A xestación da Historia de Galiza de Otero Pedrayo
Cando chegan a Trasalba, en setembro de 1962, os dous primeiros e guapos volumes da Historia de Galiza, dirixida por Otero Pedrayo, pasaran quince anos desde que aquela «grande e magna obra patriótica» lle fora encargada, a instancias de Castelao, polo mecenas porteño Manuel Puente. Os promotores do proxecto «americano» nunca fraquearon nos seus propósitos, porque a idea formaba parte dun mandato de Castelao que, unha vez morto, se volvía aínda máis inescusable.
Aqueles dous volumes recollían unha serie de estudos xerais centrados, máis do que podía esperarse do título da obra, na cultura galega na súa máis ancha extensión, precedidos dun gasalleiro prefacio do director que é propiamente historiográfico. Pero o resto dos contidos daqueles dous volumes é de natureza xeográfica (Otero Pedrayo), xeolóxica (Parga Pondal) ou etnográfica, que ocupa as tres cuartas partes deles: unha etnografía «espiritual» escrita por Vicente Risco e unha etnografía «material», obra de Xaquín Lorenzo, con dúas breves achegas de Luís Iglesias e de Emilio Pita. Logo seguiría, no terceiro volume, un longo texto de Florentino López Cuevillas, cunha addenda de Xesús Taboada Chivite.
O desenvolvemento do proxecto demorouse tantos anos por moitas razóns, unhas persoais e outras claramente obxectivas. En primeiro lugar, a distancia con que se traballaba, a natureza privada da súa financiación e as mudanzas que o negocio da edición experimentou en Buenos Aires, nomeadamente na segunda metade dos cincuenta. Pero tamén pola aparición en Galicia dun proxecto alternativo.
Esta concorrencia entre a chamada «historia americana» e a iniciativa do CSIC-Sarmiento e dos «virtuosos da ciencia oficial» (en apreciación de V. Paz--Andrade) obriga a unha análise do manancial ideolóxico e cultural do que nacían. En primeiro plano están Otero e Filgueira Valverde coa súa pequena falanxe (en parte común) de colaboradores, pero entre bambolinas estaban a deseñarse dous proxectos culturais representados, dunha banda, por Alfonso Castelao e o nacionalismo do exilio e do interior e, doutra, polo rexionalismo cultural desenvolvido desde os anos corenta en Galicia polo Instituto P. Sarmiento, substituto do vello Seminario de Estudos Galegos.
A Historia de Galiza dirixida por Ramón Otero Pedrayo tivo no seu conxunto unha boa acollida, tanto na Galicia americana como na europea, pero aquel elo perdido do texto sobre a lingua galega tamén contribuíu a orlar dunha aura unha miga mítica á «grande e xeneral historia» dirixida por Ramón Otero Pedrayo. O seu director diría, ao pouco de saíren os dous volumes, que «a obra empeza a coller unha sona misteriosa» (27/1/1963) e así permaneceu por moito tempo.
Coñece máis na publicación


