Recuperamos o elo perdido
por Rosario Álvarez
Cando se comeza a planificar a Historia de Galicia, encargada por Manuel Puente, mecenas, a Ramón Otero Pedrayo, director (1947), cóntase con que teña un capítulo dedicado á historia da lingua, entre os iniciais, como marco de presentación da cultura galega. Mais o estado moi incipiente da lingüística e filoloxía galegas axiña arrefría os entusiasmos, pois a intensa procura dunha persoa capaz de asumir a encarga é infrutuosa. Pouco a pouco van conformándose con que no capítulo dedicado á literatura medieval se mencionen as orixes e o valor histórico do desenvolvemento da lingua.
A situación muda en 1951, cando falan con Aquilino Iglesia Alvariño, que acepta a encarga e se pon a cumprir coa difícil tarefa. Ignoramos a que se comprometeu o autor: ¿un capítulo de historia da lingua, como se pretendía no inicio, ou de temática lingüística máis aberta, conforme ás súas circunstancias? Coñecemos si, pasados sesenta anos, o texto que entregou e no que se revela como un lingüista con sólida formación científica á altura do seu tempo.
A elección do autor é inseparable do contexto da época, nunha Galicia falta de estudos lingüísticos e filolóxicos. Xa era ben coñecido como poeta, mais con Cómaros verdes (1947) marca o inicio da recuperación cultural na posguerra; é tamén apreciado como crítico literario e divulgador da literatura, en intervencións orais ou en prensa, e como tradutor. Son actividades que lle dan status no galeguismo e polas que é nomeado académico en 1947, pero o especialista en lingua revélase a partir de aí. En 1949 gaña a Cátedra de Latín e ingresa na Real Academia Galega co discurso A lengua dos poetas do norte de Lugo, ao que responde precisamente Otero Pedrayo. En 1951 publica a versión dos Carmina de Horacio, que se edita co aval cientifico do CSIC, con grande eco.
Ao mecenas e ao círculo americano que o rodea, o traballo de Aquilino Iglesia non gusta nin no fondo nin na forma. Non critican o rigor científico pero fan ver que non se axusta nin aos obxectivos perseguidos, nin ao seu programa de intervención cultural, nin ao seu ideario lingüístico. Desde o seu punto de vista, fáltalle “quentura patriótica”: en lugar de acender o espírito dos galegos e de darlles pulos para traballaren a prol da súa patria, transmite derrotismo e produce un efecto deprimente. A oposición a publicalo nese estado é total, de modo que llo devolven ao director cunha disxuntiva tallante: ou convence o autor de refacelo, consonte as premisas que lle impoñen, ou busca outro autor que se comprometa nesa dirección. A embaixada de Otero ten éxito e Iglesia acepta poñerse á tarefa en canto poida, pero faleceu en 1961 sen chegar a facer a nova versión.
O texto, descoñecido ata hoxe, estivo rodeado dunha aura de misterio e o sucedido deu lugar a non poucos boatos. A través da correspondencia cruzada polos protagonistas, reconstruímos a historia e tentamos dar unha información veraz do que aconteceu.
Coñece máis na publicación


