PLENARIO

----
Representativo/a (2024 - )

Manuel Puga Pereira

Fundación Penzol

Licenciado en Ciencias Biolóxicas e Farmacia, e doutor pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Especialista en “Farmacia industrial e galénica” e “Análise e control de medicamentos e drogas”. Inicia a súa vida profesional como bolseiro na USC, pero axiña se incorpora á industria farmacéutica (ICI-Farma, Zéneca-Farma e AstraZéneca), onde desenvolve maiormente a súa carreira como director técnico e director xeral de Operacións. Paralelamente, foi membro do Padroado da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) (1988-2009), da Xunta Directiva da Federación Empresarial de la Industria Química Española (FEIQUE) (1984-1988) e presidente da Fundación Galicia-Empresa (2002-2007). Publicou diversos traballos relacionados coa edafoloxía e o medio natural, farmacia e industria farmacéutica e co mundo da cultura.

Foi presidente do Consello Social da USC (2006-2014) e, por mor deste cargo, membro do Consello Galego de Universidades, do Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e do Comité de Honra da Fundación Camilo José Cela. Foi tamén presidente da Real Academia de Farmacia de Galicia (2014-2022) e da Fundación Julián F. Suárez Freire (2014-2015). Foi tamén vogal profesional da Comisión Avaliadora da ACSUG no campo do coñecemento de Ciencias da Saúde (2014-2015).

Na actualidade preside a Fundación Penzol, é vicepresidente da Editorial Galaxia e da Fundación Otero Pedrayo, e padroeiro da Fundación Carlos Casares. É académico da Real Academia de Farmacia de Galicia, da Reial Acadèmia de Farmàcia de Catalunya e da Real Academia Nacional de Farmacia, e está en posesión de varias distincións, entre elas, a Insignia de Ouro da USC, Socio de Honra e Insignia de Ouro de Alumni USC e Farmacéutico Exemplar pola Asociación de Antiguos Alumnos da Facultade de Farmacia da USC.

Histórico no Consello da Cultura Galega
Retrato