos da época. Home culto e progresista, Busto participou activamente en varias institucións que defendían esta ideoloxía. Foi socio da Unión Ibero-Americana e de asociacións galegas en América como a Unión Hispano-Americana Pro Valle Miñor, que destacou polos seus logros instrutivos e culturais. Neste contexto cobra sentido o seu soño de levar a cultura e o saber americanos ao centro do saber de Galicia, a USC.
Primeiro número do Boletín de la Biblioteca «América» de la Universidad de Santiago de Compostela, febreiro de 1910. Ver Documento. Publicación impresa
Este boletín foi publicado en Bos Aires a partir de 1910 e tivo continuidade ata 1936. Creouse tras a frustración de Gumersindo Busto por non poder inaugurar a Biblioteca América nese ano tan significativo para Arxentina, o seu país de acollida migratoria e un dos principais países doadores. Foi un medio máis para dar a coñecer os traballos realizados a prol da fundación da Biblioteca e tamén serviu como medio publicitario do proxecto para así atraer máis doantes coa publicación dos seus nomes e relación de doazóns. Tamén publicaban artigos de contido cultural e reproducían as noticias da prensa do momento sobre o proxecto. Unha vez editado, o Boletín enviábase ás redaccións de gran parte dos xornais e revistas de España e de todo o continente americano para que o seu labor tivese ampla repercusión.
Fondo: Galiciana: Real Academia Galega
DOCUMENTACIÓN SOBRE
DOCUMENTOS SOBRE GUMERSINDO BUSTO. Ver Documento
Contidos:
- Dedicatoria de Gumersindo Busto á Biblioteca América, na obra de Agustín Vedía: Soberanía y Justicia.
Derecho Federal y Autonomía Provincial, Bos Aires: Librería Moderna de Bernardo Loubière, 1903.
-«Santiago de Compostela, La Jerusalén de Occidente» por Gumersindo Busto Villanueva, en: A Terra: órgano
del Centro Gallego; Córdoba [Argentina]; Ano II, n.º 23, marzo de 1922, p. 33.
- Anuncio publicitando a Biblioteca América, solicítanse doazóns de libros americanos, en Almanaque Gallego,
1918, (fondo AEG).
- Carta enviada por Gumersindo Busto Villanueva Miguel de Unamuno datada en 16 de xaneiro de 1916,
(Casa-Museo Unamuno).
- Carta de Gumersindo Busto a José González Salgado, Decano da Facultade de Filosofía e Letras de Santiago,
con data 9 de agosto de 1925, (Biblioteca América- Biblioteca Xeral, USC).
- Carta de Gumersindo Busto ao Decano da Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago con
data 25 de outubro de 1925, (Biblioteca América- Biblioteca Xeral, USC).
Referencias bibliográficas
- "Inauguración de la Biblioteca América en Santiago de Compostela" En: Revista del Centro Gallego. Montevideo. Vol. 7, n. 117 (1926) ; p. 17.
- Boletín de la Biblioteca América de la Universidad de Santiago de Compostela Buenos Aires:1910-1936 (Tip. de Francisco Vilanova); 13 novembro.
- BARREIRO FERNÁNDEZ, Xosé Ramón “Iniciativas culturales permanentes desde América: la Real Academia Galega y la Biblioteca América” En: Galicia e América : cinco siglos de historia. Santiago de Compostela: Consellería de Relacións Institucionais e Portavoz do Goberno: Consello da Cultura Galega; p. 241-244.
- CAGIAO VILA, Pilar (coord.) Cen anos da Biblioteca América = Cien años de la Biblioteca América (1904-2004) Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela.
- CAGIAO VILA, Pilar “La Biblioteca América, una iniciativa del regeneracionismo hispanoamericanista” En:Galicia e América : música, cultura e sociedade arredor do 98: memoria Santiago de Compostela, do 15 ó 17 de Xullo, Facultade de Xeografía e Historia / (directora: Mª Pilar Alén). Santiago de Compostela;p. 107-132.
- CAGIAO VILA, Pilar “Los intelectuales argentinos y la Biblioteca América de la Universidad de Santiago de Compostela (1904-1936)” En: Aproximaciones al americanismo entre 1892 y 2004: proyectos, instituciones y fondos de inversión (Edición a acargo de Pilar Cagiao Vila y Eduardo Rey Tristán). Santiago de Compostela: Universidade, Servizo de Publicacións e Intercambio Cie
- CALVEIRO, Adolfo V. “Recordando a don Gumersindo Busto” En: Cultura Gallega (La Habana) ed. Facsimil, Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Política Lingüística : Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro; ano 2, nº. 33-34 (agosto 1937); p. 12
- PÉREZ SANTOS, Raquel e PRESAS BENEYTO, María “Gumersindo Busto : apuntamentos para unha biografía = Gumersindo Busto : apuntes para una biografía” En Cen anos da Biblioteca América-Cien años de la Biblioteca América (1904-2004); (coordinación Pilar Cagiao Vila)
- PESQUEIRA, Joaquín ""El fundador de la Biblioteca América ha fallecido en Buenos Aires"" En: Cultura Gallega (La Habana); ed. Facsimil; ano 2, n. 33-34 (agosto 1937); p. 7-8
Publicacións periódicas
Boletín de la Unión Hispano Americana Valle Miñor (1909-) .
Órgano de la Unión Hispano-Americana Pro-Valle Miñor. Publicación Mensual
Boletín de la Biblioteca América de la Universidad de Santiago de Compostela (1910-1936) .
Terra, A (1920-) .
Revista mensual: Órgano del Centro Gallego
N.º 20: Órgano del Centro Gallego
N.º 36: Revista mensual del Centro Gallego
Nuestra Obra (1924-) .
Órgano oficial de la Sociedad Hijos del Ayuntamiento de Coirós