Encontro - XXIII Encontros para a normalización lingüística. 4 de novembro de 2021

XXIII Encontros para a normalización lingüística

Encontros para a normalización Encontro

XXIII Encontros para a normalización lingüística

Desde o berce: a transmisión interxeracional da lingua galega

4 de novembro de 2021
Santiago de Compostela
Encontro
Encontros para a normalización

XXIII Encontros para a normalización lingüística

Desde o berce: a transmisión interxeracional da lingua galega

4 de novembro de 2021 Santiago de Compostela
Todos os estudos e informes sobre a situación do galego na sociedade actual sinalan como un problema grave, non único, a creba da transmisión xeracional. Para poñerlle cifras e atopar análises expertas, as persoas interesadas poden acudir aos traballos realizados nas últimas décadas, entre os que salientamos os do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega e, naturalmente, os do Consello da Cultura Galega, a través do Observatorio da Cultura Galega, que atoparán en liña no noso web. Visitando, de modo real ou virtual, o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, poderán acceder ademais a un historial de noticias, programas e actividades que ilustran ben unha preocupación por este asunto, que non xorde de xeito inopinado nos últimos anos.

En efecto, leva moitas décadas preocupando a todas as persoas que manifestan sensibilidade a prol do idioma propio e dos dereitos lingüísticos dos falantes. Lembremos aquel Fálalle galego da primeira campaña pública en defensa do idioma do novísimo goberno autonómico, convertido nun slogan que saltou dos carteis á rúa e segue fixado no noso recordo. Mais nas últimas décadas os datos indican que a situación é dramática; incluso o Consello de Europa advirte da diminución de falantes e da grave perda da transmisión xeracional, a través do seu Comité de Expertos para analizar o grao de cumprimento dos compromisos adquiridos polo goberno verbo da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias.

Na programación dos XXIII Encontros para a normalización lingüística quixemos colocar este tema no centro das nosas preocupacións, baixo o título ben explícito Desde o berce: a transmisión interxeracional da lingua galega. O obxectivo do programa é proporcionar e intercambiar información, reflexionar sobre os datos, difundir e compartir experiencias e recursos, e tentar achegar vías de solución ou propostas positivas. Non nos move menos o desexo de reatoparnos en vivo, cara a cara, agora que a situación sanitaria vai permitindo maior presencialidade, nesta cita anual que chamamos, significativamente, Encontros.