Arquivo da Emigración GalegaEn 1998, froito dun traballo de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra, nace o Repertorio da prensa da emigración galega, un proxecto que busca difundir o patrimonio documental producido pola comunidade galega do exterior e que, hoxe en día, mantén actualizado o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Nel recompílase unha relación das publicacións galegas (boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, prensa política, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, publicacións institucionais etc.) editadas tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega. Aínda que os números das diferentes cabeceiras se poden consultar directamente nas instalacións do AEG, cada mes dixitalízanse novos exemplares que se poñen á disposición dos usuarios e usuarias para seren consultados en liña no web institucional do CCG.
O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), suma quince números do Boletín de las Sociedades Gallegas Federadas. A cabeceira, que é unha continuación do voceiro Galicia, publicouse en Bos Aires entre 1943 e 1944. Editada pola Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina, tiña como obxectivo informar sobre a entidade editora e as sociedades que a integraban. Ademais, tamén incluía novas sobre Galicia e a colectividade emigrada.
Entre os anos 1943 e 1944, a revista Galicia, voceiro oficial da Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina, tivo que deixar de publicarse con ese nome por cuestións de carácter político. Nese momento, a sociedade editora comezou a divulgala baixo a denominación Boletín de las Sociedades Gallegas Federadas, do que agora se suben quince números.
Os exemplares mantiveron a mesma liña editorial e continuaron a informar sobre asuntos relacionados coa Federación e as sociedades que a integraban. Entre as súas páxinas tamén se incluíron noticias sobre Galicia, así como sobre a colectividade emigrada.
A cabeceira carece de ilustracións, mais incorpora gran variedade de anuncios publicitarios repartidos polas catro páxinas que compoñen cada un dos números do xornal. Escrita en castelán, distribuíuse cunha periodicidade semanal e de xeito gratuíto.
O Repertorio da prensa da emigración galega
En 1998, froito dun traballo de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra, nace o Repertorio da prensa da emigración galega, un proxecto que busca difundir o patrimonio documental producido pola comunidade galega do exterior e que, hoxe en día, mantén actualizado o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG). Nel, recompílase unha relación das publicacións galegas (boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, prensa política, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, publicacións institucionais etc.) editadas tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega. Aínda que os números das diferentes cabeceiras se poden consultar directamente nas instalacións do AEG, cada mes dixitalízanse novos exemplares que se poñen á disposición dos usuarios e usuarias para seren consultados en liña no web institucional do CCG.