«Cristalizaciós. Os agricultores hespañoles contra dos galegos», artigo de A. Villar Ponte
“Velaí tendes outra vez que os agricultores da Hespaña (según dixeron os xornás) xuntáronse en asambrea pra pidiren ó Goberno que prohiba a importación do millo.
Outra vez os agricultores da Hespaña contra dos agricultores da Galiza. Outra vez probado que Galiza c´o autual Estado hespañol nunca deixará de ser unha colonia asoballada e escrava espritoal e materialmente. Outra vez probado que tódol-os probremas galegos arrincan d´un probrema nazonalista e que somentes pol-o nazonalismo han poder resolvérense. Outra vez probado que os nosos probremas teñen que ser estudiados en galego e resoltos en galego e que nunca poseerán forza, capacidade e autoridade para os resolveren aqueles que pensen tanto coma nas cousas da sua terra no seu trunfo en Madrí. E eisí son a maoría dos escritores e políticos galegos que se chaman galeguistas e rexionalistas.
Galiza para xurdir á vida próspera e libre ten que se ollar longamente e fondamente a sí mesma: pensar a cotío no que foi, no que é, no que pode ser ainda e no que poido ser antano de non ter entrado na unidade hespañola.
Galiza si quere deixar de vivir eternamente no atraso e no esmorecimento coma unha colonia esprotada, asoballada e despreciada percisa valorar primeiramente, con toda urxencia, as suas posibilidás de progreso espritoal e material, por comparanza co´as realidades d´outras terras.
Os probremas galegos son básicamente ruraes. Rural é a maoría da nosa poboación. Galicia, pois, libre (por unha autonomía plena, ou como sexa) disfrutando de tódol-os beneficios que pode abranguer pol-o xeito librecambista da sua natureza, rexíndose a sí mesma, c´un Goberno verde que eisí se lles nomea agora ós Gobernos agrarios (e estes Gobernos privan hoxe no oriente de Europa, agás en Rusia por mor do bolchevismo) axiña ergueríase a mais outura que as mais terras da Penínsua e axiña ollaría perto das suas fronteiras comarcas que sintirían cobiza por se xuntaren a ela tremelando no ar a bandeira irredentista. Por comenencia económica inda que mais non fose.
Decatádevos, pois, do moito que pode conquerir unha Galiza galega, que equival a decire libre; xa que si non é toda galega, non logrará nunca ser toda libre ou soberana dos seus destinos.
Lembraba Vicente Risco fai pouco n-un dos seus artigos apostólicos, o feito histórico de que pol-o rusticismo conquerira a inmensa forza de que disfroitou a Roma republicana. Pois pol-o rusticismo (que é o seu elemento esencial) pode xurdir grande e punxente a República galega. O denominador común da política da nosa terra ten que ser sempre agrario, ou non progresaremos miga. E sendo agrarios, verdes, os nosos gobernos propios, as vilas non chucharán ó campo, como zumezugas, asegún o fan hoxe, obrigando ós campesinos a emigraren pr´as Américas ou a se iren pr´as vilas con grave perxuicio da Raza e da economía autóctona.
Meditade ben estas cousas e decídeme logo si os agricultores galegos poden ter hoxe solidaridá c´os agricultores hespañoles e con ninguén da Hespaña. Queren aqueles que se prohiba a importación do millo; queren que veñan carnes e gandos do estranxeiro e ainda queren tamén que a probe Galiza lles consuma á forza os seus productos caros e pague a outo prezo o direito a comer pan...”


