Difusión - O galeguismo en América. Xoves, 26 de outubro 2023

O galeguismo en América

Historias de ida e volta Difusión

O galeguismo en América

Xoves, 26 de outubro 2023
Consellodacultura.gal
Difusión
Historias de ida e volta

O galeguismo en América

Consellodacultura.gal

O galeguismo en América

Historias de ida e volta

A colectividade galega emigrada alén mar desenvolveu un importante labor a prol da preservación da identidade cultural galega e da defensa dunha nacionalidade propia. En Cuba e Bos Aires constituíronse durante as primeiras décadas do século XX diferentes asociacións cun marcado carácter galeguista. Ademais de organizar actos para recadar fondos que enviar a Galicia, estas institucións puxeron en marcha diferentes xornais étnicos nos que divulgaban a súa ideoloxía. O especial Historias de ida e volta, proxecto do Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que conta co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, amosa en vinte imaxes e documentos algunhas destas publicacións, así como os mitins e outras actividades organizados para defender a causa galeguista.
“Unha das características da colectividade emigrante galega foi a creación dun imaxinario colectivo e dunha identidade propia e definida”, comeza o novo especial de Historias de ida e volta. Titulado “O galeguismo en América”, nel explícase a importancia que tiveron os primeiros centros galegos e as asociacións microterritoriais creadas alén mar para preservar a identidade cultural galega, pero tamén para dar pulo aos símbolos nacionais de Galicia. “De América chegan cartos para a publicación de libros e folletos e para a organización de mitins a prol dunha nacionalidade propia, pero sobre todo para a constitución de asociacións cun marcado carácter galeguista”, continúa o especial.

En 1916, a fundación na cidade da Coruña da primeira Irmandade da Fala tivo unha importante repercusión en América. De feito, un ano despois creouse en Cuba a Irmandade da Fala da Habana, que foi unha das máis numerosas de América. A partir dos anos vinte en Bos Aires tamén se congregou “unha nova xeración de activistas políticos e intelectuais que serán o foco de inspiración do futuro político da colectividade emigrada”, subliña a entrega. Figuras como Eduardo Blanco-Amor, Ramiro Isla Couto, Ramón Suárez Picallo, Antón Alonso Ríos, Pedro Campos Couceiro ou Lino Pérez integraron ese núcleo galeguista. Co fin de difundir os seus ideais, algúns destes intelectuais participaron en diferentes publicacións étnicas. Na entrega número 33 de Historias de ida e volta inclúense, entre outras, imaxes das cabeceiras Acción Gallega (1920-1925), El Despertar Gallego (1922-1930) ou Céltiga (1924-1932), editadas en Bos Aires; a portada do número 1 do xornal La Tierra Gallega (1894) e a revista Nós (1921), publicadas na Habana, e dos xornais galeguistas difundidos en Montevideo Arazúa (1929) e O Irmandino (1934-1936). Así mesmo, incorpórase tamén unha imaxe de A Nosa Terra. Idearium da Hirmandade da Fala en Galicia e nas Colonias Gallegas d’América e Portugal. Editada na Coruña baixo a dirección de Antón Villar Ponte e Víctor Casas, a cabeceira sobresae por ser o primeiro voceiro que se publicou integramente en galego.

O especial subliña tamén a importancia que tivo para a difusión política do ideario galeguista a creación da Irmandade Nacionalista Galega (1923), da Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales (FSGAyC) (1921) e, posteriormente, da Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA). Esta última institución, arredor da que se unificaron varias vertentes ideolóxicas nacionalistas e de esquerdas, recibiu numerosos apoios dende A Arxentina. De feito, na entrega menciónase a importancia que tivo a ORGA bonaerense na realización de campañas de propaganda a favor da República e do Estatuto de autonomía de Galicia. “A participación dos emigrantes tivo o seu principal logro no envío dunha delegación para participar na campaña electoral ás Cortes constituíntes, que acadou un grande éxito que se viu reflectido na elección de Suárez Picallo como deputado”, explícase. A súa credencial como membro das primeiras Cortes da II República (1931) atópase entre os materiais que inclúe a entrega, na que tamén se pode ver unha fotografía dun mitin realizado en 1935 na sede da Federación de Sociedades Gallegas a prol do Partido Galeguista, así como unha mostra dun cartel propagandístico a favor do Estatuto de autonomía de Galicia.

Por último, cómpre destacar a participación activa que tiveron os galegos e galegas emigrados a América para contribuír ao progreso dos seus lugares de procedencia. Foi o caso, por exemplo, da Residencia de Estudiantes de Santiago de Compostela, creada en 1928 grazas ao apoio económico dos centros galegos de Madrid e América e dos fondos recadados a través de distintos actos benéficos. A colectividade galega de alén mar, en especial a residente en Cuba e na Arxentina, tivo tamén un papel crucial no desenvolvemento das institucións culturais creadas en Galicia. “Unha das iniciativas máis importantes foi a creación da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega, a cal aprobou o seu regulamento na Habana o 15 de xuño de 1905”, indica o especial. Na fundación desta sociedade, xénese da futura Real Academia Galega (1906), participou o emigrante ferrolán José María Benito Fontenla Leal, cuxo retrato forma parte tamén dos materiais da nova entrega de Historias de ida e volta.

O proxecto Historias de ida e volta
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial Historias de ida e volta para dar a coñecer aqueles materiais que documentan o fenómeno migratorio. En máis de vinte entregas documentáronse os procesos de saída e chegada, a vida social e cultural, etc., para, deste xeito, explicar todo o ciclo migratorio a partir dos materiais que custodia o Arquivo da Emigración Galega.
 
Difusión
Historias de ida e volta
O galeguismo en América
Data de publicación
Xoves, 26 de outubro 2023
Onde
Consellodacultura.gal
Organiza
Arquivo da Emigración Galega (CCG)
Colabora
Acción exterior do Consello da Cultura Galega