Os debates sobre o galego culto nos anos cincuenta
por Henrique Monteagudo
Considérase o ideario idiomático de Aquilino Iglesia Alvariño, tal como está plasmado na súa obra poética e nas súas traducións, no contexto dos debates sobre o modelo de galego culto que se viñan producindo desde os finais da década dos corenta. A publicación de tres volumes poéticos traducidos de diversas linguas ao galego nos finais da década dos corenta e comezos dos cincuenta, e a convocatoria en 1950 dun premio de tradución pola editora Bibliófilos Gallegos, deron azos a unha controversia, en que se discutía sobre a orientación do galego literario.
A tradución dos Carmina de Horario feita por Iglesia Alvariño competiu coa do Cancioneiro da Poesia Céltica, realizada por Ramón Piñeiro e Celestino Fernández de la Vega, e os contemporáneos, como Ricardo Carballo Calero, viron nesas obras dúas opcións alternativas, unha por unha modalidade arraigada nas falas comarcais e outra con aspiracións á forxa dun galego literario común, supradialectal. No artigo analízase o modelo lingüístico localista proposto por Iglesia Alvariño e as súas implicacións, e móstrase como o ideario idiomático do autor acabou chocando co dos sectores galeguistas que en Galicia e nas comunidades do desterro americano, pulaban por dar continuidade ao labor de modernización da lingua que impulsara o galeguismo de ante-guerra. Ese choque quedou en evidencia co rexeitamento do traballo sobre a historia do galego que Alvariño escribiu para a Historia de Galiza dirixida por Ramón Otero Pedrayo e promovida polos galeguistas de Buenos Aires.
Coñece máis na publicación


