Lola Ferreiro Díaz
Ordes (A Coruña), 29/ 6/1957 - Ordes (A Coruña), 11/12/2023Autoría: Lola Ferreiro Díaz
Leiteira e labrega. O compromiso e a solidariedade sen cancelas
Manuela, a quinta, naceu o 7 de abril de 1912 e Aurora, a máis nova de todas, o 23 de setembro de 1916. Ambas as dúas traballaron na casa desde ben pequeniñas. Manuela na terra e atendendo os animais. Aurora axudando a súa nai, que lle mercaba leite á xente do lugar e arredores, para logo vendelo nas casas de Compostela. Aurora era extravertida e con iniciativa, de carácter forte xa desde nena. Manuela era máis introvertida, pero tamén tiña o seu xenio, que amosaba cando había que facelo. Apenas foron á escola, cousa frecuente entre as nenas naquela altura, polo que case non sabían ler nin escribir, pero ambas as dúas eran moi intelixentes e espelidas, e aprenderon máis adiante. De feito, xa adultas, gustaban de ler o xornal para estaren ao día do que acontecía no mundo.
A súa mocidade foi moi difícil, nomeadamente desde o golpe de estado fascista, en 1936. No mes de agosto dese ano son detidos dous dos seus irmáns, primeiro Faustino e, poucos días despois, Constante. Ambos foron asasinados; o 12 de setembro Faustino foi fusilado en Boisaca e o 3 de outubro Constante foi paseado (ou asasinado no mesmo cárcere de Compostela) e feito desaparecer. Outros dous irmáns, Eduardo e Manuel, fuxiron ao monte para protexeren as súas vidas. O outro irmán, Jesús (Enrique Líster), combate o fascismo no V Rexemento.
Aurora visita continuamente aos irmáns presos, xunto coas compañeiras destes, e lévalles comida e roupa. Tamén actúa como enlace cos fuxidos, entre os que están os seus irmáns Manuel e Eduardo. Proporciónalles alimentos, mantas, tabaco e, nomeadamente, novas da chaira, para mantelos informados da marcha dos acontecementos. O traballo de Manuela, inda que menos significado publicamente, é igualmente importante, procura alimentos e roupa para os presos e os fuxidos, e tamén xunta cartos para estes últimos.
Na altura, a casa familiar comeza a ser violentada por falanxistas, concretamente polo “grupo de persecución dos fuxidos”, na busca dos irmáns a calquera hora da noite. Aurora, con só 19 anos, e Manuela, con 24, son interrogadas cada vez que os fascistas se presentan. Son golpeadas e maltratadas para que lles digan o paradoiro dos irmáns. Nunca o fixeron.
Con toda esta presión e despois do asasinato de Constante e Faustino, reséntese a saúde de Josefa Forján (a nai), que mesmo chega a cavilar en tirarse ao tren. Só a frea a idea de mirar polos seus fillos que están no monte... Coma tantas mulleres, antepón o coidado dos demais á súa propia dor, ás súas propias ansias. Desde ese enorme sufrimento, sempre repetiu “o comunismo non pode ser malo, porque os meus fillos foron comunistas e eran moi boas persoas”. Xa non pode co traballo de leiteira, que pasa a ser asumido enteiramente por Aurora, quen aprende o necesario sobre números para levar ela mesma as contas.
O papel de Manuela, por outra parte imprescindíbel para a familia, estivo máis relacionado coa casa. Ela criaba animais e así, vendendo os polos, os xatos e os ovos, contribuía ao mantemento da familia. Asemade muxía as vacas propias e axudáballe a Aurora a recoller o leite noutras casas da redonda. Entre ambas as dúas (sobre todo Manuela) coidaban da nai e do sobriño, Eduardo, fillo de Constante, ao que xa acolleran na casa en 1933, sendo pequeniño. Elas foron os piares da familia desde ben noviñas, garantes de acubillo, mantenza e coidados.
En 1939 Aurora casa con Daniel León Furelos, que era peón de obras. En 1940 teñen un fillo, Suso, e viven na casa familiar ata o falecemento da nai, en 1955. Daquela mudáronse para unha casa a carón. Cada día, pola mañanciña, Aurora sae da casa coa caldeireta na cabeza asentada nunha rodela e o cuartillo na man, véndelles o leite ás casas de Compostela, porta a porta. Máis adiante, a finais dos 60, aproba o carné de conducir e merca unha furgoneta Citroën 2CV, que lle permite desenvolver o seu traballo con outra comodidade.
Aurora era de convicción comunista e chegou a militar no PCE (desde 1968 PCG). A súa praxe sempre gardou coherencia coas súas ideas. Pagaba o leite no momento de recollelo, porque cría que era de xustiza e porque coñecía moi ben as necesidades que pasaban as familias propietarias das pequenas e precarias explotacións, mentres que as empresas leiteiras o pagaban cun ou dous meses de demora. Sempre estivo disposta a colaborar coas caixas de resistencia das folgas obreiras, recadando cartos e poñéndoos tamén do seu escaso peto. Malia que precisaba a furgoneta para traballar, prestábaa sen problemas para o que fose necesario, maiormente para trasladar xente clandestina ou propaganda do Partido. A súa solidariedade coas persoas máis necesitadas e enfermas lévaa mesmo a lles procurar consultas de balde con algúns médicos de Compostela aos que lles serve o leite a diario.
No ano 1973, Aurora deixa o PCG para afiliarse ao Partido Comunista Obreiro Español (PCOE recentemente fundado polo seu irmán Enrique. Ademais, segue axudando a xente perseguida pola ditadura de mil maneiras e, nomeadamente, chamando á unidade da esquerda. Neste senso, en 1977, nun mitin de Líster na Alameda de Compostela, que deu lugar a certas controversias, di: “Os tempos cambiaron, non sei que lles pasa ás esquerdas que sempre andan esturruando uns contra outros; os inimigos son os fascistas...”.
No ano 1981, Aurora enferma. Descóbreselle un cancro de mama e opérana no Policlínico Rosaleda. Nos primeiros tempos vai ben, cos consabidos tratamentos e coidados. A enfermidade non lle imposibilita participar activamente nas loitas contra a cota empresarial —pola que se consideraba que eran empresarias as familias propietarias de pequenas explotacións agrarias e gandeiras, asoballándoas ata arruinalas—, que non pararon ata lograr suprimila. Tamén non lle impide presentarse ás eleccións lexislativas de 1982 polo PCOE, sendo candidata ao Congreso, no posto número 3 da lista pola Coruña.
O cancro reprodúcese e, desta volta, non o supera. Falece na casa de Ameneiro o 17 de xuño de 1984, coidada pola súa irmá Manuela, o seu sobriño Eduardo e a familia deste. Os seus ideais comunistas permaneceron intactos logo de toda unha vida de loita e de solidariedade.
Pola súa vez, Manuela segue a vivir na casa familiar mentres pode conservar a súa independencia. Xa maior e con problemas de saúde, pasa o día na casa de Eduardo, o sobriño que elas criaran, quen vive coa súa familia poucos metros máis atrás, e vai durmir á súa, ata que xa non pode conservar este costume e se traslada definitivamente á casa do sobriño. Os últimos tempos son difíciles para ela. O grao de dependencia vai en aumento ata o seu pasamento, o 15 de abril de 2002, aos 90 anos.
Na alameda de Compostela hai unha escultura de granito coa lenda “A leiteira de Calo”. Realizada por Fernando García Blanco (1939-2008) en 1962 a partir dun bosquexo en escaiola de Gabriel Xosé Eiroa Barral (1892-1935) nos anos 30. Agardamos que o nome de Aurora Liste Forján sexa gravado algún día no pé da dita peza.
Bibliografía
“Emotivo adiós en Calo a Manuela Liste Forján”, El Correo Gallego (16/04/2002), p. 42.
FRANJO, Fernando: “Líster en familia. El joven rebelde de Ameneiro”, El Correo Gallego ( 22/04/2007), p.7.
Agradecementos
Eduardo Liste Carro, fillo de Constante Liste Forján e sobriño de Aurora e Manuela.
Como citar: Ferreiro Díaz, Lola : Lola Ferreiro Díaz. Publicado o 9/1/2019 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=7960. Recuperado o 21/01/2025
Lola Ferreiro Díaz
Ordes (A Coruña), 29/ 6/1957 - Ordes (A Coruña), 11/12/2023Autoría: Charo Lopes
Psiquiatra feminista. Defensora da saúde, o pracer, a república e a terra en malva
En memoria de Lola Ferreiro Díaz, Feminista Comprometida. No tanatorio de Ordes, nun acto oficiado por mulleres, rodeada de veciñanza, de amizades, de familia, un murmurio colectivo cantou «Voz das Amigas», de Leilía:
A miña voz, compañeiras
tráioa para partillar
Se non fose por vosoutras
como ía camiñar?
Lola Ferreiro Díaz nacía, sesenta e sete anos antes, en 1957, nesa mesma vila. É a irmá maior de catro: logo dela naceron Estrella, Tana e Ramón. A nai, Estrella, era estanqueira. O pai, Ramón “O Practicante”, era profesional sanitario e chegou a ser nomeado Fillo Predilecto de Ordes, onde unha rúa leva o seu nome.
Aos dez anos marchou interna para estudar no colexio Compañía de María da Coruña. Catro anos despois trasladouse ao colexio do mesmo centro relixioso en Compostela onde estudou interna máis dun ano, e fixo un derradeiro curso como estudante externa antes de pasar a facer COU no Instituto público Rosalía de Castro. En 1975, cando morre o ditador Francisco Franco, cumpre dezaoito anos e comeza os seus estudos de Medicina, área sobre a que tiña mostrado interese desde pequena, mesmo asistindo a operacións cirúrxicas no sanatorio de Ordes sendo aínda adolescente.
En Compostela combina os estudos e a militancia envolvida no ambiente político vibrante da capital do país daquela altura. Curiosa e insubmisa, alicerza as posturas éticas e principios políticos que a acompañarán toda a vida.
Con dezaseis anos, sendo estudante na Compañía de María de Compostela, comeza a militar na Liga Comunista Revolucionaria (LCR). Esta etapa activa contra a ditadura na clandestinidade, marcaríaa e sempre lembraría con cariño o tempo en que usaba a imprenta “vietnamita” e agachaba panfletos debaixo do seu uniforme do colexio de monxas. Tivo tamén un paso fugaz polo maoísta Partido do Traballo (PT) no ano 1979.
En 1976 comeza tamén o seu activismo feminista facendo parte do grupo de fundadoras da Asociación Galega da Muller, organización que alén da axitación e propaganda, desenvolveu un importante papel a nivel galego e, en particular, nas localidades onde tiña presenza, prestando asesoramento gratuíto sobre anticoncepción, aborto, divorcio, agresións, discriminacións laborais, etc.
Con todo, a militancia non a fai desatender os estudos. Así, en 1980 remata a súa Licenciatura en Medicina e Cirurxía con especialización en Psiquiatría e, a finais dese ano, logo de presentar a Memoria de Licenciatura en Saúde Mental Infantil: Psicoterapia de Grupos Infantís: Análise da Dinámica e Avaliación dos Resultados, acada o grao de licenciada.
Continúa vinculada coa Facultade de Medicina da USC durante máis de dez anos como colaboradora, docente e investigadora do Departamento de Psiquiatría. Etapa na que participa en diversos proxectos ao tempo que traballa na tese de doutoramento que defende en 1991, baixo o título Saúde Mental e Delincuencia en Adolescentes. A primeira presentada en galego na súa facultade.
Na segunda metade da década de 1980 achégase á rede de profesionais que, en 1987, crea a Asociación Galega de Planificación Familiar. Comezou a se envolver nas actividades que levaban a cabo, formou profesionais e supervisou a psicoterapia de grupos. Traballou máis concretamente nos dous Centros de Planificación activos na cidade da Coruña, mais tamén pasou consulta, de xeito gratuíto, no Centro Xove de Anticoncepción e Sexualidade de Compostela cando o Estado deixou de subvencionar a súa actividade. Asemade, cando o Ministerio da Educação de Portugal lles solicitou apoio para a formación na área de planificación familiar do profesorado público, Lola, xunto con outras compañeiras, percorreron durante varios anos o país veciño de norte a sur e tamén os Azores.
Xa na década de 1990, gaña unha vacante de profesora titular de Formación Profesional de Sanidade e a Cátedra de Procesos Sanitarios no IES Lamas de Abade (1996) ao tempo que traballa para a Consellaría de Sanidade da Xunta da Galiza como responsábel da elaboración, coordinación e desenvolvemento de Programas de Saúde Pública.
A súa perspectiva feminista aplicada á saúde -en particular á mental- foi estratéxica para o desenmascaramento dos prexuízos patriarcais e androcéntricos da medicina convencional e dominante. Foi unha das primeiras médicas no noso país en sinalar que a psiquiatría non podería atender os síntomas de calquera enfermidade ou malestar das mulleres sen antes identificar que moitos deles estaban e están a ser causados fundamentalmente pola estrutura heteropatriarcal da sociedade. Deste xeito salvou a moitas mulleres e nenas de seren patoloxizadas, abrindo a posibilidade para recibiren tratamentos axeitados e respectuosos.
No relativo a programas de saúde, Lola coordinou e facilitou, desde 1996 até a súa morte, un equipo de mulleres feministas, traballadoras do campo da psicoloxía, o Grupo T, para abordar diferentes aspectos da práctica clínica. Este desenvolvía as súas reunións quincenalmente creando un espazo seguro de aprendizaxe colectiva e non dirixista. Neste sentido, Lola procuraba que a escolla das temáticas sobre as que reflexionar e investigar se realizase de forma participativa, respectaba o ritmo do grupo e as decisións de até onde afondar. Chus Díaz, psicóloga e amiga de Lola conta:
Foi unha aprendizaxe a partir do emocional, creativa e divertida; e como non podía ser doutro xeito, con perspectiva de xénero. Aos poucos, non só fomos aprendendo a nos desprender da culpa que todas as mulleres temos interiorizada, que nos oprime e atenaza e nos leva a non ter en conta os nosos desexos; mas tamén a axudar outras mulleres a se desfaceren dela. Foron 27 anos medrando xuntas persoal e profesionalmente nos que Lola nos facilitou saber máis sobre nós mesmas e desta maneira ser capaces de acompañar mellor as mulleres, raparigas e meniñas que precisan de apoio individual e grupal.
En paralelo, Lola crea e coordina o grupo Lúa Crecente, que ten como obxectivo producir materiais de educación afectivo-emocional e sexual para o ensino. Froito desta actividade son as guías: 1- Temas Transversais e Educación de Actitudes. Proposta para unha intervención Integral. A propósito da Prevención da Infección por VIH_SIDA, pensada para profesorado de ensino secundario, e 2- (Co)educación afectivo-emocional e sexual, dirixida ao ensino en infantil e primaria. Ambas, publicadas polo Servizo Galego de Igualdade (SGI) en 2008, baséanse nun modelo de intervención educativa no ámbito das actitudes fundamentado nos principios da psicoloxía dinámica.
Ligada á educación emocional e sexual, implicouse tamén na loita en defensa dos Centros de Orientación Familiar (COFs) desenvolvida na primeira década do século XXI. Nesta década foi asesora para a creación dos Centros Quérote de educación sexual e apoio á xuventude. E tamén nestas datas Lola emprendeu outra batalla da que estaba orgullosa a pesar da derrota ao final do proceso: a loita pola defensa da xestión pública da Casa de Acollida de Mulleres Maltratadas de Compostela, onde ela colaboraba desde a súa creación en 1995, formando as traballadoras e axudando as usuarias. Lola defendeu sempre un modelo de intervención feminista, non xerárquico e público, porén, o centro, inicialmente de titularidade municipal, pasou ser xestionada pola empresa Clece desde 2001 até o seu peche no 2007.
A transversalidade da súa práctica feminista implicoulle desafíos e esforzos que soubo asumir con coherencia e dignidade. Non lle importou arriscar ou perder relacións, comodidades ou posicións vantaxosas se iso significaba dar cobertura a un agresor. Resultaba una muller incómoda, desobediente, intransixente coas complicidades patriarcais viñeran de onde viñesen. En todas as ocasións nas que soubo de abuso, situouse do lado das discriminadas.
Tamén foi xenerosa compartindo os seus coñecementos en asembleas, palestras e debates e chegou a exercer como docente do Mestrado Xénero e Políticas de Igualdade (logo programa oficial de posgrao) da Universidade de Vigo entre 2005 e 2012.
Activista constante nas mobilizacións a prol da liberdade e das condicións dignas para as mulleres e da loita de clase en xeral, a aposta de Lola era traballar pola unidade de acción dos feminismos. No ano 2000 foi unha das promotoras da Coordinadora Nacional Galega da Marcha Mundial das Mulleres. En 2010 colaborou na creación da Rede Feminista Galega, activa durante algo máis dun lustro e, posteriormente, participou en Galegas 8M, plataforma convocante das manifestacións unitarias do 8 de marzo entre 2018 e 2022.
En 2019 fixo parte do equipo que redacta o Protocolo para a prevención e abordaxe das violencias machistas nos movementos sociais difundido nos espazos activistas galegos.
Amadriñou ademais diversos proxectos feministas, como a Libraría Lila de Lilith de Compostela, que segundo defenden as súas libreiras
non sería o que é sen o labor de acompañamento e mentoría de Lola. Así mesmo acompañou procesos terapéuticos de mulleres en situación de vulnerabilidade, incluído o apoio a presos e presas independentistas galegas, asumindo de forma altruísta a atención á súa saúde e os desprazamentos derivados da dispersión penitenciaria.
No ano 2008 abriu unha liña investigadora sobre os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres durante a segunda República, introducíndose así no campo da recuperación da memoria histórica. Co seu traballo contribuíu de forma notábel á denuncia de roubo de bebés ocorrida durante a ditadura franquista, favoreceu que os colectivos de recuperación da memoria histórica lles desen o seu lugar tanto ás nais como ás crianza roubadas, e procurou mediar no reencontro de persoas vítimas desta práctica. No momento da súa morte andaba a investigar xunto con Luísa Cuevas na recuperación da memoria das mulleres implicadas nas folgas obreiras de 1972 en Vigo.
As súas investigacións memorialísticas, lévana, desde o ano 2010, a crear uns almanaques anuais, unha forma de mullerenaxe dedicada a visibilizar mulleres activas en diferentes ámbitos socio-políticos e culturais, e que repartía entre as súas amizades. No momento da súa morte, estaba a preparar o do ano 2024.
A súa enerxía e entusiasmo non minguou coa chegada da súa xubilación. Sempre con perspectiva feminista, seguiu co traballo de coordinación e facilitación de grupos de mulleres profesionais, e aínda en 2022 participou na creación da Rede Galega de Educadoras Sexuais, Psicólogas e Sexólogas, que logo da súa morte, e na súa memoria, decide pasar a se autodenominar “As Lolas”.
O compromiso de Lola cos coidados, do macro ao íntimo, nutriu unha familia extensa de amizades, sen compracencias, a base de respecto, escoita atenta, asertividade e moito sentido do humor. Lola era detallista coas amigas e extremadamente xenerosa. As que nalgún momento compartimos o seu brinde de
saúde, pracer, república e terra en malvadesfrutamos do brillo sagaz do seu ollar. Aprendemos o equilibrio entre a amabilidade e a insubmisión, e o exercicio de aproximar no máximo o sentir, o dicir e o facer.
Lola nunca perdeu a curiosidade, nin a alegría. Foi unha boa e xenerosa.
Miña irmá, miña irmá, miña amiga,
tan igual a min e tan distinta
dáme a man e faremos cordada
ven comigo, miña camarada.
(Leilía)
Agradecementos
A Estrella e Tana Ferreiro Díaz, irmás de Lola.
Ás súas amigas Patrícia Porto Paderne, Chus Díaz, Andrea Nunes Brions e Sandra Garrido.
A Marga Tojo, a Xoana Pintos do Consello Social da USC, a Mariam Mariño Costales do CDIF e a Montserrat Sánchez Mancebo.
Bibliografía e fontes
Ferreiro Díaz, Lola: Currículum Vitae (1977-2009). Recollido no apartado Documentos desta entrada biobibliográfica
Ferreiro Díaz, Lola: Autobiografía. Panel da exposición do Festivala de Vilagarcía (2022). Fotografía recollida no apartado Galería desta entrada biobibliográfica
Tojo, Marga: Mulheres do demo. Reportaxe publicada no dominical de ECG (02/10/2024)
[Esta biografía está escrita orixinalmente en lingua portuguesa]
Como citar: Lopes, Charo : Lola Ferreiro Díaz. Publicado o 26/12/2024 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=7960. Recuperado o 21/01/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Power point elaborado por Lola Ferreiro en homenaxe a Celsa Díaz Cabanela. Militante comunista represaliada polo franquismo
FERREIRO DÍAZ, LOLA: Celsa Díaz Cabanela (14/04/2022)
Fonte: proxecto Lola na memoria
As mulleres militantes nos sucesos de 1972 en Ferrol, centran o interese de Lola Ferreiro neste artigo
FERREIRO DÍAZ, LOLA: «As mulleres do 72. Resistencia militante». En Novas da Galiza, n. 171 (marzo 2022)
Fonte: novas.gal
Texto e calendario elaborados por Lola Ferreiro. Homenaxe ás mulleres de Vigo na folga xeral de 1972. O calendario recolle os retratos de: Pilar Pérez Rodríguez, Elvira Landín Aguirre, Pilar Rodríguez Costas, Amelia Rodríguez González, Laura Pérez Durán, Hortensia Otero Álvarez, Margarita Rodríguez, Montes, Carmen Segurana Bedrina, Lola Giraldez Castro, Julia Domínguez Rodríguez, Luisa Cuevas Raposo, Pilar García Giménez
FERREIRO DÍAZ, LOLA: As mulleres na folga xeral, Vigo 1972 (2022)
Fonte: CDIF
Texto e calendario elaborados por Lola Ferreiro en memoria das mulleres do 72. Engade un logo listado de nomes. O calendario recolle os retratos de Mela Valcárcel Luaces, Fina Varela Fontán, Sari Albau Albors, Victoria Díaz Cabanela, Encarna Puentes García, Susa Sanjurjo Pazos, Fina Piñón Seoane, Angelita Fernández Dopico, Manuela Paredes Pérez, Divina García Ferreño.
FERREIRO DÍAZ, LOLA: As mulleres do 72 (2021)
Fonte: CDIF
Artigo no que Lola Ferreiro aborda a saúde mental das mulleres, a súa construción, as eivas que adoitan de se producir na práctica clínica preventiva e promotora do seu coidado e algunhas propostas de mellora
FERREIRO DÍAZ, LOLA: «Xénero e saúde mental… saúde mental e xenero?». En Adra. Revista dos socios e socias do Museo do Pobo Galego, n. 16 (2021), p. 141-159.
Fonte: web do MPG
Power point centrado no lugar das mulleres na segunda república elaborada por Lola Ferreiro
FERREIRO DÍAZ, LOLA: 1931-2021. 90 anos da proclamación da Segunda República (2021)
Fonte: proxecto Lola na memoria
Lola Ferreiro aborda a soberbia como constructo patriarcal
FERREIRO DÍAZ, LOLA: «A soberbia. unha construción patriarcal». En Anuario Psicoloxía e Saúde: Revista Oficial da Sección de Psicoloxía e Saúde do COPG, n. 13 (2020)
Fonte: dialnet
Colaboracións de Lola Ferreiro en Nós diario (2020-2023)
FERREIRO DÍAZ, LOLA: «Recuperar a memoria das mulleres con responsabilidade: son 14 as rosas vermellas, non 13» (25/06/2020); Represión viacaria» (13/04/2022); «Pola saúde e a vida das mulleres e das nenas» (11/05/2022); «Violencias misóxinas. Lesivas, perigosas e case invisíbeis» (07/06/2022); Pecado laico (e patriarcal) e culpa» (27/09/2022); «Brincadeira ou agresión? » (25/10/2022); «Os anos do terror» (29/11/2022); «A soberbia, a humildade e a cultura patriarcal» (15/12/2022); «A luxuria, a castidade e a cultura patriarcal» (13/01/2023)
Fonte: CDIF
Unha ollada de Lola Ferreiro ao patriarcado
FERREIRO DÍAZ, LOLA: «Despatriarcalizar a vida». En Novas da Galiza, n. 171 (outubro 2018)
Fonte: novas.gal
Marga Corral, Lola Ferreiro, Iria Figueroa, Luz Darriba, Carme Adán, África López e Flavia Carou, son as autoras dos textos que conforman este caderno
VVAA: «Caderno de análise». Sermos Galiza (08/03/2018)
Fonte: CDIF
Power point elaborado por Lola Ferreiro sobre a modista, militante republicana e nacionalista e exiliada polo franquismo María Miramontes Mato
FERREIRO DÍAZ, LOLA: María Miramontes (2017).
Fonte: CDIF
Texto e calendario homenaxe de Lola Ferreiro ás mestras do primeiro terzo do século XIX. O calendario engade os retratos de: Mercedes Romero Abella, Engracia Vérez Puentes, María Barbeito Cerviño, María Vázquez Suárez, Concepción Saiz Otero, Ernestina Otero Sestelo, Carmen Muñoz Manzano, Elvira Bao Maceiras, Francisca Morlan Ramos “Pancha”, Josefina García Segret, María Victoria Moreno, Nieves Fariza Alonso
FERREIRO DÍAZ, LOLA: Mestras de escola e de vida (2017)
Fonte: CDIF
Power point elaborado por Lola Ferreiro en homenaxe a loitadoras republicanas respresaliadas polo franquismo: Lola Blanco Montes, Carmen Pesqueira Domínguez e Lola Rodal Blanco.
FERREIRO DÍAZ, LOLA: Tres mulleres tres
Fonte: proxecto Lola na memoria
Artigo de Lola Ferreiro na revista Atlánticas
FERREIRO DÍAZ, LOLA: «(Co) Educación afectivo-emocional y sexual, para despatriarcalizar la escuela y caminar hacia la igualdad». En Atlánticas. Revista Internacional de Estudios Feministas, 2 (1) (2017), p. 134-165.
Fonte: proxecto Lola na memoria
Lola Ferrerio realiza unha Panorámica da situación das mulleres durante a II República
Ferreiro Díaz, Lola: «Republicanas: nin vencidas nin desarmada», Areal: revista cultural de Sada, (14 de abril de 2016)
Fonte: areal.gal
Power point elaborado por Lola Ferreiro para conmemorar: o cumprimento dos 85 anos da proclamación da II república, dos 80 anos do trunfo electoral da Fronte Popular e mais dos 80 anos da aprobación do estatuto de autonomía de Galicia
FERREIRO DÍAZ, LOLA: 14 de abril de 1931- 14 de abril de 1916. 85 anos da proclamación da II república (2016)
Fonte: CDIF
Texto e calendario homenaxe de Lola Ferreiro ás mulleres da Fronte Popular. O calendario engade os retratos de: Tomasa Cuevas Gutierrez, Rosario Sánchez Mora, Enriqueta Otero Blanco, Nieves Torres Serrano, Carmen Rodríguez Campoamor, Manolita del Arco Palacios, Flor Cernuda Arrones, Basilia Álvarez González, Angustias Martínez Vicente, Concha Carretero Sanz, Juana Doña Jiménez, Federica Montseny Mañé
FERREIRO DÍAZ, LOLA: En memoria das mulleres da Fronte Popular. Ás que, malia todo, sobreviviron (2016)
Fonte: CDIF
Power point homenaxe de Lola Ferreiro á Calesa, á libertaria, sindicalista e vendedora de xornais na rúa do Príncipe de Vigo no tempo da segunda república e violada, torturada e asasinada por membros da Falanxe en 1936
FERREIRO DÍAZ, LOLA: Rosario Hernández Diéguez “A Calesa” (2015)
Fonte: proxecto Lola na memoria
Calendario elaborado por Lola Ferreiro dedicado ás traballadoras do textil
FERREIRO DÍAZ, LOLA: Calendario de mulleres 2013
Fonte: proxecto Lola na memoria
Power point homenaxe de Lola Ferreiro a Petra Cuevas. Modista, bordadora, sindicalista, guerrilleira, loitadora, represaliada e encarcerada polo goberno franquista
FERREIRO DÍAZ, LOLA: Petra Cuevas Rodríguez (2013)
Fonte: CDIF
Calendario elaborado por Lola Ferreiro dedicado ás labregas, redeiras e mariscadoras galegas
FERREIRO DÍAZ, LOLA: Calendario de mulleres 2012
Fonte: CDIF
Power point homenaxe de Lola Ferreiro a Tomasa Cuevas Gutierrez, loitadora antifranquista, represaliada e encarcerada polo réxime
FERREIRO DÍAZ, LOLA: 14 de abril de 2012. Tomasa Cuevas Gutierrez
Artigo de Lola Ferro na revista de educadoras e educadores sociais de Galicia
FERREIRO DÍAZ, LOLA: «Dereitos sexuais e reprodutivos». En Galeduso, n. 9 (2011)
Fonte: ceesg.gal
Relatorio de Lola Ferreiro no Congreso SARE2007
FERREIRO DÍAZ, LOLA: «Género, salud sexual y actitudes hacia el riesgo». En Congreso SARE: Masculinidad y vida cotidiana (2007)
Fonte: www.euskadi.eus/
Documento no que Lola Ferreiro recolle a actividade académica que desenvolve entre 1979-2009.
FERREIRO DÍAZ, LOLA: Currículum vitae 1979-2009
Fonte: Web da Universidade de Vigo
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Breve apuntamento biográfico sobre Lola Ferreiro
OTERO CEPEDA, Encarna; PAGANS, Daniel: «Lola Ferreiro Díaz. A doutora da saúde das mulleres». En OTERO CEPEDA, Encarna; PAGANS, Daniel: Mulleres en Compostela, vol. 2, p. 34-35. El patito editorial, 2024
Fonte: exemplar da Biblioteca do CCG
Texto de María Osorio lido por Merce Teijeiro na mullerenaxe a Lola no día do seu enterro
OSORIO, María: Todas temos nas nossas vidas […].
Fonte: proxecto Lola na memoria
Ana Viqueira entrevista a Lola Ferreiro para Novas da Galiza
VIQUEIRA, Ana: «Lola Ferreiro activista, feminista e psiquiatra». En Novas da Galiza, n. 154 (marzo, 2017)
Fonte: novas.gal
Entrevista a Lola Ferreiro, profesora do postgrao de xénero da Universidade de Vigo
Lola Ferreiro en Común (e persoal). Blog da materia Comunicación Interpersoal e Comunitaria. 2º curso de Xornalismo. Universidade de Santiago de Compostela (15/04/2012)
Fonte: proxecto Lola na memoria
Ligazóns de interese
Lola Ferreiro en dialnet
[última consulta: 19/12/2024]
Portal Galego da Lingua (PGL) recolle 8 artigos elaborados por Lola Ferreiro entre xuño de 2022 e febreiro de 2023 en
[última consulta: 20/12/2024]
Feminismo e COVID. Causa Galiza 2020
[última consulta: 20/12/2024]
Lola Ferreiro foi unha das participantes das xornadas intersindicais da Organización de Mujeres que tivo lugar en Toledo os días 4 e 5 de maio de 2019
[última consulta: 20/12/2024]
Crianzas maltratadas. Detección e abordaxe desde o ámbito sanitario
Relatorio de Lola Ferreiro no marco da xornada Infancia e adolescencia: unha cara oculta da violencia de xénero. Campus de Pontevedra, Universidade de Vigo (26/05/2018)
[última consulta: 20/12/2024]
Lola Ferreiro Díaz e Cristina Palacios nos Parladoiros desde a Diversidade do Concello da Coruña (2016)
[última consulta: 20/12/2024]
Acoso, Abuso y Maltrato. Relatorio impartido por Lola Ferreiro no Campus universitario de Ourense, Universidade de Vigo (20/10/2014)
[última consulta: 20/12/2024]
Acceso á publicación: Coeducación afectivo-emocional e sexual. Fundamentos para un modelo de invertención en Educación Infantil e Primaria, de Lola Ferreiro et. al.
[última consulta: 20/12/2024]
Videos
Apoio á escola semente: Lola Ferreiro (2020)
Apoio ao proxecto Delas fest, da Cooperativa Cultural 7H: Lola Ferreiro (2020)
Moitoporcambiar
A óptica feminista dos procesos revolucionarios. Relatorio presentado por Lola Ferreiro nas Primeiras Xornadas Comunistas (2012)
Laura Veiga entrevista a Lola Ferreiro sobre Feminismos e androcentrismo na medicina (febreiro 2021)
Programa de radio la ciencia es femenino. Traxectorias de investigadoras, a de Lola entre elas
Mulleres. Faladoiros feministas · A necesidade de incorporar a perspectiva de xénero á saúde, concello de pontevedra ano?
Coidados ante o coronavirus
Intervención de Lola Ferreriro no I Foro ALVIXE contra a violencia de xénero
Homenaxe-Funeral de Lola Ferreiro
Artigos Lola Ferreiro Díaz
FERREIRO DíAZ, L. (7/1996) Falar nosa... con nós. Andaina. 2ª época 1ª xeira (15), 46-48.
Ver narrativa Fonte da dixitalización: Colectivo Andaina de Mulleres;